Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 15 de marzo de 2021 Páx. 14722

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2021 pola que se delega en Portos de Galicia o balizamento dos polígonos de acuicultura das rías galegas.

O artigo 137.2 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro (TRLPEMM), atribúe ás comunidades autónomas ou, de ser o caso, ao concesionario ou autorizado da instalación a obriga de realizar pola súa conta o proxecto de execución, a instalación e o mantemento das axudas á navegación marítima, a instalación e o mantemento do balizamento de instalacións outorgadas en concesión ou autorización, incluídas as destinadas a cultivos mariños e emisarios submarinos, ou doutras instalacións situadas no medio mariño, susceptibles de poderen representar un obstáculo á navegación, así como o balizamento de instalacións e obstáculos artificiais, segundo proceda de conformidade coa normativa e as características técnicas e a localización dos dispositivos que teñan sido aprobados por Portos do Estado, logo do ditame da Comisión de Faros.

A acta da Comisión de Faros do 6 de xuño de 2017 recolle o ditame realizado nesa sesión, na cal se ratifica sobre as resolucións de balizamento para os polígonos de bateas das rías galegas realizados o 11 de xuño de 2001, o 13 de decembro de 2003 e o 27 de xuño de 2011.

Ante a falta de cumprimento das resolucións anteriores, decídese nesa mesma sesión asignar balizamentos a cada un dos portos, autonómicos e estatais, así como aos demais organismos e particulares, co obxecto de mellorar o balizamento para o acceso aos portos autonómicos e do Estado nas rías galegas, balizando as canles de aproximación de forma que os tráficos queden libres dos obstáculos que representan as instalacións de acuicultura. Estes balizamentos asócianse aos portos correspondentes.

Igualmente, proponse o balizamento dos polígonos de acuicultura que, non estando situados en zonas de aproximación ou acceso a algún porto, se consideren un obstáculo para a navegación. Neste caso será responsable de tal balizamento a Consellería do Mar ou o responsable da instalación ou polígono, de ser o caso.

A Comisión establece un prazo de 3 anos para a posta en servizo do balizamento polo responsable da instalación, no caso de sinais novos, e de 6 meses para o resto.

O artigo 113.2.e) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de Portos de Galicia (DOG núm. 236, do 14 de decembro), considera servizos xerais os servizos de sinalización, balizamento e outras axudas á navegación que sirvan de aproximación e acceso do buque ao porto, así como o seu balizamento interior.

Pola súa banda, o artigo 51 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, obriga a instalar e manter os dispositivos de axudas á navegación marítima das instalacións outorgadas en réxime de concesión.

Se as instalacións se atopan situadas en polígonos ou noutros instrumentos de ordenación da actividade acuícola mariña, a instalación e o mantemento realizaraos a consellería competente en materia de acuicultura, e os gastos correrán a cargo de todas as persoas concesionarias do polígono.

Correspóndelle a Portos de Galicia, entidade pública empresarial adscrita á Consellería do Mar, o proxecto, a construción, a conservación, a mellora, a ordenación, a administración e a explotación das obras, instalacións, servizos e actividades portuarias, así como a planificación das zonas de servizo e as súas futuras ampliacións, nos termos previstos na Lei 6/2017, de Portos de Galicia.

Asumirá igualmente as funcións que, no ámbito das competencias da comunidade autónoma, poidan serlle atribuídas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de xestión e actuacións no dominio público marítimo-terrestre.

O artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, permite a delegación de competencias cuxa titularidade corresponda a órganos da Administración autonómica noutros órganos da propia Administración autonómica o dalgunha entidade integrante do sector público autonómico.

No caso de que un órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia delegue o exercicio de competencias nun órgano dunha entidade instrumental do sector autonómico, tal delegación deberá ser previamente aprobada polos órganos de que dependan o órgano delegante e o órgano delegado, salvo que o delegante sexa o titular da consellería de adscrición da entidade instrumental, caso en que abondará coa decisión deste.

O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, establece no artigo 11 a estrutura dos órganos de dirección da Consellería do Mar, así como os entes adscritos a esta consellería, sendo un deles Portos de Galicia.

Dado que Portos de Galicia exerce xa as súas competencias de balizamento portuario en toda a comunidade autónoma e dispón do coñecemento e da experiencia en canto aos medios e sistemas de xestión necesarios para levar a cabo estas tarefas, semella que a solución máis eficiente para a instalación e o mantemento do conxunto dos sinais necesarios para unha navegación segura nas nosas rías e, en concreto, nos polígonos de acuicultura, que non son responsabilidade das autoridades portuarias do Estado, a realice de xeito centralizado este organismo autonómico. Portos de Galicia repercutirá nos titulares das concesións das instalacións nos polígonos de acuicultura as taxas polo mantemento da sinalización que deriven da competencia asumida.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Delegar en Portos de Galicia as funcións de instalación e mantemento do conxunto dos sinais necesarios nos polígonos de acuicultura para garantir unha navegación segura nas rías galegas.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar