Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 18 de marzo de 2021 Páx. 15367

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 12 de marzo de 2021 pola que se nomean os membros do Consello Reitor da Axencia Tributaria de Galicia.

O Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, establece no seu artigo 15 a composición e o réxime de funcionamento do Consello Reitor, órgano superior colexiado de goberno da axencia, que establece as directrices de actuación desta, de acordo coas emanadas pola consellería competente en materia de facenda. O Consello Reitor está integrado pola Presidencia, que corresponde á persoa titular da Presidencia da Axencia Tributaria de Galicia, a Vicepresidencia, que exercerá a persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, e seis vogais. Os membros do Consello Reitor son nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de facenda e poderán ser suplidos temporalmente nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade por quen ela designe.

En cumprimento diso, mediante a Orde do 11 de decembro de 2012, pola que se ditan actos dirixidos á constitución e posta en funcionamento da Axencia Tributaria de Galicia, disponse o nomeamento dos vogais titulares e dos seus correspondentes suplentes no Consello Reitor da axencia.

A Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, autoriza na súa disposición adicional quinta a supresión do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e establece que as súas funcións serán asumidas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega). A supresión do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable levarase a cabo mediante decreto do Consello da Xunta.

En virtude da devandita autorización, apróbase o Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec), e modifícase o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos. No seu artigo 2 disponse que a citada axencia (Amtega) asume as competencias, as obrigacións e os medios persoais e materiais que ata entón correspondían ao Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e que as funcións que o ordenamento xurídico atribúe a este último serán asumidas pola sinalada axencia, de conformidade co que estableza o seu estatuto. Así mesmo, na súa disposición derradeira segunda establécese que as mencións que a normativa vixente realiza ao Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable se entenderán realizadas á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

As modificacións producidas mediante o citado Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, afectan a composición do Consello Reitor da Axencia Tributaria de Galicia. Por esta razón e como consecuencia dos nomeamentos de novos altos cargos, faise necesario actualizar o nomeamento dos vogais e dos seus correspondentes suplentes no Consello Reitor, todo iso co obxecto de respectar a composición do órgano tal e como está previsto no estatuto da Axencia Tributaria de Galicia.

En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 15 do citado estatuto e das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia,

ACORDO:

Primeiro. Nomear como vogais e suplentes do Consello Reitor da Axencia Tributaria de Galicia as seguintes persoas:

– Vogal titular: Jorge Atán Castro, secretario xeral técnico e do Patrimonio.

– Vogal suplente: Mª Ángeles Vidal Ruiz, subdirectora xeral de Apoio Técnico-Xurídico.

– Vogal titular: Miguel Corgos López-Prado, director xeral de Planificación e Orzamentos.

– Vogal suplente: Javier de la Peña Durán, xefe do Servizo de Sistemas de Financiamento e Taxas e Prezos.

– Vogal titular: David Cabañó Fernández, director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

– Vogal suplente: Ana Marta García Cuevas, subdirectora xeral do Tesouro.

– Vogal titular: José María Barreiro Díaz, director xeral da Función Pública.

– Vogal suplente: Víctor Galego Vincent, subdirector xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais.

– Vogal titular: Almudena Chacón Pichel, interventora xeral da Comunidade Autónoma.

– Vogal suplente: Aránzazu Portabales Santomé, subdirectora xeral de Fiscalización e Control Interno.

– Vogal titular: María del Mar Pereira Álvarez, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

– Vogal suplente: Víctor Coladas Bilbao, director da Área de Transformación Dixital da Facenda Autonómica.

Segundo. A presente orde deixa sen efecto os nomeamentos de vogais titulares e suplentes do Consello Reitor da Axencia Tributaria de Galicia efectuados pola Orde do 11 de decembro de 2012 pola que se ditan actos dirixidos á constitución e posta en funcionamento da Axencia Tributaria de Galicia.

Terceiro. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública