Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 26 de marzo de 2021 Páx. 16545

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social (código de procedemento PR935A).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do dito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que garante ás persoas residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece, no seu artigo 5, a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daquelas persoas residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade, en especial agora, dada a situación derivada da aparición e evolución da pandemia do coronavirus (COVID-19) no mundo e o seu impacto económico e social.

Para realizar todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

Porén, ao longo destes anos, a Secretaría Xeral da Emigración detectou a existencia de situacións de grave necesidade, sobrevidas a persoas sen recursos económicos, orixinadas por desastres naturais ou de carácter sanitario, social ou asistencial, que non poden ser atendidas a través de ningún outro recurso, polo que deben ser obxecto dunha convocatoria específica de axudas que se adapte ás súas peculiaridades, co fin de evitar ou paliar situacións de exclusión social.

As peticións prodúcense ao longo de todo o ano, sen concentrarse en datas concretas, polo que é necesario establecer unhas bases reguladoras destas axudas que permanezan no tempo. As causas destas (motivos asistenciais, de precariedade económica, humanitarios, etc.) están dentro do ámbito de actuación que, por atribucións competenciais, corresponden á Secretaría Xeral da Emigración.

As circunstancias de temporalidade e a especificidade dos supostos concretos que se formulan, así como a diferente situación persoal e familiar das persoas solicitantes e dos países en que viven, impiden a comparanza e prelación entre as solicitudes presentadas para a súa resolución nun único procedemento, e é aplicable a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no seu artigo 31.4. Así mesmo, ao teren estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente á súa concesión, tal situación, cómpre aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

No ano 2020 o virus COVID-19 converteuse nunha pandemia global e as súas consecuencias sociais e económicas redundan no agravamento de situacións persoais que provocaron o paso de vivir unha vida digna a unha vida ao límite da exclusión social. Estas situacións provocadas pola pandemia agrávanse especialmente nalgúns países de América en que se veñen a sumar as difíciles situacións económicas e sociais polas que xa estaban a pasar.

Na súa consecuencia, convén realizar unha convocatoria de axudas para atender estas situacións, que se tramitará na modalidade de concorrencia non competitiva, prevista no antedito artigo 19.2, de modo que as solicitudes de subvención serán atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos e criterios básicos en que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que garanten a súa obxectividade e non se creen expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, das situacións a que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos a ela destinados.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega residentes no exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, que precisen dunha actuación urxente para evitar ou paliar situacións de necesidade, exclusión social, por enfermidade ou pasamento pola COVID-19, así como as que teñan por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarias, ao cumpriren os requisitos establecidos nos artigos 3 e 4 e cuxa atención corresponda ao ámbito de competencias propias deste centro directivo.

Artigo 2. Natureza, réxime das axudas e compatibilidade

1. Estas axudas teñen carácter persoal, intransferible e non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias.

2. Tendo en conta o obxecto e a finalidade destas axudas, o procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o esgotamento do crédito orzamentario da convocatoria, sempre que se cumpran as garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

A concesión destas axudas estará condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia esta circunstancia, o que comportará a inadmisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase no DOG e non implicará apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo e prazo para resolver.

3. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte.

Para os efectos das presentes bases reguladoras, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten que residiron en Galicia de forma continuada durante dez anos, con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados con calquera concello galego no padrón de españois residentes no exterior (PERE).

Excepcionalmente, para o caso de que estas persoas teñan que realizar unha viaxe e non poidan valerse por si mesmas, tamén poderá ser beneficiaria unha persoa acompañante.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

a) Teren rendas ou ingresos insuficientes.

A insuficiencia de rendas ou ingresos deberá ser acreditada pola persoa solicitante da axuda. No caso de solicitar axudas de viaxe, tamén deberán acreditar as rendas ou ingresos insuficientes a persoa acompañante, se é o caso, e os demais membros da familia que van acoller en Galicia a persoa que se despraza.

Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa interesada, ou se prevexa que vai dispor en cómputo anual, sexan iguais ou inferiores a 1,7 veces a prestación económica por ancianidade vixente, establecida polo Estado español para o país de residencia da persoa solicitante, nas contías determinadas para o ano da correspondente convocatoria e aplicándolles o primeiro tipo de cambio oficial emitido no mes de presentación da solicitude, computando todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas.

Naqueles países para os cales o Estado español non teña fixadas as contías das prestacións económicas por ancianidade, a referencia será o 80 % da contía da pensión non contributiva por xubilación vixente no país de residencia da persoa solicitante o ano da correspondente convocatoria.

Se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais (que virá dada, segundo o caso, pola prestación asistencial por ancianidade ou pensión non contributiva) máis o resultado de multiplicar o 30 % desta cifra polo número de persoas que convivan ou do 70 % no caso de menores de 16 anos, menos unha.

Para estes efectos, considerarase unidade económica familiar a formada pola persoa solicitante da axuda, cónxuxe ou parella de feito, fillos/as e parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao que convivan coa persoa solicitante. Igualmente, consideraranse rendas ou ingresos computables os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa solicitante ou a súa unidade económica familiar, derivados tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

b) Teren patrimonio insuficiente.

A carencia de patrimonio deberá ser acreditada polas mesmas persoas que no punto anterior.

Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando existan bens mobles na unidade económica familiar cun valor superior ás contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas no punto anterior deste artigo en cómputo anual.

c) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude, como máximo nos últimos doce meses, que pola súa gravidade requiran unha actuación urxente ou a necesidade de realizar unha viaxe por mor desta razón e, en particular, as derivada da actual situación de pandemia de coronavirus.

Para estes efectos, consideraranse razóns sociais, sanitarias ou asistenciais as seguintes:

– Atoparse no exterior en situacións de marxinación social ou de tal grao de dependencia que a persoa non se poida valer por si mesma e non teña cuberta a necesidade de atención por ningún medio.

– Situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar e carecer de medios para paliar esta situación.

– Situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga non cubertos polos diferentes sistemas de protección.

– Situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto ou con respecto dos cales, para a axuda de viaxes, a súa atención no Estado español supoña unha vantaxe significativa. Nestes casos, a persoa solicitante da axuda deberá acreditar previamente que ten cuberta a correspondente prestación sanitaria.

– Situacións sobrevidas causadas por graves catástrofes naturais ou outras causas que provoquen a perda ou grave deterioración da vivenda habitual e do enxoval.

– Aqueloutras situacións de carácter social, asistencial ou humanitario que deriven na necesidade dunha intervención urxente.

Artigo 5. Financiamento, contía das axudas e gastos subvencionables

1. Financiamento.

Anualmente, na resolución de convocatoria destas axudas destinarase un crédito orzamentario con indicación da aplicación recollida nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Contía das axudas.

Acreditadas as circunstancias excepcionais e urxentes que concorran en cada suposto que motive a solicitude, a súa contía será variable en función das causas expostas no artigo anterior e atendendo aos seguintes criterios de valoración:

a) No caso de atoparse no exterior en situacións de marxinación social, asignaráselle unha axuda económica única do 20 % do importe da PEA (prestación económica por ancianidade) correspondente ao país de residencia, ou o 20 % da contía da pensión non contributiva por xubilación vixente no país de residencia da persoa solicitante o ano da solicitude, e incrementarase nun 5 % no caso de que o grao de dependencia sexa tal que a persoa non se poida valer por si mesma e así o acredite o informe social que se xunta coa solicitude. Estas porcentaxes poderán ser adaptadas por resolución do secretario xeral da Emigración nos casos en que no país de residencia da persoa solicitante se produzan graves variacións no sistema económico e social.

b) Para as situacións derivadas da perda, inadecuación ou dotación básica da vivenda habitual ou familiar e carecer de medios para paliar esta situación, a axuda económica sería do 50 % do orzamento presentado, cun máximo de 3.000 €, tal e como se indica neste artigo.

c) En situacións derivadas de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga, será de aplicación o criterio referido no suposto a).

d) En situacións derivadas de problemas sanitarios graves cuxo tratamento non estea debidamente cuberto no país de residencia, aplicarase o criterio indicado para o suposto b).

e) Para a axuda de viaxes, a axuda consistirá no custo da pasaxe e a contía máxima que se concederá será de 1.500 € por persoa beneficiaria.

En todo caso, a contía máxima da axuda concedida por persoa beneficiaria non poderá exceder os 3.000 €, excepto para as axudas destinadas á realización de viaxes, que deberán realizarse na clase máis económica do medio de transporte que se utilice, nas cales a contía máxima que se conceda ou de custos que se satisfagan será de 1.500 € por persoa beneficiaria.

3. Gastos subvencionables.

Segundo o tipo de finalidade, serán subvencionables os seguintes gastos acreditados:

a) Os derivados das urxencias sociais e sanitarias recollidas nas letras b), d) e e) do artigo 5.2.

b) De custos de viaxe: os necesarios para paliar os efectos das causas expostas anteriormente que precisen o traslado da persoa interesada a outro país que non sexa o de residencia habitual. Para estes efectos, entenderanse incluídos nestes custos os de emisión do billete, así como os correspondentes a taxas e impostos directamente relacionados coa emisión daquel. De ser o caso, tamén se entenderán incluídos os custos derivados da tramitación de permisos ou documentos oficiais que sexan requisito indispensable para efectuar a viaxe.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, de acordo co previsto na orde de convocatoria, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal. Neste caso, deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será o determinado anualmente pola correspondente resolución de convocatoria destas axudas.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o previsto na orde de convocatoria, a seguinte documentación:

1.1. Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade española:

a) Documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior no cal conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular. Esta inscrición deberá ser anterior á presentación da solicitude, agás en casos de imposibilidade de obtención debidamente acreditada.

1.2. Documentación acreditativa da orixe galega:

A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

a) Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

b) Ter vinculación con calquera concello galego no padrón de españois residentes no exterior (PERE) e ser descendente ata o primeiro grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.

A vinculación cun concello galego no padrón españois residentes no exterior (PERE) non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que esta incapacidade lle impida a inscrición neste censo.

1.3. Documentación acreditativa da situación económica da persoa solicitante da axuda, así como da súa unidade económica familiar:

a) Copia da última declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar presentada.

No caso de que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar ou non estivesen obrigados a realizala, unha xustificación desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que se perciba.

b) Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan estas persoas.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición deste certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles de que dispoñan.

No caso de solicitar axuda de viaxe, orzamento do importe ou copia da reserva do billete de avión e, de ser o caso, documentación acreditativa da situación económica da persoa acompañante e a da súa unidade económica familiar, así como a da familia de acollemento en Galicia, se a houber.

1.4. Documento acreditativo do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda que inclúa un orzamento detallado dos gastos necesarios para paliar a situación, emitido por un organismo oficial ou por un organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no eido sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.

1.5. Para realizar as prestacións sanitarias no territorio do Estado español:

a) Acreditación da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde tal prestación se vaia realizar.

b) Para o caso de acollemento familiar ou asistencial en Galicia, acreditación por parte da familia de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda. Neste caso, o/a representante que actúa no nome da familia de acollida tamén deberá cubrir a correspondente solicitude segundo o previsto na orde de convocatoria e presentar a documentación que se especifica nos puntos 1.1.a), e 1.3.a) e b).

1.6. Para o caso de necesitar da asistencia dunha persoa acompañante, deberá presentar:

a) Certificados expedidos por organismos oficiais que acrediten a necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe.

b) Neste caso, a persoa acompañante tamén deberá cubrir a correspondente solicitude segundo o previsto na orde de convocatoria e presentar a documentación acreditativa da súa identidade e nacionalidade, así como da súa situación económica e da súa unidade económica familiar.

1.7. Documento acreditativo da representación legal, actualizado para o ano da convocatoria de ser o caso.

1.8. Outra documentación xustificativa ou informes do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda, que completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante a consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) No caso da persoa solicitante:

– DNI da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Documentación oficial acreditativa de atoparse vinculado/a cun concello galego no padrón de españois residentes no exterior (PERE).

b) No caso da persoa acompañante ou representante da familia de acollemento:

– DNI da persoa acompañante.

– DNI/NIE da persoa representante da familia de acollemento.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Natureza e compatibilidade das axudas

1. As axudas teñen carácter persoal e intransferible. As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio correspondente, previstas para esta finalidade.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión das axudas, a persoa beneficiaria faleza, terán dereito á súa percepción as persoas que acrediten, de acordo coa normativa do país de residencia, a súa condición de herdeiras, antes do 31 de decembro do ano da correspondente convocatoria.

2. Só se poderá conceder unha axuda por feito causante. Cada persoa solicitante só poderá pedir unha axuda por un único suposto. De presentarse máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

Artigo 12. Procedemento de instrución e concesión

1. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de programas sociais.

Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. Este órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

Se a comisión de avaliación así o estimar, poderá encargar informes socioambientais, que serán realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá por desistida da súa petición, de conformidade co que se dispón no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución, na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Resolución e pagamento

1. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, quen, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

O prazo máximo para resolver e notificar será de dous meses, contado desde o día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, as actividades obxecto destas axudas deberán realizarse con anterioridade ao 15 de decembro do ano da convocatoria.

2. A contía das axudas concedidas aboaráselles ás persoas beneficiarias nun pagamento único, unha vez notificada a resolución de concesión. Realizarase, salvo casos que así o aconsellen, mediante transferencia bancaria. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes. Os beneficiarios das axudas reguladas nas letras b), d) e e) do artigo 5.2 quedarán exentos da constitución de garantías.

No suposto de viaxes de persoas ou grupos familiares, o importe será o acreditado mediante orzamento ou billete reservado pola persoa interesada e, así mesmo, poderán ser incluídos como subvencionables pola Secretaría Xeral da Emigración os trámites e pagamentos para a expedición dos billetes e/ou taxas necesarias para a realización de tales viaxes sen que se poidan exceder no seu financiamento os límites previstos no artigo 5.2.

Estas axudas, tal como se reflicte no artigo 2.1 da resolución, teñen carácter persoal, intransferible e non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias, salvo nos supostos b), d) e e) do artigo 5.2, supostos en que, unha vez ditada a resolución de concesión da axuda, a persoa beneficiaria faleza, poderá aboarse a axuda ás persoas que, de acordo coa normativa do país de residencia, acrediten a súa condición de herdeiras dentro do prazo de tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión, sempre que o obxecto da axuda así o aconselle.

As subvencións concedidas ao abeiro das letras b), d) e e) do artigo 5.2 da presente resolución teñen un período de execución ata o 15 de decembro do ano da convocatoria e a súa xustificación farase mediante unha conta xustificativa simplificada, que constará dunha memoria xustificativa das actividades realizadas e dunha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, unha relación clasificada dos gastos e inversións da actividade, con identificación do acredor do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento e un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con detalle do seu importe e procedencia, conforme o establecido no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo de entrega da documentación será de tres meses desde a finalización das actividades desenvolvidas conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coa data límite do 15 de decembro do ano da convocatoria.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación electrónica ou en papel no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da citada lei.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, logo do aboamento da axuda correspondente:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e, en caso das axudas de viaxe, xustificar ante a Secretaría Xeral da Emigración telo realizado.

b) Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto aos recollidos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que as concede, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Adoptar, de ser o caso, as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

f) As demais obrigas previstas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que considere adecuados.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións para as cales se solicitou a axuda, e a secretaría poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención ou o da realización dos gastos subvencionables dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outra inobservancia considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda para a realización dos gastos subvencionables e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Publicación

Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpor de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpor en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou, no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderá interporse desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración