Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2021 Páx. 17491

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 18 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS320A).

BDNS (identif.): 555241.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Entidades de acción voluntaria e entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do programa Servizo de voluntariado xuvenil, desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de outubro de 2021.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais para a realización de actividades enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia mozas/os galegas/os para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten dentro dos sectores de actuación de acordo con esta convocatoria.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 18 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS320A).

Cuarto. Contía

A contía global da convocatoria é de douscentos cincuenta e cinco mil euros (255.000,00 €), dos cales, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.460.0, cento vinte mil euros (120.000,00 €), se destinarán ás entidades locais, mentres que os restantes cento trinta e cinco mil euros (135.000,00 €) se destinarán ás entidades de acción voluntaria, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.481.0.

En ningún caso a contía da axuda poderá superar os 4.800 €, que correspondería a un proxecto de 8 persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días; ou a cantidade de 12.000 €, que correspondería a un proxecto de 20 persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poida solicitar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

Quinto. Outros datos

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Coa solicitude presentarase o proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias con que se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha das persoas voluntarias e do número de días que participará cada unha delas, así como dun orzamento desagregado do custo de todas as actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso doutra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva. Requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social