Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 26 de abril de 2021 Páx. 20830

III. Outras disposicións

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2021 pola que se aproba a convocatoria da segunda edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

A Valedoría do Pobo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, resolve convocar a segunda edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres, que se rexerá de acordo coas seguintes

Bases

Primeira. Obxecto

Estas bases teñen como obxecto regular a concesión dos II premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

Segunda. Requisitos

Os traballos deberán destacar polo seu elevado valor en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

Os dereitos sobre os traballos presentados non poderán estar cedidos a terceiros con carácter de exclusividade.

Os traballos deberán ter sido lidos, defendidos ou xulgados e aprobados, segundo proceda, ante calquera universidade galega durante o curso académico 2020/21.

Os traballos serán presentados en idioma galego ou castelán. No caso de que se presentasen en idioma distinto dos anteriores, deberá achegarse tradución.

Terceira. Solicitudes

As solicitudes axustaranse aos modelos de instancia que figuran como anexos I e II, que estarán á disposición das persoas interesadas no enderezo electrónico da Valedoría do Pobo (www.valedordopobo.gal), e da Universidade de Santiago de Compostela (www.usc.es), da Universidade da Coruña (www.udc.es) e da Universidade de Vigo (www.uvigo.es), e no rexistro da Valedoría do Pobo (rúa do Hórreo nº 65, 15701 Santiago de Compostela, A Coruña), das 9.00 ás 14.00 e das 16.30 ás 19.00 horas, de luns a venres, e nos rexistros das universidades asinantes.

Coas solicitudes presentarase a seguinte documentación:

a) Traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en formato papel e en formato electrónico (CD ou pendrive en formato word, libreoffice ou latex), totalmente anonimizados (anexo I).

b) Así mesmo, xuntarase un sobre pechado que no exterior indique o título do traballo e no seu interior a persoa autora, o departamento, a facultade e a universidade (anexo II). Este permanecerá en custodia do secretario xeral da institución ata o ditame do xurado, momento en que se abrirá.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude unicamente a un dos premios.

As identificacións que resulten precisas en aplicación da normativa de rexistros serán custodiadas unicamente polos funcionarios responsables e permanecerán ocultas para o xurado.

Cuarta. Lugar e prazo de presentación

Os traballos, dirixidos á Valedora do Pobo, presentaranse no rexistro da Valedoría do Pobo ou nos rexistros da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade da Coruña ou da Universidade de Vigo, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No suposto de que non se presenten no rexistro das entidades convocantes deberá enviarse, dentro do prazo de presentación, unha comunicación vía e-mail (rexistro@valedordopobo.gal), en que se detalle o medio utilizado de presentación, evitando a identificación persoal, segundo o modelo que consta no anexo III.

As solicitudes presentaranse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 15 de outubro de 2021. As persoas interesadas poderán consultar as bases da convocatoria no DOG e nas páxinas web da Valedoría do Pobo e das universidades galegas.

Se a solicitude non reúne os datos ou os documentos exixidos, a persoa interesada disporá de 10 días hábiles para corrixir a falta ou achegar os documentos preceptivos dende a recepción da notificación de emenda. No caso de que non o fixer, será considerada desistida da súa petición.

Sen prexuízo do anterior, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a valoración do traballo presentado. De non facelo, será considerada desistida da súa petición.

As comunicacións realizaranse exclusivamente a través do enderezo de correo electrónico proporcionado polas persoas solicitantes.

Quinta. Xurado

1. O xurado estará composto polos seguintes membros:

Presidencia: Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo.

Vogais:

María Xosé Porteiro García, adxunta á Valedora do Pobo.

Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela ou persoa en que delegue, elixida pola súa traxectoria profesional e persoal en materia de igualdade.

Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña ou persoa en que delegue, elixida pola súa traxectoria profesional e persoal en materia de igualdade.

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo ou persoa en que delegue, elixida pola súa traxectoria profesional e persoal en materia de igualdade.

Verónica Pérez-Outumuro Souto, asesora da Valedoría do Pobo en materia de xénero.

Secretaría: Fernando de Andrés, secretario xeral da Valedoría do Pobo.

2. Unha vez constituído o xurado, publicarase a relación nominal dos seus compoñentes na páxina web da Valedoría do Pobo.

3. De xeito orientativo, o procedemento que seguirá o xurado será:

a) Cada integrante do xurado dará a cada traballo, segundo o seu acreditado saber, unha puntuación de 0 a 2.

b) Pasarán á seguinte fase aqueles traballos que obtivesen a puntuación máxima de, polo menos, un membro do xurado da Valedoría e, polo menos, un membro do xurado en representación das universidades.

c) Dos traballos que pasen á segunda fase, cada membro do xurado, segundo o seu acreditado saber, propoñerá unha escolma daqueles traballos que considere que poden optar a cadanseu premio, expoñendo sucintamente as razóns da súa proposta.

d) Na derradeira fase a deliberación e votación comezará polos traballos que obtivesen maiores apoios, sucintamente expostos entre os membros do xurado.

4. Para o non disposto nestas bases serán de aplicación as normas contidas nos capítulos II, sección terceira, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Sexta. Resolución

Unha vez valorados os traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) presentados, o xurado emitirá a resolución no prazo máximo de seis meses contados a partir do día de finalización do prazo de presentación.

As decisións tomaranse por maioría e a presidencia do xurado terá voto de calidade en caso de empate.

O xurado poderá outorgar premio ex aequo ao mellor traballo fin de grao (TGF) ou ao mellor traballo fin de máster (TFM). Neste caso, outorgaráselles o diploma acreditativo, dividindo a contía económica fixada entre as persoas premiadas en cada categoría.

No caso de considerar que os traballos presentados non teñen a calidade suficiente, poderase declarar algún ou todos os premios desertos.

O ditame do xurado será inapelable e publicarase no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas web das entidades convocantes.

Sétima. Aceptación das bases e autorización ás entidades convocantes dos premios para a publicación

A participación nesta convocatoria supón a aceptación expresa das presentes bases, así como a autorización á Valedora do Pobo para a publicación, por calquera medio, dos traballos premiados. Para os efectos da súa publicación, poderase solicitar a adaptación do traballo ao habitual das publicacións institucionais.

Oitava. Dotación e tramitación dos premios

1. O xurado poderá conceder os seguintes premios:

– Premio ao mellor traballo fin de grao (TFG): 1.000 € e diploma acreditativo.

– Premio ao mellor traballo fin de máster: 1.000 € e diploma acreditativo.

2. Os premios aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 01.02.111B 480.00 da institución da Valedora do Pobo para 2021, en que existe crédito axeitado e suficiente.

3. O pagamento dos premios estará suxeito ás retencións e ao réxime fiscal que sexa de aplicación.

4. Unha vez notificado o premio, as persoas premiadas deberán presentar, no prazo de quince días, a seguinte documentación:

– Certificado académico especificando o título do traballo, director/a deste, cualificación obtida e, de ser o caso, data de lectura e tribunal que a xulgou.

– Acreditación de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social.

– Copia do certificado de conta bancaria da súa titularidade.

– Declaración responsable sobre o réxime fiscal das persoas premiadas.

Novena. Revogación dos premios

O incumprimento das condicións que se tiveron en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á súa revogación, así como ao reintegro das cantidades percibidas.

Décima. Datos de carácter persoal

As institucións convocantes publicarán na súa páxina web oficial as distintas fases de tramitación do procedemento de concesión dos premios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas presentadas e da súa publicación na páxina web institucional.

En cumprimento do disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, infórmase de que os datos persoais recollidos na solicitude de participación na convocatoria se incorporarán a un ficheiro para o seu tratamento, coa finalidade da xestión deste procedemento. Os/as solicitantes poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei mediante un escrito dirixido á Valedoría do Pobo.

Décimo primeira. Facultades da Valedora do Pobo

Facúltase a Valedora do Pobo para ditar as resolucións necesarias para o axeitado desenvolvemento desta convocatoria.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

María Dolores Fernández Galiño
Valedora do Pobo

ANEXO I

Solicitude de participación na segunda edición dos premios Valedora do Pobo
aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres

DOCUMENTOS QUE ACHEGA

 Traballo fin de grao (TFG) en formato electrónico (CD ou pendrive en word, libreoffice ou latex) titulado:

 Traballo fin de máster (TFM) en formato electrónico (CD ou pendrive en word, libreoffice ou latex) titulado:

 Síntese descritiva do traballo:

VALEDORA DO POBO

ANEXO II

Nome

Apelidos

DNI

Correo electrónico:

Teléfono

Universidade en que se presentou o traballo:

Data en que se presentou:

Nota obtida:

Expón que desexa participar na segunda edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

... , de... de 2021

(sinatura)

VALEDORA DO POBO

ANEXO III

Modelo de comunicación de presentación da solicitude

A persoa autora do traballo fin de grao/traballo fin de máster co título ................................................................................................................................................................................

Manifesta que presentou solicitude de participación na segunda edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres con data do ............................ en[1]

VALEDORA DO POBO

[1]Indíquese o lugar de presentación, de conformidade co disposto no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas