Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 30 de marzo de 2021 Páx. 17243

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021 (código de procedemento VI432A).

No Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo de 2018, publicouse o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021. No citado real decreto establécese, no seu capítulo III, un programa de axudas ao alugamento de vivendas e, no capítulo IX, un programa de axudas á mocidade, en que se prevé unha axuda para o alugamento que ten por obxecto facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada aos mozos e mozas mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

O artigo 5 da citada norma atribúelles aos órganos competentes das comunidades autónomas a tramitación e resolución dos procedementos de concesión e pagamento das axudas dos distintos programas do plan, unha vez que se recoñecese o dereito das persoas beneficiarias a obtelas, dentro das condicións e dos límites establecidos no real decreto.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, implantou estes programas de axudas no ano 2018, mediante a Orde do 22 de xuño de 2018 pola que se estableceron as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procedeu á súa convocatoria para o ano 2018.

No Diario Oficial de Galicia núm. 172, do 11 de setembro de 2019, publicouse a Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as novas bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual. A citada norma foi modificada pola Orde do 17 de abril de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 77, do 22 de abril de 2020.

Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións citadas para a anualidade 2021.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2021 os seguintes programas de axudas ao alugamento de vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitarán co código de procedemento VI432A:

a) Liña A, axudas ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas.

b) Liña B, axudas á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

2. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas obxecto desta convocatoria están recollidas na Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 172, do 11 de setembro de 2019, modificada pola Orde do 17 de abril de 2020 (DOG núm. 77, do 22 de abril).

En todo o non recollido nesta resolución e nas bases reguladoras aplicarase o disposto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan 2018-2021; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas obxecto desta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021, por un importe total de 2.272.000 euros distribuído nas seguintes liñas:

Liñas de axudas

Aplicación

Proxecto

Importe 2021

Liña A. Axudas ao alugamento de vivenda

08.81.451B.480.6

2018 00008

1.485.000,00 €

Liña B. Axudas á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente

08.81.451B.480.6

2018 00004

787.000,00 €

Total

2.272.000,00 €

2. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, no marco do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Se se desestiman solicitudes por falta de orzamento e, con posterioridade á emisión da resolución, se incrementan os créditos destinados ao financiamento das ditas axudas ou se libera parte do crédito dispoñible inicialmente, por renuncia da persoa beneficiaria ou por non ter achegado a preceptiva xustificación en prazo, o órgano instrutor poderá propoñer a concesión da axuda ás solicitudes que se desestimasen por falta de crédito orzamentario, segundo a orde de prioridade establecida no artigo 12 das bases reguladoras e sempre e cando se liberase crédito suficiente para atender, cando menos, unha das solicitudes desestimadas.

5. En relación co punto anterior, se nun dos programas non se esgotase o crédito dispoñible para o financiamento das axudas, a parte do crédito restante poderá destinarse a atender as solicitudes doutro programa que fosen desestimadas por falta de orzamento.

Cuarto. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña A, axudas ao alugamento de vivenda, as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.

b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e cuxos efectos económicos sexan anteriores ao último día de prazo de presentación de solicitudes.

c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de convivencia durante todo o período polo que se conceda a axuda. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.

d) Que a renda mensual da vivenda alugada non supere os importes establecidos no artigo 10 das bases reguladoras.

e) Que os ingresos das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Este límite será de catro veces o IPREM se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade:

i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 12.4 das bases reguladoras.

2. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña B, axudas á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, as persoas físicas maiores de idade que non teñan feitos os 35 anos na data de presentación da solicitude e cumpran o resto de requisitos sinalados no número 1 deste punto.

3. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a continuación se indican:

a) Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e se obtivo por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade de convivencia.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda.

c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

d) Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera Administración pública.

e) Ter sido beneficiaria das axudas de calquera das dúas liñas deste programa ao abeiro de convocatorias anteriores realizadas con financiamento do Plan 2018-2021. Exceptúanse deste suposto as persoas que xa non forman parte da unidade de convivencia da persoa beneficiaria da axuda.

f) Non atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Estar incursa nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e/ou no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como ser obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia.

Quinto. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se avaliarán nesta convocatoria para a concesión inicial das axudas corresponderán ao exercicio económico 2019. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM dese mesmo ano.

Sexto. Duración das axudas e retroactividade das axudas

As axudas de ambas as dúas liñas concederanse por un prazo máximo dun ano e, en todo caso, ata o 31 de decembro de 2021, data de remate da vixencia do Plan 2018-2021.

De conformidade co previsto no artigo 9 das bases reguladoras, estas axudas terán carácter retroactivo nos seguintes termos:

– Naqueles casos en que se dispoña dun contrato con efectos económicos anteriores ao 1 de xaneiro de 2021, a axuda terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2021.

– Para os contratos asinados entre o 1 de xaneiro de 2021 e a data de presentación da solicitude, a axuda terá efectos desde a data en que comecen os efectos económicos do contrato.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Oitavo. Participación nas liñas de axuda

1. No momento de cubrir a súa solicitude, a persoa interesada deberá optar por unha das dúas liñas de axuda previstas nesta resolución. No caso de que seleccione as dúas liñas, a axuda tramitarase pola liña A. No caso de que non se seleccione ningunha das dúas liñas, a solicitude non será admitida a trámite, ao ser un campo de obrigada consignación.

2. Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas e teranse por inadmitidas todas as demais.

3. No caso de contratos de alugamento asinados por máis dunha persoa da unidade de convivencia, só se poderá conceder unha única axuda polo dito contrato.

Noveno. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario, debidamente cuberto, que se incorpora como anexo I a esta resolución e deberá dirixirse ao IGVS.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na páxina web do IGVS, (http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación varios campos, os cales deben estar cubertos no momento da súa presentación. Aquelas solicitudes que sexan presentadas sen cubrir os citados campos obrigatorios non serán admitidas a trámite.

5. No modelo de solicitude, a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que a persoa solicitante é titular dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, situado nun concello de Galicia e que a vivenda obxecto do contrato constitúe o seu domicilio habitual e permanente.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda situada no territorio nacional, agás os supostos exceptuados no artigo 7.3.a) das bases reguladoras.

e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia ten parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora.

f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

g) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é inquilina de vivendas xestionadas polo IGVS ou por calquera Administración pública.

h) Declaración responsable de que nin á persoa solicitante nin a ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia se lle revogou ou foi obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda, deste plan de vivenda ou doutro anterior por causa que lle sexa imputable.

i) Declaración responsable de que a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia non foi beneficiaria das axudas de calquera das dúas liñas deste programa ao abeiro de convocatorias anteriores realizadas con financiamento do Plan 2018-2021, agás o suposto exceptuado no artigo 7.3.e) das bases reguladoras.

j) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa en algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

k) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

l) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.

Décimo. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servicios/modelos-xenericos.

b) Contrato de alugamento da vivenda, cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

c) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia, expedido dentro dos tres meses anteriores á data da presentación da solicitude. As persoas integrantes desta unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.

d) Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento, no caso de que a unidade de convivencia estea integrada por máis dunha persoa.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.

e) Documentación xustificativa dos ingresos percibidos pola unidade de convivencia, no caso de non presentar declaración do IRPF ou percibir algunha das rendas exentas previstas no artigo 7 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, acompañado da seguinte documentación:

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo INSS.

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

– Certificado da contía percibida pola renda de integración social de Galicia.

f) No caso de ingresos obtidos no estranxeiro, copia da declaración similar á do IRPF, autenticada pola correspondente delegación consular e, de ser o caso, o certificado acreditativo de equivalencia en euros do importe declarado.

g) De ser o caso, convenio regulador de nulidade, separación ou divorcio, ou sentenza que acredite que a persoa solicitante non ten o uso da vivenda familiar, así como a documentación acreditativa de estar ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias, se for o caso, no caso das persoas separadas ou divorciadas.

h) No caso de familias numerosas, título de familia numerosa, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

i) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e/ou das persoas que integran a súa unidade de convivencia, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

2. As solicitudes que no momento da súa presentación non vaian acompañadas dos documentos sinalados nas letras b), c) e d) do número 1 deste ordinal quedarán automaticamente inadmitidas.

3. Aquelas persoas que na solicitude indiquen que pertencen a algún dos colectivos preferentes especificados no artigo 12.5 das bases reguladoras deberán achegar a documentación xustificativa da circunstancia que lles é de aplicación, soamente cando lles sexa requirida pola Administración no caso de empate na puntuación que resulta da fórmula prevista no artigo 12 destas bases reguladoras.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante da persoa solicitante.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, así como das persoas que integran a unidade de convivencia.

d) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.

e) Certificado da renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.

f) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.

g) Datos catastrais correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia.

h) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro, onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade de convivencia teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.

i) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

j) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante e dos restantes membros da unidade de convivencia que figuren no anexo II.

l) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante e dos restantes membros da unidade de convivencia que figuren no anexo II.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

m) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.

n) Certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

o) Importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia.

p) Título autonómico de familia numerosa da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

q) Certificado acreditativo da discapacidade, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que a persoa solicitante, calquera das persoas que integran a súa unidade de convivencia e/ou a persoa arrendadora se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos anexos I e II, respectivamente, e achegar os devanditos documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo terceiro. Criterios obxectivos de outorgamento da axuda

1. A contía dos ingresos da unidade de convivencia converterase a número de veces o IPREM.

2. Para os efectos da concesión da axuda, os ingresos da unidade de convivencia deberán ser inferiores ao límite máximo de ingresos da unidade de convivencia (LIUC) previsto no punto seguinte. O citado límite de ingresos virá determinado pola composición da unidade de convivencia.

3. O LIUC expresarase en número de veces a contía anual do IPREM e non poderá ser superior a tres veces o citado índice, salvo os supostos especificados no número catro, punto 1.e), desta resolución; o LIUC determinarase conforme as seguintes regras:

– Se a unidade de convivencia está composta por unha soa persoa, computa 1,5 veces o IPREM.

– Se a unidade de convivencia está composta por dúas ou máis persoas, a primeira persoa computa 1,5 veces o IPREM e cada persoa adicional 0,5 veces o IPREM.

4. A prioridade das solicitudes determinarase en función do maior resultado de aplicar a seguinte fórmula:

1 – IUC/CLIUC

Onde:

IUC son os ingresos, en euros, da unidade de convivencia.

Para os efectos do cálculo do IUC, no caso de familias numerosas de categoría xeral ou de persoas con discapacidade, a contía dos ingresos multiplicarase polo coeficiente 0,75. No caso de familias numerosas de categoría especial ou de persoas con discapacidade dos tipos i) ou ii) especificadas no número catro 1.e) desta resolución, o coeficiente que se utilizará será de 0,60.

CLIUC é a contía, en euros, do límite máximo de ingresos da unidade de convivencia que permite o acceso á axuda, no suposto de que non existisen os limiares límites en número de veces o IPREM recollido no punto 7.

5. No caso de empate, terán preferencia os seguintes colectivos:

– Familias numerosas.

– Unidades familiares monoparentais con cargas familiares.

– Persoas que fosen obxecto dunha execución hipotecaria da súa vivenda habitual ou que a entregasen en pagamento da débeda.

– Unidades de convivencia en que exista algunha vítima de violencia de xénero.

– Unidades de convivencia en que algunha persoa asuma a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente dalgún menor orfo por violencia de xénero.

– Unidades de convivencia afectadas por situacións catastróficas.

– Unidades de convivencia que conten con algún membro con discapacidade.

– Unidades de convivencia en que estean integradas persoas que sufrisen danos incapacitantes como consecuencia da actividade terrorista, o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, durante os dous anos anteriores, de vítimas falecidas en actos terroristas, as/os súas fillas/os e as/os fillas/os das persoas incapacitadas, así como as ameazadas como consecuencia do dito feito.

6. Se as solicitudes presentadas nunha convocatoria, que cumpran o sinalado neste número, son inferiores ao número de axudas que se poderían conceder conforme o crédito orzamentario habilitado, poderán resultar beneficiarias aquelas persoas solicitantes cuxas unidades de convivencia teñan ingresos que non superen 2 veces o IPREM, priorizándose o seu acceso coa fórmula que figure neste número.

Décimo cuarto. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento de concesión das axudas é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo quinto. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación desta convocatoria no DOG.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda publicaranse na páxina web do IGVS e mediante anuncio no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

Poderanse enviar mensaxes ás persoas interesadas ao teléfono móbil e correo electrónico avisando destas publicacións. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.

4. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a persoa solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. O órgano instrutor avaliará as solicitudes presentadas en prazo e comprobará que estean completas, logo da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos. Posteriormente, emitirá un informe por cada unha das dúas liñas de axudas, en que se valorará o cumprimento das condicións impostas para adquirir a condición de persoa beneficiaria e, seguidamente, ordenará as solicitudes de maior a menor puntuación, segundo a aplicación dos criterios de prelación previstos no artigo 12 das bases reguladoras, con indicación da axuda que lle corresponde, de acordo co establecido no artigo 33.5 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e elevará as propostas de resolución ao órgano concedente.

6. O órgano concedente resolverá en función do crédito dispoñible na convocatoria.

7. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións de inadmisión e denegación das axudas solicitadas poderán publicarse na páxina web do IGVS, logo de publicación desta circunstancia no DOG.

Décimo sexto. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda ao alugamento. A resolución de concesión indicará a contía da axuda, a súa duración e os seus efectos económicos, así como a súa forma de xustificación. A persoa beneficiaria deberá achegar, no prazo de dez (10) días contados dende o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, os recibos bancarios xustificativos do pagamento das mensualidades da renda de alugueiro anteriores á data da resolución e posteriores ao 1 de xaneiro de 2021.

2. O prazo para resolver e notificar a concesión das axudas será de cinco (5) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sétimo. Xustificación e pagamento da subvención

1. A xustificación dos pagamentos das rendas mensuais desta convocatoria realizarase do seguinte xeito:

– A xustificación do pagamento da renda das mensualidades anteriores á data de notificación da resolución de concesión e que estean dentro do prazo de retroactividade previsto nesta convocatoria deberase realizar dentro dos dez primeiros días, contados desde o día seguinte ao da notificación da citada resolución.

– As xustificacións dos pagamentos mensuais posteriores á notificación da resolución de concesión deberanse realizar dentro dos dez primeiros días naturais do correspondente mes.

Nun e noutro caso, a remisión da citada xustificación realizarase empregando o modelo normalizado que para a presentación de documentación xustificativa está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, coa achega do extracto ou o certificado bancario acreditativo do pagamento. Non obstante, tamén se admitirán, para os efectos sinalados, os extractos ou certificados bancarios realizados por empresas mediadoras ou inmobiliarias a favor da persoa arrendadora, onde quede acreditado o importe do ingreso e o seu concepto, así como os extractos ou certificados bancarios realizados pola persoa inquilina a empresas mediadoras ou inmobiliarias, sempre que se achegue un documento da persoa arrendadora que autorice a recepción nesa conta bancaria dos pagamentos mensuais ou figure no propio contrato de alugamento como forma de pagamento da renda. En ningún caso se admitirán como xustificación os recibos de pagamentos realizados en metálico.

2. A falta de xustificación do pagamento da renda ou, de ser o caso, a falta de pagamento da renda dentro do prazo sinalado no parágrafo anterior determinará a perda do dereito á subvención da correspondente mensualidade, sen que iso exima a persoa inquilina da súa responsabilidade de pagamento da renda.

3. O pagamento da subvención realizarase unha vez xustificado o correspondente pagamento da renda mensual, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria sinalada para estes efectos no anexo I.

Décimo oitavo. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Estas axudas serán compatibles cos supostos excepcionais en que a comunidade autónoma, os municipios, outras entidades públicas, organizacións non gobernamentais ou asociacións acheguen unha axuda para esa mesma finalidade a persoas beneficiarias en situacións de especial vulnerabilidade. Así mesmo, estas axudas serán compatibles coa percepción de prestacións non contributivas da Seguridade Social.

En ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da actividade subvencionada.

2. De conformidade co artigo 13 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, estas axudas serán incompatibles con percepcións da renda básica de emancipación, coas subvencións procedentes do Programa do bono de alugueiro social, con calquera outra axuda para o pagamento do alugamento prevista no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, e coas que para esa mesma finalidade, poida conceder a Comunidade Autónoma de Galicia ou calquera outra Administración ou entidade pública. Tampouco poderán ser beneficiarias destas liñas de axudas as persoas inquilinas de vivendas de promoción pública xestionadas polo IGVS ou por calquera Administración pública.

3. As persoas beneficiarias das axudas previstas nesta resolución non as poderán continuar percibindo no caso de que se lles conceda a axuda para a adquisición de vivenda habitual e permanente localizada nun concello de menos de 5.000 habitantes, prevista no artigo 56 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, ou algunha outra axuda para a adquisición de vivenda convocada por calquera Administración pública. Neste caso, declararase a perda automática do dereito á axuda ao alugamento desde a data de notificación da resolución de concesión da citada axuda de adquisición.

Décimo noveno. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo. Transparencia e bo goberno

1. Na tramitación do procedemento deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4.2.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas beneficiarias están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para que este cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo primeiro. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo segundo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file