Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 31 de marzo de 2021 Páx. 17597

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se autoriza administrativamente o peche definitivo e desmantelamento da planta de coxeración de enerxía eléctrica que Técnicas de Nutrición, S.A. posúe no concello de Cambre (A Coruña) e se cancela a correspondente inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 14 de outubro 1997, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Técnicas de Nutrición, S.A., no concello de Cambre (A Coruña) e incluíla no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo. Con data do 19 de febreiro de 1999 a Dirección Xeral de Industria aprobou o proxecto de execución da planta de coxeración citada coas seguintes características básicas:

– Un motor de combustión interna de 12 cilindros en V, alimentado a gasóleo e 1.165 kW de potencia.

– Un xerador de 1.000 kVA, con factor de potencia 0,8 y tensión de xeración 0,4 kV.

– Un centro de transformación de 1.250 kVA, de potencia y relación de transformación 15-20/0,4 kV.

– Instalacións de alimentación de combustible, interconexión, protección, mando, sinalización e medida.

Terceiro. Con data do 16 de xaneiro de 2002, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña autorizou a posta en marcha da planta de coxeración.

Cuarto. Con data do 4 de marzo de 2002, a Dirección Xeral de Industria resolveu inscribir a planta de coxeración titularidade de Técnicas de Nutrición, S.A. no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial regulado polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, outorgándolle o número RE-02-28.

Quinto. Con data do 30 de marzo de 2020, Técnicas de Nutrición, S.A. presentou ante a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña unha solicitude de autorización administrativa para o peche definitivo e desmantelamento da planta de coxeración descrita no antecedente de feito segundo.

Sexto. Con data do 13 de xullo de 2020, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña emitiu informe favorable á solicitude presentada.

Sétimo. Con data do 22 de outubro de 2020, requírese a Técnicas de Nutrición, S.A. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A solicitante presentou a documentación requirida con data do 6 de novembro de 2020 incluíndo a solicitude de cancelación da inscrición definitiva no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia da planta de coxeración de enerxía eléctrica.

Oitavo. Con data do 14 de xaneiro de 2021, Red Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de peche da planta de coxeración, facendo constar que non incidiría na seguridade do sistema nin na garantía de subministración eléctrica.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 2 do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, estrutura a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en diversos órganos superiores e de dirección.

Segundo. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que atribúe á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Terceiro. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e peche definitivo de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción requirirán autorización administrativa previa.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a Técnicas de Nutrición, S.A. a autorización administrativa de peche definitivo e desmantelamento da planta de coxeración de enerxía eléctrica que posúe nas súas instalacións do concello de Cambre (A Coruña) segundo o Proxecto de desmantelamento de planta de coxeración redactado polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, colexiado nº 1.648 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña.

Segundo. Cancelar a inscrición da planta de coxeración de enerxía eléctrica titularidade de Técnicas de Nutrición, S.A., debido ao seu peche, obxecto da presente autorización administrativa, no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia con número de rexistro autonómico RE-02-08.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A instalación terá que pechar e desmantelarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto referido no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución e a dirección de obra debe ser realizada por un técnico titulado competente na materia.

Segunda. O titular asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante o proceso de desmantelamento, co fin de garantir que, en todo momento, se manteñan as condicións regulamentarias de seguranza.

Terceira. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e debe comunicar a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Quinta. O prazo para o peche e desmantelamento da instalación será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se, transcorrido o dito prazo, aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións impostas, polo facilitamento de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación de la Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais