Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 22 de abril de 2021 Páx. 20408

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2021 pola que se convoca o Curso superior de responsabilidade patrimonial da Administración pública e o seu seguro.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o Curso superior de responsabilidade patrimonial da Administración pública e o seu seguro, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

Este curso superior pretende ofrecer unha formación completa en materia de responsabilidade patrimonial derivada de danos a particulares como consecuencia do funcionamento dos servizos públicos, así como acerca do réxime xurídico aplicable ao seguro de responsabilidade patrimonial das administracións públicas.

2. Contidos.

Este curso superior abordará os seguintes temas:

Parte I. Responsabilidade patrimonial das administracións públicas. Introdución e normas xerais.

I. A responsabilidade civil: aspectos xerais.

II. O réxime de responsabilidade patrimonial das administracións públicas.

III. O réxime de responsabilidade civil dos concesionarios e prestadores de servizos públicos.

IV. A responsabilidade patrimonial no eido sanitario.

V. A responsabilidade patrimonial das administracións públicas no ámbito do urbanismo.

VI. A responsabilidade civil do persoal administrador e directivo das sociedades públicas.

VII. O procedemento para a exixencia de responsabilidade patrimonial a unha Administración pública.

Parte II. A transferencia do risco polas administracións públicas: o seguro de responsabilidade civil.

VIII. O seguro de responsabilidade civil: aspectos xerais.

IX. O seguro de responsabilidade patrimonial das administracións públicas.

X. A xestión de sinistros nos casos de existencia dun seguro de responsabilidade patrimonial.

3. Número de prazas: 60.

4. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local como de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia que estea en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

No caso de non cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderán acceder profesionais con interese na materia que estean en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

Para os efectos do establecido na Resolución do Instituto Nacional de Administracións Públicas (INAP), do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección no BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas, do 10 de agosto de 1994, e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo), e corrección (DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,5 puntos.

5. Desenvolvemento.

5.1. Modalidade de desenvolvemento: mixta.

5.2. Duración: 32 horas lectivas (6 horas presenciais, 18 horas de telepresenza e 8 horas de traballo autónomo do alumnado).

5.3. Datas: do 7 de maio ao 16 de xullo de 2021.

5.4. As clases presenciais desenvolveranse os días da inauguración e clausura do curso co seguinte horario:

• 7 de maio de 2021, das 11.00 ás 13.30 horas e das 16.30 ás 18.30 horas.

• 16 de xullo de 2021, das 11.30 ás 13.30 horas.

5.5. As sesións de telepresenza desenvolveranse nos días e horarios seguintes:

• 21 de maio, das 11.30 ás 13.30 horas e das 16.30 ás 18.30 horas.

• 28 de maio, das 11.30 ás 13.30 horas e das 16.30 ás 18.30 horas.

• 11 de xuño, das 11.30 ás 13.30 horas e das 16.30 ás 18.30 horas.

• 18 de xuño, das 11.30 ás 13.30 horas e das 16.30 ás 18.30 horas.

• 25 de xuño, das 11.30 ás 13.30 horas.

5.6. O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1º. Computador de sobremesa, portátil ou smartphone.

2º. Conexión estable á internet.

3º. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4º. Altofalantes (se o monitor ou equipo non dispón deles).

5.7. O desenvolvemento da parte presencial do curso será na EGAP, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela. A parte de telepresenza desenvolverase en liña a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/).

5.8. Na semana do 28 de xuño ao 2 de xullo terá lugar a presentación e defensa dos traballos individuais de cada alumno/a de forma presencial na EGAP, en horario de mañá ou tarde; o día e hora seranlles comunicados a cada alumno/a coa antelación suficiente.

6. Inscrición.

6.1. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 30 de abril de 2021.

6.2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

6.3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos nos puntos 4 e 8 desta convocatoria.

6.4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Pagamento da matrícula.

7.1. Importe: o importe total da matrícula será de catrocentos cincuenta euros (450 €).

7.2. Pagamento: poderase facer efectivo nun prazo único ou en dous prazos.

O pagamento do importe total da matrícula (450 €), ou do primeiro prazo polo 60 % (270 €) do importe total, deberá efectuarse dentro dos tres días seguintes á comunicación da EGAP de que o/a alumno/a foi seleccionado/a.

No caso de optar polo pagamento fraccionado, o 40 % restante (180 €) terá que facerse efectivo entre o 28 de xuño e o 2 de xullo de 2021.

8. Forma de pagamento.

A EGAP comunicaralle ao alumnado admitido no curso o prazo, así como o modo en que se deberá formalizar o pagamento da matrícula.

A EGAP non devolverá as cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

9. Incumprimento dos prazos de pagamento.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición dentro do prazo marcado perderán a súa condición de alumnos/as deste curso.

10. Comprobación de datos.

10.1. Para tramitar o procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

10.2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

10.3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto e achegando os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

10.4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

11. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de inscrición, e darase preferencia ao persoal empregado público de acordo co indicado no punto 4 desta convocatoria.

12. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

12.1. Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no punto 6º dos criterios xerais establecidos na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

12.2. O prazo de presentación de alegacións será de tres días contados desde a súa publicación.

12.3. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) a listaxe definitiva de persoas seleccionadas no curso.

13. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

13.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

13.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

13.3. Asistencia e puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais e de telepresenza da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais e de telepresenza. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

14. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

15. Certificado electrónico de aproveitamento.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas e tivesen completado e superado todas as actividades e traballos propostos no curso. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública