Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 5 de abril de 2021 Páx. 17755

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2021 pola que se regula o período de prácticas das persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018.

Dando cumprimento ao ordenado na base III.2 da Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo) pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e finalidade

O período de prácticas integrado no proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo) e modificado pola Orde do 13 de marzo de 2018 (DOG núm. 59, do 23 de marzo) consistirá na aplicación á realidade cotiá do traballo administrativo e ao funcionamento da organización dos coñecementos previamente adquiridos polo persoal aspirante.

As prácticas terán como finalidade a súa preparación para o exercicio das funcións específicas tanto da especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria como da especialidade de contabilidade e intervención.

Segundo. Organización e dirección

Encoméndase á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública a organización e dirección do período de prácticas.

Terceiro. Destinos en prácticas

Os destinos en prácticas, por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, serán os obtidos como consecuencia da adxudicación de postos derivada da elección de destino convocada por Resolución do 19 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

No caso da aspirante Marta Ramos Pena, que superou a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 2 de decembro de 2016 (DOG núm. 238, do 15 de decembro), e á que se lle autorizou a realización das prácticas coa promoción inmediatamente posterior por Resolución desta Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio (a subdirectora xeral de Apoio Técnico-Xurídico por Resolución do 10 de xullo de 2018) de data 26 de xullo de 2018, adxudicaráselle como destino en prácticas o posto que vén desempeñando na Xefatura de Servizo de Fiscalización e Contabilidade da Intervención delegada da Presidencia, Consello da Cultura Galega e Consello Consultivo.

A realización de prácticas non comporta en ningún caso o desempeño dun posto de traballo.

O persoal funcionario en prácticas estará baixo a dependencia da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda e Administración Pública e da Axencia tributaria de Galicia (Atriga).

Cuarto. Duración e xornada de traballo

O período de prácticas comezará o día seguinte ao publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se procede ao nomeamento como persoal funcionario en prácticas do corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, das persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018.

Segundo o disposto na base III.2 da convocatoria do proceso selectivo, o período de prácticas terá unha duración de dous (2) meses.

Desenvolverase de luns a venres co horario laboral xeral para o persoal da Administración da Xunta de Galicia (das 7.45 ás 15.15 horas).

Quinto. Sistema de cualificación

Unha vez rematado o período de prácticas o persoal funcionario nomeado coordinador das prácticas pola persoa titular da dirección xeral baixo cuxa dependencia prestaron servizo remitiralle á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio un informe no que manifesten expresamente se o persoal funcionario en prácticas cumpriu ou non satisfactoriamente coas tarefas encomendadas.

A declaración definitiva de apto/a ou non apto/a competerá ao tribunal cualificador do proceso selectivo, logo de informe proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

Para a avaliación do persoal funcionario en prácticas é preciso que estes presten servizo polo menos o 90 % da duración total das prácticas. No caso de que non fose posible por causa de forza maior debidamente xustificada, quedarán dispensados/as de facelo, logo de solicitude do/a interesado/a, mediante resolución da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio. Quedarán obrigados/as a realizar o período de prácticas coa promoción inmediatamente posterior ao momento de desaparición da causa impeditiva, coa prelación que lle corresponda atendendo á puntuación obtida na fase de oposición.

Sexto. Non superación do período de prácticas

O persoal aspirante que non supere o período de prácticas perderá todos os seus dereitos para o nomeamento como persoal funcionario de carreira, mediante resolución motivada da Consellería de Facenda e Administración Pública por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública e logo do informe favorable da Comisión de Persoal.

Sétimo. Situación durante o período de prácticas

Durante o período de prácticas o persoal aspirante será nomeado persoal funcionario en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e demais disposicións de aplicación.

Oitavo. Réxime disciplinario

O persoal funcionario en prácticas estará sometido ao disposto no Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 94/1991, do 20 de marzo, nos termos establecidos no seu artigo 1.1.

Noveno

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase recorrer potestativamente en reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou impugnala directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública