Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 16 de marzo de 2021 Páx. 14940

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 44/2021, do 28 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 228/2008, do 2 de outubro, sobre a prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.

Mediante a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, esta conta coa competencia exclusiva sobre o transporte marítimo, sempre que se leve a cabo exclusivamente entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma, sen conexión con outros portos ou puntos doutros ámbitos territoriais.

En exercicio desa atribución de competencia exclusiva, e logo da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, do 9 de marzo de 2006, que declarou a incompatibilidade da anterior Lei 4/1999, do 9 de abril, de declaración de servizo público de titularidade da Xunta de Galicia do transporte público marítimo de viaxeiros na ría de Vigo, co Regulamento (CEE) 3577/92, do 7 de decembro, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 2/2008, do 6 de maio, pola que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.

Esta lei creou o Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo, orientado a garantir os dereitos das persoas consumidoras e usuarias a través da inscrición e publicidade dos servizos de transporte público marítimo que se presten nas augas interiores da comunidade. Os requisitos e o procedemento para acceder ao dito rexistro reguláronse a través do Decreto 228/2008, do 2 de outubro, sobre a prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia, norma que desde entón vén disciplinando o funcionamento do rexistro, encadrado baixo a responsabilidade da consellería competente en materia de transporte marítimo.

Os servizos que a el acceden gozan dunha grande adaptabilidade ás flutuacións da demanda, debido ás propias características desta e tamén a factores externos que inflúen na súa prestación, como os climáticos ou estacionais. A experiencia acumulada desde a posta en marcha do rexistro revela que, nalgúns casos, a axilidade na tramitación non é a desexable para atender a esas exixencias cambiantes, o que aconsella unha revisión das propias exixencias dos servizos inscritos e do procedemento en xeral.

A chamada Directiva de servizos (Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior) e a súas normas de transposición ao dereito español (Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio), ben que deixan fóra dos seus ámbitos de aplicación os servizos de transporte en xeral e os de transporte marítimo en particular, si incorporan unha serie de principios reitores enfocados a mudar o concepto de habilitación administrativa que tan consolidado estaba no noso ordenamento. Esta nova concepción resulta especialmente interesante falando dun sector como o do transporte marítimo, que está liberalizado en Galicia desde a entrada en vigor da mencionada Lei 2/2008. Deste xeito, o deseño dun procedemento de inscrición que reduza as cargas administrativas para as entidades interesadas resulta especialmente aconsellable, e permitirá cumprir con maior eficacia co obxectivo de protexer os dereitos das persoas consumidoras e usuarias que establece a dita lei.

Tamén a Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, aplicable a sectores expresamente excluídos da Directiva de servizos, como é o transporte, aproveita para seguir impulsando un marco de regulación eficiente para as actividades económicas que simplifique a lexislación existente, elimine regulacións innecesarias, estableza procedementos máis áxiles e minimice as cargas administrativas.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, prevé a tramitación electrónica como a forma habitual das administracións públicas e recolle novidades no procedemento administrativo coma o dereito e a obriga de relacionarse electronicamente coas administracións públicas, ou o dereito das persoas interesadas a non achegar os documentos que fosen elaborados por calquera Administración, con independencia de que a presentación dos citados documentos teña carácter preceptivo ou facultativo no procedemento de que se trate, sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Nesta liña, esta modificación responde aos principios de boa regulación que recolle o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Co obxectivo de adaptar a regulación ás normas anteriormente citadas, este decreto substitúe completamente o capítulo II do Decreto 228/2008, do 2 de outubro, por un novo, no cal se reducen os requisitos e mais a carga burocrática en prol dunha tramitación máis áxil e prevese a tramitación exclusivamente electrónica do procedemento, en atención ás especiais características de capacidade técnica e profesional das entidades a que aquel se dirixe.

En virtude do exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de xaneiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 228/2008, do 2 de outubro, sobre a prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia

O Decreto 228/2008, do 2 de outubro, sobre a prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia, queda modificado como segue:

Un. O capítulo II queda redactado da seguinte maneira:

«CAPÍTULO II

Inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo

Artigo 2. Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo

1. O Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo, creado pola Lei 2/2008, do 6 de maio, opera baixo a dependencia da consellería competente en materia de transporte marítimo, e é responsable da súa xestión, organización, mantemento e custodia a unidade administrativa a que conforme a súa estrutura orgánica lle correspondan as funcións en materia de transporte marítimo.

2. Serán obxecto de inscrición as empresas operadoras e as condicións de prestación dos servizos de transporte marítimo que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que se presten con reiteración de percorrido, calendario e horarios, cando menos durante un determinado período ou época do ano.

b) Que teñán por obxecto transportar persoas entre dous ou máis portos.

c) Que teñan como potenciais persoas usuarias unha pluralidade indeterminada de persoas.

d) Que se presten contra a venda dun billete ou título de transporte, sen estar condicionada a que se acade un nivel mínimo de demanda previa.

3. A inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo entenderase sen prexuízo da obriga das empresas operadoras de contar coa preceptiva habilitación para usar as instalacións portuarias, consonte o que estableza a Administración portuaria competente de acordo coa súa propia normativa reguladora. Así mesmo, durante a prestación do servizo deberase observar o establecido na normativa sectorial sobre navegación e seguridade marítima, e calquera outra que resulte de aplicación.

4. A inscrición das empresas e servizos obxecto do rexistro, así como as posteriores modificacións, supresións, suspensións ou cancelacións, tramitaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia mediante unha aplicación tecnolóxica que establecerá a dirección xeral con competencias en materia de transporte marítimo.

Artigo 3. Declaración responsable para a inscrición de empresas operadoras e servizos

1. Antes de iniciar a prestación dun servizo que reúna os requisitos previstos no artigo 2.2, a empresa operadora deberá inscribirse no rexistro como empresa operadora de transporte marítimo e remitiralle á unidade administrativa competente do rexistro unha declaración responsable, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, en que manifesta baixo a súa responsabilidade que cumpre todos os requisitos exixidos na normativa vixente para o exercicio da actividade, que dispón da documentación que así o acredita, que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida e que se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo inherente ao exercicio da actividade.

En concreto, declarará de xeito expreso, claro e preciso o seguinte:

a) Que está inscrita no Rexistro de Buques e Empresas Navieiras no caso de compañías españolas, ou que posúe acreditación da personalidade xurídica como navieira no caso de compañías non españolas pertencentes ao Espazo Económico Europeo.

b) Que dispón de embarcacións que reúnen as condicións requiridas pola lexislación vixente para o transporte de pasaxeiros/as, así como que os buques cumpren os requisitos que, de ser o caso, exixe o Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, que regula as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade, indicándose os medios de acceso para persoas de mobilidade limitada de que dispoñan.

c) Que o buque ten todos os seus certificados en vigor e está clasificado para a zona de navegación correspondente.

d) Que ten autorización de atracada da Administración ou administracións portuarias competentes que o habilita para a prestación dos servizos obxecto de inscrición. No caso de servizos de transporte marítimo a espazos protexidos, declarará igualmente que conta coa autorización administrativa que prevé o punto terceiro do artigo 12.

e) Que cumpre calquera outro requisito que, de conformidade coa normativa vixente, resulte necesario para a prestación dos servizos a que se refire o presente decreto.

En todo caso, serán obxecto de inscrición os seguintes datos da empresa operadora de transporte marítimo e da persoa que posúa a representación:

1º. Nome da empresa e nome e apelidos da persoa que posúa a representación.

2º. NIF da empresa e da persoa que posúa a representación.

3º. Enderezo da empresa.

4º. Teléfono da empresa e da persoa que posúa a representación.

5º. Correo electrónico da empresa e da persoa que posúa a representación.

2. Para que proceda á inscrición inicial da empresa, será preciso que esta rexistre cando menos un servizo. A empresa de transporte deberá presentar unha declaración responsable para cada servizo ou servizos que pretenda inscribir. A dita declaración realizarase a través da aplicación tecnolóxica habilitada para tal fin, na cal deberán constar os seguintes datos:

a) O porto de saída e o de chegada, así como, de ser o caso, os destinos intermedios.

b) As horas concretas de saída e as de chegada.

c) Período de prestación do servizo, onde se sinalarán os días concretos de prestación, con indicación, de ser o caso, do seu carácter laborable ou festivo.

d) Condicións económicas, onde se detallarán as tarifas que serán cobradas ás persoas viaxeiras, con indicación, de ser o caso, dos diferentes importes segundo se viaxe en días laborables ou festivos. Faranse constar, así mesmo, a existencia de bonos que inclúan varias viaxes, así como os casos en que se aplicarán descontos na tarifa, de estar estes previstos.

e) Buques e as súas características, que incluirá necesariamente a denominación, matrícula e capacidade.

3. Para a inscrición dos servizos deberanse cumprir os seguintes requisitos substantivos:

a) Se o servizo se presta durante un determinado período do ano, este deberá constar, de maneira inequívoca, con indicación das datas concretas de inicio e fin, ou con criterios obxectivos que permitan concretalas, tales como as mareas ou festividades.

b) No caso de transporte a espazos naturais protexidos, a empresa operadora deberá levar a cabo, cando menos, unha viaxe diaria dentro do período de prestación e, ademais, cada expedición de ida deberá contar necesariamente con outra de volta.

c) Poderanse prever diversos períodos de prestación segundo a época do ano, para os cales se poderán fixar horarios distintos.

Artigo 4. Efectividade da inscrición

1. Unha vez realizada a declaración responsable a que se refire o artigo anterior, a empresa e/ou o servizo será inscrito no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

2. Sen prexuízo das facultades de inspección, verificación e control que lle corresponden á Administración, a declaración responsable dun servizo realizada por unha empresa xa rexistrada cumprindo o conxunto dos requisitos establecidos neste decreto habilita para a súa prestación desde o día da súa presentación. No caso de non estar rexistrada a empresa, será necesaria a presentación paralela ou conxunta dunha declaración responsable de rexistro da empresa de transporte marítimo.

As empresas titulares dos servizos son as responsables de manter actualizados os datos inscritos no rexistro, polo que, no caso de modificación dos datos da empresa ou dos servizos, deberán presentar unha nova declaración responsable a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 5.

3. Se a declaración responsable non reúne un ou varios dos requisitos previstos nos artigos anteriores, a unidade responsable do rexistro requiriralle á persoa ou entidade solicitante para que emende a eiva no prazo de dez días hábiles, de conformidade co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O requirimento de emenda determina a suspensión dos efectos da presentación da declaración responsable.

Emendados os defectos que se detectasen na declaración responsable, poderase comezar a prestar o servizo e realizarase a inscrición da empresa e/ou o servizo no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que lle corresponden á Administración, segundo o artigo 69.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Atendido o requirimento a que se refire o número anterior ou transcorrido o prazo outorgado para tal fin sen que se cumprise debidamente, se a declaración responsable seguise sen reunir os requisitos necesarios para a inscrición, o responsable do rexistro ditará resolución en que declare a improcedencia da inscrición.

Artigo 5. Modificacións e cancelación da inscrición de servizo

1. Calquera servizo inscrito poderá modificarse ou suprimirse presentando unha nova declaración responsable cunha antelación mínima de dez días hábiles, para os efectos de publicitar os cambios; na dita declaración faranse constar aqueles aspectos que varíen, se é o caso, nos mesmos termos que os previstos para a súa inscrición inicial.

A presentación da declaración responsable dará lugar á modificación ou cancelación da inscrición correspondente.

As empresas deberán anunciar, en todo caso, nos portos de atracada e na súa páxina web se dispón dela, as modificacións e/ou supresións dos servizos ás persoas usuarias cunha antelación mínima de dez días hábiles á data prevista para a súa aplicación efectiva. Tamén poderá publicar anuncios en medios de comunicación aos cales teñan acceso as persoas usuarias.

2. A empresa operadora tamén poderá corrixir ou modificar os seus propios datos identificativos e de notificación, e presentará, así mesmo, a oportuna comunicación.

Artigo 6. Suspensión da inscrición

1. A empresa operadora, mediante unha declaración responsable, poderá pór en coñecemento da Administración competente a suspensión total ou parcial da inscrición dun servizo por un prazo non superior a seis meses.

A empresa operadora deberá presentar a dita declaración responsable e anunciarlles ás persoas usuarias a correspondente suspensión, cunha antelación mínima de dez días hábiles á data prevista para a súa aplicación efectiva.

Transcorrido o prazo de suspensión sen que a empresa presente unha nova declaración responsable para o seu levantamento, consonte co indicado no número seguinte, a inscrición quedará definitivamente cancelada.

2. Para o levantamento da suspensión, a empresa operadora deberá presentar unha nova declaración responsable cunha antelación mínima de dez días hábiles antes de que finalice o prazo da suspensión, para os efectos de dar publicidade dos cambios, e comunicará o levantamento da suspensión, na cal confirmará os servizos tal e como estaban inscritos con anterioridade ou, no caso de existiren cambios, fará constar as correspondentes modificacións.

Artigo 7. Cancelación de oficio da inscrición

1. De conformidade co artigo 69.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a unha declaración responsable, ou a non presentación ante a Administración competente da documentación que, segundo o caso, lle sexa requirida para acreditar o cumprimento do declarado, determinarán a cancelación de oficio da inscrición e a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

2. A cancelación da inscrición da empresa operadora de transporte marítimo dará lugar á cancelación automática dos servizos inscritos a ela asociados.

Artigo 8. Carácter da inscrición

1. A inscrición no rexistro terá carácter indefinido. Non obstante, a empresa operadora deberá presentar no último mes de cada ano unha declaración responsable de que segue a cumprir todos os requisitos exixidos para o exercicio da actividade e que se manteñen os datos de empresa e, no caso de non variar, os servizos que constan no rexistro.

De non procederse á presentación da declaración responsable no último mes do ano, realizarase de oficio a suspensión da inscrición da empresa e dos servizos por un prazo máximo de seis meses, transcorrido o cal, de non presentarse ningunha declaración responsable dirixida ao levantamento da suspensión, se procederá á cancelación definitiva da inscrición. Para o levantamento da suspensión observarase o establecido no artigo 6.

2. As empresas que presten servizos de transporte obxecto deste decreto estarán obrigadas a achegar ao Rexistro cantos datos estatísticos e de xestión de reclamacións de persoas viaxeiras resulten precisos para o seguimento das inscricións e das reclamacións formuladas relacionadas cos servizos inscritos.

3. As comunicacións ao Rexistro relativas a modificacións, supresións ou suspensións de servizos inscritos, ou os actos de cancelación destes, non prexulgarán a responsabilidade da empresa ante as persoas usuarias ou terceiros/as interesados/as derivada das ditas modificacións, supresións, suspensións ou cancelacións.

Artigo 9. Carácter público do rexistro

1. O acceso aos datos inscritos no rexistro será público e farase nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. O rexistro levarase por medios telemáticos e electrónicos e permitirá o acceso ao seu contido por tales medios».

Dous. Derrógase a disposición transitoria única do Decreto 228/2008, do 2 de outubro.

Tres. Introdúcense dúas novas disposicións transitorias no Decreto 228/2008, do 2 de outubro, co seguinte teor:

«Disposición transitoria primeira. Aplicación tecnolóxica

Mentres non se dispoña da ferramenta tecnolóxica prevista no artigo 2.4 e non se dea publicidade da súa dispoñibilidade, as actuacións anteriormente sinaladas efectuaranse a través dos formularios normalizados aprobados para o efecto, e que figuran na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

Disposición transitoria segunda. Empresas e servizos que xa figuren inscritos no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo e empresas pendentes de inscrición

1. As empresas inscritas e as que teñan solicitudes pendentes de inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo deberán presentar unha declaración responsable para a súa renovación ou inscrición, recollendo a totalidade de información para manter ou inscribir no dito rexistro. A dita declaración responsable deberá remitirse no prazo dun mes desde a entrada en vigor do presente decreto utilizando o modelo previsto para a inscrición. Pasado este prazo, realizarase a cancelación da inscrición da empresa e dos servizos asociados a esta, manténdose vixentes ata o momento da notificación da cancelación por parte da Administración. En caso de empresas aínda non inscritas, entenderase que desisten da petición de inscrición.

2. As empresas e servizos inscritos no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo que non reúnan os requisitos exixidos no artigo 2.2 disporán tamén dun prazo dun mes desde a entrada en vigor deste decreto para adaptarse ás súas previsións.

Transcorrido este prazo, procederase á cancelación de oficio da inscrición das empresas e servizos que non reúnan os ditos requisitos no artigo 2.2, logo de resolución expresa e notificada á empresa interesada».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa completa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xaneiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade