Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 13 de abril de 2021 Páx. 18877

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (código de procedemento IN417Z).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías incidiu de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme ao establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

O Inega, para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e coa finalidade de reactivar actividades fortemente afectadas pola situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, establece esta convocatoria de subvencións para a mellora do uso da enerxía por parte das pemes e autónomos con actividade económica no campo do comercio, hostalaría ou artístico-recreativo.

Esta convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2021. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 3.000.000 de euros.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e da eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións do programa Bono enerxía peme para proxectos de mellora enerxética dirixido a pemes e autónomos con actividade económica no campo do comercio, hostalaría ou artístico-recreativo e convocar a todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas

BASES REGULADORAS

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos con actividade económica no campo do comercio, hostalaría ou artístico-recreativo, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código do procedemento IN417Z).

2. Convócanse para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións para a mellora enerxética (en diante, Bono enerxía peme). As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do cal se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten un mellor uso da enerxía e contribúan a reactivar sectores de actividade fortemente afectados polas restricións derivadas da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

3. As presentes axudas destinadas a empresas incardínanse no réxime de axudas de minimis, establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis; no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

Neste caso deberase garantir que, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector do transporte de mercadoría por estrada, este límite redúcese a 100.000 €. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 € durante calquera período de tres exercicios.

Artigo 2. Proxectos subvencionables

1. Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:

a) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores).

b) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.

c) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).

d) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.

e) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida inclúe exclusivamente as instalacións fixas con potencia superior a 5 kW destinadas á climatización, ventilación e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Inclúense equipamentos de xeración que teñan unha cualificación enerxética B ou superior (cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar); tamén serán subvencionables a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, e a mellora dos illamentos, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).

f) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente.

2. A mellora enerxética debe describirse axeitadamente na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 10 destas bases reguladoras. Non se considerarán válidos os proxectos que non detallen axeitadamente os equipamentos que se pretende instalar e o fundamento da mellora enerxética en relación coa situación inicial.

3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

Artigo 3. Condicións dos proxectos

1. Serán subvencionables os gastos e os investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2021 dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE.

3. Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá incluír unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro das recollidas no artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 4. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2021 e imputaranse á aplicación orzamentaria 06.A3.733A.774.0. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 3.000.000 de euros.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 5. Entidades e persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:

– Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.

– Sección I: hostalaría, divisións de 55 a 56 incluídas.

– Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93 incluídas.

2. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, e no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 7. Investimentos subvencionables

1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos no artigo 2 destas bases reguladoras non serán subvencionables.

2. Considéranse custos subvencionables:

a) Os custos de investimento necesarios para a consecución dunha ou varias das diferentes tipoloxías de mellora enerxética definidas no artigo 2 das bases reguladoras.

b) A realización do proxecto, a dirección de obra, a adquisición e instalación dos equipamentos, obra civil, soportes e proteccións tanto eléctricas como mecánicas, así como calquera outro elemento necesario para o correcto deseño e funcionamento da instalación reformada.

3. Non se consideran custos subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Non serán subvencionables as operacións de mantemento (simple reposición de lámpadas, reposición de elementos funxibles,...).

4. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

5. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 8. Contía da axuda

1. A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.

2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude.

3. O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais; de 100.000 euros cando se trate de empresas de transportes de mercadoría por estrada por conta allea; de 30.000 euros para empresas do sector da pesca e da acuicultura e de 20.000 euros para empresas do sector agrícola.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 9. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de xuño de 2021.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

No ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónico para realizar calquera tramite dun procedemento administrativo os traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, de acordo co establecido no artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

4. Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de cubrir o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I da solicitude), deberase achegar, a través da aplicación, a seguinte documentación mínima:

– Poder de representación da persoa que presenta a solicitude (anexo II).

– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

5. Os fondos solicitados e os validados polo Inega poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará dos fondos dispoñibles a contía de axuda correspondente ao expediente.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha lista de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na lista de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en lista de espera segundo a orde de prelación que corresponda.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. A documentación complementaria da solicitude deberá incluír unha parte administrativa e unha parte técnica. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación administrativa:

i. Poder de representación da persoa que presenta a solicitude (anexo II).

ii. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas, etc. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades incluídas no IAE que correspondan coas seccións do CNAE 2009.

iii. As empresas que non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

iv. Copia do documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

v. As empresas deben achegar declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indiquen as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación respectivos.

vi. Cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior a 15.000 €, o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto e, no caso de que o investimento sen IVE sexa superior a 15.000 €, deberá presentar as tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe ter solicitado o solicitante.

Neste último caso, o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega, como mínimo, o contido de 3 ofertas de distintos provedores; non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que debe achegarse é copia do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten; neste suposto, o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

b) Documentación técnica:

i. Memoria técnica do proxecto segundo modelo «Memoria técnica ME» dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

ii. Fotografías da instalación actual, incluíndo cando proceda a placa de características técnicas dos equipamentos sobre os cales se actúa. As fotografías deberán vir identificadas coa estancia en que se atopan.

iii. Características técnicas dos equipamentos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante), onde se inclúan datos da produtividade do equipamento e do seu consumo e rendemento enerxético.

iv. Etiquetaxe que acredite unha cualificación enerxética B ou superior, no caso de renovación de equipamentos do Bono equipamento ou Bono climatización, que así o requiran.

v. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10 Mb) ou teña un formato non admitido, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e a Facenda autonómica.

c) DNI/NIE da persoa solicitante.

d) NIF da entidade solicitante.

e) Consulta dos administradores da sociedade, cando se trate dunha persoa xurídica.

f) NIF da entidade representante.

g) DNI/NIE da persoa representante.

h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

i) Concesión de subvencións e axudas.

j) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia, expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 15. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 21 destas bases reguladoras.

Artigo 16. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e correspóndelle á directora do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 17. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da lista de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, se dite resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, se existe algún elemento de controversia, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e un técnico do Inega. O prazo máximo para a avaliación das solicitudes establécese en 3 meses.

Artigo 18. Resolución

1. O procedemento de concesión axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, o custo elixible e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes pola orde de entrada da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, se é o caso, da súa emenda.

Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberán cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non proporcionen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a súa xustificación mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola directora do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 22. Renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, en que comunique este feito, co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 19.2 destas bases reguladoras.

Artigo 23. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuase o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as comprobacións e verificacións que realicen o organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de tres anos unha vez rematado o proxecto.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos.

8. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

9. En relación coa publicidade do financiamento, durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, o beneficiario deberá informar o público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia: a) facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro do Inega; b) colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público. O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

10. Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona, nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2021.

Artigo 26. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 19 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesourería Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado ningunha documentación, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 27. Documentación xustificativa da subvención

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 25 destas bases reguladoras e, nese momento, os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para que o solicitante cobre a subvención concedida, deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo III, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. A documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento é a seguinte:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

No obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da comunidade autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos previstos no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario da solicitude.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), en que conste: titular da conta dende a cal se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor, en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para os efectos de data de pagamento, terase en conta a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se considerará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

3º. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2021, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta á normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarias para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire este punto.

De existir modificacións no proxecto, deberanse indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Cando o proxecto sexa da tipoloxía Bono equipamento deberase achegar copia do certificado de retirada do equipamento consumidor de enerxía ou xustificante de recollida emitido pola plataforma SIGA.

d) Fotografías xustificativas do cumprimento da obriga de publicidade.

e) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude) incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipamentos.

f) Nos casos en que proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria, en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación, se for necesario.

Artigo 28. Pagamento das axudas

1. Xuntamente coa solicitude da axuda, os interesados poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo e a solicitude de subvención serán obxecto dunha mesma resolución.

2. De conformidade co disposto no artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedan exonerados de constituír garantía os beneficiarios das subvencións concedidas cuxos pagamentos anticipados non superen os 18.000 €.

3. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

4. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 29. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar ao reintegro total ou parcial da subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no titulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito a cobrar a subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial e deberase resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

No caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Artigo 30. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 32. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Para todo o non previsto no punto anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 33. Remisión normativa

1. Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da agricultura.

3. Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea as axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

4. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na comunidade autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014.

g) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

h) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

i) Regulamento xeral de protección de datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

j) Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica (ENS)-versión consolidada.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file