A Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, establece no seu artigo 31 que a Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo aos orzamentos xerais do exercicio correspondente, outorgará ás formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia, e que así o soliciten en cada exercicio, subvencións anuais non condicionadas para atender os gastos de funcionamento en que tales formacións incorran no territorio da Comunidade Autónoma. Estas subvencións recóllense expresamente no artigo 2 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, dentro da relación de recursos económicos das formacións políticas.
O artigo 33 da Lei 9/2015 fixa o criterio de repartición da contía da subvención en proporción ao número de escanos e ao número de votos obtido por cada formación nas últimas eleccións ao Parlamento de Galicia. A Resolución da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, do 21 de xaneiro de 2020, fixou, de conformidade co establecido na lei, a contía da subvención que corresponde a cada unha destas formacións políticas no exercicio 2020. Posteriormente e dado que o 12 de xullo se celebraron eleccións ao Parlamento de Galicia, ditouse un nova Resolución do 2 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se fixa a contía das subvencións non condicionadas para gastos de funcionamento das formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia despois das eleccións ao Parlamento de Galicia o día 12 de xullo de 2020, e de acordo co artigo 35.8 da Lei 9/2015, a cantidade global que se repartirá entre as formacións políticas que obtivesen representación parlamentaria será a resultante de descontar ao importe da partida consignada na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia o total aboado en concepto de subvencións para gastos de funcionamiento ata a data das eleccións ás formacións políticas presentes no Parlamento de Galicia na súa anterior composición.
Tendo en conta o anterior, as cantidades aboadas no ano 2020 a cada formación política con representación no Parlamento de Galicia foron as seguintes:
Ata as eleccións do 12 de xullo de 2020.
Formación política |
Importe subvención |
Partido Popular |
559.995,99 € |
PS de G-PSOE |
202.467,77 € |
En Marea |
210.690,65 € |
BNG |
91.361,80 € |
Total |
1.064.516,21 € |
Despois das eleccións do 12 de xullo.
Formación política |
Importe subvención |
Partido Popular |
504.938,50 € |
PS de G-PSOE |
189.250,19 € |
BNG |
241.295,10 € |
Total |
935.483,79 € |
O que se fai publico de conformidade co previsto no artigo 44 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das entidades vinculadas ou dependentes delas, coa súa inserción no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021
Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias