En virtude do establecido no artigo 32.6.b) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 214/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, dáse publicidade á seguinte encarga:
– Resolución do 1 de marzo de 2021, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, pola que se encarga á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a tramitación e execución dos traballos de retirada e destrución de niños incluídos no Programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática (avespa velutina).
– Actividade: traballos de retirada e destrución de niños incluídos no Programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática (avespa velutina).
– Natureza e alcance da encarga:
Trátase dunha encarga a un medio propio de acordo cos artigos 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro; 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
A Empresa Pública de Servicios Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) é unha sociedade mercantil pública autonómica das previstas no artigo 102 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, que, de acordo co artigo 1.4 dos seus estatutos ten «a consideración de medio propio e instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico» (Resolución do 5 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), autorizada por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de setembro de 2012).
Seaga encargarase da xestión de avisos de presenza de niños de avespa velutina segundo o Programa de vixilancia e control fronte á avespa asiática.
– Financiamento: o orzamento de execución ascende a un millón setecentos setenta e catro mil novecentos dezanove euros con noventa e oito céntimos (1.774.919,98 €), que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A.227.42 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2021, na que existe crédito axeitado e suficiente.
– Prazo de vixencia: comezará o día da sinatura da encarga (1 de marzo de 2021) e estenderase ata o 30 de decembro de 2021 e poderá prorrogarse nos termos que se determinen antes da finalización da encarga.
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021
Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Xustiza e Turismo