Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2021 Páx. 17493

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 22 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS212A).

De acordo co artigo 50 da Constitución española, os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e con independencia das obrigas familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer.

O artigo 148.1.20 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias, entre outras, en materia de asistencia social. Ao abeiro do devandito precepto, o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía para Galicia, atribúe a esta comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de servizos sociais.

Neste marco competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Entre outros aspectos, esta lei regula a forma en que se prestarán os servizos sociais, permitindo ás persoas físicas e xurídicas privadas, sexa de iniciativa social ou de carácter mercantil, a posibilidade de crearen centros de servizos sociais, así como de xestionaren programas e prestacións desta natureza, de conformidade co establecido polo lexislador e, en todo caso, cumprindo os requisitos de calidade e demais condicións que estableza a normativa reguladora dos servizos sociais de Galicia.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, establece no seu artigo 3 como obxectivos do sistema galego de servizos sociais garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia, así como prever a aparición de calquera situación de dependencia, exclusión, desigualdade ou desprotección.

Así mesmo, o artigo 4 da citada lei enumera como principios xerais dos servizos sociais, entre outros, a prevención, a equidade e equilibrio territorial e a autonomía persoal e vida independente. Desta forma, as políticas de servizos socias débense orientar a prever e superar as causas que orixinen as necesidades sociais, dando prioridade ás accións preventivas, e constitúe unha obriga dos poderes públicos facilitar os medios necesarios para que as persoas dispoñan das condicións máis adecuadas e dos apoios necesarios para desenvolveren os seus proxectos vitais, dentro da unidade de convivencia que desexen, segundo a natureza dos servizos, a súa idoneidade e as condicións de utilización destes, sempre con respecto á libre decisión das persoas.

Por outra banda, coa aprobación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, creouse o Sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD), coa finalidade principal de garantir as condicións básicas e de protección destinadas á promoción da autonomía persoal e a atención das necesidades das persoas con dificultades para a realización das actividades básicas da vida diaria, prestacións dentro do sistema de servizos sociais.

O desenvolvemento da rede de centros e servizos sociais ten que ter presente a necesidade de compensar os desequilibrios territoriais, garantindo o acceso ao sistema das galegas e galegos que residan en áreas con altas taxas de envellecemento e dispersión, mediante unha oferta equitativa e equilibrada de servizos en todo o territorio.

A casa do maior preséntase como alternativa cando na contorna non existan recursos de atención para este colectivo ou cando o internamento en institucións non sexa desexado, procurando o mantemento no medio social habitual coa finalidade de que as citadas experiencias piloto poidan garantir a futura posta en marcha eficiente de servizos de atención en pequenos grupos, de maneira flexible e con garantías de seguridade e calidade.

Con esta estratexia preténdese crear oportunidades vitais para reter e atraer poboación na propia bisbarra e fomentar o reequilibrio territorial, aspectos ambos especialmente importantes en territorios afectados polo declive demográfico, como as áreas rurais de Galicia, concretamente as do interior, onde a fixación da poboación se presenta como unha cuestión prioritaria e as oportunidades laborais como un alicerce de desenvolvemento.

Desta forma aténdese, por unha banda, ao benestar de coidadores familiares, co fin de contribuír a diminuír a carga dos coidados e a favorecer que a permanencia das persoas en situación de dependencia na súa contorna se realice nas mellores condicións de equidade no acceso a recursos de proximidade, con independencia do lugar onde residan, e por outra banda foméntase a prevención das situacións de dependencia en persoas maiores que aínda gozan de autonomía, paliando, así mesmo, as situacións de illamento social que sofre gran parte deste colectivo.

A experiencia resultante da posta en marcha inicial destes proxectos piloto demostrou que, sen prexuízo de existir unha demanda por parte de maiores en situación de dependencia, tamén existe unha demanda por parte de persoas maiores que non acadan o recoñecemento de persoas dependentes.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese a apoiar a posta en marcha de proxectos piloto de carácter integrador, preventivo e asistencial, destinado á promoción, recuperación e/ou mantemento da autonomía persoal das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada ou severa, graos I e grao II e para persoas sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, residentes en concellos de Galicia que non dispoñan de recursos diúrnos de atención a persoas maiores, dando preferencia a aqueles concellos con menor poboación.

E por iso que o perfil de persoas usuarias que poden ser atendidas na casa do maior comprende non só maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada ou severa senón tamén persoas maiores sen grao de dependencia.

Así mesmo, as persoas promotoras da casa poden facerse cargo do desprazamento das persoas usuarias. Neste suposto, percibirán unha axuda máxima de 5 euros por persoa e día, sempre que acrediten a prestación do servizo nos termos previstos na presente orde.

Por outra banda, e debido ao o impacto do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, na execución da Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2020, convocatoria que se viu condicionada pola suspensión dos prazos administrativos e os seus efectos na tramitación cun elevado número de solicitudes presentadas que imposibilitou a súa resolución no prazo establecido, cómpre nesta convocatoria abordar a necesidade de proceder á súa consecución.

A posta en marcha deste recurso fomentarase a través da presente convocatoria pública de axudas baixo o procedemento de concorrencia competitiva.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II, respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o establecemento da casa do maior nos concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores ou naqueles concellos en que que, existindo un único destes recursos de atención diúrna a persoas maiores, se teña presentado ante a Consellería de Política Social a solicitude do seu cesamento total e permanente de actividade.

Para efectos da presente orde considérase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais adscrito á Consellería de Política Social, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.

O código do procedemento regulado nesta orde é o BS212A.

2. Por medio da presente orde convócanse as ditas axudas para a posta en marcha do proxecto piloto casas do maior durante os anos 2021, 2022 e 2023.

Artigo 2. Características do proxecto

1. A casa do maior, como fórmula destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada e severa, graos I e II, respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal, comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de forma que se procure o mantemento no medio social habitual evitando o internamento en institución cando non sexa desexado ou cando non existan preto do seu domicilio habitual.

Deseñarase e organizarase un ambiente e trato familiar, no cal se dea resposta ás necesidades derivadas da idade e da situación de dependencia das persoas usuarias, co fin de evitar e /ou atrasar a institucionalización de persoas maiores, reducindo a súa dependencia e illamento sociais.

2. Este proxecto piloto desenvolverase, sen prexuízo do establecido para o servizo de manutención, con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano, excepto os días festivos e un mes de cada doce, no cal a casa do maior permanecerá pechada por vacacións.

3. Salvo as excepcións previstas no número anterior, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular no caso de enfermidade ou algunha situación de emerxencia.

4. A atención prestada comprenderá a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou adestramento cognitivo.

As persoas usuarias da casa do maior decidirán voluntariamente se fan uso do servizo de manutención. As persoas beneficiarias das axudas poderán facturar por este servizo un máximo de 5 euros por persoa e día, sempre que se realizase un servizo completo. Para estes efectos, con anterioridade ao ingreso na casa do maior, deberán informar as persoas usuarias das condicións esenciais deste.

5. Se a persoa promotora da casa opta por asumir o desprazamento das persoas usuarias ata ela, percibirá unha axuda adicional da Xunta de Galicia, a razón de 5 euros por persoa e día. Para estes efectos, deberá cubrir unha declaración responsable en que manifeste a súa vontade de prestar o servizo de desprazamento, no caso de que as persoas usuarias queiran facer uso del.

6. As persoas maiores poderán acudir ao centro un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/coa profesional que desenvolva o proxecto piloto. En función disto, servirase, o almorzo, o xantar e/ou a merenda, segundo proceda.

7. Cada casa do maior terá un máximo de 5 prazas.

As persoas maiores que acudan á casa do maior deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe e que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores.

Non poderán ser persoas usuarias aquelas que precisen de atención e coidados sanitarios continuados, ni padecerán enfermidades infecto-contaxiosas en fase activa sen tratamento efectivo instaurado, trastornos adictivos que precisen dun tratamento de deshabituación ou trastornos condutuais severos que impidan a normal convivencia na casa.

8. Para acceder ao financiamento previsto é necesario que se atenda un mínimo de 1 e máximo de 5 persoas maiores.

Para estes efectos, non se terá en conta o período de tempo que transcorra para a adxudicación da praza, así como o establecido entre a notificación da adxudicación de praza á persoa usuaria e a ocupación efectiva dela.

Artigo 3. Financiamento

1. A contía total máxima destinada ás axudas reguladas na presente orde é 5.271.000,21 euros, distribuído en tres anualidades e que se financiarán con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Aplicación orzamentaria

Importe 2021

Importe 2022

Importe 2023

Importe total

13.04.312E.770.0

945.000,00 €

-----

-------

945.000,00 €

13.04.312E.470.0

1.081.500,21 €

1.622.250,00 €

1.622.250,00 €

4.326.000,21 €

Total

2.026.500,21 €

1.622.250,00 €

1.622.250,00 €

5.271.000,21 €

2. A partida 13.04.312E.770.0 destinarase ao financiamento de gastos de investimentos e a partida 13.04.313E.470.0 destinarase ao financiamento da prima polo desenvolvemento do proxecto e servizo de desprazamento das persoas usuarias.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa do maior as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a seguir, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:

1º Grao en medicina.

2º. Grao en enfermaría.

3º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de técnico auxiliar de Clínica, técnico auxiliar de Psiquiatría e técnico auxiliar de Enfermaría que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, ou no seu caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

4º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de atención a persoas en situación de dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria ou, se for o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

5º. Título de técnico superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en Integración Social e se fixan a súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que na data de publicación da presente convocatoria, se atopen traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.

6º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos socioculturais e á comunidade que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade ou, se for o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

7º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente certificado de profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio ou, se for o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

8º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

9º. Habilitación para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regulada pola Orde do 19 de novembro de 2018, pola que se regula o procedemento de obtención das habilitacións para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (códigos de procedemento BS800A e BS800B).

b) Residir en concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, no que se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha da experiencia piloto.

c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.

O inmoble deberá contar coas condicións arquitectónicas, de deseño e construción, que garantan o cumprimento das normas en vigor, especialmente o código técnico da edificación e as súas exixencias básicas. Estará dotado do seguintes recursos:

1º. Instalación de auga corrente. Os centros disporán de auga corrente procedente da rede de abastecemento público ou de calquera outra fonte que cumpra a normativa técnico-sanitaria vixente.

2º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da actividade subvencionada e conte coa protección de elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto ou outros riscos para a integridade dos maiores.

3º. As estancias deberán dispoñer de ventilación e iluminación natural.

Exceptúanse destes requisitos os cuartos de baño, nos cales a ventilación pode ser natural ou forzada.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada cos elementos necesarios para prestar o servizo de manutención.

5º. Unha zona de comedor habilitada para o efecto.

6º. Unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene:

6º.1. Contará cunha sala de estar para a realización de actividades individuais ou grupais que posibilite a convivencia e a participación social. A súa superficie nunca será inferior a 12,5 metros cadrados e deberá dispoñer de iluminación e ventilación natural.

6º.2. Contará como mínimo con dous servizos hixiénicos diferenciados, un para cada sexo, e contarán cunha dotación mínima de lavabo e inodoro. Un dos servizos hixiénicos deberá contar cunha ducha. Deberán estar dotados de axudas técnicas en paredes e sanitarios, así como timbre de chamada con conexión ás zonas comúns. O chan será antiescorregadizo e de doada limpeza e as portas terán un dispositivo fácil de peche e apertura.

Ambas as zonas deberán estar situadas preferiblemente en planta baixa ou primeiro andar con fácil acceso ao exterior e ser accesibles.

7º. Barras, axudas e timbre.

8º. As zonas de acceso adecuaranse tanto ao transporte adaptado como aos usuarios de andador e cadeiras de rodas.

9º. Un mobiliario e equipamento que permita a cobertura das necesidades e características específicas da persoas maiores usuarias.

10º. Dispoñer dun plan de actuación cos maiores para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa do maior.

d) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta revisión médica deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos.

2. No caso de posta en marcha de dúas casas do maior nun mesmo inmoble poderán compartir o acceso de entrada, a zona de preparación de alimentos e os servizos hixiénicos diferenciados.

3. Os requisitos establecidos na letra a) do número 1, a excepción do ordinal 8º, así como o certificado médico acreditativo do estado de saúde, deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En canto ao requisito do número 1.a) 8º, o promotor do proxecto deberá comprometerse á súa realización nun prazo máximo de 6 meses desde a entrada en vigor da presente orde, mediante a emisión dunha declaración responsable nos termos previstos no artigo 11.

O resto dos requisitos previstos no número 1 deberán acreditarse no prazo de dous meses desde a recepción da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado.

Todos os requisitos previstos no número 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade.

Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estaren constituídas no momento de presentación da solicitude, deberán ter iniciados os trámites para a súa constitución con anterioridade á presentación da solicitude. Neste caso, deberán achegar coa solicitude a documentación acreditativa correspondente (estatutos, solicitude de calificación previa destes ou solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades Cooperativas).

4. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

5. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas en que concorra a circunstancia establecida na disposición adicional primeira.

Artigo 5. Permanencia mínima da actividade subvencionada

O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da experiencia piloto.

Entenderase como data de posta en marcha a data da resolución de concesión da axuda.

Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior allea á vontade do/da profesional ou cooperativa que o leve a cabo ou a falta de demanda impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas no artigo 2.7.

Artigo 6. Accións e gastos subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as seguintes actuacións:

a) A reforma e adaptación do inmoble destinada a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material nos termos previstos no artigo 4. O mobiliario, electrodomésticos e materiais didácticos poderán ser de segunda man, sempre que estean en perfecto estado de uso e conste unha declaración de quen os vende sobre a procedencia dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e que o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares, acreditando estes requisitos do prezo mediante certificación de taxación independente.

b) A prestación da atención individualizada dos maiores de 60 anos en situación de dependencia graos I e II, e das persoas sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, nas condicións previstas no artigo 2.

2. Os gastos previstos na letra a) do número 1 para ter o carácter de subvencionables deberán ser necesarios.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar pagos con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido para o ano 2021.

3. Os gastos previstos deberán ser especificados na solicitude.

4. Os gastos periciais para a realización do proxecto serán subvencionables se están directamente relacionados coa actividade e son indispensables para a adecuada preparación ou execución do proxecto.

5. En ningún caso serán considerados gastos subvencionables os xuros debedores das contas bancarias, os xuros, recargos e sancións administrativas e penais, os gastos de procedementos xudiciais nin os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 7. Tipos de axuda e contías

1. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos elixibles, cun límite máximo global por casa do maior de 15.000 euros. Consideraranse coma elixibles aqueles gastos en que o promotor incorra para a reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material sempre que sexan necesarios.

2. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora ao comezo da súa andaina, que se liquidará nos termos previstos no artigo 23.

3. Adicionalmente, no caso de que os promotores optasen por asumir o desprazamento das persoas usuarias, os beneficiarios das axudas desta orde percibirán un máximo de 5 euros por persoa e día. Para estes efectos, o beneficiario da axuda deberá acreditar o número de usuarios deste servizo mediante a cobertura do anexo VI.

Artigo 8. Procedemento e réxime de aplicación

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis ( DOUE L 352, do 24 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Por tanto, de recibir a persoa física ou xurídica outras axudas baixo o réxime de minimis, deberase garantir que non se supera o límite de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 9. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento ou dos gastos de mantemento da actividade.

4. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver enviar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como última día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte á notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. Con cada solicitude, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, copia da documentación acreditativa de estar en posesión de calquera das titulacións ou das formacións recollidas no artigo 4.1.a) ordinais 6º, 7º e 9º. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto piloto.

En relación co curso de formación a que fai referencia o artigo 4.1.a) ordinal 8º, a persoa interesada non estará obrigada a achegar documento acreditativo da súa realización e poderá a Administración comprobalo en calquera momento.

No caso de que aínda non se realizase o curso de formación integral e/ou complementaria, o promotor deberá presentar unha declaración responsable en que se comprometa á súa realización, nos termos previstos no anexo I.

b) Certificado ou informe médico oficial acreditativo das condicións de saúde. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto piloto.

c) Documentación acreditativa da constitución da cooperativa ou, no caso de ter iniciados os trámites para a súa constitución, estatutos, solicitude de calificación previa destes ou solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades Cooperativas

d) Memoria descritiva en que se recolla a localización xeográfica e o número potencial de persoas maiores usuarias e se xustifique a súa necesidade e oportunidade, apoiada na análise da contorna e nos datos oficiais de poboación publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) do últimos tres anos.

e) Proposta metodolóxica básica, asinada pola/s persoa/s que desenvolverá/n o proxecto piloto, que permita coñecer os aspectos xerais de funcionamento e organización da casa, así como os elementos esenciais do desenvolvemento da actividade e que, en todo caso, deberá abordar os seguintes contidos: ingreso, acollida e período de adaptación, participación das familias, relacións coa comunidade, alimentación, hixiene, hábitos de autonomía persoal e programación xeral dunha xornada.

A proposta metodolóxica incluirá protocolos básicos de actuación con persoas maiores: protocolo de caídas, de hixiene persoal, atención e coidados, suxestións e reclamacións.

f) Descrición do equipamento e materiais que se empregarán no desenvolvemento do proxecto: características e composición de todos os elementos recollidos na letra c) do artigo 4.1. Incluirase o mobiliario, electrodomésticos e materiais didácticos ou de estimulación cognitiva que se vaian empregar no desenvolvemento do proxecto indicando se son ou non de nova adquisición.

g) Memoria descritiva do inmoble: planos a escala cotados do estado actual do inmoble acompañados de fotografías de todas as estancias coa proposta das adaptacións ou obras de reforma que se realizarán, de ser o caso, en cada unha delas. De realizar obras, planos a escala representativos do estado reformado.

No caso de que nun mesmo inmoble se pretenda a instalación de dúas casas do maior, de conformidade co artigo 4.2, deberán quedar claramente diferenciados os espazos destinados a cada unha das casas, delimitando os espazos propios dos espazos compartidos.

h) Orzamento desagregado dos gastos de investimento segundo o establecido no anexo III.

i) Documentación acreditativa de ser vítima de violencia de xénero e certificado de discapacidade no caso de que sexa emitido por outras administracións distintas da Xunta de Galicia, de ser o caso, para efectos da valoración dos criterios establecidos no artigo 16.

Respecto da demanda de emprego, considerásese interrompida se se traballou durante un período acumulado de 90 ou máis días nos 365 anteriores á data de solicitude.

j) Anexo V cuberto cos datos da persoa que se vaia encargar do desenvolvemento do proxecto, no suposto de tratarse de cooperativas de traballo asociado.

k) Documentación acreditativa da dispoñibilidade do inmoble durante o período subvencionado (escritura de propiedade, contrato de arrendamento ou documento de cesión).

l) Certificado de manipulador de alimentos.

m) Informe dos servizos técnicos municipais de que o inmoble proposto conta coas condicións de habitabilidade necesarias para o seu uso como vivenda. No suposto de inmobles non destinados a vivenda, o informe anterior substituirase pola documentación técnica elaborada por un profesional con titulación habilitante que, co alcance e definición requiridos polo Código técnico da edificación (CTE), acredite o cumprimento da normativa que sexa de aplicación. No caso de ter quer realizar obras de adaptación ou reforma, o informe terá que acreditar as condicións referidas con posterioridade á súa realización.

n) Fotografías das adaptacións realizadas.

ñ) Datos de identificación da persoa que se encargará de substituír a responsable do desenvolvemento do proxecto piloto nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia, así como copia da documentación recollida no artigo 4.1 a).

o) Alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda, de ser o caso.

p) Plan de actuación en caso de emerxencia.

q) Xustificante de ter contratada unha póliza de seguro por un importe mínimo de 15.000 euros que garanta a cobertura das continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes que poidan xerarse por feitos ou circunstancias ocorridos como consecuencia da súa estadía nel ou das actividades propias que se realicen no exterior.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideron obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á proposta de resolución.

2. A documentación prevista nas letras i) a q) do número 1 poderá presentarse ben no momento da solicitude co anexo I ben no prazo de dous meses desde a publicación da resolución de concesión, ampliable a tres no caso de cooperativas de traballo asociado, xunto co anexo II.

3. A Consellería de Política Social reserva para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no caso de cooperativas de traballo asociado e número de identificación fiscal (NIF), no suposto de cooperativas de traballo asociado.

b) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia tanto respecto da persoa ou entidade solicitante como da persoa que vai desenvolver o proxecto piloto.

d) Títulos oficiais universitarios e títulos oficiais non universitarios mencionados no artigo 4.1.a) da persoa solicitante ou da que vaia desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

e) Empadroamento da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

f) Alta no imposto de actividades económicas, respecto da persoa ou entidade solicitante e da persoa que vai desenvolver o proxecto piloto.

g) Certificación acreditativa da inscrición ininterrompida na oficina de emprego como demandante de emprego durante 12 ou máis meses da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado, se for o caso.

h) Alta na Seguridade Social no réxime especial de autónomos da persoa solicitante e/ou da persoa que vai desenvolver o proxecto.

i) Inhabilitacións vixentes para obter subvencións do solicitante e/ou persoa que vaia desenvolver o proxecto rexistradas na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) no período solicitado.

j) Concesións das axudas a que se aplica a regra de minimis vixentes do solicitante e/ou persoas que vaia desenvolver o proxecto rexistrados na Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada o faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

Certificado do grao de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia, se for o caso, para os efectos da valoración dos criterios recollidos no artigo 16 da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto piloto no suposto de cooperativas de traballo asociado.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde ao órgano competente en materia de sistemas de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas maiores en situación de dependencia, maiores e con discapacidade, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Poderase requirir a persoa solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e presenten a documentación necesaria, solicitarase un informe da dirección xeral competente en materia de xestión, planificación, coordinación e supervisión do conxunto de actuacións da Consellería de Política Social en materia de benestar destinada á atención das persoas maiores, para efectos de comprobar a existencia de recursos de atención diúrna ás persoas maiores nos concellos afectados.

Feita esta comprobación, as solicitudes serán remitidas á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 15.

5. Os expedientes que, despois do trámite de emenda, non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, entenderase que desisten, logo de resolución.

Respecto aos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

6. A proposta de concesión da subvención realizarase conforme o informe emitido pola Comisión de Valoración prevista no artigo 15 e recollerá a orde de puntuación e o importe da axuda que corresponda a cada solicitude ata esgotar o crédito dispoñible.

7. Nos supostos de resolución condicionada previstos no artigo 15.7, unha vez transcorrido o prazo establecido no artigo 4.2 desde a súa notificación sen recibir a documentación pendente, ou se, recibida, non acredita o cumprimento de todos os requisitos establecidos nesta convocatoria, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de revogación da resolución de concesión.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

2. A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da subdirección xeral competente para a regulación e execución do sistemas de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas en situación de dependencia ou persoa que a substitúa, que actuará como presidente/a;

b) A persoa titular do servizo competente en materia de tramitación e seguimento da admisión en centros e servizos para as persoas maiores en situación de dependencia.

c) Un/unha funcionario/a designado pola persoa titular da presidencia, que actuará como secretario/a.

Se, por calquera causa, a persoa titular do servizo competente ou o/a secretario/a que compoñen a Comisión de Valoración non puider asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionario/a designado/a para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

3. O órgano instrutor, por solicitude da Comisión de Valoración e motivadamente, poderá requirir das persoas solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

4. A avaliación realizarase segundo os últimos datos oficiais publicados polo IGE e do que resulte da documentación presentada coa solicitude ou obtida de oficio polo órgano instrutor respecto das circunstancias recollidas artigo 16.

Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación, terase en conta, para os efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados, comezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de se esgotaren os criterios e persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

No caso das solicitudes previstas na disposición adicional primeira, consideraranse presentadas o primeiro día do prazo de presentación de solicitudes.

5. Unha vez avaliados os expedientes e determinada a axuda que corresponde a cada proxecto, a comisión fixará o limiar mínimo de puntuación necesario para obter axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases. Este limiar mínimo será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, emitirá un informe segundo o cal a subdirección xeral competente en materia de sistemas de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas en situación de dependencia formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada.

No informe da comisión de avaliación figurarán de maneira individualizada as solicitudes propostas para obter a axuda, con especificación da puntuación que lles corresponde e o importe da concesión que se propón para cada unha delas.

6. En primeira adxudicación, co obxecto de que esta iniciativa teña a maior cobertura posible no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, soamente se terán en conta as solicitudes para a posta en marcha de casas do maior en concellos en que non estea en funcionamento ningunha.

No suposto de haber máis dunha solicitude relativa a un mesmo concello que alcance o limiar mínimo de puntuación necesario para obter axuda, en primeira adxudicación só se proporá unha por concello. Unha vez atendidas, dentro das posibilidades orzamentarias, todas as solicitudes que acaden o limiar sinalado, teranse en conta, en sucesivas adxudicacións, de ser o caso, o resto das solicitudes para o mesmo concello de acordo coa puntuación e criterios establecidos no artigo 16.

7. Aquelas solicitudes a que lle falte documentación por tratarse da prevista no artigo 11.2 e/ou aquelas en que existan deficiencias emendables, serán incluídas no informe para que o órgano instrutor propoña a súa resolución de concesión condicionada á emenda das deficiencias e/ou ao cumprimento de todos os requisitos recollidos no dito artigo no prazo establecido.

8. En caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, de ser o caso, ben co crédito que quede libre debido á renuncia doutros solicitantes, á modificación dos proxectos inicialmente subvencionados ou debido a que os promotores suxeitos a resolución condicionada non enviasen a documentación necesaria no prazo establecido, ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención.

Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución ata o final do exercicio 2021 conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 16. Criterios de valoración

A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliaras cun máximo de 100 puntos conforme os seguintes criterios:

1. Poboación do concello en que se promove o establecemento da casa do maior.

Darase preferencia a aqueles concellos cunha poboación menor de acordo cos últimos datos oficiais que figuren no IGE, segundo a seguinte escala:

a) Concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes: 50 puntos.

b) Concellos cunha poboación de 5.001 a 7.500 habitantes: 35 puntos.

c) Concellos cunha poboación de 7.501 a 15.000 habitantes: 20 puntos.

d) Concellos cunha poboación de 15.001 a 20.000 habitantes: 10 puntos.

2. Número de persoas residentes no concello maiores de 60 anos segundo os últimos datos publicados polo IGE: ata 15 puntos de acordo coa seguinte desagregación:

a) Ata 50 persoas maiores de 60: 7 puntos.

b) Máis de 50 persoas maiores de 60: 15 puntos.

3. Contribución á integración laboral de persoas en situación de especial protección: paradas de longa duración, menores de 35 anos, maiores de 55 anos, con discapacidade igual ou superior ao 33 % sempre que esta sexa valorada como compatible co desempeño da actividade subvencionada polo órgano competente da Administración autonómica e mulleres vítimas de violencia de xénero: ata 35 puntos coa seguinte desagregación:

a) Persoas paradas de longa duración: 7 puntos.

b) Menores de 35 anos: 7 puntos.

c) Maiores de 55 anos: 7 puntos.

d) Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %: 7 puntos.

e) Mulleres vítimas de violencia de xénero: 7 puntos.

Para que sexa puntuable este criterio, deberá cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de cooperativas de traballo asociado, esta situación deberá estar referida a calquera da/das persoa/s sociais que desenvolvan o proxecto piloto, sen que sexa posible a acumulación de puntos por participar máis dunha persoa de cada grupo indicado.

Artigo 17. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, tras a fiscalización da proposta, corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión, deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O prazo concluirá no mesmo día en que se realizou a publicación; de non haber día equivalente, entenderase que expira o último día do mes.

Transcorrido o devandito prazo sen se ditar resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A resolución de concesión comprenderá a identificación da persoa beneficiaria e as obrigas que lle corresponden, a contía da subvención, os requisitos específicos relativos a produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

Nos supostos de resolución condicionada, recollerase expresamente esta circunstancia, indicando os requisitos de entre os previstos no artigo 11.2 que deben cumprirse para que esta teña efectos e o prazo establecido para o seu cumprimento.

Artigo 18. Publicación dos actos e notificacións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como as correspondentes resolucións.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través do portal de Benestar da Consellería de Política Social (https://politicasocial.xunta.gal).

Así mesmo, de forma complementaria poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido nos números seguintes.

2. As notificacións complementarias de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e enténdense rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa.

Poderán impugnarse potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, neste caso no prazo de 2 meses desde o día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia.

O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se for o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Se o acto non for expreso, poderase interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa normativa específica, se produza o acto presunto.

Artigo 20. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Deberán igualmente conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control de acordo coa lexislación vixente.

c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior ao establecido no artigo 5, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención.

d) Facer constar en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social.

e) Levar un rexistro de persoas usuarias en soporte papel ou electrónico onde consten os datos de identidade das persoas maiores que se atenden, dos seus titores, se for o caso, así como o día e o horario de atención e as autorizacións para a administración de medicamentos, de ser o caso.

f) Levar un rexistro das persoas usuarias en soporte papel ou electrónico onde consten os datos de identidade dos usuarios e usuarias que fagan uso do servizo de comidas.

g) Cumprir con todas as obrigas derivadas da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter especial, recadando os consentimentos necesarios para a tratamento dos datos de carácter persoal que manexen no desenvolvemento da experiencia piloto.

h) Informar o público de que o servizo está financiado pola Xunta de Galicia-Consellería de Política Social. No lugar de prestación do servizo colocarase nun lugar destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 en que apareza o anagrama da Consellería de Política Social.

i) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

j) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

k) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida polo órgano convocante, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

l) Comunicar ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

m) Acreditar a certificación de manipulador de alimentos e a realización de revisións médicas anuais co correspondente certificado médico oficial.

n) Contratar un seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

ñ) Poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade todas as situacións que dean lugar á substitución da persoa titular do servizo con anterioridade a que se produza, sempre que non sexa debida a unha situación imprevista, ou no prazo de dez días desde que se produza no resto dos casos. Nestes supostos deberase xuntar a documentación xustificativa do contrato laboral e a alta na Seguridade Social, así como o certificado médico oficial das condicións de saúde da persoa substituta.

o) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, segundo o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dean como resultado que a solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigacións con algunha destas administracións, será requirida para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

p) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

q) Todas aquelas obrigas e requisitos que se deduzan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren, o financiamento con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social. Para iso, no lugar onde se desenvolva o proxecto deberá figurar, nun lugar destacado e visible, un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 en que aparezan os anagramas da Consellería de Política Social.

No portal de Benestar informarase das características do devandito cartel e dos logos e inscricións de obrigada inclusión. Cando a casa do maior se publicite nun sitio da internet, as citadas referencias deberán realizarse en lugar visible na súa páxina de inicio; no suposto de facer uso de aplicacións informáticas, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación («axuda», «acerca de» ou similares); así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos da casa do maior (cadernos, folletos, notas informativas) deberán constar na contraportada das devanditas publicacións as citadas referencias.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente.

2. Para xustificar os gastos de investimento, que comprenderá as actuacións realizadas no ano 2021 ou, de ser o caso, no último trimestre do ano 2020 para as solicitudes previstas na disposición adicional primeira, presentaranse con data límite do 7 de decembro de 2021, xunto coa solicitude de pagamento (anexo IV) unha memoria económica que recolla a seguinte documentación:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos realizados, con indicación do acredor e do documento, importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que existan desviacións respecto ao orzamento achegado, serán indicadas e xustificadas polo/a promotor/a da casa do maior as desviacións producidas.

b) Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos de investimento realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados pola entidade bancaria e asinados pola persoa representante da entidade bancaria autorizada para os devanditos efectos.

Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que cumprir os seguintes requisitos: ser gastos da acción, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no artigo 6.2.

c) Se for o caso, unha relación detallada doutras subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e procedencia.

d) Os orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, tivese que solicitar o beneficiario. No caso de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, deberá presentarse unha memoria xustificativa de tal elección.

3. As facturas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos formais:

a) A copia de cada factura deberá ter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario.

b) Conterán os datos identificativos de quen a expide (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo) así como do/da destinatario/a, que deberá ser a persoa física ou xurídica subvencionada.

c) Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo, deberá indicarse «IVE incluído», así como o lugar e a data.

d) Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento.

Se a transferencia engloba varias facturas, presentarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria. Para o caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, a tarxeta deberá estar asociada á conta da persoa beneficiaria.

4. A xustificación da axuda concedida a través da prima de desenvolvemento abranguerá en cada anualidade ata o 30 de novembro e presentarase con data límite do 7 de decembro do ano correspondente.

Con cada solicitude de pagamento (anexo IV) as persoas beneficiarias deberán presentar os rexistros mensuais de asistencia asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento do proxecto e polas persoas usuarias ou, de ser o caso, titores ou representantes legais dos maiores que acudan á casa do maior (anexo VI).

Así mesmo, para xustificar a axuda destinada a cubrir o servizo de desprazamento deberán achegarse os rexistros mensuais do servizo de desprazamento asinados pola/s persoa/s responsables do desenvolvemento do proxecto e polas persoas usuarias ou representantes delas (anexo VII).

Para xustificar o servizo de manutención, deberán achegarse os rexistros mensuais do servizo de manutención asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento do proxecto e polas persoas usuarias ou representantes delas (anexo VIII).

5. Adicionalmente na xustificación final presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación onde consten todas as prestacións realizadas ás persoas maiores, asinada polo persoa responsable do desenvolvemento do proxecto.

b) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, capturas de pantalla...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

c) Rexistros mensuais de asistencia, servizo de desprazamento e/ou manutención asinados pola persoa responsable do desenvolvemento do proxecto e polas persoas usuarias ou titores ou representantes legais, non achegados con anterioridade.

6. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, após a resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 23. Pagamento

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano instrutor procederá á verificación do cumprimento da actividade subvencionada.

2. Na anualidade 2021 as persoas beneficiarias poderán percibir un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida para gastos de investimento en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión, ou do cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos supostos de concesión condicionada. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

O importe restante que corresponda para completar o pagamento dos gastos de investimento realizados realizarase tras a xustificación total do investimento sempre que se teña efectuado a xustificación documental.

3. En relación co pagamento da prima polo desenvolvemento do proxecto, as persoas beneficiarias percibirán na primeira anualidade, con anterioridade á xustificación da axuda, un pagamento de ata o 100 % da cantidade da subvención que lles corresponda pola atención relativa á dita anualidade en concepto de pagamento anticipado que se fará efectivo no momento da notificación da concesión ou do cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos supostos de concesión condicionada.

Nas sucesivas anualidades realizarase, unha vez que se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, un pagamento anticipado de ata o 75 % da subvención que corresponda por este concepto.

Por solicitude da persoa beneficiaria, realizaranse pagamentos á conta da liquidación definitiva cuxo importe total non poderá superar o 90 % da contía anual da subvención concedida; para estes efectos a persoa promotora deberá achegar os anexos IV e VI.

O importe restante librarase despois da xustificación polas persoas beneficiarias do desenvolvemento do proxecto piloto nas condicións exixidas nesta orde.

En todo caso, deberá presentarse unha solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas e con data límite do 7 de decembro de cada unha delas.

4. O pagamento da axuda destinada a cubrir o desprazamento dos usuarios levarase a cabo logo de solicitude da persoa promotora unha vez xustificado o número efectivo de usuarios e días de servizo.

Por solicitude da persoa beneficiaria, realizaranse pagamentos á conta da liquidación definitiva cuxo importe total non poderá superar o 90 % da contía anual da subvención concedida, achegando para o efecto os anexos IV e VII.

5. Antes de proceder ao pagamento de cada liquidación final anual, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as adxudicatarias están ao día nas súas obrigacións tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

6. Atendendo a natureza da actividade por desenvolver, para a resolución de concesión dos anticipos e pagamento á conta da liquidación efectiva previstos nesta orde non será precisa a constitución de garantías.

Artigo 24. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 20, e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para que se concedeu a subvención ou a obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para iso ou ocultación daquelas que o impedirían.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Para os efectos desta orde, consideraranse supostos de reintegro parcial:

a) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os fondos financiados, que supoñerá unha perda do 2 % da subvención concedida.

b) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos obxecto de subvención, que supoñerá a perda dun 2 % da subvención concedida.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que supoñerá a perda dun 5 % da axuda concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que supoñerá un reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumpriu este requisito.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES8220800300873110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 26. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao amparo desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2006, do 18 de xaneiro, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 28. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no enderezo https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade-Servizo de Recursos Comúns e Atención ao Alzhéimer, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou do teléfono 012.

Disposición adicional primeira. Mantemento de solicitudes

Con carácter excepcional, debido ao impacto do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 na Orde do 31 de decembro de 2019, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2020 (código de procedemento BS212A), as solicitudes presentadas ao abeiro da dita convocatoria considéranse presentadas neste procedemento. Para os efectos da súa consecución, as persoas solicitantes deberán presentar unha declaración que acredite o mantemento dos termos da solicitude presentada (anexo IX).

No caso de concorreren gastos de investimento correspondentes ao último trimestre do ano 2020, estes serán subvencionables dentro do límite máximo establecido no artigo 7.1.

A presentación dunha nova solicitude neste procedemento por parte da mesma persoa solicitante implica a renuncia á solicitude presentada no marco do Orde do 31 de decembro de 2019.

Disposición adicional segunda. Usuarios da casa do maior

1. Criterios de valoración.

Poderán acceder a este recurso, por unha banda, as persoas ás cales, de conformidade co Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, lles recoñecese a súa condición de persoas en situación de dependencia grao I ou grao II e lles resolvese no seu programa individual de atención o recurso regulado nesta norma.

Igualmente, as persoas maiores que non teñan recoñecida a condición de dependencia poderán acceder ao recurso, polo sistema de libre concorrencia, de existir dispoñibilidade de prazas.

As persoas que queiran acceder ás casas de maior deberán, en todo caso, seguir o procedemento de recoñecemento da dependencia.

No acceso a este recurso terase en conta a aplicación dos seguintes criterios:

No caso de persoas maiores en situación de dependencia, terase en conta a aplicación dos criterios establecidos no artigo 44.4 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

No caso de persoas maiores sen grao de dependencia, terán en conta para o acceso ao recurso os seguintes criterios:

1. A menor capacidade económica.

2. A situación sociofamiliar da persoa.

3. A non percepción doutra prestación ou servizo.

4. A data de presentación da solicitude de valoración da dependencia.

5. A iddade da persoa solicitante.

En todo caso, terán prioridade no acceso ao recuso as persoas en situación de dependencia.

2. Asignación e ingreso do servizo.

Todas as casas do maior que xestionen este recurso deberán comunicar á xefatura territorial correspondente todas aquelas prazas que se atopen vacantes e dispoñibles para a súa cobertura no prazo máximo de cinco días hábiles desde que aquelas adquirisen tal condición.

Tras a proposta de resolución ditada polo órgano de valoración de dependencia da respectiva xefatura territorial, corresponde á xefatura territorial competente resolver a asignación de prazas vacantes en cada momento.

3. Notificación e recursos.

A resolución da asignación do recurso non pon fin á vía administrativa. Será notificada á persoa interesada pola unidade administrativa responsable, quen poderá impugnala en recurso de alzada ante a dirección xeral competente en materia de dependencia, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Comunicación ao promotor do proxecto piloto.

De forma simultánea á notificación á persoa interesada, a xefatura territorial correspondente comunicará ao promotor do recurso a asignación de praza vacante, para os efectos de que nun prazo máximo de cinco días se poña en contacto coa persoa beneficiaria, co fin de acordar o ingreso efectivo. O contacto coa persoa beneficiaria poderá realizarse por calquera medio que permita ter constancia da súa realización.

O prazo para o ingreso na praza vacante será de dez días naturais que se comezarán a contar desde o día seguinte a aquel en que a persoa interesada reciba a comunicación por parte do promotor do proxecto piloto, nos termos a que se refire o parágrafo anterior. A non incorporación no prazo sinalado entenderase como unha renuncia ao dereito.

5. Comunicación do ingreso.

No prazo de dous días hábiles desde que se produza o ingreso, o promotor do proxecto deberá comunicar á xefatura territorial a data en que aquel tivo lugar. Así mesmo, deberá comunicarse á indicada xefatura os casos de non incorporación dentro do prazo establecido e de renuncia, xuntando a documentación acreditativa.

6. Renuncia.

A persoa solicitante, ou quen exerza a súa representación legal, poderá renunciar ao dereito recoñecido de asignación do recurso. Formalizada a renuncia, arquivarase a solicitude e poñerase fin ao expediente.

7. Adiamento do ingreso.

Cando, por causas de forza maior ou por razón de ingreso hospitalario, non se produza o ingreso dentro do prazo regulado no punto 4 desta disposición adicional, a persoa interesada, antes da finalización deste prazo, poderá solicitar o adiamento. De ser o caso, a súa praza será cuberta por outra persoa. Desaparecida a causa que xustifica o adiamento, incorporarase na primeira vacante que se produza no recurso previamente recoñecido.

A autorización do adiamento, que recollerá debidamente xustificada a causa, efectuaraa a xefatura territorial nun prazo máximo de tres días hábiles.

Subsidiariamente ao disposto nesta disposición adicional, será de aplicación a normativa vixente en materia de ingresos.

Disposición adicional terceira. Base de datos nacional de subvencións

A Consellería transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal de Benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file