Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 14 de abril de 2021 Páx. 19255

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Oleiros

ANUNCIO da aprobación definitiva do Plan parcial do sector SUD-6 Alsina-Lamastelle (expediente FG 575).

O Pleno da corporación, na sesión ordinaria do 25 de febreiro de 2021, aprobou definitivamente o Plan parcial do sector SUD-6 Alsina-Lamastelle, o estudo ambiental estratéxico e a declaración-resumo de aspectos ambientais.

O contido íntegro do plan estará á disposición do público no enderezo electrónico www.oleiros.org

Ao abeiro do disposto nos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e dos artigos 199 e 208 do seu regulamento, publícanse as medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan.

1. Declaración resumo.

1.1. Integración no Plan parcial dos aspectos ambientais.

O Plan parcial do sector SUD-6 Alsina-Lamastelle integra os aspectos ambientais polas seguintes vías:

1) A formulación dun modelo territorial que busca preservar da urbanización os espazos de maior valor ambiental dentro do ámbito do Plan parcial.

2) A inclusión no modelo ambiental de disposicións para afastar as novas actividades industriais, susceptibles de xeraren conflitos de uso co tecido residencial, do centro da poboación a un emprazamento máis periférico.

3) A consideración das diferentes afeccións ambientais sobre o concello de Oleiros.

4) Unhas dimensións do crecemento que buscan evitar o crecemento residencial disperso, dando continuidade ás tramas inconexas que se suscitaron neste territorio durante as últimas décadas. O modelo suscitado baséase en densidades medias e na articulación dun tecido urbano con variedade de tipoloxías arquitectónicas e de usos, proclive a unha utilización a pé ou en bicicleta, con potencial para integrar unha futura rede de transporte público, de tal xeito que contribúa á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

5) A creación de espazos libres públicos de gran tamaño en posicións centrais do Plan parcial, cun axardinamento naturalizado que fomenta a conectividade biolóxica e trata de integrar unha rede fisicamente continúa coas redes territoriais exteriores e cos espazos libres.

6) A configuración dun sistema xeral de equipamentos e espazos libres que facilite a integración paisaxística coa contorna. Na redacción do Plan parcial realizouse un estudo da paisaxe do sector cunha análise a escala de detalle que permitiu afundar en todos os elementos que interactúan no territorio. Isto deu lugar á obtención dun coñecemento que facilitará un desenvolvemento urbanístico sustentable e respectuoso co medio circundante, considerándoo desde o punto de vista dinámico e non como un escenario estático onde se levan a cabo as actividades humanas.

Obxectivos ambientais e criterios da ordenación:

O PXOM de Oleiros prevé o desenvolvemento do ámbito do Plan parcial do sector SUD-6, como determinante para o crecemento e desenvolvemento da área Montrove-Nós, e establece as determinacións e especificacións que se deben alcanzar coa súa execución.

O sector está situado nunha área de forte crecemento e servirá para cohesionar as ordenacións adxacentes, Montrove, Lamastelle e Club de Tenis, xerando un conxunto dotado de servizos e comunicacións que mellorará as condicións de vida da poboación da contorna.

Os obxectivos e criterios xerais que sustentan as determinacións deste Plan parcial do sector SUD-6 do PXOM de Oleiros son os seguintes:

1. Mantemento do modelo de ordenación con tipoloxía de cidade xardín do Plan xeral de ordenación de Oleiros.

2. A paisaxe como elemento artellador do Concello de Oleiros e o seu territorio: protexer a paisaxe e, ao mesmo tempo, utilizala como vehículo de articulación entre a urbanización estilo cidade xardín e o medio natural.

Trátase de superar a tradicional división radical entre o campo e as zonas urbanizadas, que as trata como dimensións independentes, para tratar de integralas a partir dun elemento común: a paisaxe.

3. Mellora da sustentabilidade do Concello de Oleiros. A escaseza de recursos, o cambio climático, a contaminación, a destrución do medio, etc. son problemas sobre os cales o desenvolvemento de planeamento ten unha grande incidencia.

Por iso, o presente Plan parcial proponse como obxectivo xeral mellorar a sustentabilidade do sistema rururbano, obxectivo que se materializa de moi diversos xeitos, desde a propia clasificación do solo, ata as recomendacións e ordenanzas para a edificación e urbanización que se incluirán no correspondente Plan parcial.

4. Adaptación ao novo marco lexislativo: Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (DOG núm. 34, do venres 19 de febreiro):

• Crear unha zona residencial de alta calidade con circulación limitada de vehículos no seu interior, achegando á vez equipamentos e dotacións necesarios para servizos municipais.

• Situar as parcelas do uso público, zonas verdes e dotacións, así como o uso terciario do sector, de xeito respectuoso coas necesidades do sector e a súa contorna, dun xeito que se poida optimizar o seu uso, cumprindo as determinacións que sinalan o planeamento e a lexislación viventes.

• Ordenar as edificacións de tal modo que se garanta unha perspectiva e a percepción óptima da paisaxe, evitando as barreiras arquitectónicas e graduando a edificación, cumprindo a normativa respecto de vías da Orde VIV/561/2010, do 1 de febreiro, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados (artigos 5.2.h) e 5.2.g).

• Ordenación da área de equipamento xeral de espazos libres de tal modo que se potencie a súa riqueza paisaxística e se facilite a súa utilización como zona recreativa ou de paseo.

• Preservar e establecer o réxime de protección adecuado ás zonas do sector SUD-6 Alsina-Lamastelle, que presentan valores naturais, ambientais e paisaxísticos, así como os elementos que forman parte do patrimonio histórico e cultural, así como cumprir coas directrices e normativas do PXOM de Oleiros, o Plan de ordenación do litoral (POL) e as Directrices de ordenación do territorio (DOT).

1.2. Razoamento da alternativa seleccionada en relación coas consideradas.

A alternativa 2 propón unha ordenación do sector cun viario principal adaptado á orografía do ámbito co fin de lograr a adaptación paisaxística dos volumes edificatorios, que funciona como viario principal e de acceso ás vivendas unifamiliares, colectivas e ao centro de lecer. A ordenación resultante é desta forma máis harmónica coa contorna, cun menor impacto paisaxístico e ambiental respecto da A1 (alternativa nº 1) sobre a paisaxe e as bacías visuais da unidade paisaxística do val do rego de San Pedro. Por outra banda, as zonas verdes distribúense por toda a ordenación, actuando de zonas de entretemento, gozo e comunicación para todos os habitantes do sector e do concello de Oleiros. Na situación destas zonas verdes tamén se debe ter en conta o linde co perímetro de Finca Alsina-Pazo das Cadeas (sector SUD-21 do PXOM de Oleiros), que actúa de bufer ou zonas de amortecemento de posibles impactos sobre o predio do pazo, creando unha transición ordenada e harmónica sobre o medio circundante desde o punto de vista ambiental e patrimonial, formando no seu conxunto e o seu macla co sector adxacente unha ordenación integrada dentro do territorio.

É, xa que logo, a alternativa nº 2 a seleccionada como alternativa válida para o Plan parcial, xa que cumpre cos obxectivos previstos no PXOM para este ámbito e polos obxectivos ambientais da ordenación.

1.2.1. Medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente derivadas do Plan parcial.

O órgano ambiental correspondente (a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (CMATI) Xunta de Galicia) participará no Plan de seguimento ambiental, para iso, a Dirección Ambiental da obra e responsable do Plan de vixilancia ambiental das obras emitirá á devandita secretaría xeral un informe mensual durante a duración das obras, no cal se detalle o seu estado e a posta a punto das medidas correctoras e protectoras do medio, así como a remisión dos indicadores ambientais de seguimento para a súa valoración e control pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Os obxectivos establecidos para a análise, a valoración e o seguimento, tanto dos impactos ambientais como respecto a sustentabilidade dos recursos naturais, en cumprimento do establecido nas normas, foron os seguintes:

a) Descrición das accións proxectadas, con referencia específica a posibles impactos sobre o territorio consecuencia da transformación puntual de usos do solo, acordes co sector SUD-6 Alsina-Lamastelle do PXOM de Oleiros.

b) Inventario do medio natural no ámbito do plan e proxectos que o desenvolven, na súa situación previa á execución do proxectado.

c) Análise da sustentabilidade do medio ante as accións que supoñen o consumo de recursos e previsións de optimización na utilización dos recursos naturais.

d) Determinación dos impactos ambientais negativos e positivos consecuencia do Plan parcial e do seu desenvolvemento na creación de espazos urbanizables. Aténdese á súa cuantificación e avaliación.

e) Definición das medidas preventivas e correctoras que se consideran necesarias para minimizar os efectos negativos identificados.

f) Definición das medidas que integran o Programa de vixilancia e seguimento ambiental que garante o seguimento adecuado das medidas correctoras propostas:

1. Desenvolverase un completo Programa de vixilancia ambiental (PVA) con Dirección Ambiental na obra de urbanización do sector SUD-6, no cal se establecerá un sistema que garanta o cumprimento das indicacións e medidas preventivas e correctoras.

2. Durante a fase de execución, o PVA centrarase sobre os seguintes indicadores de impactos:

– Control de ruídos nos puntos máis sensibles para a poboación.

– Seguimento do po producido pola maquinaria.

– Seguimento de afeccións ao solo e conservación da capa vexetal.

– Seguimento de posibles afeccións ao medio físico (hidroloxía, xeomorfoloxía, etc.).

3. Na fase de funcionamento considéranse os seguintes indicadores:

– Seguimento da contaminación atmosférica producida polas instalacións propostas no proxecto de urbanización.

g) Proponse unha batería de indicadores baseados nos impactos principais que se deben ter en conta durante a fase de funcionamento que constitúe un sistema de información simplificada e facilmente cuantificable que ofrecerá datos sobre a evolución do ambiente modificado pola nova delimitación de solo ao longo do tempo e/ou do espazo. Estes indicadores están detallados no estudo ambiental estratéxico para a aprobación definitiva, a seguir incorpórase unha táboa resumo:

Variable

Proposta de indicadores

Periodicidade

Consumo de solo

Evolución do padrón municipal

Cada dous anos

Control de ruídos

Intensidade e composición do tráfico

Anual

Contaminación do aire

Calidade do aire

Cada seis meses

Ciclo hídrico

Demanda total municipal de auga

Anual

Control de verteduras á rede de saneamento

Semestral

Enerxía

Consumo total de electricidade

Cada dous anos

Enerxías renovables no municipio

Cada dous anos

Xestión de residuos

Xeración de residuos urbanos

Cada dous anos

Recollida selectiva

Cada dous anos

Integración social

Satisfacción da cidadanía co municipio

Cada dous anos

Mobilidade sustentable

Desprazamento dos habitantes

Cada dous anos

1.2.2. Resumo non técnico.

Para promover un desenvolvemento sustentable, conseguir un elevado nivel de protección do ambiente e contribuír á integración dos aspectos ambientais na preparación e aprobación do Plan parcial do sector SUD-6 do PXOM do Concello de Oleiros, sométese o Plan parcial a unha avaliación ambiental estratéxica (AAE) conforme o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, que se vai desenvolver seguindo o procedemento integrado de avaliación ambiental estratéxica de instrumentos de planeamento urbanístico previsto no artigo 7 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, así como de acordo co indicado na Lei do solo de Galicia (LSG) e o seu regulamento (Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia).

O proceso de avaliación ambiental estratéxica aplicado considérase correcto desde o punto de vista formal en cada unha das súas fases ao axustarse aos requisitos exixidos pola lexislación vixente.

Trátase dun trámite complexo e no cal se abordaron multitude de cuestións, entre as cales cabe destacar:

– As condicións orixinais do ámbito relativas ao medio físico, as infraestruturas e os equipamentos e aspectos socioeconómicos, o seu valor ambiental e a súa aptitude teórica para o cambio, o que de xeito preliminar determina a posibilidade ou imposibilidade de desenvolver o proxecto.

– As afeccións sectoriais a que está sometido o ámbito de intervención e a teórica concorrencia de riscos naturais ou antrópicos nel, condicionantes que se superpoñen ás propias características e calidades do territorio.

– A coherencia do plan en relación cos plans e programas de rango superior.

– O grao de incorporación preliminar dos criterios de sustentabilidade ambiental ao proxecto urbanístico (análise de alternativas e aplicación de medidas correctoras en fase de deseño).

– A identificación dos impactos, tanto de signo negativo como positivo, que potencialmente provocaría a materialización do proxecto no ámbito sen aplicación das medidas correctoras, a caracterización e valoración da súa importancia.

– As medidas correctoras establecidas para as fases de execución e funcionamento.

– A proposta específica do Programa de vixilancia ambiental.

Os obxectivos establecidos para a análise e valoración tanto dos impactos ambientais como respecto á sustentabilidade dos recursos naturais, en cumprimento do establecido nas normas citadas, foron os seguintes:

a) Descrición das accións proxectadas, con referencia específica a posibles impactos sobre o territorio consecuencia da transformación puntual de usos do solo, acordes co sector SUD-6 Alsina-Lamastelle de Oleiros.

b) Inventario do medio natural no ámbito do plan e proxectos que o desenvolven, na súa situación previa á execución do proxectado.

c) Análise da sustentabilidade do medio ante as accións que supoñen o consumo de recursos e previsións de optimización na utilización dos recursos naturais.

d) Determinación dos impactos ambientais negativos e positivos consecuencia do Plan parcial SUD-6 e do seu desenvolvemento na creación de espazos urbanizables. Aténdese á súa cuantificación e avaliación.

e) Definición das medidas preventivas e correctoras que se consideran necesarias para minimizar os efectos negativos identificados.

f) Definición das medidas que integran o Programa de vixilancia e seguimento ambiental que garante o seguimento adecuado das medidas correctoras propostas.

Para a consecución destes obxectivos, o traballo estruturouse en cinco fases sucesivas:

Fase I. Exposición dos obxectivos do Plan parcial do sector SUD-6.

Así mesmo, xustificouse a alternativa de menor impacto sobre o medio natural, que conserva as especies autóctonas e mellora a paisaxe, eficaz alternativa no noso criterio.

Fase II. Descrición dos recursos naturais e Inventario do medio físico, biótico, perceptual e socioeconómico.

Nesta fase descríbense todos os factores do medio natural, que poderán ser afectados pola execución do proxecto.

Fase III. Análise e ponderación de impactos sobre os recursos naturais e o medio físico.

Ademais da descrición concreta dos principais impactos con referencia á súa caracterización e ditame, tras a súa identificación estruturáronse en forma de matrices numéricas e valoráronse os impactos ambientais asociados tanto á execución coma ao funcionamento do sector SUD-6.

Finalmente exprésase o resumo de impactos sobre o medio natural e o socioeconómico en dúas matrices que comprenden a fase de execución e a posterior de funcionamento.

Respecto da fase de abandono, dada a natureza dos proxectos, enténdese non previsible no prazo, á vez que se indica o cumprimento das disposicións legais vixentes e, en concreto, o Decreto nº 352/2002 polo que se regula a produción de residuos da construción e demolición.

Fase IV. Catálogo de medidas preventivas e correctoras. Propóñense as opcións que se van adoptar co fin de corrixir ou minorar os impactos negativos detectados.

Fase V. Proposta das medidas de supervisión das obras e da vixilancia das accións correctoras.

Estableceuse un Programa de vixilancia e seguimento ambiental, no cal se recolle o modo en que se deberá realizar o seguimento das actuacións. O devandito programa refírese ás fases de execución de obras e funcionamento do proxectado. Consideramos importante advertir que, cumpridas as medidas correctoras sinaladas neste estudo, o impacto global sobre o medio natural manterase nos límites de compatible. Por suposto é necesario lograr un adecuado control durante as fases de execución e actividade do proxecto, tal e como é obxectivo expreso do Plan de supervisión e vixilancia.

As principais conclusións obtidas nas diferentes fases expostas anteriormente pódense concretar en:

Fase 1. Contido e obxectivos dos proxectos de urbanización no sector SUD-6 Alsina-Lamastelle.

1. O PXOM de Oleiros trata de establecer o ámbito da transformación da planeamento, sector SUD-6 en concreto, á vez que informa a achega do contido finalista desta alteración nos usos do solo: as condicións da urbanización proxectada e unha referencia ao uso terciario.

2. As accións proxectadas concrétanse no proxecto, suposto o cambio parcial de uso, na explanación do terreo e na dotación de servizos como vías, iluminación, saneamento, etc. Sen esquecer a implantación de especies ornamentais e a urbanización de forma que transforme a paisaxe actual, ensombrecida por eucaliptos de repoboación, e mellore o actual espazo visual que, sen dúbida, é unha paisaxe estática (profesor Guitián da USC), monocromática engadimos, por causa dos eucaliptos que poboan en forma monoespecífica o sector SUD-6 Alsina-Lamastelle.

3. En consecuencia, o desenvolvemento do sector será, malia os impactos moderados das primeiras actuacións, un instrumento razoable, seica único para mellorar a situación socioeconómica do Concello de Oleiros e de expansión urbana concentrada e controlada, de acordo co modelo que se describe, e cumpre nas propostas urbanísticas concibidas para o sector, que ofrece excelentes oportunidades e atractivos, presididos pola situación, comunicacións, clima e serenidade ambiental.

Fase 2. Descrición dos recursos naturais e do medio físico.

1. A zona en que se propuxo localizar a área residencial e terciaria, SUD-6, segundo as especificacións deste estudo, presenta un clima mediterráneo temperado cálido, con características de oceanidade.

2. A contaminación atmosférica é baixa como corresponde a uns terreos vinculados hoxe exclusivamente á repoboación por eucalipto, eliminadas as mouteiras de autóctonas cando se efectuou a repoboación con especies de crecemento rápido. No citado sentido de polución atmosférica, é importante destacar que na ponderación dos impactos sobre os factores ambientais tanto no seu conxunto, o medio natural, coma en cada caso específico, cúmprese cos niveis establecidos na lexislación e o efecto negativo sobre o medio natural non excede a intensidade de moderado.

3. En canto á xeoloxía, os terreos sobre os que se desenvolverán as actuacións están constituídos por solos de procedencia xistosa da serie de ordes, pregos inclinados e repregados, con orientación xeral N-S, consecuencia dos pregamentos hercinianos e depósitos aluviais onde predominan os limos de alteración dos citados xistos. O substrato da zona en sentido amplo constitúeo un macizo rochoso metamórfico, que se presenta integrado por xistos moi areosos, laminados e de dúas micas, con tonalidades agrisadas ou apardazadas en corte fresco.

Así mesmo, o sector SUD-6 e a súa contorna recibiu materiais de depósitos eluviocoluviais, que ten unha orixe meteorito-gravitacional, formando un acúmulo algo remocionado, de carácter limo-areoso ou areo-limoso, que inclúe cantos de cuarzo e fragmentos rochosos, angulosos e heterométricos.

4. O risco xeomorfolóxico na zona de estudo é moderado, como consecuencia dunhas pendentes que se atopan, en termos xerais, oscilando entre o 6 e o 12 %.

Por outra banda, a natureza do solo é determinante na anulación dos fenómenos erosivos cando nos referimos aos altos ou outeiros que son testemuñas non alteradas da oroxenia hercínica. En todo caso, sería conveniente a adopción de medidas durante a execución do proxecto para previr a erosión en zonas puntuais.

5. En canto á hidroloxía, cabe sinalar que existe un rego que cruza o ámbito na zona sur, seguindo as choivas máis copiosas e a drenaxe natural dos terreos da súa pequena bacía. As valgadas polas que discorren, en ocasións con carácter intermitente, contribúen ao saneamento das terras inmediatas.

6. No que se refire á vexetación da zona de estudo, cabe destacar a presenza de mato e eucaliptal. No sentido de análise ecolóxica, a valoración das distintas unidades de vexetación é baixa dado que está formado unicamente por repoboacións de eucaliptos e algunha pequena mouteira de piñeiro do país (Pinus pinaster subs. Atlántica).

En conxunto, trátase de unidades de vexetación totalmente antrópicas debidas á presión ás que foron sometidas e ao seren consecuencia directa da explotación humana.

7. Desde o punto de vista faunístico, a zona presenta pouco interese, debido á súa situación nunha zona moi antropizada, circundada xa de urbanizacións, vías, etc. Como consecuencia, a fauna que percorre o sector é escasa e redúcese a especies xa en contacto co home e moi comúns, típicas de calquera zona con análogas características de homoxeneidade da vexetación, escasos alimentos e cadea trófica moi limitada, así aparecen con frecuencia o lagarteiro, ratas, ratos, etc.

8. En canto á paisaxe, definíronse tres unidades paisaxísticas, identificadas como o Pazo das Cadeas, cultivos forestais (repoboacións) e o parque do río de San Pedro. Respecto da primeira destas unidades, destacamos o xardín que rodea o pazo e que conta con importante arboredo.

En canto á unidade de repoboacións, á sensibilidade paisaxística, á expresión da posible importancia dos impactos fronte ás actuacións propostas, valorouse, en función da metodoloxía, como baixa sei consideramos os eucaliptos como superficies dominantes no ámbito.

Fase III. Análise e ponderación de impactos sobre os recursos naturais e do medio físico.

1. Na fase de execución producirase un incremento dos niveis de po, consecuencia dos labores de escavación, explanación e, en xeral, movemento de terras, cuxo impacto sobre o medio natural, existindo sen dúbida, se considerou como moderado.

2. Como consecuencia da execución dos asfaltados nas vías da futura zona residencial e das restantes actuacións que supoñen o funcionamento da maquinaria pesada sobre os terreos do sector e coa diferenza nos efectos correspondentes á frecuencia do paso, producirase unha certa compactación do subsolo que terá carácter de moderada.

3. A calidade das augas superficiais ou subterráneas non se verá comprometida pola execución do proxecto de urbanización. En consecuencia, nesta primeira etapa do Plan parcial, o impacto das distintas accións de infraestrutura é compatible coa sustentabilidade dos recursos naturais presentes no sector SUD-6.

4. Con toda evidencia prodúcese unha perda de vexetación como consecuencia dos labores de roza necesarios para a execución do proxecto de urbanización no seu momento. Este impacto afectaría a vexetación existente. En consecuencia, o impacto reflíctese nas superficies con matogueira e eucaliptos cuxo valor como expresión do medio natural é baixo, por destrución secular e por corresponder a unha zona moi antropizada. Considérase o impacto como moderado sobre o factor de vexetación.

5. O impacto paisaxístico debe cualificarse como moderado, considerando non só o escaso valor da vexetación actual, como expresión total e captadora primeira da atención nunha paisaxe, senón a transformación cara á biodiversidade e a complexidade visual, a monotonía e tristura que caracteriza os terreos do sector, onde o eucalipto monopoliza os escenarios visuais e os empobrece. Consecuencia da valoración baixa da unidade paisaxística (eucaliptal), o impacto valorouse como moderado.

6. O impacto sobre o medio socioeconómico é claramente positivo, debido á demanda inicial de man de obra e a creación de emprego no sector da construción, primeiro, e pola creación do centro comercial do sector en segundo lugar.

7. A contaminación atmosférica producida polo tráfico e a permanencia na zona dun maior número de vehículos, aínda que queda limitado polo carácter residencial da urbanización proxectada.

8. Da consideración dos niveis sonoros establecidos polas normas legais pódese destacar que se vixiará o funcionamento e os rexistros obtidos nos sonómetros na rede de puntos próximos aos lugares habitados. En particular, os situados nas zonas sensibles máis próximas ás vivendas existentes. En todo caso, cumprirase cos niveis establecidos pola lexislación.

Fase IV. Catálogo de medidas correctoras.

1. Co obxecto de minimizar os efectos ambientais máis significativos, propuxéronse as seguintes medidas preventivas durante a fase de execución e funcionamento das actividades propias do futuro desenvolvemento da urbanización:

– Definición de camiños-carreiros alternativos para a substitución dos existentes no ámbito.

– Marcación da zona de afección nos traballos inmediatos.

– Integración paisaxística das estruturas auxiliares.

– Protección do solo contra derrames e xestión de aceites e residuos.

– Tratamentos de estériles.

– Protección da terra vexetal.

– Illamento adecuado das estruturas.

– Sistema adecuado de xestión de residuos.

– Sistema adecuado de iluminación.

– Control do movemento de maquinaria.

– Control da execución de operacións molestas para a fauna e a poboación.

– Medidas protectoras contra incendios.

2. Para paliar o incremento de partículas de po en suspensión durante as obras propúxose, como medida correctora, o rego periódico das superficies de actuación durante a execución.

3. A restauración vexetal realizarase con especies arbóreas como o freixo, chopo, carballo americano e do país, bidueiro, Gleditsia var. Sunsburt, Robinia var. Frisia e salgueiros, de tal xeito que se conserven e/ou restauren certas características ambientais da zona afectadas polo proxecto, ademais das especies tapizantes e arbustivas, en ambos os casos ornamentais e próximas ás especies autóctonas na súa filum.

4. Para previr a contaminación lumínica durante a noite, a iluminación de vías, zonas verdes, etc. realizarase de maneira que os farois soamente iluminen a zona de inmediatamente debaixo, sen emitir ningunha luz cara ao ceo, que podería contribuír a aumentar a contaminación lumínica da zona.

V. Medidas de supervisión e vixilancia ambiental.

1. Desenvolverase un completo Programa de vixilancia ambiental (PVA) con Dirección Ambiental na obra de urbanización do sector SUD-6, no cal se establecerá un sistema que garanta o cumprimento das indicacións e medidas preventivas e correctoras.

2. Durante a fase de execución, o PVA centrarase sobre os seguintes indicadores de impactos:

– Control de ruídos nos puntos máis sensibles para a poboación.

– Seguimento do po producido pola maquinaria.

– Seguimento de afeccións ao solo e conservación da capa vexetal.

– Seguimento de posibles afeccións ao medio físico (hidroloxía, xeomorfoloxía, etc.).

– Modelaxe de terrapléns e noiros.

3. Na fase de funcionamento considéranse os seguintes indicadores:

– Seguimento da contaminación atmosférica producida polas instalacións propostas no proxecto de urbanización.

Oleiros, 2 de marzo de 2021

Ángel García Seoane
Alcalde presidente