Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 8 de abril de 2021 Páx. 18226

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

DECRETO 56/2021, do 25 de marzo, polo que se declara de utilidade pública a reestruturación parcelaria da zona de Arcos-Sobrada de Aguiar-San Lourenzo de Aguiar (Outeiro de Rei).

A dispersión parcelaria e minifundio agrario que presentan os terreos das parroquias de Arcos, Sobrada de Aguiar e San Lourenzo de Aguiar, no concello de Outeiro de Rei, posta de manifesto polas persoas propietarias e agricultoras da zona, mediante solicitude dirixida á consellería competente en materia de agricultura, motivou a elaboración dun estudo previo de iniciación, unha vez superado o proceso de avaliación a que se refire o artigo 7 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, e que acadou un resultado positivo, polo que se deduciu a conveniencia de levar a cabo a reestruturación parcelaria por razóns de utilidade pública.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro do Medio Rural, formulada conforme o establecido na Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e cinco de marzo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

Declarar de utilidade pública a reestruturación parcelaria da zona de Arcos-Sobrada de Aguiar-San Lourenzo de Aguiar (Outeiro de Rei-Lugo).

Artigo 2

O perímetro da zona será, en principio, o correspondente á totalidade dos terreos das parroquias de Arcos, Sobrada de Aguiar e San Lourenzo de Aguiar. O referido perímetro quedará en definitiva modificado polas rectificacións, inclusións e exclusións que se acorden ao abeiro dos artigos 23 e 24 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia.

Este decreto seralle de aplicación á totalidade dos terreos incluídos dentro do perímetro de reestruturación, independentemente da súa capacidade e situación produtiva, e calquera que sexa a súa clasificación urbanística, agás os clasificados como urbanos e urbanizables.

Artigo 3

Declarar a zona de reestruturación parcelaria como zona de actuación agraria prioritaria nos termos establecidos pola normativa en materia de mobilidade de terras.

Artigo 4

Conforme o establecido polo artigo 11 da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a partir da entrada en vigor do presente decreto, a reestruturación parcelaria será obrigatoria para todas as persoas propietarias e titulares de dereitos e situacións xurídicas sobre terreos comprendidos dentro do perímetro de reestruturación, así como para os operadores públicos e privados de redes de subministración, infraestruturas e aproveitamentos.

Calquera actuación que leven a cabo outros órganos de calquera outra administración pública deberá adaptar as súas actuacións, agás declaración de prevalencia, á fase do proceso de reestruturación que se estea levando a cabo.

Artigo 5

Á zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia, para mellorar ou modernizar as explotacións agrarias.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións complementarias que requira a execución do presente decreto.

Disposición derradeira segunda

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural