Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 29 de marzo de 2021 Páx. 16886

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU970A).

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, ten por obxecto a planificación, ordenación, promoción e fomento do turismo na Comunidade Autónoma de Galicia, e establece entre os fins que persegue a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, así como o impulso á profesionalización do sector.

Constitúe o obxectivo fundamental desta resolución impulsar, promover e apoiar as iniciativas de calidade necesarias para cumprir os exixentes estándares fixados polo Instituto para a Calidade Turística Española (en diante, ICTE) que considera o prestixio, fiabilidade, rigorosidade e profesionalidade dos establecementos avaliados. Todo isto para asegurar aos clientes a mellor experiencia turística posible.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, mediante o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a través da mellora da competitividade das empresas turísticas e a valorización dos recursos turísticos; o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial; a mellora do posicionamento do turismo no panorama nacional e internacional e a diversificación da oferta turística de Galicia coa consolidación dos produtos turísticos clave para competir no ámbito turístico nacional e internacional e a creación de novos produtos que posibiliten unha vantaxe competitiva e permitan desestacionalizar a demanda turística.

O acceso xeneralizado ao consumo turístico implica un cambio no comportamento dos viaxeiros e un crecente nivel de exixencia. Os destinos que abordan unha estratexia de calidade obteñen maiores índices de satisfacción do turista. A calidade dos establecementos e produtos turísticos convértese así no feito diferencial que lles proporciona unha vantaxe competitiva fronte a outros destinos con oferta similar.

Para lograr o éxito nas políticas de calidade é fundamental o compromiso e a implicación conxunta tanto da Administración competente na materia como do propio sector, e este é o principal axente e beneficiario das ditas políticas de calidade.

A finalidade última da presente resolución é complementar o marco xeral do programa de axudas para a dinamización turística co fin de contribuír a configurar Galicia como un destino turístico multiexperiencial, equilibrado territorialmente, de reducida estacionalidade e de calidade, reforzando a súa competitividade, xa que as profundas transformacións que continuamente experimenta o mercado turístico obriga os destinos a levar a cabo a necesaria adaptación estrutural que lles permita continuar desfrutando da súa cota de mercado.

Deste xeito, a Axencia Turismo de Galicia quere propiciar un marco favorable para a creación e desenvolvemento de iniciativas turísticas de calidade dado o peso do sector turístico no conxunto da economía da nosa comunidade autónoma que se reflicte no impulso das economías locais e na creación de emprego.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade ao abeiro do establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Polo exposto, e no exercicio das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Turismo de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE co obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do ICTE, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, así como efectuar a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU970A).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

2. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas poderán ser cofinanciadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), caso en que deberán cumprirse as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.

2. Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información á persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions.

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU970A.

c) Os teléfonos 981 54 63 63 e 981 54 74 04 da devandita axencia.

d) Enderezo electrónico fomento.turismo@xunta.gal.

5. Réxime de recursos.

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada para a obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística segundo as normas do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código do procedemento TU970A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Turismo de Galicia, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención ou ao seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE (código de procedemento administrativo TU970A).

Artigo 2. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións:

– Categoría 1ª: os concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen os servizos públicos de competencia local recollidas no artigo 85.2.A da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

– Categoría 2ª: as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos.

As persoas solicitantes da categoría 2ª deberán reunir os requisitos establecidos nestas bases e ter inscrita a actividade turística para a que se solicita a axuda no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), de conformidade cos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

1. No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos indicados polo solicitante na solicitude de subvención. O solicitante pode verificar a información que consta no REAT accedendo á web (extranet sectorial de Turismo) https://turespazo.turismo.gal.

No caso contrario, deberase achegar coa solicitude a documentación acreditativa da titularidade e/ou representación. Neste caso, a Axencia Turismo de Galicia instará de oficio a actualización desa información no REAT.

2. No caso de entidades baixo unha mesma franquía, só poderá solicitar a axuda para os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación a entidade matriz. As axudas para os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q deberán ser solicitados por cada unha das entidades (matriz e sucursais con distinto NIF) individualmente.

3. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa titular do establecemento subvencionado terán que ser previamente comunicados á Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos do disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, subrogándose o novo titular na posición xurídica de beneficiario da subvención.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar as ditas persoas incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, empregando o modelo que figura no anexo II.

5. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións relativas ao obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 260.000,00 €, dos cales 30.000,00 € corresponderán á categoría 1ª (concellos), con cargo á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.760.0, proxecto 2015 00006; e 230.000,00 € corresponderán á categoría 2ª (entidades privadas), con cargo á aplicación 05.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos establecidos nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que implicará á posibilidade de atender novas solicitudes, de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 14.

Se as solicitudes presentadas por categoría non esgotan o crédito previsto no parágrafo anterior, o crédito sobrante nunha categoría poderase destinar á outra categoría.

2. No caso de que o réxime de axudas estea suxeito ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 relativo ás axudas de minimis, ao tratarse de persoas físicas e xurídicas privadas, deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000,00 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

3. Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

5. Estas axudas poderán ser cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade Turística Q do ICTE, correspondentes ao ano 2021 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2021. Concretamente serán subvencionables:

• Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados pola entidade auditora acreditada polo ICTE para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación correspondente ao ano 2021.

Tamén serán obxecto das axudas os gastos de auditoría externa derivados dos aprazamentos dos procesos de seguimento e/ou renovación correspondentes ao ano 2020, que se realicen en 2021, sempre e cando fosen aprobados polo ICTE e cuxa data de facturación se produza en 2021. As contías das axudas dos procesos de aprazamentos terán unha intensidade do 30 %.

Só se terán en conta as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación posterior, quedando excluídos os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos en que incorra o solicitante durante o proceso de implantación da correspondente norma UNE. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría externa realizada no ano 2021.

• Os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2021, unha vez acadada a certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.

2. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para os contratos menores, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.

4. Poderá subcontratarse a actividade obxecto da subvención nun 100 %, de conformidade co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráse para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria e declaracións responsables

1. As persoas interesadas achegarán a seguinte documentación:

1.1. Categoría 1ª. Concellos.

1.1.1. Solicitude de adhesión e primeira certificación.

O concello que, por primeira vez, solicite a adhesión a Q de Calidade Turística para un ou máis recursos, bens ou servizos, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Certificado do ICTE sobre a solicitude da adhesión do concello á marca Q.

c) Orzamento desagregado por conceptos das actuacións que se van realizar.

d) Orzamento ou factura da empresa auditora acreditada polo ICTE, referido aos custos de auditoría externa da marca correspondente ao presente ano. No caso de auditorías multi-site, deberá reflectirse no orzamento ou na factura os diferentes recursos, bens ou servizos que sexan obxecto dos traballos da auditoría externa, especificando o nome e o enderezo de cada un deles.

e) Orzamento, factura pro forma ou factura emitida polo ICTE correspondente á cota de uso de marca anual do ano en curso.

1.1.2. Solicitude de seguimento e/ou renovación de marca.

O concello que solicite esta subvención para o seguimento e/ou renovación da marca para un recurso, ben ou servizo, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Certificado da marca Q de calidade turística do ICTE para o recurso, ben ou servizo en vigor.

c) Orzamento desagregado por conceptos das actuacións que se van realizar.

d) Orzamento ou factura da empresa auditora acreditada polo ICTE, referido aos custos de auditoría externa da marca correspondente ao presente ano. No caso de auditorías multi-site, deberán reflectirse no orzamento ou na factura os diferentes recursos, bens ou servizos que sexan obxecto dos traballos da auditoría externa, especificando o nome e o enderezo de cada un deles.

e) Orzamento, factura pro forma ou factura emitida polo ICTE correspondente á cota de uso de marca anual do ano en curso.

1.1.3. Documentación que ten que presentar o concello solicitante nos procesos de adhesión, seguimento e/ou renovación:

Certificación do/da secretario/a da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

– Acordo de solicitar a subvención, e de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude. Este acordo deberá adoptarse antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes.

– Que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais ao Consello de Contas correspondente ao último exercicio.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

1.2. Categoría 2ª. Persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos.

As persoas solicitantes deberán achegar a seguinte documentación:

1.2.1. Solicitude de adhesión e primeira certificación.

A persoa solicitante que, por primeira vez, accede á adhesión a Q de Calidade Turística para un establecemento ou servizo turístico deberá presentar a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Certificado do ICTE sobre a solicitude da adhesión do establecemento ou servizo á marca Q.

c) Orzamento desagregado por conceptos das actuacións que se van realizar.

d) Orzamento ou factura da empresa auditora acreditada polo ICTE, referido aos custos de auditoría externa da marca correspondente ao presente ano. No caso de auditorías multi-site, deberá reflectirse no orzamento ou na factura os diferentes establecementos ou servizos que sexan obxecto dos traballos da auditoría externa, especificando o nome comercial e o enderezo de cada un deles.

e) Orzamento, factura pro forma ou factura emitida polo ICTE correspondente á cota de uso de marca anual do ano en curso.

1.2.2. Solicitude de seguimento e/ou renovación de marca.

A persoa que solicite esta subvención para o seguimento e/ou renovación da marca Q de Calidade Turística para un establecemento ou servizo turístico, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Certificado da marca Q de calidade turística do ICTE para o establecemento ou servizo en vigor.

c) Orzamento desagregado por conceptos das actuacións a realizar.

d) Orzamento ou factura da empresa auditora acreditada polo ICTE, referido aos custos de auditoría externa da marca correspondente ao presente ano. No caso de auditorías multi-site, deberá reflectirse no orzamento ou na factura os diferentes establecementos ou servizos que sexan obxecto dos traballos da auditoría externa, especificando o nome comercial e o enderezo de cada un deles.

e) Orzamento, factura pro forma ou factura emitida polo ICTE correspondente á cota de uso de marca anual do ano en curso.

f) No caso de solicitudes de axudas referidas a procesos de auditoría externa de seguimento ou renovación da marca Q correspondentes a aprazamentos de procesos de mantemento da marca do ano 2020, orzamento ou factura da empresa auditora acreditada polo ICTE, referido aos custos de auditoría externa da marca realizada ao presente ano. No caso de auditorías multi-site, deberá reflectirse no orzamento o número de oficinas (central e sucursais) que sexan obxecto dos traballos da auditoría externa, especificando o nome comercial e o enderezo de cada unha delas.

2. Documentación acreditativa dos criterios de valoración.

As persoas ou entidades solicitantes poderán acreditar os criterios de valoración contidos nos puntos 4, 5, 6 e 7 do artigo 14 destas bases, achegando a seguinte documentación:

a) No caso de establecementos, recursos ou servizos turísticos distinguidos con compromiso de calidade turística, documento acreditativo do distintivo de compromiso de calidade turística de boas prácticas en vigor concedido por un destino SICTED (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) De ser o caso, documentos acreditativos relativos ás certificacións e/ou distintivos de calidade, calidade ambiental e/ou accesibilidade e/ou sustentabilidade e/ou safe tourism en vigor do establecemento, recursos, ben ou servizo.

c) De ser o caso, documento asinado e selado pola persoa ou entidade solicitante en que se acredite o uso das novas tecnoloxías (TIC), indicando o enderezo URL da súa páxina web, e/ou URL das redes sociais en que participa, e/ou localización na súa web do espazo destinado a reservas e/ou compra en liña de servizos a través da web e/ou APP do establecemento para sistemas operativos IOS, Android, Windows Phone, Blackberry e/ou outros.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do disposto no número 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

As copias dos documentos terán a mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As persoas solicitantes no modelo de declaración que se incorpora no anexo II farán constar:

a) Que en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.

b) Que en relación con outras axudas de minimis concedidas ou solicitadas, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha outra axuda de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Facenda autonómica e coa Facenda estatal e fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda con ningunha outra Administración pública.

h) Que se compromete a cumprir coas obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 21 das bases reguladoras.

i) No caso de entidades privadas, que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20.5.2003), encadrándose na seguinte categoría:

– Microempresa: empresa que ocupa a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

– Pequena empresa: empresa que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

– Mediana empresa: empresa que ocupa a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non exceda os 50 millóns de euros o cuxo balance xeral anual non supera os 43 millóns de euros.

j) O conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

k) No caso de que o réxime de axudas estea suxeito ao réxime de minimis tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar as certificacións de estar ao día nas citadas obrigas.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Órganos competentes

A Xerencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A área provincial correspondente da Axencia Turismo de Galicia achegará un informe que deberá indicar:

– O cumprimento por parte do establecemento da normativa turística vixente e a existencia ou non dalgún expediente sancionador cuxa resolución sexa firme e comporte a perda de obter subvencións.

– Período de funcionamento do establecemento.

– Data de inicio de actividade do establecemento turístico recollido ao abeiro do capítulo III, Réxime para o exercicio de actividades e a prestación de servizos turísticos, da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia. Para estes efectos, tomarase a data de inscrición no REAT.

3. Así mesmo, a Área de Calidade e Proxectos Europeos achegará un informe no referido ás acreditacións e certificacións de calidade presentadas relacionadas cos aspectos susceptibles de valoración previstos nos números 1, 4, 5, 6 e 7 do artigo 14. Se é o caso, o informe recollerá tamén o uso das TIC que se acredite, indicando se o establecemento ten páxina web propia, o uso de redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram ...), a compra e/ou reserva en liña de servizos desde a web propia do establecemento, e a dispoñibilidade de APP do establecemento para sistemas operativos IOS, Android, Windows Phone ou outros. E se o establecemento/servizo turístico se atopa nun municipio que goza ou gozou dun plan de dinamización, excelencia, de produto turístico, competitividade e/ou SICTED en Galicia. Se o establecemento/servizo turístico está localizado nun municipio declarado de interese turístico pola Administración turística.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, e emitidos os informes preceptivos polas áreas provinciais e pola Área de Calidade e Proxectos Europeos indicados anteriormente, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) A persoa responsable á Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia, que a presidirá.

b) As persoas responsables das áreas provinciais.

c) A persoa responsable da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial, que actuará como secretario/a.

d) Unha persoa representante da Xerencia de Turismo de Galicia.

e) Unha persoa representante da Dirección de Competitividade.

3. Os/as membros e, se é o caso, os/as suplentes serán designados/as pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

4. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificando a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

5. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 14. Criterios de valoración

Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes, tendo cada un daqueles o peso que se especifica:

1. Atendendo á localización do establecemento/servizo turístico: ata 10 puntos.

– Situación nun municipio que desfruta ou desfrutou dun plan de dinamización, excelencia, de produto turístico, competitividade e/ou SICTED en Galicia: 5 puntos.

– Que o establecemento/servizo turístico estea localizado nun municipio declarado de interese turístico pola Administración turística: 5 puntos.

2. Período de funcionamento do establecemento: 12 puntos (1 punto por cada mes de funcionamento).

No caso das praias, valorarase o tempo con que conta a praia co servizo de salvamento ao longo do ano.

3. Tempo de actividade turística do establecemento: ata 10 puntos.

– Ano de apertura de 2020 a 2000: 2 puntos.

– Ano de apertura de 1999 a 1979: 6 puntos.

– Apertura anterior a 1979: 10 puntos.

No caso das praias e recursos naturais, valorarase coa puntuación máxima nesta epígrafe (10 puntos).

4. Uso das TIC polo establecemento: ata 10 puntos.

– Dispoñibilidade de páxina web propia do establecemento/servizo turístico: 2 puntos.

– Uso de redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram ...): 3 puntos.

– Compra e/ou reserva de servicios en liña desde a web do establecemento/servizo turístico: 3 puntos.

– Dispoñibilidade de APP propias para smartphones e/ou tablets: 2 puntos.

5. Que o establecemento/servizo turístico solicitante acredite o seu compromiso coa calidade: ata 48 puntos.

– Por cada ano que o establecemento/servizo turístico acredite a súa certificación coa marca Q, dous puntos por ano ata un máximo de 30 puntos.

– Acreditando o distintivo Galicia Calidade e/ou Bandeira Azul (Blue Flag): 6 puntos.

– Acreditando o distintivo de boas prácticas de compromiso de calidade turística concedido por un destino SICTED (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia: 4 puntos.

– Acreditando unha certificación Safe Tourism Certified do ICTE: 2 puntos.

– Acreditando unha certificación de calidade conforme a norma internacional ISO 9001 (3 puntos).

– Acreditando unha EFQM: 3 puntos.

6. Que o establecemento acredite unha certificación ambiental internacionalmente recoñecida: ata 8 puntos.

– Acreditando unha certificación de calidade conforme a norma internacional ISO 14001: 2 puntos.

– Acreditando o recoñecemento EMAS (Eco-Management and Audit Scheme): 2 puntos.

– Acreditando unha certificación Q de sustentabilidade do ICTE: 2 puntos.

– Acreditando a concesión de Chave Verde (Green Key) da Unión Europea (ADEAC): 1 punto.

– Acreditando outras certificacións ambientais emitidas por organismos oficiais galegos, españois e/ou internacionais acreditados por ENAC: 1 punto.

7. Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa xestión da accesibilidade: 2 puntos.

– Acreditando una certificación de calidade conforme a norma internacional ISO 170001: 1 punto.

– Acreditando una certificación de boas prácticas de accesibilidade, emitida por organismos oficiais galegos, españois e/ou internacionais: 1 punto.

Artigo 15. Porcentaxe subvencionable e importe máximo subvencionable

1. A porcentaxe máxima de axuda sobre o investimento subvencionable calcularase con base na puntuación que alcancen os proxectos presentados, segundo se detalla a seguir:

Puntuación

% Axuda

51-100 puntos

70 %

31-50 puntos

65 %

0-30 puntos

60 %

2. Para o caso dos custos de auditoría externa derivados dos aprazamentos dos procesos de seguimento e/ou renovación correspondentes ao no 2020, a contía da axuda terá unha intensidade do 30 %.

3. En calquera caso, as subvencións concedidas non poderán superar os seguintes límites máximos:

– 2.000 euros para os procesos de 1ª certificación e/ou renovación da marca Q e de 1.000 euros para procesos de seguimento.

– Para as solicitudes cuxa auditoría externa se realice mediante a modalidade multi-site, o importe subvencionado por este concepto será dun máximo de 3.000 euros para procesos de 1ª certificación e/ou renovación da marca Q e de 2.000 euros para procesos de seguimento.

Artigo 16. Audiencia

1. Efectuada a valoración, a comisión fará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá serlles notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 17. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. A persoa titular da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

5. En todo caso, a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación de artigo 3.2 de Regulamento (UE) nº 1407/2013 non pode ser superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para interpor o recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso ou desde o día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto. Transcorrido o dito prazo, unicamente se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade cos requisitos establecidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado.

3. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Obrigas dos persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

b) No caso das subvencións destinadas á 1ª certificación e renovación, manterase a certificación do Q de calidade durante un ciclo completo de tres anos, incluído o ano en curso.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de opoñerse expresamente a que se soliciten polo órgano xestor, no espazo habilitado para tal finalidade no anexo II. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

f) As persoas e entidades beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, deberá facerse constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación coa obtención do distintivo de calidade, que esta contou coa subvención da Xunta de Galicia, e deberán incluír o logo da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2021, de conformidade co Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia e co Manual de uso da marca Xacobeo 2021.

Os/as beneficiarios/as deberán incluír, nas súas accións promocionais, o logo da Xunta de Galicia e da marca do Xacobeo 2021. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina da Axencia Turismo de Galicia relativa ao Xacobeo 2021.

g) A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

h) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención

2. Cando a actuación estea cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, son tamén obrigas das persoas beneficiarias das subvencións:

a) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública.

b) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deban efectuar os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

d) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.

f) Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

g) Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

h) Segundo o establecido no artigo 15, número 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medio audiovisuais) que se realice contando con financiación obtida a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto de conformidade co establecido no anexo VII destas bases, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

i) Facilitar a recolla de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

Artigo 22. Xustificación da subvención e pagamento

1. O pagamento da subvención efectuarao a Axencia Turismo de Galicia nun único pagamento, logo da xustificación da realización da actuación e do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, nas condicións e termos previstos neste artigo.

2. Para xustificar a realización da actividade subvencionada, as persoas ou entidades beneficiarias destas subvencións terán ata o 30 de novembro de 2021, para presentaren a documentación que a seguir se indica:

– Categoría 1ª: concellos, conta xustificativa conforme os artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, e a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo IV.

b) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión, obxecto do gasto e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se for o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia anteriormente.

d) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Copia da certificación expedida polo ICTE ou, na súa falta, informe resultante do proceso de auditoría, en que quede constancia das actuacións realizadas e da tramitación do correspondente informe de conformidade ante o ICTE.

f) No suposto de seguimento da marca Q, documento acreditativo do pagamento ao ICTE da cota de uso da marca correspondente ao período anual do ano en curso.

g) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

h) No caso de que a actuación fose cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a documentación de ter realizado a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no anexo VII, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e segundo o modelo que se establece no anexo VII que se xunta ás presentes bases reguladoras.

Así mesmo, deberá indicarse un número de conta para o ingreso dos fondos e xuntar unha declaración responsable da veracidade dos datos relativos á dita conta.

– Categoría 2ª: persoas físicas ou xurídicas privadas, presentarán a xustificación na citada modalidade de conta xustificativa, conforme o artigo 48 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

Relación clasificada dos gastos da actuación subvencionada, con indicación do acredor, número de factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Se é o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao outorgamento da subvención.

– Facturas, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e a do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

As facturas deben reunir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

No caso de ser financiadas as actividades, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, de conformidade co disposto no artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– De ser o caso, os tres orzamentos que se requiren en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Copia da certificación expedida polo ICTE ou, na súa, informe resultante do proceso de auditoría, en que quede constancia das actuacións realizadas e da tramitación do correspondente informe de conformidade ante o ICTE.

d) No suposto de seguimento da marca Q, documento acreditativo do pagamento ao ICTE da cota de uso da marca correspondente ao período anual do ano en curso.

e) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

f) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública, só no caso de que se denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitalos.

Así mesmo, deberá indicarse un número de conta para o ingreso dos fondos e xuntar unha declaración responsable da veracidade dos datos relativos á dita conta.

g) No caso de que a actuación fose cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a documentación de ter realizado a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no anexo VII, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e segundo o modelo que se establece no anexo VII que se xunta ás presentes bases reguladoras.

3. Os anexos IV e V indicados anteriormente estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (na páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU970A).

4. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. Se a xustificación é inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que non se xustifique a subvención en prazo, ou de que o executado non cumpra o fin para o que se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, en caso de habelas, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 23. Reintegros e sancións

1. Para facer efectiva a devolución a que se refire o artigo anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases cando as actuacións sexan cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de tres ou cinco anos (segundo o tipo de empresa beneficiaria).

e) Suporá a perda da subvención, cando se trate de operacións que comprendan investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos se, nos dez (10) anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión (excepto cando o beneficiario sexa unha peme) ou no prazo que determina a normativa de axudas de Estado.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 24. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 25. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais, no caso de que as actuacións sexan cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 na súa condición de organismo intermedio en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión, segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

A aceptación da axuda implica ademais, no caso de que as actuacións fosen cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a aceptación da inclusión do beneficiario na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº1303/2013 e que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 no seguinte sitio web:

https://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-

ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx.

3. No exercicio das súas responsabilidades en materia de información, comunicación e visibilidade, de conformidade co artigo 115, números 1 e 3, e co anexo XII, os Estados membros e as autoridades de xestión garantirán que os beneficiarios potenciais, os beneficiarios, os participantes, os destinatarios finais dos instrumentos financeiros e o público en xeral sexan conscientes da existencia e do volume dos recursos REACT-UE e do apoio adicional que estes proporcionan.

Os Estados membros e as autoridades de xestión explicarán claramente aos cidadáns que a operación en cuestión se financia como parte da resposta da Unión á pandemia de COVID-19 e garantirán a plena transparencia, utilizando, cando sexa adecuado, as redes sociais.

As referencias ao fondo, fondos ou fondos EIE na sección 2.2 do anexo XII completaranse coa referencia «Financiado como parte da resposta da Unión á pandemia de COVID-19», cando o apoio financeiro ás operacións se preste con cargo aos recursos REACT-UE.

Artigo 26. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 27. Remisión normativa

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tamén serán de aplicación as seguintes normas:

a) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

e) Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro, pola que se modifica a Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

f) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file