Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 26 de marzo de 2021 Páx. 16618

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan Foexga 2021-2022, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IG422B), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IG422A), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 1 de febreiro de 2021, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes, a aprobación das bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan Foexga 2021-2022, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan Foexga 2021-2022 (código de procedemento IG422B), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IG422A); e convocar para o exercicio 2021 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Estas axudas están cofinanciadas ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes.

Actuación 03.04.03.01: apoio á promoción da cultura da internacionalización, apoio ao incremento da presenza nos mercados exteriores, establecemento dunha estratexia de posicionamento internacional de Galicia aliñada coa Estratexia Horizonte 2020 da UE.

Campo de intervención 066: servizos de axuda avanzados para pemes e grupos de pemes.

Liña de actuación 15: promoción da cultura de internacionalización, presenza nos mercados exteriores, estratexia de posicionamento internacional de Galicia, aliñación coa axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE.

Segundo. As entidades colaboradoras do Plan Foexga 2021-2022 son as encargadas de tramitar a solicitude de axuda (facer a reserva do crédito, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).

O prazo de adhesión das entidades colaboradoras será de 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (procedemento do Igape co código IG235).

Terceiro. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará aos 5 días hábiles desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará no prazo dun mes desde o día seguinte a esta data, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia (procedemento do Igape co código IG202).

O prazo de execución de cada actuación iniciarase na data de solicitude e rematarase no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de finalización de cada actuación (e como data límite final o 30 de novembro de 2022), prazo no que se deberá presentar a solicitude de cobramento.

Poderanse solicitar anticipos sobre cada actuación, unha vez pechada a convocatoria de cada actuación no prazo de 10 días desde a emisión da acta da selección de empresas participantes en cada actuación. Os gastos cos que se xustifica o anticipo que se aboe en 2021 deben estar executados e pagados ata o 31 de decembro de 2021.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Ano 2021

Ano 2022

Total

06.A1-741A-7708

600.000 €

1.400.000 €

2.000.000 €

O director xeral do Igape ampliará o crédito no caso de que o crédito actual sexa insuficiente para atender todas as solicitudes presentadas, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Sétimo. Publicar o convenio de colaboración para a xestión do Plan Foexga 2021-2022, ao que se deben adherir as entidades colaboradoras.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan Foexga 2021-2022, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva en liña coa estratexia galega de especialización intelixente (RIS3).

A internacionalización do tecido empresarial galego ten sido e seguirá sendo un dos eixos prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de Galicia de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas.

Unha aposta que se plasma na Estratexia da Xunta de Galicia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que inclúe, entre os seus obxectivos, o de lograr un significativo aumento na cantidade, calidade e impacto efectivo das exportacións da empresa galega en 2020: aumento do número de empresas da base exportadora, procura e apertura de novos mercados, apoio na ampliación de cota de mercados con menor presenza e maior potencial de crecemento futuro, e, consolidación de cota nos mercados maduros. En definitiva, este plan de internacionalización persegue unha fase de consolidación dos distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos para estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización das pemes galegas e os seus produtos e servizos.

En concreto, estas bases encaixan nos obxectivos dos seguintes eixes da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020:

• Eixe 2, Maior presenza en mercados. Obxectivo: diversificación de mercados, pero sobre todo, zonas xeográficas.

• Eixe 4. Galicia unha forma de facer. Obxectivos: mellorar o coñecemento e posicionamento de Galicia nos mercados internacionais e consolidar a percepción dos produtos e servizos galegos: calidade, prestixio, etc.

• Eixe 5. Unidade de axentes impulsores. Colaboración cos organismos intermedios. Obxectivos: coordinación e complementariedade a través da cooperación entre os distintos axentes da internacionalización evitando duplicidades, colaborar cos organismos intermedios, como revulsivos para estimular as empresas en vertentes como a innovación, a competitividade e a internacionalización, apoiando activamente as accións desenvolvidas polos actores intermedios e fomentando a participación de empresas galegas en iniciativas agrupadas que fomenten e faciliten ademais a colaboración empresarial.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O Igape é xestor de fondos Feder do marco regulamentario 1420 no seguinte encaixe: Obxectivo temático 03: Mellorar a competitividade das pemes. Prioridade de investimento 03.04: Apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados internacionais. Obxectivo específico 03.04.03: Promover a internacionalización das pemes. Campo de intervención: 066: servizos de axuda avanzados para pemes e grupos de pemes. Liña de actuación 15: promoción da cultura de internacionalización, presenza nos mercados exteriores, estratexia de posicionamento internacional de Galicia, aliñación coa axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE.

Os indicadores de produtividade correspondente son o CO01 número de empresas que reciben axudas e o CO02 número de empresas que reciben subvencións. E o indicador de resultado é o número de pemes exportadoras.

O obxectivo destas bases é incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas.

As convocatorias desta liña de axudas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Polo seu obxecto e finalidade e por non corresponder avaliación a algunha das solicitudes, senón a mera comprobación dos requisitos dos beneficiarios, as axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A preparación e presentación por parte da entidade colaboradora de solicitudes será necesariamente telemática, en beneficio de ambas partes, e dado que as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios técnicos axeitados.

Artigo 1. Obxecto

1. As presentes bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para o desenvolvemento e execución do Plan de fomento das exportación galegas (en diante, Plan Foexga), coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.

2. O obxectivo principal do Plan Foexga é conseguir a internacionalización real das pemes galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.

3. As actuacións que engloban o Plan Foexga están dirixidas a:

a) Aumentar a base de empresas exportadoras.

b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.

c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.

d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

4. O Igape publicará na súa páxina web www.igape.es/foexga a relación actualizada en todo momento das entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Artigo 2. Réxime das subvencións

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

2. A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no Diario Oficial de Galicia, e tamén na páxina web do Igape a dita circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013) e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e para as empresas do sector agrícola no artigo 1 do Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro de 2019).

4. As axudas estarán cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, nun 80 %, obxectivo temático 03, prioridade de investimento 03.04, obxectivo específico 03.04.03, actuación 03.04.03.01; campo de intervención 066 de liña de actuación 15, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular as establecidas no anexo XII, apartado 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

5. Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade C001-Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade C002-Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de resultado R031-Número de pemes exportadoras.

Artigo 3. Actuacións, gastos subvencionables

1. Serán subvencionables as seguintes actuacións de internacionalización organizadas e executadas por unha entidade colaboradora adherida nas que participen un mínimo de dúas empresas, aínda que só unha teña dereito a subvención por estas bases:

a) Misións empresariais directas ao estranxeiro (incluíndo encontros empresariais ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro), tanto en formatos presenciais como virtuais.

b) Participación en feiras ou noutros eventos expositivos que se celebren no estranxeiro, así como aqueles outros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposios que, aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan indudablemente a promoción da empresa a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro. Tanto en formatos presenciais como virtuais.

Estas actuacións deberán executarse preferentemente nos países que se recollen no anexo IV.

2. Gasto subvencionable: o importe facturado polas entidades colaboradoras para a organización e execución dos eventos subvencionables, polos seguintes conceptos e cos límites seguintes de gasto máximo subvencionable:

Concepto subvencionable

Límite de gasto subvencionable para cada peme e acción na que participe

Cotas de inscrición nos eventos promocionais non expositivos dos citados no artigo 3.1.b).

Cota ou fee de inscrición cun límite de 2.000 € por evento.

Asistencia externa en destino para a realización de axendas e para organización da acción (só no caso de que o Igape non poida facilitar estes servizos por medios propios).

 

Gastos de intérpretes para accións individuais e conxuntas incluída a interpretación virtual.

 

Aluguer do espazo, cotas de participación para as participacións en modalidade virtual, stand e/ou salas para a realización da acción, gastos de decoración básica, aluguer de mobiliario, gastos de mantemento, inserción no catálogo de expositores e outros gastos de servizos inherentes ao evento expositivo.

 

Gastos de envío de mostras sen valor comercial e catálogos co seu seguro correspondente tato para accións presenciais como virtuais.

 

Gastos de organización da acción, información e asesoramento á peme (dossier de mercado, asesorías telefónicas, reunións previas, seguimento da axenda de entrevistas, elaboración de listados, informes, e todas aquelas precisas para a eficiente organización da acción).

Máximo de 800 €, sempre que se trate dunha participación en feira ou misión comercial con elaboración de axenda. No caso de misión comercial sen elaboración de axenda o importe máximo será de 400 €.

Viaxe dunha persoa da peme participante (2 persoas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b).

Límites anexo V. Datas da viaxe subvencionable: entre a data da convocatoria e a data límite de presentación da solicitude de cobramento. Só se subvencionaran os gastos correspondentes a avión, tren e/ou autobús.

Aloxamento dunha persoa da peme participante en réxime de aloxamento ou aloxamento e almorzo (2 persoas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b).

Só se subvencionarán pernoitas comprendidas entre as datas das actuacións cun máximo de 5 pernoitas (7 pernoctas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b) e tendo en conta os límites indicados no anexo V.

No caso de accións en mais dun país, engadiranse un máximo de 3 pernoitas mais subvencionadas por país, cun máximo total de 12 pernoitas.

Traslados grupais ou individuais.

Só se subvencionarán os traslados desde ou ata lugares onde se celebren eventos agrupados incluídos no programa da misión ou feira e sexan contratados é facturados á cámara como organizador, exemplo traslados aeroporto, traslados a recinto feiral. Quedan excluídos os traslados ás reunións das axendas individuais de cada participante.

Custo das entradas a feiras, congresos ou eventos de recomendado interese e incluídos no programa das actuación.

Límite de 2.000 €.

Taxa de visado e seguro de viaxe, incluídas as coberturas de cancelación, e custo de realización de probas PCR ou similares sempre que se consideren obrigatorias para a realización da viaxe, dunha persoa da peme participante. No caso das actuacións das citadas no artigo 3.1.b), dúas persoas por peme participante.

 

Parte proporcional do servizo de acompañamento á acción para apoio técnico en destino.

Límites: 400 euros/dia por acción con independencia do número de pemes participantes.

A prestación deste servizo por parte da Cámara será obrigatoria en calquera actuación agrupada cunha participación igual ou superior a 4 empresas. A cámara poderá solicitar a excepción desta esta obriga que se poderá acordar cando polas características da actuación desprenda que non aporta valor engadido a actuación.

Parte proporcional dos gastos de viaxe e aloxamento das persoas da entidade colaboradora designadas para prestar o servizo de acompañamento, incluídos os seguros de viaxe, as probas PCR ou similares, e os visados correspondentes.

Só se subvencionarán pernoctas comprendidas entre as datas das actuacións cun máximo de 5 pernoitas (7 pernoitas no caso de actuacións das citadas no artigo 3.1.b) e tendo en conta os límites indicados no anexo V.

Só se subvencionarán os traslados desde ou ata lugares onde se celebren eventos agrupados incluídos no programa da misión ou feira e sexan contratados é facturados á cámara como organizador, exemplo traslados aeroporto, traslados a recinto feiral. Quedan excluídos os traslados ás reunións das axendas individuais de cada participante.

Límites máximo de gasto subvencionable por todos os conceptos.

Por cada peme beneficiaria e por cada misión na que participe: 6.000 €.

Por cada peme beneficiaria e por cada evento expositivo no que participe: 25.000 €.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 €, no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), a entidade colaboradora deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren (neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente), ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

4. Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas pola entidade colaboradora, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, exixíndose a entidade colaboradora o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade colaboradora ou a peme beneficiaria ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se solicite e conceda a súa previa autorización (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

6. No caso de que a entidade colaboradora solicitante teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.d) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado para o efecto nos termos previstos nos artigos 316 a 320 da devandita Lei de contratos do sector público. Así mesmo, deberán achegar un certificado do secretario ou responsable de control da legalidade da entidade na que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública. Será responsabilidade da entidade beneficiaria o cumprimento da citada normativa, podendo o seu incumprimento dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

Conforme o artigo 3.3.d) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, teñen a consideración de poderes adxudicadores todos os entes, organismos ou entidades con personalidade xurídica propia distintas das administracións públicas, fundacións públicas ou mutuas colaboradoras coa Seguridade Social que fosen creados especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos que se deban considerar poder adxudicador de acordo cos criterios dese punto 3 financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia.

7. Polo que respecta á asistencia externa para a realización de axendas en destino, as empresas subcontratadas polas entidades colaboradoras para prestaren este tipo de servizos deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape. Esta é unha base de expertos en comercio exterior con experiencia contrastada en servizos de apoio á internacionalización e con amplos coñecementos do mercado do país de situación. Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado por: oficinas comerciais de España no estranxeiro, cámaras de comercio españolas no exterior, ou por cámaras de comercio estranxeiras. En definitiva, unicamente se requirirá no caso de que este servizo sexa prestado por empresas privadas para os efectos de avaliar a súa capacidade e para enriquecer a base de datos de axentes comerciais mediadores de utilidade para todas as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización.

8. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados no período de execución establecido na convocatoria destas bases e na resolución de concesión. Tamén serán subvencionables os gastos efectuados con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda correspondentes a: reserva das empresas de participacións nas accións e, reserva de espazo de stands, salas, hoteis ou viaxes, así como aqueles gastos efectuados con anterioridade correspondentes a accións afectadas na súa planificación pola pandemia Covid cuxa celebración efectiva se produza no período de execución destas bases.

9. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado e non se admitirán os pagamentos en efectivo.

10. En consonancia coa norma 2 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, queda expresamente excluído do ámbito de aplicación destas bases o imposto sobre o valor engadido (IVE), a non ser que se acredite que non é recuperable.

Artigo 4. Contía da axuda

A contía da axuda será dun 90 % sobre o importe dos gastos subvencionables.

Artigo 5. Financiamento e concorrencia

1. A concesión destas axudas, que terán a modalidade de subvención, outorgaranse con cargo aos orzamentos do Igape segundo a distribución establecida na convocatoria da axuda.

2. En todo caso, a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable, ou a intensidade máxima da axuda prevista para a outra subvención. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e de outros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme o documento no que se establezan as condicións da axuda.

4. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa, non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

5. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que a entidade colaboradora presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 6. Entidades colaboradoras

1. Para os efectos destas axudas, poderán ser entidades colaboradoras as cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación galegas, que son corporacións de dereito público que se configuran como órganos consultivos e de colaboración coas administracións públicas, especialmente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

2. As entidades colaboradoras actuarán de enlace entre as empresas solicitantes das actuacións indicadas no artigo 3.1 destas bases e o Igape. Serán as encargadas de organizar e executar as devanditas actuacións, promovendo a participación das pemes galegas.

Na súa relación co Igape, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

a) Realizar ante o Igape os trámites para solicitar a axuda,

b) Comprobar que as empresas que soliciten participar na acción cumpren os requisitos do artigo 8 destas bases para ser beneficiario da axuda.

c) Convocar a acción.

d) Realizar o proceso de selección das empresas que soliciten participar na acción.

e) Emitir unha acta de selección de empresas e comunicar ao Igape as empresas seleccionadas para cada acción.

f) Notificar ás empresas participantes a axuda concedida emitindo o correspondente Documento polo que se Establecen as Condicións da Axuda (DECA).

g) Desenvolver as actuacións do Plan Foexga.

h) Xustificar a axuda ante o Igape.

3. Para acreditar a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Igape.

4. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas cámaras que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten nos prazos que se indican na convocatoria, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria destas bases no Diario Oficial de Galicia.

5. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas cámaras nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

6. De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Igape, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo VIII destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

7. As entidades colaboradoras estarán exentas da constitución de garantía prevista no artigo 13.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, previa autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

8. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, coa Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de inspección e control que o Igape poida efectuar respecto á xestión destas axudas e que permitan a xustificación financeira ante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

c) Conservar as solicitudes das empresas para participar na acción e os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. Informarase ao beneficiario da data de comezo dese prazo. Deberán restituír as cantidades percibidas nos casos en que concorra causa de reintegro.

d) Subministrar, a requirimento do Igape, durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro de 2020, informe de resultados concretos obtidos grazas ao proxecto financiado, para os efectos de realizar as avaliacións oportunas sobre o resultado das actuacións financiadas.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e comunicar ás empresas esta obriga.

f) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Igape.

g) Difundir a convocatoria destas axudas nas súas páxinas web e dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional segundo o establecido no anexo VII a estas bases.

9. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Programar, organizar e realizar as accións nos termos previstos nestas bases, xestionando a súa realización e os custos e pagamentos que lle correspondan no seu desenvolvemento; asumindo a xestión económica e a dirección técnica, e realizando a asignación dos medios humanos e materiais que sexan necesarios para este fin.

b) Cubrir convenientemente o formulario de solicitude de axuda a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

c) Enviarlle ao Igape a convocatoria das accións subvencionadas polo Igape –co seu orzamento orientativo non limitativo– (segundo o modelo do anexo VI) para a súa revisión co fin de garantir o establecido nestas bases e, a adecuación dos criterios de selección das empresas interesadas aos obxectivos destas bases e aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, libre concorrencia, igualdade e non discriminación así como para a súa difusión.

d) Realizar o proceso de selección das empresas que soliciten participar nas accións obxecto de apoio, conforme os procedementos que garantan os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, libre concorrencia e igualdade e non discriminación, de acordo co artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e comprobar que as empresas seleccionadas cumpren os requisitos establecidos no artigo 8 destas bases para ser beneficiarias das axudas.

e) Comunicar ao Igape o peche da convocatoria e a relación de empresas seleccionadas para cada acción, así como a solicitude de anticipo de subvención das participantes.

f) Enviar ao Igape a información/documentación que se vaia facilitar ás empresas participantes na acción. Entre outros, o informe país/sectorial onde consten as oportunidades de negocio para as empresas galegas e as relacións bilaterais do país con Galicia.

g) Notificar ás empresas participantes a axuda concedida emitindo o correspondente documento polo que se establecen as Condicións da Axuda (DECA). Esta comunicación farase ás empresas no prazo de dez días desde o remate do proceso de selección das empresas participantes na acción e conforme a resolución correspondente á actuación na que participa a empresa, de producirse modificacións a esta resolución a entidade colaboradora deberá confeccionar e enviar un novo DECA á empresa que conteña os datos das citadas resolucións de modificación no prazo dun mes desde a notificación da dita modificación.

h) As cámaras deberán ingresar ás pemes os importes íntegros –sen compensación doutros gastos non elixibles– correspondentes ás subvencións e anticipos recibidos do Igape, nun prazo máximo de 10 días tras recibir a transferencia de Igape. Unha vez feitas as transferencias das subvencións ás pemes, as cámaras deberán remitir ao Igape un escrito informando disto con copia simple das transferencias efectuadas.

i) Enviarlle ao Igape as axendas das empresas participantes –no caso de empresas que non soliciten elaboración de axenda pola cámara deberá recadarse –coa solicitude de axuda e enviar a Igape– información dos obxectivos da acción e tipo de reunións a manter–.

j) Comunicarlles ás empresas a obriga de responder a un cuestionario relativo á actuación realizada, co obxecto de coñecer os resultados do Plan e trasladalos á Unión Europea. O Igape non aboará a subvención ata que se responda ao devandito cuestionario.

k) Poñer todos os medios para recadar das empresas a documentación necesaria para a debida xustificación dos gastos elixibles.

l) Facilitar canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

m) Informar o Igape do resto de actividades e programas de apoio á internacionalización empresarial que leven a cabo.

n) Facer difusión no seu ámbito de actuación das actividades e programas de apoio á internacionalización empresarial que lle sexan comunicados por parte do Igape.

o) Reintegrar, nos casos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a totalidade ou parte das cantidades percibidas máis os correspondentes xuros de mora. Esta obriga será independente das sancións que, se é o caso, resulten exixibles.

Artigo 7. Adhesión de entidades colaboradoras

1. Forma e lugar de presentación da solicitude de adhesión (procedemento IG422A).

As entidades colaboradoras interesadas deberán acceder á aplicación informática accesible desde a oficina virtual do Igape (http://tramita.igape.es) ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, para cubrir obrigatoriamente segundo o procedemento do Igape co código IG235 a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo VIII). Xerarase un documento en formato PDF con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Nesta aplicación deberá enumerar un conxunto de persoas da súa organización que serán as autorizadas por parte da entidade colaboradora para tramitar telematicamente e asinar electronicamente as solicitudes de axuda das subvencións. Para poder realizar estas tarefas, as persoas citadas deberán estar provistas de certificado X509v3 dunha das entidades certificadoras das admitidas pola Consellería de Facenda e Administración Pública (consultar en tramita.igape.es).

O usuario e contrasinal utilizado para o acceso á oficina virtual do Igape será, unha vez asinado o convenio, os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda, e para ver o seu estado.

2. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O formulario de solicitude de adhesión deberá vir acompañado da seguinte documentación:

a) Copia da escritura de constitución e estatutos, así como do documento acreditativo do poder suficiente do representante legal da entidade, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) Certificado de situación censual emitido pola AEAT, no caso de estar exento do imposto de actividades económicas (IAE).

c) Dous orixinais do convenio de colaboración (anexo VIII) asinados dixitalmente pola entidade colaboradora.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

h) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 7.3 destas bases.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

6. Prazo de presentación das solicitudes de adhesión.

O prazo para a presentación das solicitudes de adhesión será o establecido na convocatoria.

7. Emenda.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos exixidos, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución.

Igual requirimento se efectuará por parte do Igape no suposto de resultado negativo da consulta cos organismos seguintes: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Consellería de Facenda e Administración Pública, así como na verificación do NIF e o IAE.

Os requirimentos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.

Pode acceder ao citado requirimento no taboleiro dispoñible na aplicación co seu usuario e contrasinal.

8. Instrución do procedemento e audiencia.

Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de 10 días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

9. Competencia.

É competente para a instrución do procedemento de selección de entidades colaboradoras a Área de Internacionalización do Igape e, para a súa resolución, a persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

10. Resolución.

O prazo máximo para resolver sobre as adhesións é de 10 días hábiles, contados desde a solicitude. Transcorrido o dito prazo, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes, e notificarase seguindo estritamente a súa orde de presentación, salvo que se deba emendar, momento no que se terá en conta a data de presentación da emenda.

Tendo en conta os prazos anteriores, aquelas solicitudes de adhesión que á data de fin de prazo de presentación de solicitudes de axuda das empresas non estiveran adheridos serán arquivados ao non ser materialmente posible executar o obxecto principal da colaboración por ter rematado o período deste.

Sen prexuízo do anterior, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos ao Plan Foexga 2021-2022.

O convenio de colaboración asinado polo Igape remitiráselle á entidade colaboradora unha vez resolta a solicitude de adhesión.

11. Notificación das resolucións.

As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións, establecendo a seguinte mensaxe: «entidade colaboradora adherida». A partir dese momento, a entidade colaboradora poderá operar na aplicación para solicitar as axudas. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Na páxina web do Igape (http://www.igape.es/foexga) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Artigo 8. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.

d) As beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

e) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e para as empresas do sector agrícola no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

f) Que estean ao día de pagamentos adebedados ás cámaras.

O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de pequena ou mediana empresa, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) n° 651/2014.

2. Mediante a presentación da solicitude de participación na acción, os beneficiarios aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será, así mesmo, a encargada de informar puntualmente ao interesado sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas da mesma, e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 16.2. O Igape porá a disposición deste programa, unha aplicación no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es para os efectos de cubrir o cuestionario de solicitude de participación electronicamente.

Artigo 9. Obrigas

Son obrigas das beneficiarias, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as seguintes:

a) As descritas no artigo 6.8 letras a), b), c) e e), obrigas comúns ás entidades colaboradoras.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na resolución de convocatoria.

c) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data na que deban ser presentadas ante o Igape. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como establece o artigo 20 destas bases. A axuda aboarase a través da cámara unha vez finalizada a acción e cumpridas todas as obrigas.

d) Participar nas actuacións que fundamenten a concesión da subvención, así como colaborar e achegar a documentación á entidade colaboradora.

e) Comunicarlle á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Responder a un cuestionario, a través da aplicación http://tramita.igape.es, relativo á actuación realizada, co obxecto de coñecer os resultados do Plan e trasladalos á Unión Europea. O Igape non aboará a subvención ata que se responda ao devandito cuestionario.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. Informarase o beneficiario da data de comezo dese prazo.

h) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Forma e lugar de presentación das solicitudes (procedemento IG422B)

Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, as entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do proxecto para o que solicita a subvención e o orzamento de gastos a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberase xuntar como documento a este formulario electrónico a convocatoria para a selección das pemes segundo o modelo do anexo VI.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario electrónico a entidade colaboradora realizará as seguintes declaracións:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda

d) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación.

As solicitudes de axuda presentaranse mediante formulario normalizado, que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo II a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter, en todo momento, un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

Artigo 11. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. Emenda.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Os requirimentos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.

A documentación requirida deberase presentar así mesmo por medios electrónicos a través da mesma aplicación informática.

2. Concesión.

A concesión das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde da data da solicitude efectuada na aplicación informática, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

As reservas que están na listaxe de espera serán atendidas co crédito que quedase libre se se produce algunha cancelación ou modificación das actuacións reservadas. Para este efecto, se un solicitante renuncia ao crédito reservado para a súa solicitude, a entidade colaboradora deberá enviar un escrito asinado por esta e polo solicitante en que comunique este feito, para o efecto da cancelación desa reserva e liberar os créditos correspondentes.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Existencia de crédito.

A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no DOG e tamén na páxina web do Igape a dita circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 12. Órganos competentes

A Área de Internacionalización do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e o seu pagamento. Corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 13. Audiencia

Instruído o procedemento e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 14. Prazo máximo de resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución da convocatoria, transcorrido o cal poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Resolución e notificación das resolucións

1. Unha vez comprobada a documentación, a Dirección da Área de Internacionalización do Igape elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral do Instituto, que resolverá a concesión ou denegación de cada axuda, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O procedemento e contido da resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da entidade colaboradora, contía da subvención e obrigas que corresponden á entidade colaboradora, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o Documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA), no caso de axudas ás pemes. Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección General de Fondos Comunitarios del Ministerio de Hacienda, http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx, co contido previsto no punto 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

3. As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante das notificacións (xustificante de recepción telemático).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As notificacións realizaranse ás entidades colaboradoras e estas terán a obriga de notificarlles aos beneficiarios das axudas, emitindo o correspondente Documento polo se establecen as condicións da axuda (DECA). Esta comunicación farase ás empresas no prazo de dez días desde o remate do proceso de selección das empresas participantes na acción e conforme a resolución de concesión correspondente a esta, de producirse modificacións a esta resolución a cámara deberá confeccionar e enviar un novo DECA á empresa que conteña os datos das citadas resolucións de modificación.

Artigo 16. Réxime de recursos

A resolución dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotará a vía administrativa. O interesado, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderá interpoñer contra ela recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer no prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, recurso de reposición, que resolverá o mesmo órgano que ditou o acto administrativo impugnado se fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia da entidade colaboradora, sempre que este a presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 18. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Xustificación da actuación

1. O prazo para solicitar o cobramento será o indicado na resolución de convocatoria destas axudas.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, a entidade colaboradora deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Neste formulario deberán identificar as pemes beneficiarias da axuda e declarar ante o Igape que as devanditas empresas cumpren os requisitos para obter a condición de beneficiario segundo o artigo 8 destas bases reguladoras e que foron seleccionadas segundo o modelo de convocatoria remitido ao Igape.

Tamén deberá detallar a acción realizada, as actuacións levadas a cabo polos participantes e os resultados percibidos, así como achegar un arquivo Excel co detalle de facturas e pagamentos no que se cubra ademais os seguintes datos relativos á contabilidade nos que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida de contabilidade separada: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable da entidade colaboradora de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009, para a presentación da conta xustificativa.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o modelo normalizado que a título informativo figura como anexo III a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do modelo de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo III), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 10 para a presentación da solicitude.

O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade colaboradora para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o interesado das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A documentación xustificativa da actuación subvencionable que a entidade colaboradora ten que remitir ao Igape é a seguinte:

a) Acta de pemes seleccionadas participantes na acción subvencionada e a ficha de inscrición correspondente a cada unha delas.

b) Facturas das entidades colaboradoras ás pemes, que deben reflectir os seguintes datos:

1º. Data de emisión.

2º. NIF da empresa beneficiaria.

3º. Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

4º. Desagregación dos servizos prestados, especialmente aqueles prestados pola propia entidade colaboradora, como os de organización da actuación e acompañamento á acción para apoio técnico en destino, persoa que viaxa, datas, cidade/s de orixe e destino.

A factura debe estar asinada pola entidade colaboradora. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

c) Documentación acreditativa do pagamento realizado pola peme beneficiaria, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria no que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos do organismo beneficiario selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

d) A copia en formato dixital –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecien os contidos das actuacións realizadas (evidencias actuacións difusión, fotografías eventos, acreditación da aceptación ao evento, etc.).

e) Facturas dos provedores ás entidades colaboradoras que deben reflectir os seguintes datos e estar emitidas entre a data de solicitude de axuda e o prazo máximo de xustificación establecido na resolución de concesión.

1º. Data de emisión.

2º. NIF da empresa beneficiaria.

3º. Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

4º. Detalle dos servizos prestados.

Ademais, para a xustificación dos gastos de viaxe deberá achegar os xustificantes de viaxe das empresas participantes (tarxetas de embarque).

Para a xustificación dos gastos de asistencia externa en destino deberán achegar as axendas de traballo en destino das empresas participantes.

Para a xustificación dos gastos de entradas feiras, congresos ou eventos de recomendado interese deberá achegar unha memoria que inclúa expresamente a motivación do interese da asistencia para a empresa, así como un informe do resultado obtido coa súa visita ou participación nestes eventos.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

f) Documentación acreditativa do pagamento a provedores terceiros realizado pola entidade colaboradora, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria no que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos do organismo beneficiario selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

g) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe presentar a entidade colaboradora, de acordo co establecido no artigo 3.3 das bases reguladoras.

h) Informe de resultados da entidade colaboradora que inclúa información concreta dos resultados e beneficios obtidos coa acción subvencionada.

7. En todos os casos, os beneficiarios e as entidades colaboradoras deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

8. Advírtese de que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou deixar sen efecto a concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 20. Pagamento ás entidades colaboradoras

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, o Igape, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. Os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario, dentro do prazo indicado na resolución de convocatoria. A entidade colaboradora tramitará a dita solicitude ante o Igape marcando esta opción na solicitude de cobramento, e presentando a acta de selección de empresas para cada actuación no prazo de 10 dias desde o peche da convocatoria de cada actuación. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Neste suposto exímesen os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

3. O Igape aboará os anticipos, así como as subvencións á entidade colaboradora para que esta ingrese ás pemes os importes íntegros –sen compensación doutros gastos non elixibles– correspondentes ás subvencións recibidas do Igape, nun prazo máximo de 10 días, tras recibir a transferencia de Igape. Unha vez feitas as transferencias ás pemes, as entidades colaboradoras deberán remitir ao Igape copia simple das transferencias efectuadas.

4. As entidades colaboradoras deberán informar as pemes beneficiarias da axuda recibida polo Igape en réxime de minimis.

Artigo 21. Incumprimento, reintegro e sancións

1. Serán causas de revogación e reintegro da subvención as establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e título V do regulamento, sendo competente para a resolución deste o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes ao da súa notificación e potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

2. As cantidades que se van reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará aplicable para o seu cobramento o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios e entidades colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

4. Se no procedemento de reintegro quedase acreditada a infracción grave destas bases pola entidade colaboradora, o Igape poderá resolver a revogación da súa colaboración e o reintegro das cantidades aboadas polo Igape por conta dos beneficiarios. A esixencia de reintegro aos beneficiarios procederá nos supostos en que concorra algunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O Igape reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as entidades colaboradoras e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Se no curso destas verificacións se detectase que os beneficiarios da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas no Plan Foexga, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

6. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Cando non se faciliten os datos requiridos sobre a actividade exportadora ou non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

d) Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso.

e) Cando non acrediten que se atopan ao día das súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma.

f) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

h) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

7. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se e o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

8. Efectuado o pagamento das subvencións polo Igape, o incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Artigo 22. Fiscalización e control

Os beneficiarios e as entidades colaboradoras destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento e no resto da normativa que resulte de aplicación, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), no Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, así como na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos e na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

En canto ao cómputo de prazos, haberá que aterse o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Países prioritarios

Países prioritarios das actuacións 2021-2022:

Europa: Alemaña, Francia, Italia, Noruega, Polonia, Portugal, o Reino Unido, Rusia.

Asia: China, Corea do Sur, Emiratos Árabes Unidos, India, Israel, Rusia, Xapón.

América: Canada, Brasil, Chile, Colombia, Estados Unidos de América, México, Perú,

Africa: Países de Africa Subsahariana e Marrocos.

E outros países sempre que se explique na solicitude a idoneidade do país.

ANEXO V

Gastos de viaxes elixibles

Para determinar os reembolsos séguense as seguintes pautas:

1. Gastos de viaxes subvencionables:

Gastos máximos de viaxe subvencionables por tramos de distancia entre país de orixe e o país ou países de:

Distancias cidade de orixe e destino

Importe ida

Importe volta

Entre 100 e 499 km

90,00 €

90,00 €

Entre 500 e 1.999 km

237,50 €

237,50 €

Entre 2.000 e 2.999 km

280,00 €

280,00 €

Entre 3.000 e 3.999 km

465,00 €

465,00 €

Entre 4.000 e 7.999 km

510,00 €

510,00 €

8.000 km ou máis

650,00 €

650,00 €

Fonte límite: distancia desde a cidade de orixe á cidade de destino de celebración do evento: calculada en quilómetros segundo o calculador establecido pola Comisión Europea para o aboamento dos desprazamentos en proxectos europeos (http://ec.europa.eu/programmes/erasmus-plus/tools/distance_en.htm)

Aínda que a viaxe se pode iniciar e/ou finalizar desde calquera cidade do mundo, a distancia máxima que se vai subvencionar será a distancia entre unha cidade galega e a cidade de celebración do evento. No caso de viaxes a máis dun país e/ou máis dunha cidade sumaranse os importes dos traxectos correspondentes.

Documentación que hai que entregar para xustificar a viaxe (cidade de orixe, cidade de destino): tarxetas de embarque de ida e volta, facturas, billetes, tickets, etc. (de xeito que quede demostrada a orixe e destino, e as datas).

2. Gastos de aloxamento e almorzo subvencionables:

Fonte: per diem Comisión Europea. Detalle país en:

https://ec.europa.eu/international-partnerships/system/files/per-diem-rates-20200201_en.pdf

Nos per diem establécense límites máximos de aloxamento en réxime de aloxamento e almorzo:

100 % do importe total indicado per diem.

ANEXO VI

Modelo de convocatoria

missing image file

FOEXGA 2021-2022

CONVOCATORIA

RESOLUCIÓN ________________ pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan Foexga 2021-2022, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG ….)

A Cámara de Comercio de .... e o Igape convocan......

NOME DA ACCIÓN

DATA

ORGANIZA: Cámara de Comercio de ...... e Igape.

COFINANCIA: Feder/Igape.

SECTOR:

DATAS:

DATA LÍMITE DE INSCRIPCIÓN:

SELECCIÓN DAS EMPRESAS

A selección das pemes efectuarase respectando a rigorosa orde da data da solicitude efectuada, e ata o esgotamento das prazas dispoñibles, sempre que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria.

CUSTO

Especificar custo de participación por empresa e os gastos que inclúe, incluíndo gastos adicionais de organización/xestión de subvención non subvencionados

CONTÍA DA AXUDA

Artigo 4 das bases de axuda Foexga 2021-2022

PLAN DE VIAXE PREVISTO

FORMALIZACIÓN DE INSCRICIÓNS

Data límite de inscrición:

Para formalizar a inscrición na acción, debe enviar á Cámara de ……….a seguinte documentación:

• Solicitude de participación (formulario IG249 que se cumbrirá na Oficina Virtual do Igape).

• Xustificante de pagamento á c/c núm. c/c ……………….. . a nome da Cámara de Comercio de ……….

REQUISITOS DOS BENEFICIARIOS

Artigo 8 das bases de axuda Foexga 2021-2022

OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS

Artigo 9 das bases de axuda Foexga 2021-2022

GASTOS SUBVENCIONABLES

Artigo 3 das bases de axuda Foexga 2021-2022

PRAZO, FORMA DE XUSTIFICACIÓN E RÉXIME XURÍDICO

Para a tramitación da subvención, a empresa participante deberá enviar á Cámara de Comercio toda a información que esta necesite para poder xustificar a correcta realización da acción conforme os parámetros desta convocatoria cando a Cámara o solicite.

O Igape aboará as subvencións á entidade colaboradora para que esta ingrese ás pemes os importes íntegros –sen compensación doutros gastos non elixibles– correspondentes ás subvencións recibidas do Igape, nun prazo máximo de 10 días tras recibir a transferencia de Igape. Unha vez feitas as transferencias das subvencións ás pemes, as entidades colaboradoras deberán remitir ao Igape copia simple das transferencias efectuadas.

Será de aplicación a regulación sobre o réxime de xustificación, pagamento, reintegro e réxime sancionador de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

PENALIZACIÓN POR BAIXA VOLUNTARIA DA EMPRESA

En caso de BAIXA VOLUNTARIA DA EMPRESA, establécense as seguintes penalizacións:

A. Se a baixa se produce con 40 días ou máis de antelación á realización da acción, a penalización consistirá no aboamento dos gastos incorridos, ata o momento, por parte da empresa.

B. Se se produce con 39 a 30 días de antelación á realización da acción, a empresa pagará o 50 % da achega establecida para participar na acción.

C. Se se produce entre o comezo da misión e os 29 días anteriores á realización da acción, aboarase o 100 % da aportación.

Se os gastos reais ocasionados superan as ditas porcentaxes, repercutiránselles a maiores.

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS

Cámara de Comercio de ………

Enderezo:

Tfno:……. / Fax:…… / e-mail: ……..

ANEXO VII

Requisitos de comunicación do financiamento público

Responsabilidade da entidade colaboradora:

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, a entidade colaboradora deberán cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, deberán recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

O formato que se deberá empregar é o seguinte:

PROXECTO COFINANCIADO POR IGAPE, XUNTA DE GALICIA E FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL DO PROGRAMA OPERATIVO 2014-2020

missing image file

2. Durante a realización do proxecto:

a) Breve descrición no seu sitio da internet, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia; esta descrición estará dispoñible ata o pagamento da axuda.

O formato que se deberá empregar é o seguinte:

Esta (entidade colaboradora) participa nun proxecto de internacionalización, operación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

missing image file

Como apoio ao proceso de internacionalización, (entidade colaboradora), colabora coa Xunta de Galicia a través do Igape no programa Foexga, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder de Galicia 2014-2020, OT3.

Conseguir un tecido empresarial máis competitivo. Unha maneira de facer Europa.

O obxectivo principal destas axudas é incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas. O resultado que se pretende é aumentar a base de empresas exportadoras e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.

b) Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia, nun lugar visible para o público.

O formato que se deberá empregar é o seguinte:

missing image file

ANEXO VIII

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE O IGAPE E A ENTIDADE COLABORADORA ______________________ ___________________ PARA A XESTIÓN DE AXUDAS RELATIVAS AO PLAN FOEXGA 2021-2022

Dunha parte, Fernando Guldrís Iglesias, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con CIF Q6550010J, domiciliado en Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15707 Santiago de Compostela. Está facultado para este acto en virtude da delegación de facultades do ____________________________ do presidente do Igape, feita pública mediante Resolución do _______________________________

Doutra parte, ___________________________________, con NIF____________, actuando en nome e representación da entidade ________________________________________________ con NIF _______________, debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para o Plan Foexga 2021-2022, estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Igape e as empresas beneficiarias das axudas deste plan.

II. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes

CLÁUSULAS

Primeira. Obxecto da colaboración

O presente convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre a entidade ______________________________ e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), de acordo coa Resolución do ____________ pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Plan Foexga 2021-2022, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (DOG núm. ___, do __ de ________ de ____) (en diante, “as bases reguladoras do Plan Foexga 2021-2022”).

Segunda. Condicións das actuacións, axuda do Igape e procedemento de tramitación

As condicións das actuacións e gastos subvencionables, os requisitos dos beneficiarios e das entidades colaboradoras, a axuda do Igape e o procedemento de tramitación das solicitudes, a dotación orzamentaria, a xustificación e o aboamento da subvención, modificacións, incumprimentos e reintegros, establécense nas mencionadas bases reguladoras da axuda.

Terceira. Entidade colaboradora

A entidade _______________________ é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido nos artigos 6 e 7 das bases reguladoras do Plan Foexga 2021-2022.

Cuarta. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais de ao establecido no artigo 6 das bases reguladoras do Plan Foexga, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

a) Divulgar a liña de axudas do Igape e darlle publicidade ao Plan Foexga.

b) Desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das subvencións, poñer todos os medios dispoñibles para facilitarlles o acceso a esta liña de axudas ás empresas beneficiarias e colaborar na difusión deste plan.

c) Cumprir as obrigas previstas para as entidades colaboradoras no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Comprobar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos nas bases reguladoras para que as empresas solicitantes en participar na acción obteñan a condición de beneficiaria, así como a corrección da documentación que se lles exixe para percibir a subvención.

e) Tramitar ante o Igape as solicitudes de axuda. A tramitación destas solicitudes será unicamente telemática, para o que é necesaria a sinatura dixital das persoas para tal efecto designadas, así como a provisión por parte da entidade colaboradora dos medios técnicos necesarios (ordenador convenientemente configurado, escáner, conexión á internet, etc.).

f) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables das actuacións subvencionadas. así como dos importes aboados polo Igape, de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación.

h) Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica).

i) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento dos requisitos e das obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

A entidade colaboradora comprométese a:

a) Coñecer o contido das bases reguladoras do Plan Foexga e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

b) Ter o domicilio social ou un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Igape segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

d) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Comunicar ao Igape calquera variación que se poida producir nos datos recollidos nos documentos presentados.

f) Consentir ao órgano xestor para que solicite a información necesaria en relación ao seu NIF e IAE da entidade colaboradora, ou ben anexa copia do seu NIF e IAE a este convenio.

g) Consentir ao órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Facenda da administración da Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben anexar copia da certificación xustificativa de estar ao día coas súas obrigacións cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigas do Igape

O Igape obrígase a aboar por cada actuación aprobada e debidamente xustificada ao abeiro deste convenio e das bases reguladoras da axuda, a prol da empresa beneficiaria, a través da entidade colaboradora adherida, o importe da axuda que corresponda segundo as bases reguladoras do Plan Foexga 2021-2022.

Sétima. Control

Tanto as entidades colaboradoras, como as empresas beneficiarias, quedan obrigadas a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións acollidas a este convenio e sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Oitava. Publicidade dos datos

De conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, o Igape e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación incluirán as axudas concedidas ao abeiro das bases reguladoras e as sancións, que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades colaboradoras para os efectos da aprobación da operación, e a referida publicidade.

Novena. Procedementos internos para a tramitación de operacións

As partes adheridas ao convenio comprométense a seguir as normas de procedemento interno que se establezan, se é o caso, necesarias para asegurar a maior axilidade na tramitación dos expedientes, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

En particular, o Igape resérvase a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da Oficina Virtual, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio.

Décima. Denuncia do convenio

Será causa suficiente para a resolución do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da outra cun mínimo de 30 días de aviso previo. A resolución suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte aos beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Décimo primeira. Natureza

Este convenio ten natureza administrativa e considérase incluído no artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que queda fóra do ámbito da súa aplicación, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios desta lei para resolver as dúbidas e lagoas que puidesen presentarse. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse polo director xeral do Igape, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativo.

Décimo segunda. Vixencia

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura polo director xeral do Igape e estenderá a súa vixencia ata o 30.12.2022 sen prexuízo das prórrogas, que, se é o caso, así se pactasen por acordo expreso das partes, unha vez tramitadas as habilitacións oportunas.

Décimo terceira. Remisión normativa

Para todo o non previsto neste convenio aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares (DOG nº 82, do 30 de abril), na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, haberá que aterse o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Data, sinatura e selo:

---------------------------------

Data, sinatura e selo:

----------------------------------

O director xeral do Igape:

______________________

O/a representante legal da entidade colaboradora

_____________________________________