Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 4 de maio de 2021 Páx. 22470

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre clasificación do posto de traballo de titular do Órgano de Xestión Orzamentaria e Contabilidade como posto reservado a funcionarios de Administración local de habilitación de carácter nacional no Concello de Santiago de Compostela.

O 3 de febreiro de 2021, o Concello de Santiago remitiu á Dirección Xeral de Administración Local solicitude de clasificación do posto de traballo denominado titular do Órgano de Xestión Orzamentaria e Contabilidade.

O 10 de marzo de 2021, a directora xeral de Estabilidade Orzamentaria e Xestión Financeira Territorial do Ministerio de Facenda emite resolución pola que non autoriza polo sistema de libre designación a provisión do posto denominado titular do Órgano de Xestión Orzamentaria e Contabilidade do Concello de Santiago de Compostela.

O 22 de marzo de 2021 e o 16 de abril de 2021, o Concello de Santiago presenta memorias complementarias á memoria xurídica e económica xustificativa da creación do mencionado posto de traballo.

O título X da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (en diante, LRBRL), establece o réxime de organización dos municipios de gran poboación, entre os que se atopa Santiago de Compostela.

A disposición adicional 4ª.2. d) do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, sinala que a clasificación dos postos reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, nos municipios incluídos no ámbito de aplicación do título X da LRBRL, efectuarase pola comunidade autónoma correspondente, de acordo cunha serie de criterios, entre os que destaca o sinalado na letra d) do citado precepto, que indica que o posto ou postos correspondentes ao órgano ou órganos que teñan asignadas as funcións de contabilidade, tesourería e recadación, así como as de orzamentación, se é o caso, estarán reservados á subescala de intervención-tesouraría, e poderán ser desempeñados por funcionarios pertencentes á categoría de entrada ou superior, dentro desta.

O número 3 da disposición adicional 4ª do citado Real decreto 128/2018 preceptúa que a provisión dos citados postos con carácter definitivo efectuarase polos sistemas de libre designación ou por concurso, de acordo co disposto pola corporación e coa regulación establecida para ambos os sistemas de provisión no citado real decreto.

O artigo 92 bis 6 parágrafo 4º da LRBRL indica que nos municipios que sexan capital de comunidade autónoma ou con poboación de dereito superior a 75.000 habitantes (como o caso de Santiago de Compostela) será precisa a autorización expresa do órgano competente da Administración xeral do Estado en materia de facendas locais para que os postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional que teñan asignadas as funcións de control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria, e a contabilidade, tesourería e recadación, poidan cubrirse polo sistema de libre designación.

O Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, establece no seu artigo 10 as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

Corresponde á Dirección Xeral de Administración Local o exercicio das competencias que se lle atribúen á Xunta de Galicia respecto do persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, segundo o establecido no artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e no artigo 22 do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta os informes do subdirector xeral de Réxime Xurídico Local deste organismo e da directora xeral de Estabilidade Orzamentaria e Xestión Financeira Territorial do Ministerio de Facenda,

RESOLVO:

Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional no Concello de Santiago, coas seguintes características:

– Denominación: titular do Órgano de Xestión Orzamentaria e Contabilidade.

− Forma de provisión: concurso.

− Grupo: A1.

− Nivel de complemento de destino: 30.

− Complemento específico: nivel 28.

− Escala: persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional.

− Subescala: intervención-tesourería.

− Categoría: entrada/superior.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Política Territorial y Función Pública para os efectos da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local