Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 18 de marzo de 2021 Páx. 15448

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2021 pola que se dá publicidade do encargo á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, do apuntalamento da fachada do Centro de Saúde de Lalín.

De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade do seguinte encargo coas seguintes características:

– Resolución do 1 de marzo de 2021, do presidente do Servizo Galego de Saúde, de declaración de emerxencia e aprobación do encargo á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, para o apuntalamento da fachada do Centro de Saúde de Lalín.

– Actividade: Tragsa asumirá a execución dos traballos do apuntalamento da fachada do Centro de Saúde de Lalín, de conformidade coas condicións construtivas e económicas establecidas na memoria valorada presentada pola empresa, documento que se anexa á resolución de encargo.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encargo a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Tal condición de medio propio está recollida na disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, a cal establece que Tragsa e a súa filial Tragsatec terán a consideración de medios propios personificados e servizos técnicos da Administración sempre que se cumpran os requisitos establecidos no punto 2° da letra d) do número 2 do artigo 32, e nas letras a) e b) do número 4 do mesmo artigo, e virán obrigadas a realizar, con carácter exclusivo, os traballos que estes lles encomenden nas materias sinaladas nos números 4 e 5, dando unha especial prioridade a aqueles que sexan urxentes ou que se ordenen como consecuencia das situacións de emerxencia que se declaren.

– Financiamento: para a realización dos traballos obxecto do encargo o Servizo Galego de Saúde destinará, como máximo, a cantidade de 65.449,35 euros de conformidade coa proposta económica presentada pola empresa Tragsa, e con cargo á aplicación orzamentaria 50.01.412B.631.1, proxecto 201700001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

– Prazo de vixencia: o presente encargo terá unha duración ata o 31 de decembro de 2022 a partir da súa aprobación.

A empresa Tragsa está obrigada ao cumprimento do prazo fixado para o encargo.

Poderán ser acordadas as prórrogas do prazo de execución que sexan necesarias sempre e cando estean xustificadas as causas do atraso e sen que supoñan en ningún caso incremento do importe total do encargo.

Tamén poderán ser acordadas suspensións parciais ou totais polo prazo que, debidamente xustificado, non sexa posible a execución normal dos traballos. En todo caso, unha vez desaparezan as causas que provocaron o acordo de suspensión, continuarase coa execución logo de sinatura da correspondente acta.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2021

Julio García Comesaña
Presidente do Servizo Galego de Saúde