Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 10 de marzo de 2021 Páx. 13978

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT402D).

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no artigo 3 determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é a de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega, a Agadic ten como obxectivo consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentando a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008, en consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

«c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra no noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.

f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial, o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura á cidadanía».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbase a convocatoria pública de subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada para o exercicio 2021, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións establecidas pola Agadic para impulsar o desenvolvemento da programación de carácter profesional, das salas de artes escénicas de titularidade privada e así fomentar a súa estabilidade e consolidación e aprobar a convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT402D).

Segunda. Procedemento de concesión e principios de xestión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, pero incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou calquera organismo dependente.

No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o 100 % do custo do evento.

4. Nos anexos da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polos solicitantes.

5. A xestión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

6. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente Resolución aprobatoria das bases de subvencións a salas de artes escénicas para o ano 2021, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei de subvencións; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da lei xeral de subvencións; a Lei 39/2015, do 1 de outubro de procedemento administrativo común das administracións públicas, Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, a Lei 4/2019 do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia e demais normativa de xeral aplicación.

7. Sobre estas bases poderase obter información na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic): http://www.agadic.gal, especialmente no que atinxe as obrigas e esixencias establecidas pola Agadic en materia de programación.

8. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novemebro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Terceira. Persoas beneficiarias da subvención

1. Poderán acceder as axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 150 localidades, que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2021, debendo probar a dispoñibilidade da sala mediante copia de escritura, contrato de alugueiro ou calquera documento válido en dereito, así como estar en posesión da licenza de apertura para a cal solicita a axuda e que realizaran un mínimo de 30 representacións no ano 2020.

2. Poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades enumeradas no parágrafo anterior que se atopen na situación que fundamenta a concesión da subvención e concorran as circunstancias previstas na presente convocatoria.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estar incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

4. Exclúense salas cuxa titularidade pertenza a asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro.

Cuarta. Procedemento, créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase polo procedemento ordinario e en réxime de concorrencia competitiva.

2. O importe global máximo da subvención será de 150.000 euros, suma que ira con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770 do orzamento de gastos de Agadic; código do proxecto 2015-0003.

3. Concederase unha dotación máxima de 60.000 euros por entidade beneficiaria co límite do 75 % do orzamento do proxecto presentado.

Quinta. Inicio do procedemento: solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ).

Sexta. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación esixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Sétima. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ademais da solicitude (anexo I) as persoas interesadas nesta subvención presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

1.1. Certificado do acordo de solicitude da axuda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. As persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación específica:

2.1. Ficha do proxecto de programación (anexo II).

2.2. Plan económico financeiro (anexo III).

2.3. Plan de comunicación e xestión de públicos coa explicación detallada dos obxectivos, das accións previstas para a fidelización de público e as accións previstas para a formación e captación de novos públicos.

2.4. Escritura de propiedade, contrato de aluguer ou outros documentos válidos en dereito que amose a dispoñibilidade da sala por parte do solicitante.

2.5. Licenza de apertura do espazo.

2.6. Contratos laborais do persoal vinculado ao proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro do procedemento administrativo común non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes conrporativas corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maniera motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica, superase os tamaños máximos establecidos ou tiverase un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Oitava. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Novena. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo gobrerno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada Llei.

Décima. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámtes administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberá ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada disponible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeira. Instrución do procedemento e avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

a) Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

b) Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

c) Formular a proposta de resolución, debidamente motivada, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico correspondente a cada unha delas, unha vez entregado o informe por parte da Comisión de Avaliación.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir datos, información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou aos profesionais ou expertos consultados para as xestións das solicitudes.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da administración do estado ou da comunidade autónoma, a dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos esixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Décimo segunda. Comisión de Avaliación e criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic e estará constituída por:

a) Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic, unha das cales asumirá a presidencia.

b) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da Comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

2. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento de concorrencia competitiva, no que a Comisión de Avaliación emitirá un informe motivado relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, e indicará a puntuación asignada a cada un deles, segundo os criterios de avaliación establecidos na presente convocatoria, facendo unha proposta dos que se consideran subvencionables. A asignación das contías farase en proporción á puntuación recibida e ao orzamento solicitado, sen exceder os límites establecidos.

3. Os criterios xerais de valoración serán os seguintes:

1. Antigüidade da empresa como xestora da sala para a cal solicita axuda: 4 puntos.

– De 2 a 5 anos: 1 punto.

– De 6 a 10 anos: 2 puntos.

– Máis de 10 anos: 4 puntos.

2. Capacidade da sala: 2 puntos.

– De 60 a 100 espectadores: 1 punto.

– Máis de 100 espectadores: 2 puntos.

3. Pertenza da sala á Rede Galega de Salas no ano anterior: 2 puntos.

4. Proxecto de programación: 20 puntos

4.1. Número de funcións que se van realizar: 5 puntos.

– Entre 61 e 70 funcións: 1 punto.

– Entre 71 e 90 funcións: 3 puntos.

– Máis de 90 funcións: 5 puntos.

4.2. Programación de compañías galegas: 7 puntos.

– Entre o 20 % e 40 % do total das compañías programadas: 1 punto.

– Do 41 % ao 60 % do total das compañías programadas: 5 puntos.

– Máis do 60 % do total das compañías programadas: 7 puntos.

4.3. Número de días con actividade aberta ao público (recóllese todo tipo de actividades complementarias, presentacións, etc.): 5 puntos.

– De 51 e 70 días: 1 puntos.

– Entre 71 e 100 días: 3 puntos.

– Máis de 100 días: 5 puntos.

4.4. Actividades complementarias 3 puntos.

Valóranse os proxectos que conteñan actividades dos seguintes programas: fomento de novos creadores, programas formativos, programas de colaboración con centros de ensino.

– Entre 3 e 5 actividades: 1 puntos.

– Máis de 5 actividades: 3 puntos.

5. Plan de comunicación e xestión de públicos: 6 puntos.

5.1. Obxectivos do plan de comunicación: ata 2 puntos.

5.2. Accións previstas para a fidelización de público: 2 puntos.

5.3. Accións previstas para a formación e captación de novos públicos: 2 puntos.

6. Recursos humanos implicados no proxecto: 5 puntos.

A Comisión valorará o cadro de persoal implicado no proxecto con contrato laboral no momento de presentarse a solicitude.

– Ata 2 persoas traballadoras: 1 punto.

– De 3 a 4 persoas traballadoras: 3 puntos.

– Máis de 4 persoas traballadoras: 5 puntos.

7. Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento do proxecto: 5 puntos.

– Ata o 30 %: 5 puntos.

– Máis do 30 % ata o 50 %: 3 puntos.

– Máis do 50 % ata o 75 %: 1 punto.

8. Viabilidade económica do proxecto: 6 puntos.

8.1 Adecuación do proxecto á previsión orzamentaria: ata 3 puntos.

8.2. Plan de financiamento proposto: ata 3 puntos.

A concesión de axudas requirirá unha puntuación mínima que en ningún caso pode ser inferior a 25 puntos.

Décimo terceira. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente da documentación requirida e unha vez entregado o informe preceptivo por parte da Comisión de Valoración, ditará a proposta de resolución indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor segundo a disposición adicional do Acordo do 24 de xullo do 2012 (DOG nº 164, do 29 de agosto), deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda (en equivalente bruto de subvención) e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitados, así como os recursos que procedan interpor contra a esta.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

Décimo cuarta. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos , nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinta. Aceptación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. A entidade beneficiaria deberalle remitir á Agadic una memoria económica adaptada á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada, e, como máximo, pola diferenza entre ambas cantidades. Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.

Décimo sexta. Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables os necesarios para o desenvolvemento do proxecto e que se realicen entre 1 de novembro do ano 2020 ata o 31 de outubro do ano 2021. Terán a consideración de gastos subvencionables:

1.1. Gastos que de forma indubidable estean vinculados á programación tales como (remuneracións por espectáculo, gastos por servizos asociados á programación, dereitos de autor, gastos de difusión e publicidade) e cando a situación sanitaria non permita a realización de representacións con público, estas poderanse realizarse en streaming, coa condición de que se efectúen desde a propia sala e permitindo o acceso ao público a través de plataformas en liña, os gastos vinculados ás representacións en streaming.

Tamén se incluirán neste punto gastos relativos á contratación de persoal especialmente vinculado ao proxecto.

1.2. O 10 % de custos indirectos, tales como alugueiros, subministracións, gastos correntes e de servizos, gastos financeiros, de xestoría e seguros recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

De conformidade co punto 9 do citado artigo os custos indirectos sempre que sexan imputados polo beneficiario á actividade subvencionada farase de conformidade cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

2. Non serán subvencionables os gastos relativos a:

2.1. Aos xuros debedores das contas bancarias.

2.2. Ao imposto sobre o valor engadido, así como aos impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

2.3. A calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

4. En canto á subcontratación haberá que aterse ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo sétima. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego rematando o prazo de xustificación o día 20 de novembro de 2021, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e o artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar como pagamento anticipado –que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, e logo da presentación de certificación do inicio dos traballos, e da declaración de axudas do anexo VI e previa resolución motivada– o importe da anualidade 2021, sempre que non supere o 50 % do importe concedido

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases e previa resolución motivada, debendo estar xustificado en todo caso o día 20 de novembro de 2021.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, deberán constituír garantías de conformidade co artigo do artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación, salvo nos supostos do artigo 65.4.

Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo oitava. Xustificación e liquidación da subvención outorgada

1. Os beneficiarios terán que xustificar a totalidade do custe do proxecto a través dunha conta xustificativa que deberá incluír todos os gastos vinculados á programación e proxecto presentado, rematando o prazo de xustificación o día 20 de novembro do 2021, este incluído.

2. Os beneficiarios deberán entregar a seguinte documentación:

– Memoria xeral da actividade realizada, segundo o orzamento presentado.

– Balance de ingresos e gastos (anexo IV).

– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total do orzamento presentado dos gastos de explotación (anexo V).

– Copias dos xustificantes dos gastos realizados e imputados á subvención.

– Xustificantes do ingreso na facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

– Certificación bancaria acreditativa da realización dos pagamentos correspondentes a todos os gastos imputados á subvención concedida sen que se admitan os pagamento en efectivo.

– Unha copia en formato CD, DVD ou outro sistema analóxico ou dixital, dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada; esta documentación poderase achegar igualmente por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos da comprobación da realización da actividade.

– Declaración de axudas: relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo VI).

3. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

Décimo novena. Obrigas específicas dos beneficiarios

As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da presente convocatoria:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Agadic.

b) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación ao proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia a través da Axencia galega das Industrias Culturais. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario.

Así mesmo, farase constar a marca Xacobeo 2021, da cordo co manual de identidade, aprobado polo Decreto 167/2018, do 28 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

e) Inscribir a programación da sala na plataforma de xestión www.galescena.gal, nos prazos establecidos pola Axencia.

f) Cumprir coas esixencias establecidas e publicadas na páxina web da Agadic en canto ao funcionamento e programación da Rede Galega de Salas dado que como beneficiarios destas axudas conformarán a Rede Galega de Salas (RGS).

2. O incumprimento dos anteriores deberes previstos e obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á esixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da indicada Lei galega 9/2007, sen prexuízo do disposto na cláusula décimo sétima destas bases.

Vixésima. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións esixidos na base cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésima primeira. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular, polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésima segunda. Réxime de recursos

A convocatoria destas axudas, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febrero de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file