Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 25 de marzo de 2021 Páx. 16333

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 24 de marzo de 2021 pola que se establecen as condicións dunha emisión de obrigacións sostibles da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 50 millóns de euros.

Con base no artigo 37.3 da Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, autorízase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para formalizar operacións de endebedamento mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado.

Así mesmo, no artigo 33 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a Comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal lle corresponderá, así mesmo, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. A dita facultade correspóndelle na actualidade ao conselleiro de Facenda e Administración Pública en virtude do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Mediante o Acordo do Consello de Ministros, do 2 de marzo de 2021, outorgouse a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas. Así mesmo, mediante resolución do director xeral do Tesouro e Política Financeira concedeuse autorización específica da Secretaría Xeral do Tesouro e Financiamento Internacional para cumprir o establecido na Resolución do 4 de xullo de 2017, de prudencia financeira.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único

Autorízase un novo tramo (tramo 2), por un importe nominal de 50 millóns de euros, da emisión de débeda pública sostible da Comunidade Autónoma de Galicia (a emisora) por un importe nominal de 500 millóns de euros, emitida o 1 de outubro de 2020, cun xuro do 0,084 %, prezo da emisión do 100,00 % e amortización dunha soa vez á par na data de vencemento, 30 de xullo de 2027 (código ISIN ES0001352592).

A data de amortización, así como o tipo de xuro nominal e demais condicións deste novo tramo da emisión de débeda pública que autoriza esta orde, serán as mesmas que se estableceron na Orde do 30 de setembro de 2020 pola que se establecen as condicións dunha emisión de obrigacións sostibles da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 500 millóns de euros (Diario Oficial de Galicia núm. 199, do 1 de outubro), coas seguintes excepcións:

Importe nominal da emisión: cincuenta (50) millóns de euros.

Data de emisión e desembolso: 25 de marzo de 2021.

Cupón corrido: 0,04027398 % sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión excluíndo o cupón corrido: 100,311 % sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión incluíndo o cupón corrido: 100,35127398 % sobre o importe nominal da emisión.

Entidade colocadora: HSBC France.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública