Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 14 de abril de 2021 Páx. 19109

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2021 pola que se modifica a Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT207A), e se abre un novo prazo complementario de presentación de solicitudes.

O 15 de xaneiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 9 a Resolución do 23 de decembro de 2020, pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT207A).

O día 10 de decembro de 2020 no Boletín Oficial del Estado núm. 322, publicouse o Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro, polo que se modifica o Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, que desenvolve a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema. Entre as modificacións introducidas que afectan o fomento da actividade cinematográfica e audiovisual atópase a ampliación dos supostos e condicións do que debe entenderse por «obra audiovisual difícil» para os efectos do cómputo da intensidade máxima das axudas que poden percibir as ditas obras.

A situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou a xestionar a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade pero que trouxeron un detrimento do emprego, unha maior crise económica e o futuro incerto xerado pola pandemia, e que está a ter un impacto nos proxectos audiovisuais, que se enfrontan a grandes dificultades tanto polos problemas de liquidez como pola interrupción da actividade económica.

Por estes motivos, a Axencia Galega das Industrias Culturais considera necesaria a modificación da convocatoria do ano 2021 das subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas en virtude da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a base terceira punto 7 da Resolución do 23 de decembro de 2020, pola que aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT207A), que resulta redactado como segue:

Seguindo os límites establecidos no artigo 54 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas, sempre que a intensidade de axuda non exceda o 50 % do importe subvencionable, ou o 60 % no caso das producións transfronteirizas financiadas por máis dun Estado membro da Unión Europea e nas cales participen produtoras de máis dun Estado membro. De conformidade co disposto no artigo 21.2 do Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, modificado polo Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro, segundo as disposicións da Unión Europea nesta materia, exceptúanse da aplicación destes límites as producións que teñen a consideración de «obra difícil».

Para os efectos da presente convocatoria, considéranse os seguintes supostos como «obra difícil», para as cales se incrementará a intensidade das axudas que se especifican:

– As curtametraxes, que poderán recibir axudas públicas de ata o 85 % do importe subvencionable.

– As obras audiovisuais dirixidas por unha persoa que non teña dirixido ou codirixido máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica e cuxo orzamento de produción non supere 1.500.000 euros, que poderán recibir axudas públicas ata o 80 % do importe subvencionable.

– As obras audiovisuais rodadas integramente en galego poderán obter axudas públicas de ata o 80 % do importe subvencionable.

– As obras audiovisuais realizadas exclusivamente por directores ou directoras cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, recoñecido polo órgano competente, que poderán recibir axudas públicas de ata o 80 % do importe subvencionable.

– As obras audiovisuais dirixidas exclusivamente por directoras, que poderán recibir axudas públicas de ata o 75 % do importe subvencionable.

– Os documentais destinados á exhibición cinematográfica (modalidade C), que poderán recibir axudas públicas de ata o 75 % do importe subvencionable.

– As obras de animación de orzamento de produción que non supere 2.500.000 euros, que poderán recibir axudas públicas de ata o 75 % do importe subvencionable.

– As obras audiovisuais realizadas en réxime de coprodución con países iberoamericanos, que poderán recibir axudas públicas de ata o 60 % do importe subvencionable.

Segundo. Determinar a apertura dun prazo complementario de presentación das solicitudes da resolución para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, para o ano 2021 (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro de 2021), dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, do xeito que segue:

1. Aqueles solicitantes que presentasen as solicitudes no prazo comprendido entre o 15 de xaneiro e o 15 de febreiro de 2021 e queiran acollerse á presente modificación deberán presentar, xunto coa solicitude (anexo I), unicamente como documentación complementaria un novo plan de financiamento e un novo orzamento.

2. Aqueles solicitantes que non presentasen as súas solicitudes no prazo establecido no parágrafo anterior, poderán facelo presentando, xunto coa solicitude (anexo I), toda a documentación establecida na base sétima das bases reguladoras e a declaración de axudas (anexo II).

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais