Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 30 de abril de 2021 Páx. 21976

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2021 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública da proposta de proxecto do Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, ciclo 2021-2027, e do estudo ambiental estratéxico da proposta de proxecto do Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, ciclo 2021-2027.

A Directiva 2007/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2007, relativa á avaliación e xestión dos riscos de inundación, trasposta ao noso ordenamento xurídico polo Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación, ten como principais obxectivos obter un axeitado coñecemento e avaliación dos riscos asociados ás inundacións e lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para reducir as consecuencias negativas das inundacións. Para obter estes obxectivos, define como ferramenta principal o Plan de xestión de risco de inundación.

O 22 de xaneiro de 2016 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 19/2016, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa. Segundo a disposición derradeira segunda do Real decreto 19/2016, do 15 de xaneiro, o plan deberá ser revisado e actualizado, como máis tarde o 22 de decembro de 2021 e, a continuación, cada seis anos, tal e como marca tamén o artigo 21.3 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación.

O artigo 13.3 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, referido ao procedemento de elaboración e aprobación dos plans, determina que o proxecto de plan de xestión de risco de inundación se someterá a consulta pública durante un prazo mínimo de tres meses. Tamén e segundo o artigo 13.6, os plans de xestión do risco de inundación serán obxecto do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, polo que con base nos artigos 20 e 21 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, se elaborará o estudo ambiental estratéxico, que será sometido a un período de consulta pública, como mínimo, de 45 días hábiles.

Do mesmo xeito, o artigo 20 do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, tamén determina o período de consulta e o proceso de elaboración dos plans de xestión do risco de inundación e o seu sometemento ao proceso de avaliación ambiental.

Augas de Galicia está a traballar na revisión e actualización do vixente Plan de xestión de risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, polo que, con base nos artigos expostos, esta dirección

RESOLVE:

Someter a consulta pública durante un prazo de tres meses a proposta de proxecto do Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, ciclo 2021-2027, e o estudo ambiental estratéxico da proposta de proxecto do Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, ciclo 2021-2027.

Os documentos sometidos a consulta pública poderán consultarse na páxina web oficial de Augas de Galicia (actualmente, https://augasdegalicia.xunta.gal/) durante un período de tres (3) meses. Este prazo empezará a contar desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e, dentro dese prazo, poderanse realizar as achegas e formular cantas observacións e suxestións se consideren convenientes, dirixidas ao organismo de bacía, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas ou de optar por este medio, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerse como destinatario do formulario a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e, dentro desta, Augas de Galicia.

Na medida en que os documentos de propostas, observacións e/ou suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, a súa entrega implicará, de conformidade coa lexislación de protección de datos, o consentimento da súa publicación no marco deste proceso participativo. O tratamento dos datos persoais suxeitarase ao disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e quen participe neste proceso poderá exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición, cubrindo a debida solicitude dirixida a Augas de Galicia.

Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico planinundacions.augasdegalicia@xunta.gal.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia