Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 25 de marzo de 2021 Páx. 16417

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2021 pola que se convocan, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, as xornadas XIV e XV de formación práctica dixital (E-martes).

Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2021, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, as XIV e XV xornadas de formación práctica dixital (E-martes), de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, a autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.

Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

2. Contidos.

As XIV e XV xornadas de formación práctica dixital (E-martes), que terán lugar os vindeiros martes, 6 e 20 de abril, estarán dedicadas á contratación pública de Galicia e abordarán os seguintes temas:

• A plataforma de contratos públicos de Galicia (CPG).

• Como facer unha presentación electrónica das ofertas a través do Sistema de licitación electrónica da Xunta de Galicia (Silex).

• Xestor de expedientes de contratación (Plation).

• Como darse de alta no Rexistro Xeral de Contratistas (RXC) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

• Como presentar unha factura electrónica a través do Sistema electrónico de facturación (SEF) da Xunta de Galicia.

A formación será impartida nunha primeira parte teórica e común aos dous grupos de persoas destinatarias e nunha posterior parte práctica adaptada a cada grupo nas aulas de informática da escola.

3. Persoas destinatarias.

As persoas destinatarias destas actividades son:

– O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.

– A cidadanía: profesionais e persoas interesadas no manexo das aplicacións descritas na súa relación coa Administración.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: os martes 6 e 20 de abril de 2021.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 6 horas lectivas cada xornada.

5. Número de prazas.

• Persoal empregado público: 13.

• Cidadanía: 10.

O número de prazas convocadas vén determinado pola capacidade das aulas e é adaptado ás medidas de seguridade e hixiene previstas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.

6. Inscrición.

1. A inscrición nestas actividades formativas só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nestas actividades, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais, ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que están integradas estas actividades (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «Nome do curso» a xornada en que desexen matricularse:

• XIV Xornada E-martes de formación práctica dixital: 6 de abril.

• XV Xornada E-martes de formación práctica dixital: 20 de abril.

As persoas que resulten seleccionadas para a primeira xornada (6 de abril), no caso de ter solicitadas as dúas xornadas, serán excluídas da listaxe de persoas seleccionables da xornada correspondente ao 20 de abril, salvo renuncia recibida coa antelación prevista no punto 10 desta resolución.

5. Os prazos para a inscrición nestas actividades serán os seguintes:

• Para a XIV Xornada E-martes, que se desenvolverá o día 6 de abril: desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 29 de marzo de 2021.

• Para a XV Xornada E-martes, que se desenvolverá o día 20 de abril: desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 12 de abril de 2021.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

7. Comprobación de datos.

1. Para tramitar o procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección destas actividades formativas.

2. A presentación das solicitudes comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

Para a selección das prazas do colectivo de persoal empregado público da Administración autonómica terán prioridade as persoas con funcións directamente relacionadas coa materia impartida, sempre que se poidan confirmar cos datos dispoñibles ou coa documentación achegada.

Fóra deste criterio específico para o grupo de persoal empregado público, a orde de admisión virá determinada en cada unha das xornadas pola data e a hora de presentación das solicitudes.

9. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas en cada grupo para participar nestas actividades, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo de cada actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia á sesión da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia de cada unha destas actividades formativas.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización destas actividades.

11. Facultades da EGAP.

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas actividades, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado de asistencia oficial

Ao final destas actividades emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública