No Diario Oficial de Galicia do 23 de febreiro publicouse a Orde do 22 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I Hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría (TR500C), e do Programa II Outras actividades pechadas (TR500D), e se procede á súa convocatoria para 2021.
No artigo 6 da dita orde, de conformidade co preceptuado no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establécese a posibilidade de ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles. Este incremento de crédito está condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas para ambos os dous programas que non poden ser atendidas co crédito inicialmente asignado, e tendo en conta que o apoio da Administración para saír da crise e adaptarse á nova normalidade, garantindo o mantemento da actividade e dos postos de traballo asociados, resulta fundamental e debe constituír unha prioridade, faise necesario incrementar a dotación orzamentaria da convocatoria.
En consecuencia, ao existiren outras dotacións que poden ser empregadas para estes propósitos, é conveniente ampliar os créditos iniciais consignados no artigo 6.1 da referida Orde do 22 de febreiro de 2021.
Por todo o exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Ampliación do crédito orzamentario
Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión da axuda establecida na Orde do 22 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I Hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría (TR500C), e do Programa II Outras actividades pechadas (TR500D), e se procede á súa convocatoria para 2021, tanto para o Programa I, que ten por obxecto apoiar as persoas traballadoras autónomas, persoas físicas ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas e as pemes, calquera que sexa a súa forma xurídica, que pertenzan ao sector da hostalaría e que se vexan afectadas polo peche conforme a normativa ditada polas autoridades sanitarias, como para o Programa II, que ten por obxecto apoiar os traballadores autónomos, microempresas ou pemes que desenvolvan unha actividade económica que se vexa afectada polo peche conforme a normativa ditada polas autoridades sanitarias, na contía total de 21.000.000 de euros, tal e como se indica a continuación:
Procedemento |
Aplicación |
Importe da ampliación |
TR500C |
11.04.322C.470.11 (2021 00098) |
18.000.000 |
TR500D |
11.04.322C.470.6 (2021 00098) |
3.000.000 |
Artigo 2. Prazo de solicitudes
Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2021
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade