Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 4 de maio de 2021 Páx. 22473

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade das convocatorias do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O artigo 92 bis, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificou, no seu punto 6, a regulación dos sistemas de provisión definitiva dos postos de traballo reservados á escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional. En particular, a citada normativa establece unha nova porcentaxe para a valoración dos méritos xerais, méritos de determinación autonómica e méritos específicos.

Así mesmo, o Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional que desenvolve o citado artigo 92 bis, da Lei 7/1985, establece, na súa disposición transitoria quinta, que aos concursos de provisión de postos de traballo reservados aos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, que se convoquen con anterioridade á entrada en vigor do devandito real decreto e da súa orde de desenvolvemento, seralles de aplicación o Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, e a Orde do 10 de agosto de 1994 pola que se ditan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

De acordo coa anterior normativa e co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, en uso das atribucións conferidas polo Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade conxunta ás convocatorias do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, aprobadas polas corporacións locais de Galicia, que se inclúen no anexo desta resolución.

Segundo. Respecto ao contido común das bases reguladoras, esta resolución remítese á publicación que realizará a Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Política Territorial e Función Pública no Boletín Oficial del Estado, que servirá de base para o cómputo dos prazos.

Terceiro. Coñecemento da lingua galega

O coñecemento da lingua galega acreditarase nos termos sinalados no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a presentación coa solicitude de participación no concurso da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

O tribunal de valoración realizará unha proba de carácter eliminatorio aos/ás aspirantes que non acrediten a posesión do Celga 4 ou equivalente. Esta proba, que se valorará co resultado de apto ou non apto, está destinada a avaliar un grao de coñecemento do galego equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente. Para a realización desta proba o tribunal de valoración incorporará asesores/as especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Cuarto. Méritos de determinación autonómica

A valoración dos méritos autonómicos realizaraa o tribunal, de conformidade coas regras e puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ata un máximo de 3 puntos.

Para a valoración dos méritos autonómicos os tribunais de valoración poderán solicitar á Dirección Xeral de Administración Local informe respecto da puntuación das solicitudes presentadas.

Para tales efectos, o baremo de méritos autonómicos, relacionados co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, está constituído polos seguintes:

a) Cursos de formación e perfeccionamento: ata un máximo de 1,5 puntos.

b) Experiencia profesional: ata un máximo de 0,90 puntos.

c) Actividade docente: ata un máximo de 0,30 puntos.

d) Publicacións: ata un máximo de 0,30 puntos.

A forma de valoración que corresponde a cada un dos méritos autonómicos é a que se indica a seguir:

a) Cursos de formación e perfeccionamento.

Teranse en conta, unicamente, os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, universidades e organismos públicos dedicados á formación e perfeccionamento do persoal ao servizo das administracións públicas, que previamente teñan sido homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública para estes efectos.

Só se valorarán aqueles cursos que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, exceptuándose os que forman parte dos procesos selectivos correspondentes.

A puntuación de cada curso dentro da escala de 0,10 a 1,5 será establecida pola Escola Galega de Administración Pública en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas aos/ás funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, o grao de dificultade do curso, o número de horas lectivas e o sistema de avaliación.

As convocatorias dos cursos formuladas pola Escola Galega de Administración Pública indicarán a puntuación outorgada para estes efectos. Para o suposto de que a puntuación dalgún curso non estivese determinada na súa convocatoria, correspondendo o seu obxecto coa aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia (e sempre que non formara parte dos procesos selectivos correspondentes), valorarase de conformidade cos criterios establecidos pola consellería competente en materia de réxime local en coordinación coa Escola Galega de Administración Pública, do xeito que se describe a seguir:

– Cursos con certificado de asistencia de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,10 puntos por curso.

– Cursos con certificado de asistencia de duración superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos por curso.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos realizados con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

b) Experiencia profesional.

Valorarase a experiencia profesional consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia, que impliquen o coñecemento da organización territorial e da normativa autonómica de Galicia segundo se indica:

b.1) Servizos prestados como funcionarios/as de carreira con habilitación de carácter nacional en postos reservados nas entidades locais de Galicia:

b.1.1) Da mesma subescala e categoría á cal se concursa: 0,03 puntos/mes.

b.1.2) De distinta subescala ou/e categoría á cal se concursa: 0,02 puntos/mes.

b.2) Servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma galega como funcionario/a de carreira en postos non reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional:

b.2.1) Do subgrupo A1: 0,01 puntos/mes.

b.2.2) Do subgrupo A2: 0,005 puntos/mes.

c) Actividade docente.

A actividade docente valorarase cando vaia dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa autonómica de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal, réxime económico e financeiro das entidades locais en cursos organizados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública ou realizados en colaboración con esta.

A súa valoración será a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos, excluíndose congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.

d) Publicacións.

Valoraranse as publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, a razón de 0,10 puntos por cada monografía, e 0,05 puntos por cada artigo, sempre que aparezan en publicacións con ISBN ou ISSN.

Os/as concursantes acreditarán os méritos que aleguen mediante a presentación das certificacións correspondentes ou da copia dos títulos debidamente compulsados, así como, de ser o caso, das publicacións referidas.

Quinto. Méritos específicos

Os méritos específicos para cada posto de traballo son os que se inclúen no anexo desta resolución.

Sexto. Valoración de méritos

O tribunal de valoración comprobará a concorrencia nos concursantes dos requisitos que figuren na convocatoria, excluíndo a quen non os reúna. Así mesmo, comprobará o coñecemento da lingua galega nos termos previstos no Decreto 103/2008, do 8 de xuño. A seguir puntuará, respecto dos non excluídos, os méritos do seguinte modo:

– Méritos xerais, ata un máximo de 24 puntos, segundo a relación individualizada de méritos xerais do persoal habilitado nacional que aprobe a Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, sen que sexa posible acreditación adicional algunha por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte do tribunal.

– Méritos de determinación autonómica, ata un total de 3 puntos.

– Méritos específicos ata un total de 1,50 puntos.

A valoración dos méritos de determinación autonómica e dos méritos específicos efectuarase con base na documentación acreditativa achegada polas persoas concursantes.

Respecto dos postos que non teñan méritos específicos, o tribunal asignará unicamente a puntuación de méritos xerais e de méritos autonómicos.

En caso de empate na puntuación final de méritos de dous ou máis concursantes, o tribunal dará prioridade na proposta de adxudicación a aquela persoa que obtivese maior puntuación en méritos específicos. De manterse o empate, a favor de quen en méritos de determinación autonómica teña máis alta puntuación. De persistir este, resolverase conforme a orde de prelación de méritos xerais, seguindo a orde de enumeración do artigo 15 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo. En última instancia, o empate resolverase con base na orde de prelación no proceso selectivo.

Sétimo. Os actos administrativos das corporacións locais e dos tribunais de valoración realizados no procedemento do concurso poderán ser impugnados conforme o previsto nos artigos 121 e 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases específicas que rexen as convocatorias

Secretaría-Intervención do Concello de Bóveda (Lugo):

* Entidade e provincia: Concello de Bóveda (Lugo).

Denominación e clase do posto: Secretaría-Intervención do Concello de Bóveda.

Subescala e categoría: Secretaría-Intervención, clase terceira.

Poboación con data do 1 de xaneiro de 2020: 1.450 habitantes.

Nivel de complemento de destino: 26.

Complemento específico: 18.638,16.

* Baremo de méritos específicos.

A) Cursos de formación e perfeccionamento (ata un máximo de 1,00 punto):

Os cursos valoraranse conforme os seguintes criterios.

Soamente se valorarán os cursos impartidos polas administracións públicas (Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local), centros e escolas públicas dedicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP, universidades públicas...) e colexios oficiais de secretarios, interventores e secretarios-interventores da Administración local cando sexan recoñecidos e valorados polas administracións públicas (Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local) ou centros e escolas públicas dedicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP, ...).

Para os efectos de garantir a actualización dos coñecementos, só serán valorados aqueles cursos cuxa data de expedición do diploma acreditativo sexa como máximo de hai 15 anos.

Nesta epígrafe valoraranse os cursos en materia de dirección, xestión e xerencia pública no eido da Administración local. A razón de 0,001 puntos/hora cun máximo de 1,00 punto.

Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada dos títulos ou certificados de asistencia a que se refiren.

Os cursos en materia dirección, xestión e a xerencia pública local achegan ao habilitado nacional uns amplos coñecementos para a dirección e xestión do persoal municipal, resultando clave á hora de coordinar a actividade administrativa municipal, en prol da racionalización de recursos e simplificación administrativa, coordinación procedemental na tramitación de expedientes municipais e o seu impulso, desde o inicio, informe destes, propostas de resolución e resolución dos mesmos mediante decreto/acordo plenario/acordo da Xunta de Goberno Local. Isto resulta transcendental no Concello de Bóveda, onde persoal funcionario e laboral administrativo convive de forma conxunta nas oficinas municipais, polo que a coordinación das funcións que se realizarán entre o distinto persoal municipal resulta clave polo habilitado nacional que desempeñe o posto de Secretaría-Intervención neste concello.

Ademais, considérase que este tipo de cursos versan sobre materias directamente relacionadas coas características e funcións correspondentes ao posto de traballo de Secretaría-Intervención, englobando a dirección, a xestión e a xerencia pública local materias como a planificación de recursos humanos, a negociación colectiva, a coordinación de servizos municipais, a xestión económico-financeira local..., materias que unicamente estudadas de forma conxunta e integral nos distintos cursos de dirección, xestión e xerencia pública local, e non de forma individualizada, permiten ao habilitado nacional obter as habilidades directivas precisas e ter uns amplos coñecementos sobre os méritos valorados por este concello neste apartado de formación.

B) Publicacións de manuais ou artigos (ata un máximo de 0,30 puntos):

O contido dos manuais ou artigos versarán sobre materias relacionadas co persoal, emprego público e xestión de recursos humanos, contratación pública, xestión de servizos públicos, xestión económico-financeira, contabilidade, organización e funcionamento das entidades locais e administración electrónica. Valoraranse só os manuais e/ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN. As citadas publicacións serán valoradas a razón de 0,30 puntos por cada manual ou artigo. Considérase necesario valorar positivamente as publicacións relacionadas coas materias enumeradas anteriormente, directamente relacionadas coas características e funcións correspondentes ao posto de traballo de Secretaría-Intervención, que implican o estudio en profundidade, a especialización e a excelencia nas materias anteriormente enumeradas; que ó referirse ás propias da actividade municipal, implican a adquisición dos coñecementos que resultarán positivos para a eficacia e eficiencia municipais.

C) Actividade docente (ata un máximo de 0,20 puntos):

Actividades de dirección, titorización e/ou impartición en accións formativas (excluíndo congresos, conferencias, xornadas e simposios, encontros ou similares) que versen sobre materias relacionadas co persoal, emprego público e xestión de recursos humanos, contratación pública, xestión de servizos públicos, xestión económico-financeira, contabilidade, organización e funcionamento das entidades locais e administración electrónica.

Só será valorada a actividade docente en accións formativas homologadas ou recoñecidas polo INAP ou EGAP, a razón de 0,20 puntos por acción formativa impartida, dirixida ou titorizada.

Acreditarase mediante certificado emitido polo organismo competente.

A valoración deste mérito está vinculado directamente ás funcións do posto, xa que a actividade docente implica o estudio en profundidade, a especialización e a excelencia nas materias que se imparten; que ao referirse ás propias da actividade municipal, implican a adquisición duns coñecementos que resultarán positivos para a eficacia e eficiencia municipais.

En ningún caso se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados no momento de finalizar o prazo de presentación de instancias. Tampouco serán tidos en conta aqueles méritos que se baseen exclusivamente en afirmacións vertidas polo solicitante na súa instancia ou nas aclaracións que ofreza, en caso de ser solicitadas posteriormente polo tribunal, nin os que se xustifiquen por copias simples.

D) Entrevista persoal.

Non se prevé a realización de entrevista persoal.

* Méritos de valoración autonómica:

A valoración dos méritos autonómicos efectuarase de conformidade co disposto no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

* Méritos xerais:

A valoración dos méritos xerais efectuarase de conformidade co disposto na normativa estatal reguladora.

* Coñecemento da lingua galega:

De acordo co establecido no Decreto 103/2008, do 8 de maio, exíxese como requisito o coñecemento da lingua galega, que se acreditará mediante a presentación coa solicitude de participación no concurso ou da petición de cobertura do posto, da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado da lingua galega (Celga 4) ou do seu equivalente.

E) Comisión de Valoración:

Tribunal titular:

Presidenta: María Cristina González Santín, tesoureira do Concello de Monforte de Lemos (Lugo).

Secretario e 1º vogal: José Manuel Rozas Bello, xefe de sección de Asuntos Xerais da Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (Lugo).

2º vogal: Froilán Pallín Seco, secretario-interventor do Concello de Pol (Lugo).

3º vogal: Rafael Castillo Reboiro, secretario-interventor do Concello da Pobra de Brollón (Lugo).

4º vogal: Marta Barreiro Castro, secretaria territorial da Delegación Territorial da Xunta de Galicia (Lugo).

Tribunal suplente:

Presidenta: Nadia Díaz Vázquez, secretaría-interventora do Concello de Taboada (Lugo).

Secretario e 1º vogal: Alejandro Maseda Mallo, secretario-interventor do Concello da Fonsagrada (Lugo).

2º vogal: Manuel Fernández Fernández, secretario-interventor do Concello de Riotorto (Lugo).

3º vogal: David Criado Taboada, secretario-interventor do Concello de Sober (Lugo).

4º vogal: Sandra Díaz Álvarez, secretaria-interventora do Concello das Nogais (Lugo).

Intervención do Concello de Silleda (Pontevedra):

Corporación: Concello de Silleda.

Poboación: a poboación do municipio a 31 de decembro de 2020 é de 8.861 habitantes.

Denominación do posto: Intervención.

subescala: Intervención-Tesouraría.

Categoría: entrada.

Nivel de complemento de destino: 26.

Contía do complemento específico: 20.954,55 € anuais.

Posto non cuberto polo titular que se xubile nos 6 meses seguintes á publicación.

A) Méritos específicos:

Non se recollen.

B) Méritos xeráis:

A valoración de méritos xerais obterase da relación publicada na páxina web do Ministerio de Facenda e Función Pública, na mesma data que a convocatoria conxunta, sen que sexa posible acreditación adicional ningunha por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte do tribunal.

C) Méritos de determinación autonómica:

Os concursantes acreditarán os méritos que aleguen, no momento que se indique na convocatoria, mediante a presentación das certificacións correspondentes ou da copia dos títulos debidamente compulsados, así como, de ser o caso, das publicacións referidas.

A dita achega de documentación poderá ser substituída pola última relación individualizada de méritos autonómicos publicada na páxina web eidolocal cando non se aleguen máis méritos que os recollidos na mesma.

d) Coñecemento da lingua galega:

De acordo co establecido no Decreto 103/2008, do 8 de maio, exíxese como requisito o coñecemento da lingua galega. Este se acreditará mediante a presentación do certificado da lingua galega (Celga 4) ou do seu equivalente.

Dita aportación de documentación poderá ser substituída pola última relación individualizada de méritos autonómicos publicada na páxina web eidolocal.

Entrevista: non se recolle.

Composición do tribunal:

Estará integrado polos seguintes membros:

Presidenta: Fernanda Montero Parapar, secretaria do Concello de Silleda.

Suplente: José Manuel González García, vicesecretario do Concello de Santiago de Compostela.

Vogais:

Margarita Fernández Sobrino, interventora do Concello de Ames.

Suplente: María Teresa Buján Mosquera, interventora do Concello de Melide.

Sandra María García Chenlo, secretaria do Concello de Boiro.

Suplente: Sergio Curra Moreira, interventor do Concello de Cangas.

Mª Cristina Varela Martínez, secretaria-interventora do Concello de Xemade.

Suplente: Paula Ares Otero, secretaria-interventora do Concello de Lousame.

Secretaria: María del Mar Lirola Delgado, interventora do Concello de Porto do Son.

Suplente: Dalmiro Núñez Méndez, secretario-interventor do Concello de Boqueixón.

Impugnacións. A convocatoria e as súas bases, e cantos actos administrativos deriven deste e das actuacións do tribunal, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e as formas establecidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.