Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 7 de abril de 2021 Páx. 18102

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2021 pola que se convoca un curso de prevención de riscos laborais (primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación).

De acordo co convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e Cualtis, S.L.U. para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderá participar na acción formativa convocada nesta resolución o persoal dos equipos de alarma e evacuación; de primeira intervención e de primeiros auxilios, así como o persoal que exerza a xefatura de emerxencia e/ou primeira intervención, dos seguintes centros de traballo:

Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense, Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, Oficina de Emprego de Ourense-A Ponte e Oficina de Emprego de Ourense-Centro, que se encontre en situación de servizo activo (incluído permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236 do 2 de outubro). A dita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 63 35 en horario de atención ao publico (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Para tramitar o procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección das actividades formativas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

Quinta. Criterios de selección

Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2021, segundo a Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 29 de xaneiro (DOG núm. 24, do 5 de febreiro), comezarase pola letra Y.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. Renuncia. Asistencia e seguimento das actividades formativas

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e o seguimento das actividades formativas:

3.1. Seguimento das actividades:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final dela.

Novena. Certificados

Para obter o certificado de aproveitamento o alumnado deberá acadar a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e Cualtis, S.L.U. poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Cualtis, S.L.U. reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Cualtis, S.L.U. garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV21024.

Área de coñecemento: coñecementos transversais.

Nome do curso: Formación en prevención de riscos laborais: primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación.

1. Obxectivos.

Formar as persoas integrantes dos grupos de acción nas medidas de emerxencia dos centros de traballo da Xunta de Galicia segundo sinala a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, no seu artigo 20.

2. Destinatarios/as.

Persoal dos equipos de alarma e evacuación; de primeira intervención e de primeiros auxilios, así como o persoal que exerza a xefatura de emerxencia e/ou primeira intervención, dos seguintes centros de traballo:

• Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.

Rúa Florentino López Cuevillas 4-6, baixo, 32071 Ourense.

• Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Ourense.

Avda. Zamora, 13, 32071 Ourense.

• Oficina de Emprego de Ourense-A Ponte.

Rúa Progreso, 11, 32071 Ourense.

• Oficina de Emprego de Ourense-Centro.

Rúa San Francisco Blanco, 2, 32071 Ourense.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 12 horas.

Edicións: cinco.

Lugar: aula de formación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia en Ourense (ISSGA), rúa Villaamil e Castro, s/n, 32071 Ourense.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Prazas: 20 por edición.

Datas:

Ourense1: 26 e 27 de abril de 2021.

Ourense2: 28 e 29 de abril de 2021.

Ourense3: 4 e 5 de maio de 2021.

Ourense4: 11 e 12 de maio de 2021.

Ourense5: 18 e 19 de maio de 2021.

4. Contido.

– Organización e actuación dos grupos de acción en caso de emerxencia.

– Primeiros auxilios:

Conceptos básicos.

Cuestións prácticas.

– Incendios: conceptos básicos, axentes extintores, equipos de protección contra incendios. Prácticas con lume real: os extintores.