Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 16 de abril de 2021 Páx. 19521

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2021 pola que se convocan cursos de formación de carácter obrigatorio en prevención de riscos laborais nas tarefas de tipo administrativo dirixidos ao persoal ao servizo da Administración de xustiza de Galicia.

De conformidade co artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e en cumprimento do deber de protección en materia de riscos laborais, o empresario deberá garantir que cada traballador reciba unha formación teórica e práctica, suficiente e adecuada, en materia preventiva.

Así, en cumprimento desta obriga imposta pola citada lexislación, a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) convoca os cursos de prevención que se relacionan no anexo dirixidos ao persoal ao servizo da Administración de xustiza que estea en situación de servizo activo e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e garantirá que este persoal posúa a preceptiva formación en materia de riscos laborais.

En vista do exposto e conforme os fins que lle asigna á EGAP a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar dous cursos de formación en prevención de riscos laborais nas tarefas de tipo administrativo para o persoal que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Requisitos dos participantes

Deberá participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución:

O persoal ao servizo da Administración de xustiza que non realizase con anterioridade este curso de formación, así como aquel con destino nos xulgados de primeira instancia e instrución e xulgados de paz das provincias de Lugo e Ourense que estea en situación de servizo activo e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizarase cos requirimentos, duración e condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas nunha modalidade que inclúe teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

5. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 63 35 e 981 54 62 53 en horario de atención ao publico (das 9.00 ás 14.30 horas) e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

Os cursos convocados teñen carácter obrigatorio para o persoal indicado na base primeira, salvo para aquelas persoas que xa o realizasen coa EGAP con anterioridade á data desta resolución.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. Seguimento das actividades de teleformación

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar debidamente motivadas.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar preferentemente o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar as actividades de formación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A adecuada realización de todas as actividades que a titoría propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan.

As probas de avaliación finais serán en liña nas datas que se establezan. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e do horario da proba final.

Oitava. Certificado de aproveitamento

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe declarando apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP poderá modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas e, no suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, resérvanse o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, todo o cal lles será notificado ás persoas interesadas a través dos medios de notificación previstos na normativa vixente.

2. A EGAP resolverá todas as continxencias que poidan xurdir no desenvolvemento e na xestión das actividades, correspóndelle prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

3. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

4. A EGAP garantirá na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código

Denominación

Prazas

Horas

Cualificación

Persoal destinatario

Modalidade

Datas

Data proba de avaliación

Horario

Coñecementos transversais

FX21030-T01

Formación en prevención de riscos laborais nas tarefas de tipo administrativo

150

3

Aproveitamento

Curso de carácter obrigatorio para o persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia que non tivera realizado con anterioridade este curso de formación.

Teleformación

31.5.2021

4.6.2021

4.6.2021

Proba de avaliación

a partir das 12.00 horas.

FX21031-T01

Formación en prevención de riscos laborais nas tarefas de tipo administrativo

200

3

Aproveitamento

Persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino nos xulgados de primeira instancia e instrución e xulgados de paz da provincia de Lugo.

Teleformación

24.5.2021

28.5.2021

28.5.2021

Proba de avaliación

a partir das 12.00 horas.

FX20032-T01

Formación en prevención de riscos laborais nas tarefas de tipo administrativo

200

3

Aproveitamento

Persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino nos xulgados de primeira instancia e instrución e xulgados de paz da provincia de Ourense.

Teleformación

24.5.2021

28.5.2021

28.5.2021

Proba de avaliación

a partir das 12.00 horas.