Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 13 de abril de 2021 Páx. 18916

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2021 pola que se redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes recollidas na Resolución do 31 de agosto de 2020 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II), anualidade 2020 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

Mediante o Real decreto 569/2020, do 16 de xuño, que foi publicado no Boletín Oficial del Estado número 169, do 17 de xuño, establecéronse as bases reguladoras do Programa de incentivos a mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II).

Mediante Resolución do 31 de agosto de 2020 que foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 184, do 10 de setembro, aprobouse a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondente ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II).

Tal e como consta na parte expositiva da citada resolución, o Inega dispón no seu orzamentos de 5.000.000,00 € para financiar esta convocatoria, procedentes do Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable (programa MOVES II) promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

No transcurso do procedemento administrativo de concesión das axudas compróbase que existe dispoñibilidade orzamentaria para atender as solicitudes recibidas en todas as partidas salvo na correspondente á actuación 1.1 adquisición de vehículos eléctricos, polo que cómpre facer unha redistribución de fondos entre as distintas epígrafes.

O artigo 4.2 da convocatoria, de acordo co establecido no artigo 12.9 do Real decreto 569/2020, do 16 de xuño, prevé a posibilidade de que o crédito máximo recollido neste artigo poida ser redistribuído se pasado un mes desde a apertura do prazo de solicitudes nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, e noutra das epígrafes existe lista de espera. Esta redistribución, de producirse, respectará, en todo caso, as porcentaxes establecidas no artigo 12.9 do Real decreto 569/2020 ata que que finalice a vixencia da convocatoria.

O artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Por todo o anterior, e dado que nas aplicacións orzamentarias correspondentes existe crédito dispoñible e coa finalidade de incrementar a eficacia administrativa e a eficiencia na asignación de recursos públicos, maximizando o impulso de proxectos de mobilidade eficiente e sustentable,

RESOLVO:

Primeiro. Redistribuír os fondos destinados ás subvencións para mobilidade eficiente e sustentable correspondentes ao programa MOVES II en función do volume de solicitudes, modificando a táboa do artigo 4.2 da Resolución do 31 de agosto do 2020 da seguinte maneira:

Tipo de actuación

Dotación orzamentaria inicial

Modificacións

Dotación orzamentaria final

Actuación 1: adquisición de vehículos de enerxías alternativas

Actuación 1.1: vehículos eléctricos

1.760.000,00

840.000,00

2.600.000,00

Actuación 1.2: vehículos GLP ou gas natural

440.000,00

-220.000,00

220.000,00

Actuación 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos

2.000.000,00

-500.000,00

1.500.000,00

Actuación 3: implantación de sistemas de préstamo de bicicletas eléctricas

200.000,00

-100.000,00

100.000,00

Actuación 4: implantación de medidas de mobilidade sustentable ao traballo

600.000,00

-20.000,00

580.000,00

Total

5.000.000,00

0,00

5.000.000,00

Segundo. A presente modificación non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia