Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 26 de abril de 2021 Páx. 20822

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2021 pola que se convoca o Curso superior de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Consellería de Política Social, o Curso superior de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais, de acordo coas seguintes bases:

1ª. Obxectivos.

Este curso superior pretende capacitar o persoal que opta a postos de inspección de servizos sociais ou que presta apoio á inspección de servizos sociais nos coñecementos específicos dos diferentes ámbitos de actuación e nas habilidades necesarias para o correcto desenvolvemento destas funcións.

2ª. Contidos.

O curso abordará os seguintes temas:

1. Os servizos sociais. Antecedentes e evolución. Regulación. A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Sistema de garantías do Sistema galego de servizos sociais.

2. Rexistro e autorizacións. Normativa técnica relacionada.

3. A inspección. Funcións e procedementos de actuación. Ámbitos de actuación.

4. As actas de inspección. Protección de dereitos. Procedemento sancionador.

5. Servizos comunitarios e inclusión.

6. Igualdade.

7. Menores.

8. Infancia e familia.

9. Maiores e discapacidade.

10. O Sistema de atención á dependencia e promoción da autonomía.

11. Calidade. A acreditación. Xestión de centros e programas de servizos sociais.

12. Outras habilidades do persoal inspector.

3ª. Número de prazas: 25.

4ª. Persoas destinatarias.

Persoal funcionario dos subgrupos A1, A2 e C1 e persoal laboral dos grupos I e II da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontre en situación de servizo activo ou asimilada.

Terán preferencia na selección as persoas con titulación universitaria (licenciatura ou grao correspondente) en dereito, psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, educación social, relacións laborais, traballo social, ciencias políticas, socioloxía, terapia ocupacional, enfermaría, fisioterapia ou medicina.

Quedarán excluídas da selección as solicitudes das persoas que xa completasen en anteriores convocatorias da EGAP o curso sobre a capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais.

5ª. Desenvolvemento.

1. Modalidade de desenvolvemento: mixta.

2. Duración: 120 horas (45 horas lectivas presenciais e 75 horas en liña).

3. Datas: do 20 de maio ao 29 de xuño de 2021.

4. As clases presenciais serán os días e nos horarios seguintes:

• Xoves 20 de maio: das 16.30 ás 19.30 horas.

• Venres 21 de maio: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Xoves 27 de maio: das 16.30 ás 19.30 horas.

• Venres 28 de maio: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Xoves 3 de xuño: das 16.30 ás 19.30 horas.

• Venres 4 de xuño: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Xoves 10 de xuño: das 16.30 ás 19.30 horas.

• Venres 11 de xuño: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Xoves 17 de xuño: das 16.30 ás 19.30 horas.

• Venres 18 de xuño: das 8.30 ás 14.30 horas.

5. A proba ou exame final será presencial o día 29 de xuño, ás 17.00 horas.

6. O desenvolvemento da parte presencial do curso será na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

7. A parte de teleformación (en liña) desenvolverase a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/).

As persoas solicitantes deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Conexión estable á internet.

– Un navegador web actualizado nas últimas versións, preferiblemente Google Chrome ou Mozilla Firefox.

6ª. Inscrición.

1. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 10 de maio de 2021.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

Dentro do prazo de presentación das solicitudes as persoas solicitantes deberán remitir ao correo electrónico: novas.egap@xunta.gal unha copia das súas titulacións.

3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos nos puntos 4 e 8 desta convocatoria.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7ª. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto e achegando os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

8ª. Criterios de admisión.

A orde de admisión, unha vez excluídas as solicitudes das persoas que xa completaron este curso en exercicios anteriores, realizarase de acordo cos seguintes criterios de prelación:

1. Persoal funcionario coas titulacións establecidas como preferentes no punto 4.

2. Resto de persoal funcionario.

3. Persoal laboral coas titulacións establecidas como preferentes no punto 4.

4. Resto de persoal laboral.

Dentro de cada un dos catro grupos anteriores en que se dividen os criterios de prelación, a selección das persoas participantes virá determinada pola data e a hora de inscrición.

9ª. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

1. Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou están excluídas de acordo co disposto no punto 6 dos criterios xerais establecidos na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

2. O prazo de presentación de alegacións será de tres días contados desde a súa publicación.

3. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) a listaxe definitiva de persoas seleccionadas no curso.

10ª. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

10.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

10.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10.3. A asistencia e a puntualidade ás sesións presenciais:

a) Son obrigatorias as asistencias ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

10.4. Seguimento e superación das actividades de teleformación:

a) As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

b) Para poder superar esta actividade formativa será necesaria a adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar na proba presencial final.

11ª. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

12ª. Certificado electrónico de aproveitamento.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas e completasen e superasen todas as actividades propostas na modalidade de teleformación nos prazos establecidos na programación didáctica do curso e obtivesen a cualificación de apto/a na proba presencial final. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública