Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 30 de abril de 2021 Páx. 21974

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2021 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública da Proposta de proxecto de plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa ciclo 2021-2027 e do Estudo ambiental estratéxico da proposta de proxecto de plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa ciclo 2021-2027.

De acordo co establecido na Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, polo que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, e de acordo co establecido no texto refundido da Lei de augas aprobada por real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, e na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, Augas de Galicia elabora o Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

Deste xeito, o 22 de xaneiro de 2016 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 11/2016, do 8 de xaneiro, polo que se aproban os plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas de Galicia-Costa, das bacías mediterráneas andaluzas, do Guadalete-Barbate e do Tinto, Odiel e Piedras.

No Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, regúlase no artigo 14, a revisión do Plan hidrolóxico de Galicia-Costa, cun procedemento de revisión completa e periódica cada seis anos seguindo o establecido no artigo 11. Con base neste artigo, a Proposta de proxecto de Plan hidrolóxico Galicia-Costa someterase a consulta pública durante un prazo mínimo de seis (6) meses.

Tamén e segundo este artigo, o Plan hidrolóxico Galicia-Costa será obxecto do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, regulado nos artigos 20 e 21 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e elaborarase o estudo ambiental estratéxico que será sometido a un período de consulta pública como mínimo de 45 días hábiles.

Augas de Galicia está a traballar na revisión e actualización do vixente Plan hidrolóxico Galicia-Costa, polo que conforme os artigos expostos, esta dirección

RESOLVE:

Someter a consulta pública durante un prazo de seis (6) meses a Proposta de proxecto de plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa ciclo 2021-2027 e o Estudo ambiental estratéxico da proposta de proxecto de plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa ciclo 2021-2027.

Os documentos que se someten información pública poderán consultarse na páxina web oficial de Augas de Galicia (actualmente https://augasdegalicia.xunta.gal/) durante un período de seis (6) meses. Este prazo empezará a contarse desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e, dentro dese prazo, poderanse realizar as achegas e formular cantas observacións e suxestións se coiden convenientes, dirixidas ao organismo de bacía, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas ou de optar por este medio, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerse como destinatario do formulario a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e, dentro desta, Augas de Galicia.

Na medida en que os documentos de propostas, observacións e/ou suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, a súa entrega implicará, de conformidade coa lexislación de protección de datos, o consentimento de publicación no marco deste proceso participativo. O tratamento dos datos persoais suxeitarase ao disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e quen participe neste proceso poderá exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición cubrindo a debida solicitude dirixida a Augas de Galicia.

Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico:

planificacionhidroloxica.augas@xunta.gal.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia