Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 5 de maio de 2021 Páx. 22672

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 23 de abril de 2021 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT402C).

BDNS (Identif.): 561110.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia (modalidades A1, A2, A3 e A4).

Persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos musicais con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia (B1, B2 e B3).

Segundo. Finalidade

Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro, e se convocan para o ano 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 23 de abril de 2021 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT402C).

Cuarto. Importe

O importe máximo para o financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria é de 460.000 euros, dos cales 230.000 euros son para artes escénicas (modalidades A1, A2, A3 e A4) e 230.000 euros para música (modalidades B1, B2 e B3) da partida orzamentaria 2021.10. A1.432. B. 470.0, para o ano 2021, código de proxecto 2015-0003.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais