Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 16 de abril de 2021 Páx. 19494

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 7 de abril de 2021 pola que se convoca o concurso Eduemprende Idea 2021 dirixido, ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sustentadas con fondos públicos (código de procedemento ED523A).

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca o concurso Eduemprende Idea 2021, no marco do Plan de emprendemento Eduemprende no Sistema educativo de Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade pretende valorar e premiar proxectos de empresa que presente o alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sustentadas con fondos públicos.

As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual dos procesos de ensinanza-aprendizaxe precisan que o sistema educativo fomente como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa dunha cultura emprendedora necesaria para mellorar a competitividade das nosas empresas e a posibilidade de emprego do alumnado galego. Neste sentido o Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, Eduemprende, aprobado en 2010, conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Igape ten como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa desta cultura emprendedora e comprende no seu eixe 3 as actuacións que se refiren ao apoio ao alumnado con habilidades emprendedoras, para a posta en marcha de proxectos empresariais viables e para a posta en práctica de ideas innovadoras de negocio, co fin de crear as condicións para que poidan prosperar as iniciativas e as actividades emprendedoras ante o déficit emprendedor en Galicia.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2021, co código de procedemento ED523A, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sustentadas con fondos públicos.

Artigo 2. Requisitos de participación

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Estar matriculado no curso 2020/21 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sustentadas con fondos públicos.

2. A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro.

3. As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Modalidades e características dos premios

Premiarase aos tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.

1. Modalidade A: ciclos de grao superior.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

– Asesoramento técnico do Igape.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €.

2º premio: 2.000 €.

3º premio: 1.000 €.

2. Modalidade B: ciclos de grao medio.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

– Asesoramento técnico do Igape.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €.

2º premio: 2.000 €.

3º premio: 1.000 €.

Artigo 4. Orzamento e compatibilidade dos premios

A dotación total para os premios efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.30.423A.480.1 do exercicio orzamentario do ano 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional e o seu importe será de 12.000 €.

Estes premios serán compatibles con outras axudas, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, galegos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicarlle a súa obtención ao órgano que concede estes premios.

Artigo 5. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes deberán dirixirse ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Para estes efectos os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Ficha de persoas participantes segundo o anexo II.

b) Proxecto de empresa.

c) Resumo executivo do proxecto.

d) Vídeo de presentación do proxecto.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Despois de comprobar que as persoas solicitantes cumpren os requisitos, a relación das inscricións admitidas publicarase na páxina web que xestiona os ditos premios http://www.edu.xunta.gal/fp/eduemprende-idea.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permitelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Requisitos xerais dos materiais e recursos dixitais

1. Requisitos de forma.

a) Os traballos serán orixinais e inéditos.

b) Os materiais non incluirán publicidade de empresas, produtos nin servizos comerciais.

2. Requisitos técnicos.

a) Os materiais e recursos dixitais terán que visualizarse correctamente nas últimas versións dos navegadores máis comúns. Deben funcionar sen necesidade de instalar ningún plugin específico nun navegador.

b) Os materiais estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar sobre distintos sistemas operativos, libres e propietarios, e poderán ser executados en local.

Artigo 10. Comisión Avaliadora

1. Esta comisión estará formada por:

– Dous/dúas representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

– Dous/dúas representantes do Igape.

– Un/unha profesor/a que forme parte do programa Emprende.

Actuará como secretario/a un dos membros da comisión e redactará unha acta de cada sesión que se celebre.

2. As funcións da Comisión Avaliadora son:

– Avaliar os proxectos presentados.

– Facer unha proposta de concesión dos premios á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

Artigo 11. Criterios de avaliación

A Comisión Avaliadora terá en conta os seguintes criterios á hora de determinar os premios en cada unha das dúas modalidades do proxectos presentados:

– A súa viabilidade técnica e legal (máximo 10 puntos).

Avaliarase respecto da actividade proposta o acceso aos recursos (materiais, humanos e tecnolóxicos), o coñecemento e dominio do proceso produtivo e o coñecemento e acreditación do cumprimento da normativa.

– A súa viabilidade comercial (máximo 15 puntos).

Avaliarase respecto da actividade proposta o coñecemento e a posibilidade de acceso ao mercado obxectivo.

– A súa viabilidade financeira (máximo 15 puntos).

Avaliarase respecto da actividade proposta a capacidade para acadar e xerar os recursos financeiros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento sustentable posterior.

– A coherencia e carácter innovador do plan de negocio (máximo 15 puntos).

Avaliarase o grao de innovación da iniciativa, o equilibrio no desenvolvemento dos contidos e a congruencia entre os diferentes puntos do plan de negocio.

– Creación de emprego (máximo 15 puntos).

Avaliarase en función do volume de emprego que vaia crear, incluídos os promotores do proxecto, a razón de 3 puntos por cada emprego que vaia crear.

– A capacidade do equipo promotor para levalo adiante (máximo 15 puntos).

Avaliarase en función dos perfís do equipo promotor (formación, experiencia profesional e empresarial, grao de implicación no proxecto) e a súa complementariedade.

– A eficiencia na presentación dos contidos e a súa exposición oral sintética presentada («elevator pitch») (máximo 15 puntos).

Avaliarase a capacidade para comunicar a idea de negocio, a claridade expositiva, o atractivo do soporte e a capacidade de xerar interese.

Artigo 12. Resolución

1. A Comisión Avaliadora, unha vez revisados os proxectos de empresa, emitirá unha proposta provisional de resolución que poderá consultarse no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade http://www.edu.xunta.gal/fp e comunicáraselle ás persoas solicitantes por correo electrónico.

2. A partir do día seguinte ao da publicación desta proposta abrirase un prazo de dez días naturais co fin de que poidan presentar cantas alegacións consideren oportunas mediante instancia dirixida á presidenta ou ao presidente da Comisión Avaliadora da forma prevista no artigo 7 desta orde.

3. Poderase adiantar o envío por correo electrónico ao enderezo eduemprende@edu.xunta.gal.

4. Unha vez revisadas as alegacións, a Comisión Avaliadora elaborará a proposta definitiva de adxudicación dos premios que se publicará no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

5. O secretario xeral de Educación e Formación Profesional elevará a proposta feita pola Comisión Avaliadora á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quen ditará a orde correspondente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

6. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de catro meses, contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de solicitude e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

7. Contra esa resolución, que porá fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. A organización reservarase o dereito a declarar desertos un ou varios premios no caso de que os proxectos de empresa que se presenten non reúnan os criterios requiridos.

Artigo 13. Pagamento dos premios

O pagamento do importe correspondente aos premios farase con base no seguinte procedemento:

1. Cada proxecto de empresa recibirá como máximo un premio.

2. A dotación económica do premio, dividida entre o número de participantes no proxecto, será transferida ás contas bancarias que figuran no anexo I e anexo II, nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2021.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias do premio teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.K) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No anexo I a persoa beneficiaria debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta na que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. No anexo II, as persoas participantes no mesmo proxecto beneficiarias deben facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta na que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

4. A persoa beneficiaria ten a obriga de reintegro, total ou parcial, do premio ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007 utilizarase a declaración responsable recollida no anexo I desta orde.

Artigo 15. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE das persoas participantes.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) DNI/NIE da persoa representante da persoa participante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file