Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 12 de marzo de 2021 Páx. 14353

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

INSTRUCIÓN 2/2021, do 4 de marzo, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sobre a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo.

1. Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto desta instrución é clarificar a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo reguladas no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica.

2. Definicións.

Para efectos da presente instrución, entenderase por:

a) Instalación de xeración: instalación encargada da produción de enerxía eléctrica a partir dunha fonte de enerxía primaria, que se compón dun ou máis módulos de xeración de electricidade e, se é o caso, dunha ou varias instalacións de almacenamento de enerxía que inxectan enerxía á rede, conectados todos eles a un punto da rede a través dunha mesma posición.

b) Módulo de xeración de electricidade: un módulo de xeración de electricidade síncrono ou un módulo de parque eléctrico de acordo cos establecido no Regulamento (UE) 2016/631 da Comisión, do 14 de abril de 2016, que establece un código de rede sobre requisitos de conexión de xeradores á rede, e coa normativa que se aprobe para o desenvolvemento e implementación deste.

c) Instalación de produción: instalación de xeración inscrita no rexistro administrativo de instalacións de produción de enerxía eléctrica do Ministerio para a Transición Ecolóxica, onde se reflectirán as condicións da devandita instalación, en especial, a súa respectiva potencia.

Adicionalmente, tamén terán consideración de instalacións de produción aquelas instalacións de xeración que, de acordo co previsto no artigo 9.3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, aínda non estando inscritas no rexistro de produción, cumpran cos seguintes requisitos:

i. Teñan unha potencia non superior a 100 kW.

ii. Estean asociadas a modalidades de subministración con autoconsumo.

iii. Poidan inxectar enerxía excedentaria nas redes de transporte e distribución.

d) Posición: cada un dos puntos que permiten a conexión física de liñas eléctricas, transformadores ou elementos de control da potencia activa ou reactiva nun nó, dotado dos seus correspondentes elementos de corte e protección.

e) Potencia instalada: segundo o establecido no artigo 3.h) do Real decreto 244/2019, do 5 de abril, a potencia instalada será a definida no artigo 3 e na disposición adicional décimo primeira do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, a excepción das instalacións fotovoltaicas, cuxa potencia instalada será a menor de entre as dous seguintes:

I. A suma das potencias máximas unitarias dos módulos fotovoltaicos que configuran a dita instalación, medidas en condicións estándar segundo a norma UNE correspondente.

II. A potencia máxima do investidor ou, se é o caso, a suma das potencias dos investidores que configuran a dita instalación.

f) Agrupación: de acordo co artigo 7 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, defínese como a agrupación ao conxunto de instalacións que se conecten nun mesmo punto da rede de distribución ou transporte, ou que dispoñan de liña ou transformador de evacuación común, considerando un único punto da rede de distribución ou transporte, unha subestación ou un centro de transformación. Da mesma maneira, formarán parte da mesma agrupación aquelas instalacións que estean nunha mesma referencia catastral, considerada esta polos seus primeiros 14 díxitos. A potencia instalada dunha agrupación será a suma das potencias instaladas das instalacións unitarias que a integran.

3. Clasificación das modalidades de autoconsumo.

De acordo co previsto no artigo 9.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, entenderase por autoconsumo, o consumo por parte dun ou varios consumidores de enerxía eléctrica proveniente de instalacións de produción próximas ás de consumo e asociadas a eles. O Real decreto 244/2019, do 5 de abril, establece as seguintes modalidades de autoconsumo:

1. Modalidade de subministración con autoconsumo sen excedentes. Cando os dispositivos físicos instalados impidan a inxección de enerxía excedentaria á rede de transporte ou distribución. Neste caso existirá un único tipo de suxeito, que será o suxeito consumidor.

2. Modalidade de subministración con autoconsumo con excedentes. Cando as instalacións de xeración poidan, ademais de fornecer enerxía para autoconsumo, inxectar enerxía excedentaria nas redes de transporte e distribución. Nestes casos existirán dous tipos de suxeitos: o suxeito consumidor e o produtor. Esta modalidade de subministración con autoconsumo con excedentes divídese en:

2.1. Modalidade con excedentes acollida a compensación: aqueles casos en que voluntariamente o consumidor e o produtor opten por acollerse a un mecanismo de compensación de excedentes e sempre que se cumpra con todas as condicións que se indican:

i. A fonte de enerxía primaria sexa de orixe renovable.

ii. A potencia total das instalacións de produción asociadas non sexa superior a 100 kW.

iii. Se resultase necesario realizar un contrato de subministración para servizos auxiliares de produción, o consumidor subscribise un único contrato de subministración para o consumo asociado e para os consumos auxiliares de produción cunha empresa comercializadora.

iv. O consumidor e produtor asociado subscribisen un contrato de compensación de excedentes de autoconsumo.

v. A instalación de produción non teña outorgado un réxime retributivo adicional ou específico.

2.2. Modalidade con excedentes non acollida a compensación: pertencerán a esta modalidade aqueles casos de autoconsumo con excedentes que non cumpran algún dos requisitos indicados no número 2.1 ou que voluntariamente opten por esta modalidade.

Adicionalmente ás modalidades de autoconsumo sinaladas, o autoconsumo poderá clasificarse en individual ou colectivo en función de se se trata dun ou varios consumidores os que estean asociados ás instalacións de xeración.

4. Instalacións de xeración na modalidade de subministración con autoconsumo sen excedentes.

As instalacións de xeración na modalidade de subministración sen excedentes, non son instalacións de produción, e deben instalar un mecanismo antivertedura que impida a inxección de enerxía excedentaria á rede de transporte ou distribución.

4.1. Requisitos técnicos.

Estas instalacións deben cumprir cos requisitos técnicos establecidos nos regulamentos que lle sexan de aplicación. En particular os establecidos no Regulamento electrotécnico de baixa tensión (Real decreto 842/2002, do 2 de agosto) e no Regulamento de instalacións de alta tensión (Real decreto 337/2014, do 9 de maio), en función de se se tratan de instalacións eléctricas en baixa tensión, en alta tensión, ou cunha parte en alta e outra en baixa. Así mesmo, deben cumprir cos requisitos de medida e xestión da enerxía establecidos no capítulo IV do Real decreto 244/2019, do 5 de abril.

Asemade, este tipo de instalacións están exentas de obter permisos de acceso e conexión á rede, tal e como establece o artigo 7 do Real decreto 244/2019, do 5 de abril, e artigo 17 do Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, polo que non terán que presentar a garantía do artigo 23 do citado Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, salvo cando as instalacións formen parte dunha agrupación cuxa potencia sexa superior a 1MW, de acordo coa definición de agrupación establecida no artigo 7 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño.

4.2. Posta en servizo das instalacións.

Antes da posta en servizo da instalación procederá unicamente o rexistro da instalación conforme o establecido no regulamento que lle sexa de aplicación. É dicir, se a instalación é en baixa tensión, rexistrarase no Rexistro de instalacións eléctricas de baixa tensión (procedemento IN614C) e se a instalación é en alta tensión, no Rexistro de instalacións eléctricas de alta tensión.

Se unha parte da instalación é en alta tensión e outra en baixa, rexistrarase cada parte no rexistro correspondente presentando a documentación que exixe cada un dos regulamentos (ITC BT 04, ITC RAT 22).

Entre a documentación presentada figurará a documentación relativa ao mecanismo antivertedura. O artigo 3.k) do Real decreto 244/2019, do 5 de abril, define o devandito mecanismo como o dispositivo ou conxunto de dispositivos que impide en todo momento a vertedura de enerxía eléctrica á rede. Estes dispositivos deberán cumprir coa normativa de calidade e seguridade industrial que lle sexa de aplicación e, en particular, no caso de baixa tensión co previsto no anexo I a ITC-BT-40. No número I.4 do anexo regúlase a documentación para a avaliación da conformidade cos requisitos exixibles.

Nos casos onde a instalación de xeración comparte punto de subministración coa instalación de consumo, ambas as dúas constitúen unha única instalación. Este feito terase en consideración para determinar se é necesario elaborar un proxecto para a execución da instalación ou é suficiente cunha memoria técnica segundo o establecido na ITC BT 04.

Se a instalación se coloca na cuberta dunha edificación, achegarase un certificado por técnico competente conforme a capacidade portante da cuberta é adecuada.

Segundo o Regulamento electrotécnico de baixa tensión, as instalacións de xeración en baixa tensión deben someterse a inspección inicial por organismo de control se a potencia supera os 100 kW, se se trata dunha instalación que se clasifica como un lugar mollado e a potencia é superior a 25 kW, e se a instalación de xeración se engade a unha instalación que segundo a ITC BT 05 sexa obxecto de inspección.

As instalacións eléctricas de xeración fotovoltaica son instalacións onde parte da instalación está á intemperie. A ITC BT 30 clasifícaas como lugar mollado. Polo tanto, será obxecto de inspección inicial por organismo de control se a potencia é superior a 25 kW (ITC BT 05).

Os equipos eléctricos de xeración, tales como inversores e paneis fotovoltaicos, teñen que dispoñer das declaracións UE de conformidade emitidas polo fabricante ou polo representante autorizado establecido dentro de Unión Europea. Estas declaracións formarán parte da documentación técnica da instalación.

5. Instalacións de xeración na modalidade de subministración con autoconsumo con excedentes.

As instalacións de xeración que subministran enerxía para autoconsumo e, ademais, poden inxectar enerxía excedentaria ás redes de transporte ou distribución son instalacións de produción.

Forman parte da instalación de produción as infraestruturas ata o punto de conexión coa rede de transporte ou distribución compartidas co consumidor asociado. Polo tanto, a documentación técnica describirá e xustificará que esta parte da instalación cumpre coa regulamentación de aplicación, independentemente de que se realicen ou non modificacións nela, e identificará outras instalacións de produción, se é o caso.

O artigo 7 do Real decreto 244/2019, do 5 de abril, e o artigo 17 do Real decreto 1183/2020, do 30 de decembro, establecen que as instalacións de produción de potencia igual ou inferior a 15 kW que se encuentren en solo urbanizado, que conte coas dotacións e servizos requiridos pola lexislación urbanística, estarán exentas de obter permisos de acceso e conexión á rede de transporte ou distribución. Non será necesario que presente a garantía do artigo 23 do Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, salvo cando as instalacións formen parte dunha agrupación cuxa potencia sexa superior a 1 MW, de acordo coa definición de agrupación establecida no artigo 7 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, o resto deberá dispoñer dos devanditos permisos.

O procedemento para obter os devanditos permisos está regulado no Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro.

5.1. Requisitos técnicos.

Os requisitos técnicos que se deben cumprir son os establecidos nos regulamentos de aplicación. En particular os establecidos no Regulamento electrotécnico de baixa tensión (Real decreto 842/2002, do 2 de agosto) e no Regulamento de instalacións de alta tensión (Real decreto 337/2014, do 9 de maio), en función de se se trata dunha instalación eléctrica en baixa tensión, en alta tensión, ou cunha parte en alta e outra en baixa. Ademais, as ditas instalacións deben cumprir cos requisitos de medida e xestión da enerxía establecidos no capítulo IV do Real decreto 244/2019, do 5 de abril.

As instalacións incluídas no ámbito de aplicación do Real decreto 1699/2011, do 18 de novembro, polo que se regula a conexión á rede de instalacións de produción de enerxía eléctrica de pequena potencia, deberán cumprir cos requisitos establecidos nel.

5.2. Procedemento de autorización de instalacións de xeración na modalidade de subministración con autoconsumo con excedentes.

Estas instalacións, ao seren instalacións de produción, están suxeitas ao réxime de autorizacións establecido no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico. O titular da instalación deberá solicitar a autorización administrativa previa, de construción e de explotación.

As instalacións de produción con potencia nominal non superior a 100 kW, conectadas directamente a unha rede de tensión non superior a 1 kV, xa sexa de distribución ou á rede interior dun consumidor, de conformidade co establecido na disposición adicional quinta do Real decreto 900/2015, do 9 de outubro, só necesitarán autorización de explotación para a súa posta en servizo. As instalacións que se conecten no lado de baixa tensión do transformador do consumidor están incluídas nesta casuística.

5.2.1. Instalacións que necesitan autorización administrativa previa, de construción e autorización de explotación.

O procedemento para obter as autorizacións que establece o artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro (autorización administrativa previa, de construción e de explotación) será o establecido no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. No caso de enerxía eólica será de aplicación a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia. De acordo co artigo 38 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, non será necesario o trámite de información pública para as instalacións de autoconsumo de máis de 100 kW, se non se solicita a de declaración de utilidade pública nin é preceptiva a avaliación ambiental ordinaria, segundo a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou normas que as substitúan. O procedemento administrativo para tramitar as autorizacións correspondentes é o IN408A.

As inscricións necesarias segundo os diferentes regulamentos de seguridade que afecten a instalación deberán ser realizadas antes da solicitude de autorización de explotación.

5.2.2. Instalacións que só necesitan autorización de explotación.

Para solicitar a autorización de explotación presentarase a documentación que exixe a ITC BT 04 do REBT, e que se matiza no punto 4.2 desta instrución, salvo a referente ao sistema antivertedura, xunto co permiso de acceso e conexión.

No caso de estar exento do permiso de acceso e conexión, segundo o establecido no artigo 7 do Real decreto 244/2019, do 5 de abril, achegarase un certificado de cualificación urbanística emitido polo concello, onde conste que a instalación está nun solo urbanizado que conta coas dotacións e servizos requiridos pola lexislación urbanística, no caso de formar parte dunha agrupación deberán presentar ademais o xustificante da garantía de acordo co establecido no artigo 23.3 do Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro.

Para estas instalacións, que só necesitan autorización de explotación para a posta en servizo, non é necesario acreditar a capacidade legal, técnica e económica do titular da devandita autorización.

A presentación da documentación anterior realizarase polo procedemento IN614C relativo a instalacións eléctricas de baixa tensión, indicando na solicitude que «a instalación dispón dun sistema de xeración de enerxía con excedentes». A instalación non se poderá poñer en tensión ata que o órgano competente, de acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, emita a autorización de explotación correspondente.

6. Instalación de consumo asociada á instalación de xeración/produción.

As instalacións eléctricas que consuman a enerxía eléctrica proveniente das instalacións de xeración/produción teñen que cumprir cos regulamentos de seguridade industrial que lles sexan de aplicación. Deberán dispoñer de certificados de inspección periódica favorables, de contratos de mantemento en vigor, etc., que exixan eses regulamentos. A documentación técnica xa presentada para o rexistro das devanditas instalacións deberán reflectir a instalación actual, no caso de existir modificacións, deberan rexistrarse.

Na documentación das instalacións de xeración/produción hai que identificar o/os titular/es da/das instalación/s de consumo asociadas, así como xustificar o indicado no parágrafo anterior.

7. Instalacións acollidas ao Real decreto 244/2019, do 5 de abril, anteriores á publicación desta instrución.

As instalacións que non dispoñan de mecanismo antivertedura e que se inscribisen no Rexistro de instalacións eléctricas de baixa tensión (procedemento IN614C), terán que proceder como se indica a seguir:

i. Instalacións que de acordo con esta instrución, necesitan de autorización administrativa previa, de construción e autorización de explotación: deberán solicitar as ditas autorizacións segundo o establecido no punto 5.2.1.

ii. Instalacións que, de acordo con esta instrución, só necesiten de autorización de explotación: deberán acceder ao expediente electrónico (IN614C), indicar na solicitude que «a instalación dispón dun sistema de xeración de enerxía con excedentes» e achegar a documentación indicada no punto 5.2.2 que non figure no expediente, para obter a autorización de explotación.

8. Rexistro de instalacións de alta tensión.

Mentres non se publique o procedemento do Rexistro de instalacións de alta tensión por parte do órgano competente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación empregarase o procedemento IN407A.

9. Instrución 3/2018, do 30 de abril.

A Instrución 3/2018, do 30 de abril, sobre a tramitación administrativa das instalacións de autoconsumo, así como os requisitos técnicos mínimos aplicables a estas instalacións queda actualizada e substituída pola presente instrución.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais

ANEXO

Instalación de xeración con autoconsumo SEN excedentes

Autorizacións

Documentación

Requisitos
técnicos

Código taxa administrativa

Non necesitan de autorización. Só rexistro da instalación eléctrica xeradora: procedemento IN614C e/ou IN407A (segundo o caso)

Ver puntos 4.2 e 6

(mecanismo antivertido)

RD 842/2002

RD 337/2014

RD 244/2019

32.19.04

Instalación de xeración con autoconsumo CON excedentes

Autorizacións

Documentación

Requisitos
técnicos

Código taxa administrativa

≤ 100 kW de xeración, con conexión en baixa tensión

Autorización de Explotación (1): procedemento IN614C

Ver puntos 5.2.2 e 6 (2)

RD 842/2002

RD 337/2014

RD 1699/2011

RD 244/2019

32.19.04

Resto de instalacións

Autorización administrativa previa, de construción e de Explotación (1): procedemento IN408A

Ver puntos 5.2.1 e 6 (2)

RD 842/2002

RD 337/2014

RD 1699/2011

RD 244/2019

32.37.06

(1) A instalación de produción non se poderá poñer en tensión ata que se dispoña da Autorización de Explotación.

(2) Permiso de acceso e conexión: as instalacións de produción de potencia ≤15 kW que se sitúen en chan urbanizado que conte coas dotacións e servizos requiridos pola lexislación urbanística, estarán exentas de obter permisos de acceso e conexión á rede de transporte ou distribución. O resto, deben dispoñer dos devanditos permisos. No caso de estar exento, deberase achegar un certificado de cualificación urbanística emitido polo concello.