Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 26 de marzo de 2021 Páx. 16514

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

DECRETO 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

Mediante o Decreto 110/2020, do 6 de setembro, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa. Posteriormente, o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, fixou a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

Este último decreto recolle, respecto da Consellería do Mar, a mesma estrutura e denominación dos órganos de dirección que xa aparece recollida no actual Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar. Esta disposición foi obxecto dunha importante modificación no ano 2018, o que motiva, xunto coa necesidade de mellorar a estrutura orgánica e funcional necesaria para o cumprimento das funcións que se lle atribúen á consellería, a aprobación dun novo decreto.

As novidades introducidas neste decreto resúmense principalmente nos aspectos que se salientan a seguir. Por un lado, defínense de xeito mais preciso as funcións do Servizo de Protección de Recursos dependente da Subdirección Xeral de Gardacostas. Tamén se crea unha subdirección xeral con dependencia directa da persoa titular da consellería a que lle corresponderán fundamentalmente as funcións de verificación das operacións financiadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Desta forma garántese a necesaria separación de funcións ente os organismos xestores do gasto e o equipo que realiza a súa verificación. Ata o momento estes labores de verificación eran realizados polo Servizo de Coordinación e Control de Fondos dependente da Subdirección Xeral de Innovación Tecnolóxica da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. Coa creación desta subdirección xeral, que asume estes labores, garántese de forma nítida a separación de funcións tanto orgánica como funcionalmente. Pero esta subdirección xeral non se crea unicamente para exercer as funcións de verificación de operacións financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca de cara á súa certificación. Ao longo da execución dos distintos programas operativos dos fondos europeos destinados á pesca, tense comprobado a conveniencia de contar cun órgano que coordine a actuación dos distintos organismos intermedios de xestión con que conta a Consellería do Mar na xestión dos programas operativos. Esta nova subdirección xeral terá entre as súas atribucións as de coordinar a actuación destes organismos e colaborar con eles, tanto na planificación dos programas operativos como no seu seguimento e control.

Introdúcese tamén unha serie de cambios na Secretaría Xeral Técnica e na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, a nivel organizativo e competencial.

Polo que se refire á organización dos servizos periféricos, modifícase o ámbito das xefaturas territoriais da Coruña e Celeiro, para facer unha repartición máis racional do traballo que desenvolverá cada unha delas, e adáptanse a denominación e as funcións dos servizos con que contan á estrutura das direccións xerais dos servizos centrais.

Así pois, a nova estrutura plasmada neste decreto xorde como consecuencia da necesidade de afondar na mellora continua das estruturas administrativas, co fin de acadar o máximo nivel de calidade na prestación dos servizos públicos.

Por último, o decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia. En concreto, cumpre cos principios de necesidade e eficacia, pois trátase dun instrumento necesario e axeitado para servir o interese xeral e a efectiva execución das políticas públicas da Xunta de Galicia nas materias responsabilidade da Consellería do Mar. É proporcionado no cumprimento deste propósito, pois non existe outra alternativa para desenvolver a estrutura orgánica da consellería. En canto aos principios de seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, o decreto adecúase a eles, pois é coherente co resto do ordenamento xurídico, identifica o seu propósito e del non derivan novas cargas administrativas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Mar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de marzo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da Consellería do Mar

Artigo 1. Competencias

A Consellería do Mar é o órgano da Administración galega ao cal, baixo a superior dirección da persoa titular do departamento, lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/das profesionais do sector, industrias pesqueiras e conserveiras, establecementos de almacenamento, manipulación, vendas e transformación do peixe e ensinanzas marítimo-pesqueiras, náutico-deportivas e mergullo, cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, salvamento marítimo, loita contra a contaminación e planificación e actuacións portuarias, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que lles poidan corresponder aos outros organismos da Comunidade Autónoma.

Artigo 2. Estrutura da consellería

1. Para o exercicio das súas funcións, a Consellería do Mar estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) A persoa titular da Consellería do Mar.

b) A Secretaría Xeral Técnica.

c) A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

d) A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

2. Quedan adscritas á Consellería do Mar as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico:

a) O ente público Portos de Galicia.

b) O ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

TÍTULO II

Servizos centrais

CAPÍTULO I

A persoa titular da Consellería do Mar

Artigo 3. A persoa titular da consellería

A persoa titular da Consellería do Mar é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investida das atribucións que lle asignan as normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Artigo 4. Estrutura

Baixo a dependencia directa da persoa titular da consellería atópanse os seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia.

b) Subdirección Xeral de Planificación, Seguimento e Verificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Artigo 5. Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia

1. A Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia exercerá de maneira directa, ou a través das unidades administrativas que nela se integran, as seguintes funcións:

a) A coordinación das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.

b) A elaboración do plan de continxencias por contaminación mariña accidental.

c) A prevención da contaminación mariña.

d) As funcións de programación, planificación e control das accións de vixilancia e inspección, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta de Galicia, tanto no sector extractivo como nos centros de comercialización e establecementos de produción, transformación e consumo, así como no transporte dos produtos en xeral.

e) Cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia.

2. A Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Protección de Recursos.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A verificación das actividades extractivas, de comercialización, de transporte, de almacenaxe e de transformación ata a persoa consumidora final dos produtos do mar, consonte a normativa de aplicación en vigor.

b) O control das actividades de acuicultura en zona marítima, terrestre e marítimo-terrestre.

c) A vixilancia e control das actividades relacionadas coa pesca marítima de lecer e inmersións, segundo a normativa en vigor.

d) Cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia.

2.2. Servizo de Busca, Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A coordinación das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.

b) A elaboración do plan de continxencias por contaminación mariña accidental.

c) A planificación de actividades de prevención da contaminación mariña.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da consellería en razón da súa competencia.

2.3. Servizo de Inspección e Control dos Recursos.

Sen prexuízo das competencias propias doutros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) O fomento e a protección da saúde pública, da seguridade ao longo da cadea alimentaria e, en especial, da fauna silvestre e do propio ambiente, das producións e dos recursos xenéticos dos animais acuáticos.

b) A sanidade de animais acuáticos e establecementos de acuicultura.

c) A protección de recursos, especialmente no que atinxe a tamaños mínimos, zonas e épocas de veda e topes de captura.

d) O control da cadea alimentaria, tanto na produción primaria como na transformación, no almacenamento e na distribución.

e) A inspección en lonxas, puntos de control e establecementos autorizados para efectuar primeiras vendas dos produtos do mar.

f) O control do transporte de especies mariñas, establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura.

g) O control da comercialización dos produtos do mar, peixarías e establecementos autorizados para a venda destes produtos.

h) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da consellería en razón da súa competencia.

Artigo 6. Subdirección Xeral de Planificación, Seguimento e Verificación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca

1. A Subdirección Xeral de Planificación, Seguimento e Verificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca exercerá as seguintes funcións:

a) A planificación, seguimento e control na execución do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, en coordinación e colaboración cos organismos intermedios xestores deste fondo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A realización das actuacións de verificación sobre as operacións financiadas con este fondo, de conformidade cos regulamentos comunitarios e coa restante normativa de aplicación.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Verificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, ao cal corresponderán as seguintes funcións:

a) Garantir que as operacións obxecto de financiamento europeo respectan a normativa comunitaria, nacional e rexional aplicable.

b) Realizar as actuacións de verificación administrativa e sobre o terreo que cubran os aspectos administrativos, financeiros, técnicos e físicos das operacións.

c) Rexistrar os resultados derivados das medidas antifraude adoptadas por todos os organismos intermedios de xestión, así como as medidas adoptadas en relación coas sospeitas de fraude identificadas e notificar esta información á autoridade de xestión.

d) Colaborar coa autoridade de xestión na coordinación e atención ás visitas de control que os órganos nacionais e comunitarios con competencia nesa materia realicen aos organismos intermedios de xestión.

e) Corrixir as irregularidades e incidencias observadas nos informes de control e informar a autoridade de xestión dos resultados desta corrección.

f) Garantir que se dispón de toda a documentación sobre o gasto, as verificacións e as auditorías necesarias para contar cunha pista de auditoría apropiada.

g) Deseñar e implementar os procedementos de verificación e declaración co obxecto de certificar o gasto.

h) Subministrar ao organismo intermedio de certificación toda a información e documentación solicitadas sobre os procedementos e verificacións efectuadas en relación co gasto para os efectos da súa certificación.

CAPÍTULO II

Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Secretaría Xeral Técnica

Artigo 7. Atribucións

A Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como todas aquelas que lle sexan encomendadas pola persoa titular da consellería.

Como responsable do tratamento de datos persoais no ámbito das súas competencias, segundo figura no Rexistro de Actividades de Tratamento da Consellería do Mar, correspóndenlle a xestión, coordinación e dirección do tratamento de datos, así como a determinación dos fins e dos medios organizativos e técnicos que resulten necesarios para garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos persoais.

Artigo 8. Estrutura

1. A Secretaría Xeral Técnica contará, para o exercicio das súas funcións e baixo a súa dependencia orgánica e funcional, cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Coordinación Orzamentaria e Contratación.

2. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, os seguintes órganos administrativos:

2.1. A Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, e desenvolverá as funcións previstas no artigo 13.2 do devandito regulamento en relación coas súas respectivas áreas funcionais, contando co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo. Dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral.

2.2. A Intervención Delegada, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. Da Intervención Delegada dependerán os postos de traballo que se determinen na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 2ª. Vicesecretaría Xeral

Artigo 9. Funcións e estrutura

1. A Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as competencias e funcións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, en apoio técnico á Secretaría Xeral Técnica, coordinando, de acordo coas súas instrucións, as unidades integrantes do órgano, así como os organismos e entidades dependentes da consellería, e substituirá a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

2. Directamente, ou a través dos servizos e unidades que nela se integran, exercerá as seguintes funcións:

a) A realización de estudos e informes na materia competencia do departamento e no relativo á estruturación e mellora da xestión.

b) A organización da documentación procedente do Rexistro e o control do arquivo.

c) A interlocución coas organizacións sindicais en asuntos competencia da consellería.

d) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polo Valedor/a do Pobo e outras institucións, así como dos requirimentos entre administracións públicas.

e) A coordinación coa Asesoría Xurídica en relación coa tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á Consellería do Mar polos xulgados e tribunais.

f) O estudo e a preparación dos asuntos que teñan que elevarse á Comisión de Secretarios/as e ao Consello da Xunta de Galicia, así como o traslado dos seus acordos.

g) A tramitación de convenios, encomendas de xestión e ordes de axudas.

h) As funcións de xestión do persoal funcionario e laboral da consellería.

i) O exercicio das funcións establecidas para a figura do delegado de Protección de Datos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e na normativa de desenvolvemento.

j) A tramitación das solicitudes de acceso á información pública correspondentes a materias de competencia da Secretaría Xeral Técnica, así como a coordinación e apoio nesta materia ás direccións xerais e organismos e entidades dependentes da consellería no exercicio das súas competencias en cuestións de transparencia.

k) Impulsar a aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes con carácter transversal nas funcións atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

l) Aqueloutros asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

3. A Vicesecretaría Xeral, para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Apoio Técnico-Normativo.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) O estudo e a elaboración de informes sobre a normativa marítimo-pesqueira.

b) A realización dos estudos e informes que lle sexan encomendados pola Vicesecretaría Xeral.

c) O estudo, seguimento e tramitación das propostas de disposicións que elaboren os distintos órganos superiores e de dirección da consellería, así como a emisión de informes nas distintas fases do procedemento de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral ou lexislativas.

d) O apoio á Asesoría Xurídica na tramitación dos recursos contencioso-administrativos e demais asuntos litixiosos en que a Consellería do Mar sexa parte interesada.

e) A asistencia e apoio no exercicio das funcións da consellería relativas ás solicitudes de acceso á información pública e ás obrigas de publicidade, de transparencia e bo goberno, así como a elaboración dos informes relativos aos recursos en materia de transparencia competencia da Secretaría Xeral Técnica.

f) O mantemento do rexistro, arquivo e custodia das disposicións normativas emanadas da consellería, así como levar a cabo as compilacións das ditas normas.

g) O control da publicación de toda a normativa pesqueira, así como a coordinación dos trámites para a publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería e os relativos á designación de membros de órganos colexiados e entidades do sector publico autonómico de Galicia que sexan competencia da Consellería do Mar.

h) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola Vicesecretaría Xeral en razón da súa competencia.

3.2. Servizo de Persoal.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

b) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos do capítulo I, incluída a elaboración de propostas de modificación de créditos.

c) O exercicio das funcións de xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais e das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos.

d) A ordenación e control da xestión do persoal.

e) A programación das necesidades de persoal.

f) A elaboración das propostas das relacións de postos de traballo.

g) O mantemento e actualización da base de datos de persoal.

h) A organización, custodia e arquivo dos seus expedientes.

i) A elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación na materia.

j) O estudo, coordinación e tramitación dos expedientes disciplinarios e a tramitación da execución das sentenzas en materia de persoal.

3.3. Servizo Técnico-Xurídico.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A elaboración das propostas de resolución dos expedientes sancionadores cuxa resolución corresponda ás persoas titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería do Mar, así como a proposta de resolución dos recursos administrativos que se interpoñan contra eles.

b) O estudo, tramitación e elaboración das propostas de resolución de reclamacións e recursos administrativos formulados contra actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería cando non se atribuíse a dita competencia a outros órganos, así como a tramitación e elaboración de propostas de resolución de procedementos de revisión de oficio de actos e resolucións ditados polos órganos da consellería.

c) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

d) As actuacións relativas ao exercicio do protectorado das fundacións de interese galego dependentes da consellería.

e) A elaboración de informes relacionados coas funcións que se lle asignen.

f) A xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral en razón da súa competencia.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Coordinación Orzamentaria e Contratación

Artigo 10. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Coordinación Orzamentaria e Contratación exercerá as seguintes funcións:

a) Elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería, a súa execución, seguimento e control.

b) A xestión coordinada da contratación administrativa.

c) A xestión económica, a coordinación, o seguimento e control dos fondos procedentes doutras administracións ou institucións.

d) As funcións relativas á súa condición de responsable do organismo intermedio de certificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A elaboración, en coordinación cos órganos afectados, do anteproxecto de orzamentos da consellería, e a coordinación, o seguimento e o control da súa execución.

b) A tramitación dos expedientes de modificación dos créditos consignados no orzamento de gastos da consellería.

c) A xestión e tramitación de expedientes de gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

d) O impulso na tramitación económico-administrativa de expedientes de gasto e propostas de pagamento.

e) A planificación, habilitación e seguimento da provisión de créditos para gastos de mantemento dos distintos órganos e unidades administrativas que se lle asignen, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamento que xustificar.

f) O aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da consellería.

g) A xestión de taxas e de prezos públicos da consellería e a coordinación con todos os órganos, unidades e centros dependentes.

h) O control da seguranza na utilización do programa de xestión contable da Xunta de Galicia (Xumco).

i) Calquera outra función análoga que, por razón da súa competencia, lle sexa encomendada pola Secretaría Xeral Técnica.

2.2. Servizo de Contratación e Réxime Patrimonial.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) As funcións inherentes á preparación, licitación e adxudicación dos expedientes de contratación administrativa da consellería, así como as súas modificacións.

b) O inventario e a xestión e control dos bens adscritos á consellería.

c) A xestión dos vehículos asignados á consellería coa tramitación de altas, modificacións, baixas, partes de sinistros e necesidades de inspección técnica de vehículos.

d) A xestión e control das comunicacións telefónicas.

e) Calquera outra función análoga que, por razón da súa competencia, lle sexa encomendada pola Secretaría Xeral Técnica.

2.3. Servizo de Xestión de Fondos Comunitarios.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A coordinación, o seguimento e o control dos fondos procedentes da Unión Europea e dos fondos finalistas do Estado.

b) As tarefas e funcións inherentes ao organismo intermedio de certificación (OIC) do programa operativo para Galicia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), por delegación da autoridade de certificación (AC) e de acordo co convenio asinado con esta para o efecto, en concreto: elaborar e remitir á autoridade de certificación a proposta de certificación parcial de gastos e solicitude de pagamentos intermedios e saldo parcial efectuados para todas as liñas de acción do FEMP, logo de asegurarse de que son o resultado de sistemas de contabilidade fiables, que se basean en documentos acreditativos verificables e que foron verificados polos organismos intermedios de xestión (OIX); remitirlle á autoridade de certificación a información económica e financeira das operacións financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que executan os organismos intermedios de xestión no ámbito das súas competencias, a través da aplicación informática deseñada para o efecto; realizar verificacións sobre unha mostra aleatoria dos pagamentos declarados na petición de reembolso para garantir que os datos informados son correctos, están pagados e se axustan ao previsto na normativa; elaborar, no seu ámbito, as contas do artigo 63.5.a) do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión; ter en conta, ao elaborar e presentar as propostas de solicitudes de pagamento, os resultados de todas as auditorías levadas a cabo pola autoridade de auditoría ou baixo a súa responsabilidade e levar unha conta dos importes recuperables, dos importes recuperados e dos importes retirados tras anularse a totalidade ou parte da contribución a unha operación.

CAPÍTULO III

Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Artigo 11. Funcións e estrutura

1. Á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica correspóndelle exercer as seguintes funcións:

a) A dirección e coordinación das competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores e acuicultura.

b) A dirección e coordinación das competencias e funcións en materia das industrias de transformación, comercialización e almacenamento dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

c) A elaboración de estatísticas e rexistros en materia de pesca, marisqueo e acuicultura.

d) A promoción da competitividade dos produtos pesqueiros, marisqueiros e da acuicultura e o fomento da súa calidade.

e) A conservación, protección e xestión sustentable dos recursos mariños.

f) A coordinación da sanidade dos animais acuáticos e dos establecementos de acuicultura.

g) A cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, de acordo coa política pesqueira galega e máis as regulamentacións básicas da Unión Europea e da Administración xeral do Estado.

2. Para o desenvolvemento das ditas funcións, esta dirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Innovación Tecnolóxica.

Correspóndenlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) A execución de todas as accións desenvolvidas no eido da innovación tecnolóxica das estruturas pesqueiras galegas, especialmente no relativo á súa modernización e adecuación aos mercados globalizados e, en particular, ao desenvolvemento da frota pesqueira galega e da industria de transformación dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

b) A coordinación administrativa, execución e seguimento do orzamento das actuacións transversais da dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A planificación e xestión das diferentes liñas de axudas destinadas á frota galega.

b) A xestión das diferentes medidas orientadas a favorecer a innovación e a competitividade da frota pesqueira galega mediante accións encamiñadas á súa reestruturación, renovación e modernización.

c) A tramitación das autorizacións para construír, modernizar e reconverter buques.

d) O control do esforzo pesqueiro a través das modificacións na composición da frota pesqueira galega.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.1.2. Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A planificación e xestión das diferentes liñas de axudas destinadas ás empresas de transformación de produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

b) A xestión das diferentes medidas dedicadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.2. Subdirección Xeral de Pesca e Mercados da Pesca.

Corresponderanlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) Programar, coordinar e efectuar o seguimento das actuacións en materia de ordenación das actividades da pesca.

b) Velar pola aplicación da normativa sobre a actividade pesqueira e colaborar na defensa e promoción dos intereses galegos en materia de pesca.

c) Fomentar todas aquelas accións encamiñadas a incrementar a competitividade das empresas da pesca, do marisqueo e da acuicultura nun contexto globalizado, mediante o reforzo das súas capacidades de innovación e adaptación ás demandas do mercado e, especialmente, no eido da regulación dos mercados pesqueiros, na mellora das canles de comercialización, na adopción de novos mecanismos de comercialización e na promoción dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Pesca.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de pesca profesional e recreativa.

b) A xestión dos instrumentos de planificación da actividade pesqueira.

c) A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade pesqueira, tanto profesional coma recreativa.

d) O seguimento da actividade pesqueira.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.2.2. Servizo de Mercados.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A xestión e o desenvolvemento dos instrumentos de planificación e ordenación da comercialización en orixe dos produtos pesqueiros, en particular, a regulación en primeira venda dos produtos da pesca nas lonxas pesqueiras e en establecementos autorizados.

b) O estudo, a avaliación e o fomento de propostas de implantación de novos mecanismos de comercialización; en particular, daquelas innovacións que favorezan a competitividade das empresas.

c) A realización de accións de promoción dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

d) A realización de accións que fomenten as denominacións de orixe e os distintivos de calidade no sector da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

e) O fomento da creación e o control da actividade das organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades representativas do sector recoñecidas no marco da Organización Común de Mercados.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.2.3. Servizo de Análise e de Rexistros.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A recollida e avaliación dos datos para a elaboración das estatísticas da actividade de aproveitamento dos recursos mariños.

b) A elaboración das estatísticas no ámbito de competencias da dirección xeral.

c) O estudo e a elaboración de informes con base nas estatísticas e nos datos recollidos.

d) A formulación de liñas de actuación, con base nos datos estatísticos, encamiñadas ao incremento da produtividade, do control ou da competitividade das actividades da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

e) A elaboración e xestión dos rexistros existentes que sexan da súa competencia e a daqueles que no sucesivo se creen.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.3. Subdirección Xeral de Acuicultura.

Correspóndenlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) A elaboración e o desenvolvemento dos instrumentos de planificación territorial para o exercicio da actividade da acuicultura.

b) A ordenación, o fomento e o control da acuicultura, así como o establecemento das condicións para o seu exercicio.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de acuicultura.

b) A xestión e o desenvolvemento dos instrumentos de planificación e ordenación da actividade da acuicultura.

c) O seguimento e control da actividade de acuicultura.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.3.2. Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A planificación e xestión das diferentes liñas de axuda destinadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas da acuicultura.

b) A xestión dos títulos administrativos habilitantes para a acuicultura.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

CAPÍTULO IV

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Artigo 12. Atribucións e composición

1. Á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A ordenación do marisqueo, o establecemento das condicións para o exercicio da actividade marisqueira e a conservación, protección e xestión sustentable dos recursos marisqueiros.

b) O fomento da organización sectorial.

c) A ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de extensión pesqueira, ensino e titulacións náutico-pesqueiras e de lecer.

d) A investigación mariña, que se desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

e) A programación e coordinación das infraestruturas e equipamentos portuarios pesqueiros.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro.

Baixo a dependencia xerárquica da persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A coordinación, programación, xestión e execución do desenvolvemento pesqueiro e da promoción das comunidades pesqueiras.

b) A coordinación, programación, execución, seguimento e control das infraestruturas e equipamentos portuarios pesqueiros.

c) A coordinación, programación e execución de accións de fomento das actividades marítimas e pesqueiras.

d) A coordinación, programación e execución das actividades de divulgación e de transferencia tecnolóxica nas comunidades pescadoras e litorais.

e) A programación, supervisión, realización e difusión de publicacións e doutro material científico e didáctico.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.2. Subdirección Xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais.

Corresponderanlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) As actividades de fomento da programación e coordinación do ensino náutico-pesqueiro nos centros dependentes da consellería.

b) A coordinación da formación.

c) O asesoramento ás organizacións sectoriais.

d) A programación e xestión administrativa, económica e orzamentaria da dirección xeral.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Coordinación e Apoio á Xestión.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A planificación, a xestión, o seguimento e a coordinación administrativa da execución dos orzamentos da dirección xeral.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.2.2. Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A coordinación, programación e xestión das ensinanzas náutico e marítimo-pesqueiras nos centros dependentes da Consellería do Mar.

b) A elaboración de estudos sobre funcionamento das ensinanzas e perfeccionamento do profesorado.

c) A elaboración da memoria das actividades dos centros.

d) Servir de canle nas relacións entre os centros, a Administración educativa e outras entidades públicas e privadas.

e) A programación e execución da formación e a reciclaxe dos/das profesionais do sector.

f) A emisión e rexistro das titulacións náuticas de pesca e lecer.

g) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.2.3. Servizo de Apoio e Relación coas Organizacións Sectoriais.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A asistencia técnica ás confrarías de pescadores/as e asociacións relacionadas co sector.

b) Recibir información das actividades das confrarías de pescadores/as.

c) Servir de canle ás relacións entre os distintos órganos do departamento e as confrarías.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.3. Subdirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Corresponderanlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) A programación, xestión e execución do desenvolvemento pesqueiro incluíndo a supervisión, xestión e control dos grupos constituídos para o desenvolvemento sustentable do litoral.

b) As actividades de fomento da organización sectorial.

c) A extensión pesqueira.

d) A programación, a coordinación e o seguimento das actuacións en materia de ordenación do marisqueo.

e) Velar pola aplicación da normativa sobre a actividade marisqueira.

f) A colaboración na defensa e promoción dos intereses galegos en materia de marisqueo.

g) A planificación e o seguimento de instrumentos de xestión sustentable dos recursos marisqueiros.

h) Cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Servizo de Xestión dos Recursos Marisqueiros.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de marisqueo.

b) A xestión dos instrumentos de planificación da actividade marisqueira.

c) A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o marisqueo.

d) O seguimento da actividade marisqueira.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.3.2. Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) O asesoramento, fomento e apoio do asociacionismo e da organización do sector.

b) A extensión pesqueira.

c) Impulsar a formación, por parte dos axentes socioeconómicos das zonas costeiras, de iniciativas e programas de desenvolvemento e diversificación.

d) Dinamizar e coordinar os grupos constituídos para o desenvolvemento sustentable do litoral.

e) Difundir as políticas e medidas para o desenvolvemento costeiro aplicables en cada momento.

f) A supervisión, valoración e control da actividade dos grupos constituídos para o desenvolvemento sustentable do litoral.

2.4. Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.

Corresponderanlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) A programación, coordinación e seguimento de medidas en materia de conservación e protección dos recursos mariños.

b) O seguimento de instrumentos de xestión sustentable dos recursos mariños.

c) A realización de estudos previos á elaboración da normativa sobre a actividade pesqueira.

d) A coordinación e xestión do programa tecnolóxico sectorial de investigación mariña no marco do Plan galego de I+D+i.

e) O apoio á xestión do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), así como de calquera outra actividade relacionada co fomento da coordinación na investigación mariña de Galicia.

f) O seguimento e control de proxectos I+D+i no marco de instrumentos financeiros comunitarios, nacionais e autonómicos.

g) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.4.1. Servizo de Xestión de Proxectos.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A xestión das medidas e actuacións de interese colectivo en materia de conservación e protección dos recursos mariños.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.4.2. Servizo de Planificación.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A xestión de medidas de conservación e protección da fauna e da flora acuáticas en áreas de interese pesqueiro.

b) A xestión de actuacións en materia de estudo, avaliación ou seguimento dos recursos mariños naturais e da actividade pesqueira, marisqueira e da acuicultura.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.5. Dependendo funcionalmente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e con nivel orgánico de servizo, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) exercerá as funcións relativas á actividade investigadora e, particularmente, as referidas ás áreas de procesos oceanográficos costeiros, recursos mariños, acuicultura e patoloxía.

O CIMA está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo.

A este centro correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación, programación e xestión das infraestruturas e medios dispoñibles, tanto en equipamento como en persoal, dedicados á investigación mariña.

b) A xestión e o control de gastos de funcionamento e execución dos proxectos de investigación.

c) O fomento da coordinación interinstitucional e a integración interdisciplinar para unha optimización do rendemento da investigación mariña en Galicia.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola dirección xeral en razón da súa competencia.

2.6. Dependerán funcionalmente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro os seguintes centros públicos de ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras:

a) Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa).

b) Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

c) Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

d) Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

TÍTULO III

Órganos periféricos

Artigo 13. Xefaturas territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería do Mar organízase en xefaturas territoriais, que terán sede na Coruña, Celeiro e Vigo e desenvolverán as súas funcións nos seguintes ámbitos:

a) A Xefatura Territorial da Coruña terá como ámbito territorial a totalidade da provincia da Coruña, agás os concellos comprendidos desde Cedeira, incluído, ata os límites das provincias da Coruña e Lugo.

b) A Xefatura Territorial de Celeiro terá como ámbito territorial toda a provincia de Lugo e os concellos costeiros comprendidos desde Cedeira, incluído, ata os límites das provincias da Coruña e Lugo.

c) A Xefatura Territorial de Vigo terá como ámbito territorial toda a provincia de Pontevedra.

Todo iso sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito, de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

2. Á fronte das xefaturas territoriais estarán os xefes e xefas territoriais dos cales dependerán organicamente todos os servizos e as unidades administrativas da consellería que radiquen no ámbito territorial mencionado. As súas funcións serán as seguintes:

a) O réxime interior, a tramitación administrativa e o exercicio de competencias que en materia de expedientes sancionadores lle atribúa a normativa vixente.

b) A xestión de persoal.

c) A tramitación das incidencias relativas ao parque móbil da xefatura.

d) O inventario de bens mobles e inmobles adscritos.

e) A información ao público.

f) O control contable e a xustificación dos créditos que se lle asignen.

g) A elaboración de estatísticas.

3. Para o cumprimento das súas funcións, as xefaturas territoriais da Coruña, Celeiro e Vigo contarán coas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A tramitación dos títulos habilitantes para o exercicio do marisqueo.

b) A tramitación de solicitudes de apertura, anulacións e peche das zonas de traballo solicitadas polas distintas confrarías e outras entidades asociativas de pescadores/as no ámbito dos seus respectivos plans de explotación.

c) A emisión e rexistro das titulacións náuticas de pesca e de lecer.

d) Actividades de fomento da organización sectorial e extensión pesqueira.

e) A organización e seguimento de cursos de formación.

f) A emisión de autorizacións e de certificados de conformidade relacionados coa realización de traballos subacuáticos.

g) A coordinación e o seguimento das medidas de xestión dos recursos marisqueiros.

h) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola xefatura territorial en razón da súa competencia.

3.2. Servizo de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A tramitación das axudas con cargo a fondos europeos destinados a buques, industrias e acuicultura.

b) A tramitación dos títulos habilitantes para o exercicio da pesca e da acuicultura, así como as inmersións de especies.

c) A tramitación de procedementos de autorización, construción e modernización de buques pesqueiros e auxiliares.

d) O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma.

e) A inscrición, baixa e modificación de datos no Rexistro de Empresas Halioalimentarias.

f) A tramitación de cambios de porto base dentro da mesma provincia marítima.

g) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola xefatura territorial en razón da súa competencia.

TÍTULO IV

Órganos colexiados

Artigo 14. Órganos colexiados

Están adscritos á Consellería do Mar, co carácter, misión e funcións establecidas nas súas respectivas normas reguladoras, os órganos colexiados seguintes:

a) O Consello Galego de Pesca, regulado polo Decreto 123/2011, do 16 de xuño.

b) O Comité Científico Galego da Pesca, regulado polo Decreto 72/2011, do 31 de marzo.

c) A Comisión Galega de Mergullo Profesional, creada pola Orde do 20 de xuño de 2006.

d) A Comisión do Mexillón, creada pola Orde do 28 de decembro de 2010.

e) O Comité Técnico da Acuicultura, creado pola Orde do 20 de xullo de 2012.

Disposición adicional primeira. Orde de prelación en caso de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación

No non previsto neste decreto, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación das persoas titulares dos órganos de dirección da Consellería do Mar, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, na súa falta, polos órganos de dirección da consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

Disposición adicional segunda. Presenza equilibrada entre homes e mulleres

Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería do Mar, así como das persoas titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico pertencentes ao seu ámbito competencial, procurarase acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres.

Disposición adicional terceira. Dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición transitoria primeira. Modificación ou supresión de subdireccións xerais ou servizos existentes

1. Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería do Mar, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para readscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

2. No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Unidades e postos con nivel inferior ao de servizo adscritos a órganos suprimidos ou amortizados

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, mediante orde da persoa titular da consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogados o Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería do Mar para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar