Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 12 de abril de 2021 Páx. 18776

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2020/199-4).

Feitos.

Primeiro. O 9 de novembro de 2020, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Reforma DC BAL702-GON806 e derivación GON806 ao CT Canido II.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a reforma da liña aérea de dobre circuíto BAL702-GON806 coa substitución de dous postes por outros de maior esforzo e altura e a intercalación doutro poste baixo a traza da liña aérea existente. Ademais, desmóntase a derivación aérea ao CS Canido (36CXB9) e procédese ao soterramento da derivación GON806 ao CT Canido II. As obras sitúanse no lugar do Toucido, na parroquia de Oia, no concello de Vigo (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

Terceiro. Mediante escrito do 2 de decembro de 2020, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 2 de decembro de 2020 publicada nos seguintes medios:

DOG: 29 de decembro de 2020.

BOPPO: 23 de decembro de 2020.

Xornal Faro de Vigo: 23 de decembro de 2020.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo durante o prazo regulamentario conforme certificado expedido polo propio concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Olga García Dios. A continuación resúmese o seu contido:

Alega a falta de identificación da parcela.

Declara non estar de acordo coa solución técnica proposta no proxecto. En primeiro lugar, porque nun curto espazo, menos de 20 metros, se propón a instalación de dous apoios. Olga García considera que a unión directa dos puntos 5 e 7, indicados no proxecto, eliminarían a afección sobre a súa parcela xa que a liña subterránea tería o seu trazado por unha vía pública. En segundo lugar, non está de acordo coa solución porque sitúan o apoio dentro da parcela cando se pode colocar na zona de recuamento. Colocar o apoio dentro da súa parcela significaría un futuro quebrantamento económico da súa parcela dado o desenvolvemento do futuro PXOM de Vigo.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

A parcela está identificada co nº 2 na relación de bens e dereitos afectados, onde consta a referencia catastral, a titularidade de Olga García Dios e afectada polo apoio nº 2 en 3,24 m2, pola servidume de voo da liña en 56,90 m2 e por 9,97 m2 de servidume subterránea.

A resolución técnica presentada é a máis viable tecnicamente e non considera viable a proposta de unir directamente os puntos 5 e 7, pois afectaría nove parcelas, algunha delas con edificacións.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, emitiron informe favorable sobre a solicitude de autorización e declaración de utilidade pública.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas máis salientables do proxecto Reforma DC BAL702-GON806 e derivación GON806 ao CT Canido II, para a que UFD Distribución Electricidad, S.A. solicita a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, son:

LMT aérea a 20 kV, con condutor LA-110, en dúas actuacións:

GON806: 113 metros; orixe: apoio proxectado C-3000/14; final: apoio proxectado C-1000/14.

BAL702: 113 metros; orixe: apoio proxectado C-3000/14; final: apoio proxectado C-1000/14.

LMT subterránea a 20 kV, con condutor RHZ1, de 442 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo subterráneo no apoio proxectado C-7000/16 e final no centro de transformación Canido II.

A instalación está no lugar do Toucido, Oia, concello de Vigo.

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, exponse o seguinte:

En relación coa falta de identificación da parcela, cabe indicar que esta ten unha referencia catastral 54057A15000980000BY e está afectada pola localización do apoio nº 2 en 3,24 m2, pola servidume de voo da liña en 56,90 m2 e por 9,97 m2 de servidume subterránea.

Sobre a opción da unión directa dos puntos 5 e 7, cabe indicar que Olga García non xustifica o cumprimento conxunto das epígrafes do artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro. Ademais, obsérvase nos planos do proxecto presentado pola empresa promotora que a unión directa dos puntos 5 e 7 afectaría terceiros.

Por outra parte, no que atinxe ao grave menoscabo da propiedade da afectada, cómpre indicar que o valor das afeccións se poderá pór de manifesto na presentación da folla de valoración no correspondente expediente expropiatorio, de acordo co artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Ademais, cabe destacar con relación ao PXOM que esta xefatura territorial non é competente en materia de urbanismo, polo que será o Concello de Vigo, no procedemento de autorización de execución das obras, o que terá que verificar se se cumpre ou non o previsto na materia urbanística, xa que as autorizacións administrativas previa e de construción se outorgan sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Reforma DC BAL702-GON806 e derivación GON806 ao CT Canido II (expediente IN407A 2020/199-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 15 de marzo de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra