Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 14 de abril de 2021 Páx. 19112

III. Outras disposicións

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades e empresas privadas de carácter náutico-deportivo para a mellora dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento PE209O).

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 declarou a situación de emerxencia sanitaria de interese galego e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia coa consecuente asunción de todas as actividades de emerxencia polo titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.

O 14 de marzo de 2020 entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. A vixencia do estado de alarma foi prorrogada sucesivamente polo Real decreto 476/2020, do 27 de marzo, polo Real decreto 487/2020, do 10 de abril, polo Real decreto 492/2020, do 24 de abril, e polo Real decreto 514/2020, do 8 de maio.

Entre as actuacións que ata a data se estableceron no Real decreto 463/2020, así como na normativa derivada deste, determináronse medidas co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra a COVID-19, así como suspender o exercicio de determinadas actividades empresariais, comerciais, de hostalaría, de restauración, culturais e de lecer.

A Consellería do Mar analizou coas entidades xestoras dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia a urxente necesidade de articular axudas para a compensación das perdas xeradas pola baixada de actividade nas ditas instalacións, como consecuencia da pandemia da COVID-19, e en particular o establecemento do estado de alarma a través do Real decreto 463/2020, que supuxo o confinamento da poboación, o peche e a restrición do uso das instalacións náutico-deportivas e, por tanto, a caída da actividade realizada nos ditos portos deportivos e zonas portuarias de uso náutico-deportivo.

Debido a esta situación excepcional, deben adoptarse medidas de urxencia de carácter conxuntural que permitan paliar estes efectos, polo que as presentes axudas están dirixidas ás entidades xestoras dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e autorizadas como tales pola entidade pública dependente da Consellería do Mar, Portos de Galicia, pola caída dos ingresos derivados da actividade e volume de negocio como consecuencia do establecemento do estado de alarma e/ou da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020.

Mediante este procedemento, trátase de promover, con todas as garantías procedementais, a rexeneración e reactivación da actividade náutico-deportiva e de servizos que se desenvolve nos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, atendendo así ás excepcionais condicións producidas e ao mandato institucional da entidade pública Portos de Galicia expreso no artigo 9.2 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, de promover e fomentar de forma global a actividade económica destes portos.

En vista da crise actual, o importe máximo por empresa do sector náutico-deportivo será de 8.000 euros. Os beneficiarios poden ser empresas que se enfronten a dificultades como consecuencia da pandemia do virus.

Ante esta situación, é necesario publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión destas axudas e, ao mesmo tempo, realizar a convocatoria destas.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, oído o sector interesado, en virtude do obxecto e finalidades que ten atribuídos Portos de Galicia en materia de portos deportivos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta resolución, con código de procedemento PE209O, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar a concesión das axudas no exercicio 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, ás empresas e entidades xestoras dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia que, como consecuencia da pandemia da COVID-19, estean nas seguintes condicións:

1. Que sufriron diminución nos ingresos pola imposibilidade de realizar actividades náuticas recreativas durante o estado de alarma decretado polo Goberno de España mediante o Real decreto 463/2020 e as súas sucesivas prórrogas, pero que se viron obrigados a manter a vixilancia e custodia das embarcacións atracadas nas súas instalacións.

2. Que na época estival posterior ao levantamento do estado de alarma sufriron unha redución significativa dos tránsitos que tradicionalmente atracaban nas instalacións.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e concesión das axudas reguladas nesta resolución observarase, ademais do previsto nesta, o disposto nas normas seguintes:

1. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións.

2. O disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento desta Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución.

4. No que proceda, ao Regulamento (UE) 1407/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, sobre axudas de minimis.

Para estes efectos, as axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

En virtude do anterior, as empresas deberán declarar, no momento de presentar a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.

5. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Existencia de crédito

Destinarase unha contía de 240.000 euros, sen prexuízo de eventuais ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada de incorporacións ou xeracións de crédito. A existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria será obxecto de publicación no DOG e non suporá a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

O financiamento das axudas imputarase aos créditos previstos nas aplicacións orzamentarias seguintes:

Con cargo á partida orzamentaria de Portos de Galicia, RC 2021, 00000/470, Transferencias correntes (a empresas privadas), Proxecto 021003, por un importe de 240.000 €, PXCP 6509.

O importe máximo por empresa do sector náutico-deportivo será de 8.000 euros. Os beneficiarios poden ser empresas que se enfronten a dificultades como consecuencia da pandemia do virus.

No suposto de esgotamento de crédito observarase o disposto a este respecto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as entidades xestoras dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia que, como consecuencia da pandemia da COVID-19, se encontren nas seguintes condicións:

1. Que sufriron diminución nos ingresos pola imposibilidade de realizar actividades náuticas recreativas durante o estado de alarma decretado polo Goberno de España mediante o Real decreto 463/2020 e as súas sucesivas prórrogas, pero que se viron obrigadas a manter a vixilancia e custodia das embarcacións atracadas nas súas instalacións.

2. Que na época estival posterior ao levantamento do estado de alarma sufriron unha redución significativa dos tránsitos que tradicionalmente atracaban nas instalacións.

3. Que desenvolven a súa actividade en instalacións localizadas en terreo portuario adscrito á Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Que, por tanto, visen reducidos algún dos seguintes parámetros:

a) A facturación derivada pola actividade declarada arredor da concesión no exercicio do 2020 en máis dun 20 % con respecto á media no mesmo período dos dous (2) exercicios anteriores. Para xustificar a dita redución, empregarase calquera medio admitido en dereito.

b) O número de tránsitos que recalaron na instalación náutica no período de xaneiro a outubro (incluídos) de 2020 en máis dun 30 % con respecto á media dos mesmos meses nos dous anos anteriores.

5. Que pretendan investimentos nas instalacións portuarias concesionadas ao seu cargo, así como naquelas instalacións respecto das cales realicen actividades de explotación e prestación de servizos a usuarios, durante o exercicio 2021, tanto en infraestruturas como en servizos portuarios, que redunden directamente na mellora das instalacións ‒funcionalidade ou eficiencia‒ que prestan servizo á náutica recreativa.

Artigo 5. Actuacións subvencionadas

1. Serán subvencionables aquelas actuacións que revertan na mellora das instalacións portuarias náutico-deportivas: traballos de mantemento preventivo/curativo e/ou melloras funcionais que redunden na prestación de servizos aos usuarios dos portos deportivos –sen incluír salarios nin gastos correntes– e/ou investimentos en eficiencia enerxética e/ou saneamento e/ou accesibilidade e/ou vixilancia e/ou control de accesos.

2. A título enunciativo, labores tales como labores de mantemento/substitución de elementos flotantes, pantaláns, flotadores, estacas, argolas, melloras na instalación eléctrica, iluminación, conectividade, telecomunicacións, subministración de auga, instalacións de eficiencia enerxética, instalacións de xestión de residuos.

3. A obtención da subvención non exime o beneficiario de contar coa preceptiva solicitude para a execución dos traballos por parte de Portos de Galicia.

4. Portos de Galicia reserva para si a opción de priorizar aquelas actuacións de entre as presentadas que, pola súa finalidade e funcionalidade, redunden nun maior beneficio para a instalación portuaria á vista da situación desta e establecendo en tal caso, por resolución, as seguintes prioridades:

a) Mellora das estruturas flotantes, pantaláns: pavimentos, argolas, estacas, rodetes, flotadores, fondeos.

b) Mellora ou acondicionamento da rede ou punto de subministración eléctrica e abastecemento de auga en postos de atracada, incluídas as actuacións de eficiencia enerxética.

c) Mellora nas instalacións relativas a servizos xerais de iluminación e comunicacións, incluídas as actuacións de eficiencia enerxética.

d) Mellora nas instalacións que prestan servizo aos usuarios: baños e vestiarios.

Artigo 6. Requisitos dos beneficiarios

Os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución estarán suxeitos aos seguintes requisitos:

1. Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

2. Non concorrer nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non ser unha empresa en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crises (2014/C249/01).

4. Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo a actividade.

5. Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Cumprir coas obrigas recollidas no seu título concesional ou habilitante da súa actividade.

7. Non se aceptarán solicitudes respecto de portos deportivos e zonas de uso náutico-deportivo que non conten con título autorizado por Portos de Galicia e coas demais licenzas, permisos e autorizacións das demais administracións competentes.

Artigo 7. Obrigas das personas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

1. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

En especial, quedarán obrigadas a facultar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Consello de Contas de Galicia e polo Tribunal de Contas del Estado, e someteranse ás accións de control financeiro e de fiscalización destes órganos.

2. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

3. Comunicarlle a Portos de Galicia a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

4. Comunicarlle a Portos de Galicia calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

5. Cumprir coas obrigas do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Contía da axuda e modo de determinación

1. A contía da subvención por beneficiario establécese nun límite máximo que non pode superar os 8.000,00 € (importe sen IVE).

2. O importe subvencionable deberá apoiarse cunha memoria técnico-económica das actuacións previstas. Con cada actuación deberanse xuntar 3 orzamentos comparables e o importe subvencionable será o correspondente ao orzamento máis axustado.

3. O importe subvencionado poderá supor o 100 % das actuacións previstas na memoria descritiva ou unha porcentaxe determinada do investimento total que se pretenda na instalación.

4. Non serán obxecto de subvención os gastos correntes nin os gastos estritamente de persoal nin os previstos no artigo 29 da Lei de subvencións de Galicia.

5. En aplicación do artigo 55.1 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, non se establece unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando o crédito consignado na convocatoria sexa suficiente, atendendo ao número de subvencións.

6. No caso de non ser suficiente a dotación económica da presente orde para atender as solicitudes, axustaranse as contías a pro rata entre todos os solicitantes e, de ser o caso, poderá algún beneficiario renunciar á axuda.

7. En caso de suspensión das dispoñibilidades orzamentarias, axustaranse as contías a pro rata entre todas as persoas beneficiarias, sen prexuízo da facultade de Portos de Galicia de poder aplicar a prioridade establecida no artigo 5 desta resolución.

8. A entidade Portos de Galicia levará a cabo as actuacións de comprobación que considere necesarias e a este respecto poderá solicitar a achega da documentación necesaria para verificar a veracidade da información dos solicitantes.

9. A posibilidade de concertar o beneficiario a execución total ou parcial da actividade subvencionada estará suxeita ao establecido na Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Compatibilidade das axudas

As axudas concedidas son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 10. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación das solicitudes será de dous (2) meses contados a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 11. Pagamento da subvención

Unha vez producida e sobre o importe da factura con xustificante de pagamento.

Os beneficiarios deberán dar publicidade, pola súa conta, do financiamento público das accións que realicen con cargo á subvención concedida ao abeiro destas bases.

De conformidade co artigo 20 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, os beneficiarios deberán dar publicidade, pola súa conta, do financiamento público das accións que realicen con cargo á subvención concedida ao abeiro destas bases, mediante a instalación durante o prazo dun ano na propia instalación en que se aplique a subvención recibida dun cartel institucional en que conste o financiamento público da entidade concedente.

Artigo 12. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II. De ser o caso, nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude.

b) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais da entidade e da escritura de constitución.

c) Copia do poder de representación do representante legal da persoa solicitante, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria de cada persoa solicitante.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social de cada persoa solicitante.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia de cada persoa solicitante.

g) Informe acreditativo de acharse ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga) de cada persoa solicitante.

h) Informe do Departamento de Portos Deportivos sobre as autorizacións e concesións outorgadas e estado de cumprimento das condicións establecidas nos ditos títulos.

i) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 14. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Tramitación das solicitudes

1. Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación e eficacia e eficiencia establecidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Fase de admisión de solicitudes.

a) A entidade pública Portos de Galicia da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

b) Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 14 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma e nos lugares que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá ser requirido o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

4. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

5. Sempre que se teñan en conta para a resolución de axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes por parte da Comisión de Selección.

6. Fase de avaliación das solicitudes.

a) Os expedientes serán avaliados pola Comisión de Selección, constituída na entidade Portos de Galicia.

b) A Comisión Avaliadora estará formada polos seguintes membros:

1. Presidente, director de Portos de Galicia ou persoa que o substitúa.

2. Vogais:

1. A persoa que ocupe a xefatura do Departamento de Portos Deportivos de Portos de Galicia.

2. Un membro do Departamento Xurídico de Portos de Galicia.

c) En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe a Presidencia de Portos de Galicia. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.

d) As reunións da Comisión de Selección poderán ter lugar tanto de forma presencial como a distancia nos termos establecidos pola normativa vixente que sexa de aplicación.

e) A Comisión poderá propor que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

f) A Comisión Avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue convenientes, así como solicitar informes a expertos técnicos externos ou internos.

g) A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias e emitir propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

h) Cando as solicitudes subvencionables superen as dispoñibilidades orzamentarias, o órgano instrutor determinará a asignación do orzamento dispoñible mediante pro rata do importe global máximo destinado ás subvencións na respectiva convocatoria entre todas as solicitudes, conforme dispón o artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Os documentos, informes e certificados que sirvan para a avaliación dos proxectos formarán parte do expediente das axudas.

7. Fase de selección.

a) Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.

b) Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obter a subvención, así como o importe da subvención proposto para cada un deles.

c) O presidente da Comisión de Avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 17. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de dous (2) meses, e a data límite de concesión, o 15 de agosto de 2021. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez notificada a dita resolución, o interesado terá un prazo de dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto e a contía da subvención individualizada.

5. A resolución indicará o importe global da axuda para cada entidade, e informarase expresamente, no caso das empresas, do seu carácter de minimis, en virtude do disposto no artigo 6 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

6. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A notificación incluirá o importe global da axuda para cada entidade, e informarase expresamente, no caso das empresas, do seu carácter de minimis, en virtude do disposto no artigo 6 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Artigo 19. Recursos

1. Contra a resolución expresa ou presunta que se dite dos expedientes tramitados de acordo con esta resolución, que poñen fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 19 non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os casos a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 20. Modificación de resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á súa modificación.

2. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado. Con todo, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

3. A modificación poderá ter lugar sempre que se cumpran os límites e requisitos establecidos no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O beneficiario ten a obriga de solicitar a Portos de Galicia a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas por Portos de Galicia. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

5. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na presente resolución.

Artigo 21. Pagamento

1. Os servizos competentes de Portos de Galicia comprobarán de oficio o cumprimento dos requisitos para acceder ás axudas, de acordo coa documentación presentada na solicitude e a información dispoñible nas bases de datos e rexistros da Consellería do Mar e de Portos de Galicia. Para estes efectos, os beneficiarios teñen que facilitar toda a información complementaria que lles sexa requirida polo órgano instrutor.

En todo caso, os beneficiarios deberán achegar declaración en que fagan constar:

a) O conxunto de toda as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

b) O conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.

2. A proposta de pagamento das axudas realizarase cunha certificación previa de Portos de Galicia do cumprimento de todos os requisitos para acceder ás axudas no momento en que se vaia ordenar o pagamento.

De conformidade co artigo 58 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez comprobados os requisitos establecidos nas bases reguladoras para proceder ao pagamento da subvención, o órgano concedente deberá incluír no expediente un certificado acreditativo da verificación realizada, no cal deberán detallarse os principais requisitos exixidos nas bases reguladoras e o alcance das comprobacións realizadas.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres o beneficiario non estea ao día das súas obrigas tributarias, incluídas as de Portos de Galicia e fronte á Seguridade Social. O órgano instrutor verificará o cumprimento deste requisito coa AEAT, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga cando caducase a validez das certificacións presentadas coa solicitude.

4. O pagamento das axudas efectuarase na conta bancaria que fose designada polo beneficiario.

Artigo 22. Prazo para a xustificación da aplicación dos gastos subvencionados

A data límite para executar o proxecto de tres (3) meses desde a resolución e para presentar o rendemento de conta xustificativa coa documentación da realización dos investimentos será o 30 de outubro de 2021.

Artigo 23. Documentación xustificativa da execución dos gastos subvencionados

1. Para a cobranza da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente os gastos que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada, achegando a documentación xustificativa que se sinala no punto seguinte.

2. Documentación xustificativa: observarase o disposto no artigo 42 do Decreto 11/2009, que aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

a) Conta xustificativa composta de facturas axustadas á normativa sobre obrigas de facturación e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa de pagamentos.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polos propios beneficiarios da subvención).

Tampouco se admitirán os xustificantes de recepción para gastos de 1.000,00 euros ou maiores.

b) Fotografías verificadas dos equipamentos instalados.

c) Os órganos competentes de Portos de Galicia poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación dos investimentos que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para este efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

Artigo 24. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes, desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro de acordo coas normas comunitarias de aplicación. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación se constatase a falsidade nas declaracións mencionadas nesta resolución, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade Portos de Galicia responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a proporcionarlles á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

Artigo 28. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Publicarase tamén na páxina web de Portos de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file