Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 5 de maio de 2021 Páx. 22674

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN848D). Programa InnovaPeme.

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga ós poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1º.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) fixa o marco xeral de actuación cara ao que deben enfocarse os esforzos da política de cohesión europea, que financian os fondos estruturais e de investimento europeos, entre eles, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A EE2020 fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento que basea, pola súa vez, en varios criterios de intervención para lograr os devanditos tipos de crecemento: Desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía baseada no coñecemento e a innovación; Desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva e Desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita o desenvolvemento da cohesión social territorial. A EE2020 fixa cinco obxectivos para ser cumpridos a nivel europeo con fitos específicos para cada país.

Trátase duns obxectivos que se asocian directamente aos obxectivos temáticos (OT) que aparecen recollidos no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013); e as prioridades de investimento fixadas no Regulamento (UE) nº 1301/2013, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Consello (en diante, Regulamento (UE) nº 1301/2013).

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, atribuíndolle no seu artigo 15.3 a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

O primeiro plan que iniciou a senda de definición de políticas de innovación asociadas ao concepto de especialización intelixente foi o Plan de innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este plan é o antecedente inmediato da vixente Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013, e que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 para a selección de prioridades de investimento, os seus obxectivos temáticos e actuacións do Obxectivo temático 1 do Feder e recolle, entre os seus instrumentos de desenvolvemento, o Programa de fomento de capacidade de absorción das empresas.

Esta actuación tamén se encadra na Axenda de Competitividade Industrial: Industria 4.0, máis concretamente no punto 5.4 dedicado ao impulso da Innovación no ámbito empresarial; así como na Estratexia Galega de Impulso á Biotecnoloxía, que inclúe como un dos seus eixos prioritarios o eixo 2: Fortalecemento e consolidación empresarial, no que se integra o Programa de actuación B1: Capacitación e competitividade innovadora.

Pola súa vez, a Axencia Galega de Innovación no compromiso coa investigación e innovación responsable (IIR) e en consonancia coa Axenda 2030, a través desta actuación impulsa no ecosistema galego a adopción de medidas que axuden a garantir e incrementar o impacto social das actividades de I+D+i. Na práctica, a IIR impleméntase como un conxunto de medidas que inclúen e facilitan a participación de múltiples actores e das persoas na investigación e na innovación, permitindo un acceso máis sinxelo aos resultados desta, a incorporación do xénero e da ética no contido e no proceso de I+D+i, e na educación científica formal e informal.

En Galicia existe un contorno moi propicio para o progreso da innovación toda vez que o sistema de I+D+i conta con numerosos axentes de primeiro nivel tanto no eido público como no privado (universidades, organismos públicos de investigación, centros tecnolóxicos, centros de innovación, empresas especializadas en servizos de apoio á I+D+i, empresas provedoras de servizos tecnolóxicos e de tecnoloxías facilitadoras...) que dotan a nosa comunidade dunha oferta moi importante de coñecemento científico e técnico para o tecido empresarial galego.

A abundante e ampla oferta de axentes tecnolóxicos presente no ecosistema galego de innovación non impide que, ao mesmo tempo, exista unha baixa taxa de absorción, por parte das pequenas e medianas empresas da I+D+i xerada en Galicia, especialmente naqueles pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais.

Este instrumento pretende incidir no déficit das empresas, sobre todo das pemes, e en especial as pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais, con respecto da súa capacidade de innovar por falta de recursos idóneos para a absorción de coñecementos que se poidan orientar ao desenvolvemento de produtos e servizos, á transferencia de tecnoloxía, á innovación social, á innovación ecolóxica, ás aplicacións de servizo público, ao estímulo da demanda, á interconexión en rede, ás agrupacións e á innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes Para iso, propiciarase acceso a activos e recursos tanxibles e intanxibles, que contribúan obxectivamente a mellorar a súa capacidade de innovación.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema Galego de Innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) nº 187, do 26 de xuño de 2014 (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014).

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas, destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de Innovación que lles permitan o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos procesos de innovación da empresa, e estean aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2021 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN848D), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Microempresa, pequena e mediana empresa: segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede de 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; e microempresa, aquela que ocupa menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Para o calculo destes efectivos deberán recollerse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Empresa en crise: a que así se defina consonte o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 e ás directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, DOUE C 249 do 31.7.2014, ou documento que o substitúa.

4. Entidade vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presumirase que non existe influencia dominante, cando os investidores enunciados no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

5. Iniciativa empresarial emprendedora: empresa xa constituída que non supere a antigüidade máxima de 42 meses na data de presentación da solicitude, consonte o establecido no artigo 5 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

6. Reto estratéxico: sintetiza o conxunto de prioridades tecnolóxicas e de innovación da estratexia RIS3 de Galicia, baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro. Os retos estratéxicos son:

Reto 1. Xestión innovadora de recursos naturais e culturais. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Reto 2. O modelo industrial da Galicia do futuro. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais.

Reto 3. Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Posicionar Galicia para o ano 2021 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación á aplicación orzamentaria que se indica neste artigo, nas que existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma Galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

Procedemento IN848D.

Eixe

OE

Beneficiarios

Desagregación medida
CE_Actividade

Aplicación

Código do proxecto

2021

2022

Total

01

1.2.1

Pemes

064_68

06.A2.561A.770.0

2016 00 007

1.050.000

1.750.000

2.800.000

2. A distribución de fondos establecida para cada anualidade, na aplicación orzamentaria sinalada, é unha previsión que deberá axustarse, tras a valoración das solicitudes de axuda, sen incrementar o crédito total.

3. Estas axudas estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. Eixe 1 «Potenciar a investigación o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación», Prioridade de investimento 1.2 «O fomento do investimento empresarial en I+D+i, o desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento e o sector do ensino superior, en particular, mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes», Obxectivo específico 1.2.1 «Impulso e promoción de actividades de I+i lideradas por empresas, apoio á creación e consolidación de empresas innovadoras e apoio á compra pública innovadora», Actuación 1.2.1.2 «Desenvolvemento de medidas de fomento da capacidade de absorción das empresas de coñecementos orientados ao desenvolvemento de novos produtos ou á mellora de produtos existentes, propiciándolles acceso a activos e recursos tanxibles e intanxibles».

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicitan a axuda.

2. Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 20 da presente resolución.

3. Non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:

a) As microempresas, pequenas e medianas empresas que xa resultaran beneficiarias do Programa InnovaPeme nas resolucións de concesión do ano 2017 (Resolución do 11 de novembro de 2017; DOG núm. 232), do ano 2019 (Resolución do 29 de xullo de 2019; DOG núm. 153) e do ano 2020 (Resolución do 15 de setembro de 2020; DOG núm. 196)

b) As microempresas, pequenas e medianas empresas, que no momento da publicación desta resolución, inclúan como rúbricas exclusivas da Clasificación nacional de actividades económicas-CNAE-2009 algunha das seguintes:

• Sección J: Información e comunicacións: quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: Telecomunicacións; 62: Programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática; e 63: Servizos de información.

c) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

d) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración na que se integren.

e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen a máis da metade dos membros do seu órgano de Administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

f) As microempresas, pequenas e medianas empresas en crise conforme a definición contida no artigo 2. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que na data do 31 de decembro de 2019, con incorren en ningunha das circustancias enumeradas no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar a unha empresa en crise.

g) As microempresas, pequenas e medianas empresas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente, tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

h) As microempresas, pequenas e medianas empresas nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán actividades subvencionables aquelas incluídas nun plan de innovación que deberá reunir, necesariamente, as seguintes características:

a) Deberá reunir unha serie de actividades que constitúan un conxunto completo e homoxéneo que permita implementar ou incrementar as capacidades innovadoras da empresa solicitante.

b) As actividades incluídas no plan de innovación deben implicar unha ou varias destas opcións, desagregadas no catálogo que se achega como anexo I:

b.1) Actividades de innovación, destinadas principalmente a corrixir deficiencias de mercado relacionadas con externalidades positivas (desbordamento do coñecemento), deficiencias de coordinación e, en menor medida, información asimétrica; estas actividades comprenderán a obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, o envío en comisión de servizo de persoal altamente cualificado e a adquisición de servizos de asesoramento e apoio á innovación.

b.2) Innovación en materia de procesos e/ou de organización: a aplicación dun método de produción ou subministración nova ou significativamente mellorada (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipamentos ou programas informáticos), dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa.

Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

c) Deberá estar aliñado con algunha das prioridades da RIS3 para Galicia (anexo II).

d) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 80.000 euros e dun máximo de 200.000 euros, a presentación dun plan de innovación cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

e) A súa duración mínima será dun ano e a máxima estenderase ata o 30 de setembro de 2022, a presentación dun plan de innovación cunha duración fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

2. Só se financiarán as actividades do plan de innovación desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega.

3. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014 considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se presente antes do inicio da actividade. Entenderase que a actividade comeza co primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible se esta data é anterior. Os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran o inicio dos traballos.

En consecuencia, a data de inicio das actividades integradas no plan de innovación deberá ser sempre posterior á data de presentación da solicitude da axuda. De non cumprirse esta condición, non poderá financiarse ningún gasto derivado do dito plan.

Artigo 6. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida para cada plan de innovación determinarase sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 28 e 29 do Regulamento (UE) nº 651/2014 de acordo coa seguinte táboa:

Microempresa, pequena empresa e mediana empresa

Axudas á innovación en favor das pemes

50 %

Axudas á Innovación en materia de procesos e organización

50 %

2. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación, ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) nº 651/2014 que se indican na táboa anterior.

De acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE) nº 2018/1046, o plan de innovación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa distinto.

Artigo 7. Conceptos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do plan de innovación para o que foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Para a anualidade de 2021, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e o 30 de novembro de 2021. Para a anualidade 2022, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de setembro de 2022.

3. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 euros, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. Os gastos subvencionables deberán respectar o disposto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 e serán exclusivamente custos directos, entendendo como tales aqueles que estean directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade pode demostrarse.

Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

a) Para actividades de innovación (artigo 5.1.b.1):

a.1) Custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais; incluiranse os custos derivados da obtención de certificacións oficiais vinculadas co plan de innovación, como, a modo indicativo, a especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como Pequena ou Mediana Empresa innovadora», EA0043 »Requisitos da Xove Empresa Innovadora. XEI» e as incluídas na serie de normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i».

a.2) Custos de envío en comisión de servizo de persoal altamente cualificado procedente dun organismo de investigación e difusión de coñecementos ou unha gran empresa, que traballe en actividades de investigación, desenvolvemento e innovación nunha función recentemente creada na entidade beneficiaria e que non substitúa a outro persoal.

Entenderase por persoal cualificado o persoal que posúa un título universitario e un mínimo de cinco anos de experiencia profesional pertinente, que poderá incluír a formación en doutoramento, e por comisión de servizo o emprego temporal de persoal por parte do beneficiario con dereito do persoal a regresar ao anterior empregador.

Incluiranse todos os custos derivados da comisión de servizo (contrato, mobilidade...) nos que incorra a empresa beneficiaria, tendo en conta, en calquera caso, os requisitos de compatibilidade e concorrencia de axudas establecidos no artigo 6.2 desta resolución.

a.3) Custos de servizos de asesoramento en materia de innovación: consultaría, asistencia e capacitación nos ámbitos da transferencia de coñecemento, a adquisición, protección e explotación de activos inmateriais, e o uso de normas e regulamentos que os incorporan.

a.4) Custos de servizos de apoio en materia de innovación: bancos de datos, bibliotecas, investigación de mercados, laboratorios, etiquetaxe de calidade, ensaio e certificación, co fin de desenvolver produtos, procesos ou servizos máis eficaces.

b) Para innovación en materia de procesos e organización (artigo 5.1.b.2) e b.3):

b.1) Custos de persoal propio.

b.2) Custos de persoal de nova contratación.

Os custos de persoal propio e de nova contratación rexeranse polo disposto no artigo seguinte desta convocatoria.

b.3) Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición e non adquirido con fondos ou axudas públicas: na medida en que se utilicen para as actividades do Plan de innovación.

Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para as actividades do plan, por exceder a súa vida útil a duración deste, só serán imputables os custos de amortización que correspondan ao período subvencionable, calculados sobre a base das boas prácticas contables e Táboa de coeficientes de amortización lineal da Agencia Tributaria. Para que este custo sexa considerado como gasto, deberá detallarse na solicitude o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización tendo en conta o tempo concreto de imputación ás actividades do plan.

Se o equipamento e material dedícase exclusivamente ao Plan de innovación e a súa vida útil esgótase ao termo do período subvencionable, considerárase como gasto o custo de adquisición. Deberá xustificarse na solicitude a vida útil deste equipamento.

A instalación do equipamento sempre e cando sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento.

As licenzas e renovacións de licenzas de software se son de uso específico para as actividades de I+D+i e non de uso xeral.

Neste punto non se considerarán os seguintes gastos:

• Instalacións de edificios (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións...).

• Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades de I+D+i: zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina...

• Toda aplicación ou software xa existente ou a súa adaptación; os desenvolvementos ofimáticos, financeiros ou contables.

• Servizos de telecomunicacións ou de almacenamento ou hospedaxe da información.

• Arrendamento de equipos (hardware), redes ou sistemas físicos de tecnoloxías da información ou das comunicacións.

b.4) Custos de adquisición de licenzas de propiedade industrial: as licenzas deberán ser adquiridas ou obtidas de fontes externas, sempre e cando a operación se realice en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.

b.5) Custos de material, subministracións e produtos similares, que se deriven directamente do desenvolvemento do plan e que deberán estar especificados na Memoria do Plan de innovación. Os custos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto. Este custo non poderá superar o límite do 20 % do custo total da actividade subvencionada.

b.6) Subcontratacións: aquelas actuacións contratadas con terceiros, que supoñan a execución dunha parte das actividades incluídas no Plan de innovación que constitúe o obxecto da subvención.

A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica e deberá cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50 % do custo total da actividade subvencionada.

Será obrigatoria a subscrición dun contrato entre a empresa e a entidade subcontratista, que poderá condicionarse a resultar a primeira beneficiaria da subvención, e deberá recoller, como mínimo, os seguintes aspectos: obxectivos do contrato, descrición das actividades, data do inicio e duración total, orzamento total e desagregación por anualidades. No contrato deberanse detallar as persoas que participan na subcontratación, unha descrición específica das actividades realizadas por cada unha delas neste e a porcentaxe de dedicación ao plan. Todos estes aspectos serán revisados pola Axencia Galega de Innovación.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 por cento do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a entidade concedente da subvención na forma que se determine nas bases reguladoras.

A subcontratación deberá ser autorizada pola Axencia Galega de Innovación. Nese sentido, en caso de resolución favorable do Plan de innovación entenderase autorizada desde a data de inicio da súa execución, sempre que esta sexa posterior á data de presentación da solicitude da axuda.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 desta lei.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores nos que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

5. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade co respecto do IVE.

En ningún caso serán subvencionables as actuacións ou actividades habituais da empresa, nin a modificación ou adaptación de produtos ou servizos existentes, de procesos produtivos ou de procesos en materia de organización, que non supoñan unha innovación.

En concreto, exclúense:

• O cumprimento da normativa obrigatoria.

• A implantación de certificados de calidade, ambiente, boas prácticas e similares non vinculadas ás actividades do plan de innovación subvencionable.

• As análises, ensaios ou caracterizacións habituais ou recorrentes non vinculadas ás actividades do Plan de innovación subvencionable.

• A formación de carácter xeral, técnica ou científica, aínda que sexa necesaria para a introdución dun novo produto, proceso ou servizo diferenciador.

Artigo 8. Custos de persoal

Os custos de persoal serán subvencionables na medida en que se incorresen neles de xeito efectivo e se xustifiquen mediante os correspondentes documentos acreditativos de gasto e de pagamento.

1. Poderanse subvencionar:

a) Os custos de persoal propio no tempo imputado exclusivamente ao desenvolvemento do Plan de innovación.

b) Os de persoal de nova contratación que se incorpore á entidade para a realización do plan.

2. No caso de persoal propio, cando a imputación ao plan non sexa do 100 %, na memoria que se achegue á solicitude deberán xustificarse os motivos da porcentaxe de imputación do tempo de dedicación ao plan. Non será suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, pertinencia e verificabilidade do tempo imputado.

O custo de persoal propio poderá ser, como máximo, o 50 % do custo subvencionable total do plan.

Só no caso de micropemes poderán subvencionarse os custos de persoal directivo e xerencial que realice actividades do plan de innovación cunha dedicación máxima do 30 %. Na memoria que se achegará coa solicitude xustificaranse detalladamente as funcións/tarefas concretas que desenvolverá este persoal nas diferentes actividades recollidas no plan. Estas funcións deberán ser compatibles co seu labor directivo ou xerencial.

3. No caso de persoal de nova contratación deberá dedicarse de xeito exclusivo cunha dedicación do 100 % ao Plan de innovación e non ter contrato laboral coa empresa ou empresa vinculada nos 6 meses anteriores á formalización do contrato.

4. Os custos de persoal non poderán superar os custos máximos anuais por grupo de cotización que se establecen no seguinte cadro:

Grupo de cotización

Titulación/categoría profesional

Total anual

(Soldo bruto1 + Seguridade Social a cargo da empresa)

1

Enxeñeiros/licenciados/persoal de alta dirección

45.000 €

2

Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados/diplomados

39.375 €

3

Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas)

31.500 €

4

Axudantes non titulados

25.875 €

5

Oficiais administrativos

25.875 €

6

Subalternos

25.875 €

7

Auxiliares administrativos

25.875 €

8

Oficiais de primeira e segunda

20.250 €

9

Resto de oficiais

20.250 €

10

Peóns

20.250 €

11

Traballadores menores de 18 anos

20.250 €

5. Só serán subvencionables aqueles gastos de persoal relacionados con actividades que a entidade non levaría a cabo se non realizase a operación subvencionada. Consideraranse custos de persoal subvencionables os custos brutos de emprego do persoal do beneficiario nos termos indicados na norma 6, número 2, da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

6. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos relacionados con aqueles traballadores que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolve o Plan de innovación.

b) Os gastos de persoal que non teña relación contractual laboral coa entidade beneficiaria da subvención, agás que se trate:

– De socios traballadores de cooperativas ou sociedades laborais.

– De socios da empresa con labor directivo e xerencial e coas limitacións establecidas no punto 2 deste artigo.

c) Os conceptos incluídos na retribución bruta do traballador que non garden relación coa actividade subvencionada.

d) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión do plan.

e) Os custos de viaxes, as indemnizacións ou axudas de custos.

f) Os custos de persoal directivo e xerencial que realice labores de I+D+i no caso de medianas empresas e de pequenas empresas que non teñan a categoría de micropemes.

7. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao Plan de innovación deberá ser motivada e xustificada, e será aprobada pola Axencia Galega de Innovación. En caso de producirse substitucións, ademais, a persoa substituta deberá cumprir as mesmas condicións de perfil e contratación que a persoa que causou baixa.

Artigo 9. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo III) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao día seguinte ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo III) a seguinte documentación

a) Memoria técnica do plan de innovación proposto, que incluirá a desagregación do seu orzamento, segundo o guión-modelo que se inclúe como anexo IV, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas. A non presentación da memoria técnica será causa de inadmisión da solicitude.

b) Copia do informe de benchmarking de innovación Innobench, que poderá obter no enlace http://www.zfv.es/innobench/ e que servirá de referencia para a avaliación da idoneidade do plan.

c) Para os efectos de determinar a condición de peme.

• Documentación xustificativa da declaración completa do imposto sobre sociedades do último exercicio pechado; Balance e conta de resultados do último exercicio pechado e informe de auditoría financeira, se procede. No caso de empresas de nova creación, previsión de balance e conta de resultados do primeiro ano de funcionamento.

• Documentación xustificativa para efectos de comprobación do número de empregados do solicitante, podendo ser esta, o informe do número medio anual de traballadores en situación de alta ou calquera outro documento acreditativo emitido pola Seguridade Social.

• No caso de pequenas e medianas empresas asociadas ou vinculadas no capital ou nos dereitos de voto por outra ou outras, en contía igual ou superior ao 25 por 100, deberase achegar a seguinte documentación das empresas que participen na solicitante: escritura de constitución debidamente rexistrada e as súas posteriores modificacións, acreditación do número de persoas que ocupa a empresa, o volume de negocios e/ou un balance xeral anual que permita clasificar á empresa como «pequena ou mediana»; así como as relaciones de asociación ou vinculación no capital ou nos dereitos de voto que, en contía igual ou superior ao 25 por 100, puideran existir entre a empresa solicitante e outras empresas, de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE.

Se estas empresas pola súa vez estivesen participadas por outras empresas ou participasen noutras, igualmente, deberase achegar de todas elas os documentos sinalados no parágrafo anterior.

No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral de Seguridade Social, se achegará documento acreditativo emitido pola Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.

d) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil, na que se especifique a data de constitución, o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE. Poderase substituír o dito certificado pola presentación das escrituras de constitución da empresa solicitante e as súas modificacións posteriores debidamente rexistradas.

e) No caso de ter concedida algunha axuda para proxectos de I+D+i, copia da resolución de concesións últimas tres anualidades.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esa consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas.

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axuda.

i) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións documentadas necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 3 do artigo 2 desta convocatoria, para considerar unha empresa en crise.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas praticaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administracion dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN848D, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 981 95 70 17, 981 54 10 79 e 981 95 73 93 da devandita axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal.

d) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

4. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo de dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos esixidos nesta convocatoria ou non se acompaña da documentación esixida, requirirase ao interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúna todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Selección.

5. Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán a disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

6. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes e estará composto por:

a) Un director de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Un xefe de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dous empregados públicos da Axencia Galega de Innovación, actuando un deles como secretario, con voz e sen voto.

2. A comisión realizará a selección de acordo co informe de avaliación realizado para cada solicitude conforme aos criterios de valoración establecidos no artigo seguinte.

Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente ata esgotar os créditos dispoñibles, quedando, de ser o caso, como suplentes aquelas para as cales non se dispón de crédito suficiente pero que acadaron unha puntuación igual ou superior a puntuación mínima indicada no punto 2 do artigo seguinte.

3. A Comisión de Selección emitirá un informe final no que figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un delas sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 18. Criterios de valoración

A avaliación de cada solicitude que reúna os requisitos esixidos nesta convocatoria será realizada por xestores/as técnicos/as da GAIN que poderán contar co apoio de persoal experto externo.

1. A valoración de cada plan de innovación, que reúna os requisitos esixidos nesta convocatoria, realizarase sobre un total de 100 puntos que se outorgarán atendendo aos obxectivos e aspectos técnicos e económico-financeiros do plan de innovación, así como a súa potencialidade para xerar valor económico, segundo os seguintes criterios de valoración:

A. Mellora da capacidade innovadora da empresa (máximo 40 puntos). Neste punto avaliarase o plan de innovación presentado desde a perspectiva do grao no que aumenta o desempeño innovador da empresa, así como a idoneidade das actividades incluídas neste, de acordo cos seguintes subcriterios:

A.1. Obxectivos e impacto do plan de innovación (máximo 15 puntos): grao de incremento, desde a situación actual da empresa ata o exercicio seguinte ao da finalización do plan, dos indicadores de medición incluídos no índice sintético de innovación (Innobench), tales como gasto en I+D+i, esforzo en I+D interna, compromiso orzamentario privado, persoal dedicado a I+D+i e cooperación en I+D+i,

A.2. Viabilidade técnica e metodoloxía do plan de innovación (máximo 25 puntos):

a. Adecuación das actividades descritas no plan de innovación aos obxectivos formulados; diversificación de actividades e inclusión de tecnoloxías facilitadoras (TFE) (máximo 15 puntos)

b. Adecuación do equipo humano dedicado ao plan de innovación: ata 5 puntos.

c. Adecuación económico-financeira do plan; xustificación da necesidade e adecuación das distintas partidas nas que se distribúe o orzamento do plan: ata 5 puntos.

B. Mellora da competitividade da empresa a través da innovación (máximo 30 puntos). Neste apartado avaliarase o perfil inicial da empresa e como aumentará a súa competitividade grazas ás actividades de innovación incluídas no plan, de acordo cos seguintes subcriterios:

B.1. Perfil da empresa (máximo 20 puntos):

a. Microempresa: +5 puntos.

b. Iniciativa empresarial emprendedora: +5 puntos.

c. Empresa que non obtivese axudas á I+D+i nos últimos 3 anos: +5 puntos.

d. Empresa que non obtivese desgravacións fiscais por actividades de I+D+i nos últimos 3 anos: +5 puntos.

As puntuacións neste punto son acumulables entre si.

B.2 Implementación de novos produtos ou servizos innovadores e apertura de novos mercados (máximo 5 puntos).

B.3. Internacionalización dos resultados do plan de innovación (máximo 5 puntos).

C. Impacto socioeconómico do plan de innovación (máximo 30 puntos). Neste punto avaliaranse os beneficios da implementación do plan de innovación desde a perspectiva da sociedade e o ecosistema de innovación da nosa comunidade autónoma:

C.1. Impacto nos retos e prioridades da RIS3 para Galicia (máximo 3 puntos).

C.2. Colaboración con organismos de investigación públicos e privados ou empresas provedoras de servizos tecnolóxicos avanzados (máximo 15 puntos):

Outorgaranse 7,5 puntos por cada colaboración que se realice ao abeiro do plan de innovación cun organismo de investigación con sede en Galicia, cun organismo científico con recoñecemento internacional ou cunha empresa provedora de tecnoloxías facilitadoras (TFE) das enumeradas no anexo se a colaboración se formaliza a través, ben dun servizo de apoio/asesoramento á innovación ben dunha subcontratación, que deberá ter contido económico por un importe mínimo de 10.000 €.

En todo caso, a formalización da colaboración será a través dun documento de compromiso ou contrato, que poderá condicionarse a resultar beneficiaria da subvención, e deberá recoller, como mínimo, os seguintes aspectos: obxectivos da colaboración, descrición das actividades, data inicio e duración total, orzamento total e desagregación por anualidades.

A obtención da puntuación correspondente a esta colaboración, estará condicionada a presentación do dito documento de compromiso ou contrato da colaboración xunto coa solicitude.

C.3. Impacto sociolaboral e xeración de emprego (máximo 12 puntos). Puntuarase o número e características do persoal de nova contratación a tempo completo adscrito ao plan de innovación, así como dispoñer dun plan de igualdade, de acordo co seguinte:

a) Número e características do persoal de nova contratación a tempo completo adscrito ao plan de innovación (máximo 10 puntos)

– Por cada nova contratación dunha persoa co perfil muller: +5 puntos.

– Por cada nova contratación dunha persoa cunha discapacidade certificada superior ao 33 %: +5 puntos.

– Por cada nova contratación dunha persoa cun perfil diferente dos anteriores: +3 puntos.

– Por cada nova contratación con carácter indefinido: +5 puntos.

As puntuacións neste apartado son acumulables entre si.

Para obter a puntuación deste punto C.3.a) será necesario que a nova contratación cumpra os seguintes requisitos:

1. A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada adscrita ao plan deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 19.000 €.

2. Para os efectos do disposto nesta convocatoria, consideraranse grupos de cotización correspondentes á titulación do persoal contratado os que se correspondan coa seguinte táboa:

Titulación

Grupo/s de cotización á Seguridade Social

Título superior universitario (licenciado universitario, arquitecto, enxeñeiro ou grao)

1 ou 2

Título medio universitario (graduado, diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou grao)

1 ou 2

Título de formación profesional de grado superior ou equivalente

3 ou 5

b) Dispoñer de plan de igualdade: +1 punto.

c) Investigación e innovación responsable (IIR): +1 punto.

Pola adecuación argumentada do aliñamento da estratexia corporativa do axente solicitante así como a contribución e impacto socioeconómico máis aló do científico-técnico do plan de innovación financiado nos seguintes criterios:

1. Gobernanza: en que medida a estratexia corporativa do solicitante e a I+D realizada no marco do apoio recibido pola convocatoria posúe unha gobernanza que facilite os procesos de co-creación entre diversos axentes, cunha metodoloxía robusta e adaptable para o desenvolvemento da investigación e innovación, se aliña con boas prácticas existentes en innovación e investigación, asegura compartir responsabilidades entre todos os actores involucrados ou proporciona instrumentos de gobernanza que fomenten a responsabilidade compartida.

2. Acceso aberto: en que medida a estratexia corporativa do solicitante e a I+D realizada no marco do apoio recibido pola convocatoria fomenta a accesibilidade libre á información científica ou técnica resultante ou como mellora a calidade da innovación científica e facilitar a innovación rápida, as colaboracións construtivas entre distintos colaboradores e o diálogo produtivo coa sociedade.

3. Igualdade de xénero: en que medida a estratexia corporativa do solicitante e a I+D realizada no marco do apoio recibido pola convocatoria promove equipos con equilibrio de xénero, garante a igualdade nos órganos de toma de decisións, e ten en conta a dimensión do xénero en investigación innovación para mellorar a calidade e a pertinencia social dos resultados.

4. Compromiso coa cidadanía: en que medida a estratexia corporativa do solicitante e a I+D realizada no marco do apoio recibido pola convocatoria impacta sobre a calidade de vida das persoas ou fomenta os procesos de investigación e innovación.

5. Educación científica: en que medida a estratexia corporativa do solicitante e a I+D realizada no marco do apoio recibido pola convocatoria mellora a difusión á sociedade da innovación e o proceso educativo actual para dotar mellor ós cidadáns das competencias e coñecementos necesarios para que poidan aumentar o coñecemento.

6. Ética da investigación: en que medida a estratexia corporativa do solicitante e a I+D realizada no marco do apoio recibido pola convocatoria contribúe á integridade da investigación e á innovación, previndo prácticas inaceptables e como contribúe a mellorar a aceptación ética dos desenvolvementos científicos e tecnolóxicos.

2. Será requisito necesario para ser subvencionado acadar un mínimo de 55 puntos.

3. No caso de empate nas puntuacións, como criterio de desempate terán preferencia as empresas que dispoñan dun plan de igualdade dos previstos no capítulo I do título III do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

No caso de persistir o empate, terase en conta a puntuación obtida do criterio de valoración establecido en primeiro lugar, e así sucesivamente.

Artigo 19. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Selección á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos, e para cada procedemento:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade e a desagregación do dito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento no que deberán figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. A aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección General de Fondos Comunitarios del Ministerio de Hacienda, co contido previsto no punto 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do regulamento (UE) nº 1303/2013 https://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/esES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

6. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor no que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

8. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión debendo obter autorización da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios no plan.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que tivesen sido determinantes para a concesión da axuda, a determinación do beneficiario, nin dan dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe formularse polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos no que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, notificándoselle ao interesado.

Artigo 22. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto no artigo 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 23. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose aos modelos publicados na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigos 21.1 da dita norma.

Artigo 24. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión ou documento no que se establecen as condicións de axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases de convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicar á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Desenvolver as actividades do plan de innovación na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobados que estean suxeitas á previa autorización. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

i) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento con Fondos Estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web da empresa e mantela actualizada. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación» así como cofinanciado no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Así mesmo deberá informarse que foi apoiado pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán a disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

k) Realizar un evento de difusión á finalización do plan de innovación, para expoñer os resultados e logros acadados non suxeitos a confidencialidade. Este evento realizarase como máximo 6 meses despois da finalización do plan de innovación. No evento poñerase de manifesto o apoio do Feder e da Axencia Galega de Innovación ao plan de innovación.

l) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, apartado 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo que dá apoio á operación e ao lema «Unha maneira de facer Europa».

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do plan de innovación facendo unha breve descrición na web da empresa, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión.

3. Colocar, nun lugar ben visible para o público, por exemplo á entrada das dependencias da empresa un cartel informativo de tamaño mínimo A3. O cartel indicará o nome e o obxectivo principal da operación. Elaborarase de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

4. No caso de persoal de nova contratación para a empresa, a mención expresa no contrato ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.1) e a presente convocatoria.

Para o resto de persoal dedicado ás actividades do plan, a empresa deberá comunicar por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.1) e incluirá unha mención expresa a presente convocatoria e a porcentaxe de imputación do seu tempo ás actividades do plan.

m) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro desta resolución; e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación (artigos 125.4.d e 140.1 do Regulamento 1303/2013.

n) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de innovación, durante a execución e á finalización da axuda (ex-post), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+I e os de produtividade do plan de innovación.

ñ) Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia para o cal será convocado expresamente con antelación. Á dita xornada deberá acudir como mínimo unha persoa pertencente ao cadro de persoal do beneficiario vinculada ás tarefas de innovación.

o) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. A xustificación deberá facerse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Prazos de xustificación:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade: desde a data de presentación da solicitude ata o 30 de novembro de 2021.

Segunda anualidade: desde o 1 de decembro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022.

Prazos de presentación da documentación:

Primeira anualidade: ata o 10 de decembro de 2021.

Segunda anualidade: ata o 30 de outubro de 2022.

3. Documentación xustificativa: debe presentarse a documentación económica xustificativa do custo das actividades e a documentación técnica.

As instrucións detalladas e os formularios correspondentes para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación, (http://gain.xunta.gal) sendo preciso presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a estrutura establecida nas instrucións.

4. Sen prexuízo da documentación indicada nos artigos seguintes, poderá requirirse que se achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Se transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a empresa non presenta a documentación pertinente segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación requirirao para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a esixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Documentación xustificativa económica

1. A empresa beneficiaria deberá presentar un resumo global de execución para a totalidade do plan de innovación na que conste:

a) Solicitude, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), no que constarán as seguintes declaracións responsables:

1ª. Conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e tamén aquelas, solicitadas ou concedidas, para os mesmos custos aínda que a finalidade fose diferente, de todas as administracións públicas. De ser o caso, deberá achegarse unha copia simple da resolución de concesión desas outras axudas.

2ª. Un resumo da execución do plan de innovación no que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gastos.

3ª. A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) Documentación xustificativa do gasto: os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

c) Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con orixinais ou copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase dunha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao plan, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentospor caixa ou en efectivo.

d) Certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE, só para os casos de que o IVE non sexa recuperable.

e) Para a xustificación de custo de persoal, deberá achegarse:

1º. Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace representante legal da empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado as actividades do plan, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao organismo de investigación/empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social) segundo a dedicación de cada traballador ás actividades do plan.

2º. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao plan de innovación subvencionado asinadas por cada traballador/a e a persoa responsable da entidade. Estas follas acompañaranse dun resumo onde conste o número total de horas efectivamente dedicadas ao programa no período subvencionable (total de meses e de traballadores).

3º. Xustificación da comunicación por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

4º. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades do plan, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración quedando as entidades obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo de dous meses desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

5º. Copias das das nóminas do persoal dedicado ás actividades do plan de innovación e copias dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

6º. Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo de dous meses desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

7º. Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores.

8º. No caso de persoal de nova contratación deberá achegarse copia do contrato de traballo en que poida verificarse a contratación para o desenvolvemento de actividades do plan.

9º. Se é o caso, certificado acreditativo do grao de discapacidade do persoal contratado.

f) De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 euros, no suposto de subministración de bens de equipo e servizos por empresas de consultaría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso da prestación de servizo ou entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) No caso de equipos e material instrumental, declaración asinada polo representante legal da empresa na que se detalle:

1º. Que o equipamento e material instrumental imputado á subvención non foi adquirido con fondos ou axudas públicas.

2º. De ser o caso, o cadro de amortización de cada equipo calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso esta documentación deberá acompañarse dos estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da empresa.

h) No caso de subcontratacións deberá achegarse a seguinte documentación:

1º. Copia da factura emitida pola entidade subcontratada na que se especifique claramente o título e contido das actividades do plan de innovación financiadas.

2º. Xustificantes de pagamento da factura/s da subcontratación.

3º. Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades no plan.

2. Non obstante o disposto neste artigo, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración Xeral da Comunidade Autónoma en relación á organización da emisión das copias electrónicas.

Artigo 27. Documentación xustificativa técnica

1. A documentación xustificativa técnica das actividades desenvolvidas constará de:

a) Informe técnico normalizado no que constarán as actividades realizadas, as melloras producidas e os obxectivos acadados en relación ao impacto do plan de innovación subvencionado no incremento do desempeño innovador da empresa.

b) Memoria sobre a evolución do plan, na que deberá incluírse a xustificación do cumprimento das normas de publicidade do artigo 25, letra l), a través de:

1º. Fotografía/s do cartel colocado nun lugar visible das dependencias na empresa.

2º. Enlace á páxina web da empresa.

3º. Probas gráficas das medidas de información e comunicación realizadas.

As instrucións detalladas sobre as características e colocación do cartel ou placa estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

c) Copia do informe de benchmarking de innovación Innobench, que poderá obter no enlace http://www.zfv.es/innobench/ actualizado á data de finalización do plan de innovación.

2. Sen prexuízo da documentación anteriormente indicada, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 28. Pagamento

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia e nesta convocatoria.

2. Pagamentos anticipados.

a) Anualidade 2021: poderá solicitarse o anticipo do ata o 50 % do importe concedido para esta anualidade previa solicitude expresa para o efecto.

A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá presentar a solicitude, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e na que se incluirá unha declaración responsable de ter iniciado as actividades do plan, así como do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte á publicación da resolución de concesión.

b) Anualidade 2022: poderá anticiparse como máximo ata o 50 % do importe da subvención concedida esta anualidade sempre que, conxuntamente cos pagamentos anticipados e á conta realizados ata ese momento, non se supere o 80 % da porcentaxe subvencionada conforme o punto 4 deste artigo.

No caso de que a xustificación da anualidade anterior sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe desta anualidade.

A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá presentar a solicitude, no modelo indicado anteriormente, no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao pagamento da anualidade 2021.

A concesión dos pagamentos anticipados realizarase mediante resolución motivada, de acordo co artigo 63.1.Dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Pagamentos parciais á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución das actividades obxecto da axuda.

4. O importe conxunto dos pagamentos parciais, á conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

5. No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co disposto no 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia Galega de Innovación, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, con carácter previo ao pagamento final da subvención, será obrigatoria unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación, para comprobar a realización das actividades desenvolvidas no plan de innovación, tendo como referencia as previsións da entidade beneficiaria valoradas no artigo 19 desta resolución.

No caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

A comprobación dará lugar a un informe técnico positivo ou negativo. O segundo caso suporá, de acordo co disposto no artigo seguinte, unha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre e cando o incumprimento non supere o 40 %, suposto no que procederá o reintegro total.

Artigo 29. Gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante o tempo de duración do plan. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. Serán causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou da finalidade para o que a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigacións impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obrigación de adoptar as medidas de difusión e publicidade contidas no artigo 24 desta resolución.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade ou do emprego.

g) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

h) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación nos termos e condicións establecidos no artigo 24.n) desta resolución.

i) Non asistir á xornada formativa que impartirá a Axencia Galega de Innovación nos termos e condicións establecidos no artigo 24.ñ) desta resolución.

k) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En todo caso, serán causas de incumprimento total:

• Non xustificar a execución dun orzamento para o plan de innovación dun mínimo de 70.000 €

• A obtención dun informe final negativo que estableza unha porcentaxe de incumprimento superior ao 40 %, de acordo co disposto no artigo 29.6 desta resolución.

4. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

b) Se se tivesen incumprido as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do plan de innovación dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dunha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre que se acade a porcentaxe mínima para non dar lugar ao reintegro total.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas, suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non darlle publicidade ao financiamento do plan de innovación segundo a normativa comunitaria de conformidade co artigo 24 desta resolución, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

e) Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida, sen prexuízo do reintegro total no caso de non cumprirse os límites establecidos no artigo 22.

f) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

g) Non respectar o mantemento do emprego por un período de 2 anos para as contratacións indefinidas realizadas ao abeiro do plan de innovación será causa de reintegro de ata o 1 % da subvención concedida por cada mes completo que reste para completar o dito período de 2 anos. Este reintegro só procederá naqueles casos nos que a baixa do traballadores non teña carácter de voluntario.

h) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 2 % do incentivo.

i) Non adoptar as medidas de difusión e publicidade contidas no artigo 24 desta resolución será causa de reintegro de ata o 2 % do incentivo.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc...), estas deberán xustificarse, en todo caso, para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores o pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas mesmas, aplicando á minoración conxunta correspondente.

5. Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

6. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades do plan, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión do programa operativo Feder, así como ás verificacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 31. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do cofinanciamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

Supletoriamente seralles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais disposicións que resulten de aplicación.

Artigo 32. Integración do Programa InnovaPeme coas restantes iniciativas da Xunta de Galicia en materia de innovación

Como complemento ás axudas previstas nesta convocatoria, as empresas que implementen un plan de innovación poderán:

– Solicitar posteriormente acompañamento financeiro a través dos fondos de capital risco vinculados á innovación xestionados por XesGalicia Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado, S.A.U., ou a través dos instrumentos financieros innovadores (IFI INNOVA) xestionados polo Instituto Galego de Promoción Económica.

– Solicitar os servizos de análise do potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico para as pemes galegas do programa Re-Acciona xestionado polo Instituto Galego de Promoción Económica, en especial, aqueles vinculados á innovación que non estivesen cubertos por estas axudas.

Disposición adicional primeira. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-efondos/periodocomunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Catálogo de actividades subvencionables

Concepto xeral:

Desenvolvemento de actividades que permitan incrementar a capacidade innovadora das empresas, introducindo innovacións significativas que melloren a eficiencia produtiva e das que se deriven vantaxes competitivas.

As actividades definidas no plan de innovación deben incluír accións nalgún dos eidos de actividade descritos nesta convocatoria: actividades de innovación, actividades en materia de procesos e de organización.

1. Auditoría/consultaría en produto/servizo. Análise da carteira de produtos/servizos dirixidos a actividades de innovación.

2. Estudos de viabilidade técnica, económica e/ou de mercado previos ao desenvolvemento de produto/servizo; estudos de satisfacción e detección de necesidades dos mercados

3. Protección da propiedade industrial:

a. Elaboración de estudos do estado da arte previos á xestión da propiedade industrial, á solicitude de patentes, modelos de utilidade e outras licenzas; vixilancia e prospectiva tecnolóxica.

b. Xestión da solicitude de patentes, modelos de utilidade, e outras licenzas.

4. Asesoramento para a transferencia de tecnoloxía.

5. Obtención de certificacións oficiais vinculadas coa capacidade innovadora como, de xeito indicativo, a especificación EA0047 «Requisitos para a consideración como Pequena ou Mediana Empresa innovadora», EA0043 «Requisitos da Xove Empresa Innovadora. XEI» e as incluídas na serie de Normas UNE 166000 dedicadas a apoiar a optimización da «Xestión da I+D+i».

6. Asesoramento para a xestión de proxectos colaborativos de I+D+i.

7. Asesoramento para o acceso ao financiamento da innovación a través de instrumentos financeiros ou fondos de capital risco.

8. Asesoramento ou servizos relacionados co posicionamento, márketing ou comercialización de produtos e servizos innovadores.

9. Deseño e desenvolvemento de novos procesos produtivos e organización da produción.

10. Implantación de ferramentas de Lean Productivity, Lean Manufacturing ou similares.

11. Incorporación de tecnoloxías facilitadoras (TFE):

a. Tecnoloxías que conecten o mundo físico co dixital:

• Realidade aumentada e impresión en 3D.

• Automatización avanzada e robótica.

• Internet das cousas.

• Sistemas intelixentes embebidos.

b. Tecnoloxías que permitan a comunicación e o tratamento dos datos:

• Cloud-computing.

• Ciberseguridadec. Tecnoloxías que faciliten a xestión intelixente das operacións, así como o traballo colaborativo con outras empresas:

• Big data.

• Intelixencia de negocio.

• Desenvolvemento de plataformas de traballo colaborativo e de integración en liña das cadeas de valor de provedores e outras empresas.

13. Implementación de novos métodos organizacionais no negocio, na organización do traballo e/ou nas relacións cara ao exterior:

• Definición e introdución de novas iniciativas de innovación que supoñan cambios na xestión interna da empresa e propicien a súa participación en redes empresariais,

• Establecemento de relacións de cooperación e innovación aberta,

• Redefinición das estratexias de comercialización e relación con clientes e provedores ou

• Apertura de novos mercados.

14. Creación de departamentos/unidades de I+D+i:

• Creación e ampliación da capacidade tecnolóxica estable dentro das empresas mediante a contratación de persoal especializado.

• Creación de estruturas de investigación e innovación de dimensión apropiada para a xeración de desenvolvemento tecnolóxico e non asociadas á actividade produtiva.

ANEXO II

Retos, prioridades e obxectivos da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia)

Reto 1. Xestión innovadora de recursos naturais e culturais.

Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Prioridades asociadas:

1.1. Valorización dos subprodutos e residuos xerados polas cadeas de produción vinculadas ao mar mediante a súa utilización como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios, aplicacións farmacolóxicas, para conseguir unha diminución significativa nos residuos xerados e acadar un posicionamento nos mercados de produtos innovadores con alto valor engadido (Valorización-Mar).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor dos seguintes obxectivos específicos:

– Loxística da concentración, recollida e transporte de subprodutos e residuos ligados a actividades dos sectores primarios vinculados ao mar.

– Aplicación de residuos e subprodutos na produción de biocombustibles.

– Novas aplicacións para a valorización destes residuos (como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios e aplicacións farmacolóxicas, etc.) a partir de subprodutos e descartes da actividade pesqueira.

– Novas actividades e modelos de negocio de servizos relacionadas con estas novas aplicacións.

– Mellora significativa en un contexto global da produción ou comercialización de bens ou servizos asociados aos usos actuais dos residuos e subprodutos ligados ás actividades do sector primario.

– Mellora da capacidade de absorción de coñecemento nas empresas, en particular das pemes, orientado ao desenvolvemento endóxeno e colaborativo das actividades de innovación recollidas nesta epígrafe.

– Calquera outra que mellore a competitividade do sector e fomente a creación de emprego.

1.2. Desenvolvemento do sector acuícola galego para converter a rexión en referente internacional na xeración de novos produtos e servizos de base tecnolóxica aplicados á acuicultura (acuicultura).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Potenciar a diversificación con actuacións nos seguintes eidos: biodiversidade, sistemas produtivos (instalación de tecnoloxías de cultivo) e comercialización (produtos e presentacións).

– Reforzamento da capacidade de absorción de coñecemento das estruturas produtivas para emprego da biotecnoloxía como vector para acadar unha maior eficiencia produtiva e enerxética nas distintas fases dos cultivos; na optimización do uso da auga e xestión dos residuos da produción, na alimentación e na loita contra as patoloxías.

– Mellora da comercialización e rastrexabilidade. Co apoio de ferramentas TIC potenciar a imaxe de marca e incrementar o valor engadido achegando información da calidade alimentaria, rastrexabilidade de produto, das garantías hixiénico-sanitarias e, en definitiva, da seguridade alimentaria dos produtos procedentes da acuicultura.

– Calquera outra iniciativa que contribúa á mellora da competitividade do sector e fomente a creación de emprego estable e de calidade.

Modernización dos sectores.

1.3. Diversificación do sector enerxético galego para acadar un melloramento significativo da eficiencia no aproveitamento de recursos naturais galegos priorizando a biomasa e a enerxía mariña (biomasa e enerxías mariñas).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se promovesen neste eido iniciativas de investigación, desenvolvemento e innovación en equipamentos, técnicas e tecnoloxías tanto de explotación e aproveitamento da biomasa como da propia produción de combustibles, entre as cales se poden salientar:

– Técnicas de explotación e aproveitamento forestal, innovando na maquinaria de recollida e tratamento de biomasa.

– Procesos asociados á fabricación e loxística de distribución de combustibles.

– Caldeiras de alta eficiencia e policombustibles.

– Gasificación de biomasa.

– Microcoxeración con biomasa.

– Calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade do sector e xerar emprego.

Por outra banda, Galicia presenta unhas condicións naturais excelentes para a explotación das enerxías procedentes do mar, e conta cun tecido industrial forte en tecnoloxías navais que podería atopar neste eido unha senda de diversificación cara a un novo nicho de mercado.

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se apoiará o desenvolvemento de tecnoloxías asociadas ao aproveitamento enerxético do medio mariño (concretamente a enerxía das ondas ou undimotriz, a das correntes mariñas e a eólica off-shore) o que permitirá aproveitar as sinerxías de coñecemento e capacitación doutros sectores galegos, como o naval e o eléctrico, para a súa exportación a aqueles países onde o aproveitamento enerxético é unha oportunidade de negocio e calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade e xerar emprego.

1.4. Modernización dos sectores primarios galegos (agricultura, pesca, gandaría e forestal) cara á mellora sustentable dos indicadores de eficiencia e rendibilidade das explotacións e á xeración de produtos e servizos innovadores (modernización de sectores primarios).

As áreas de mellora relacionadas con esta prioridade deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse principalmente arredor de innovacións para optimizar o uso dos recursos (fertilizantes, concentrados, fitosanitarios, auga, enerxía, xenética ou poboación mariña), ampliar a base territorial das explotacións, mellorar a súa xestión económica, crear novos produtos e canles de comercialización, reducir e controlar os riscos ambientais e mellorar a eficiencia enerxética, avanzar na loita integrada de pragas e no control de enfermidades; reducir a contaminación das augas e do aire polos gases de efecto invernadoiro e protección e explotación sustentable de recursos hídricos (rías e continentais). Así mesmo, de forma transversal, realizaranse actuacións de conservación, reposición e restauración do ambiente e o equilibrio territorial, que contribúan á mellora, valorización e modernización dos recursos naturais e dos seus aproveitamentos.

1.5. Modernización do sector turismo e das industrias culturais galegas a través do uso intensivo das TIC para acadar un sector turístico competitivo a nivel europeo baseado no turismo cultural e nos recursos naturais (TIC-Turismo).

Para acadar este obxectivo, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Dotar de contidos innovadores mediante a aplicación das TIC e o fomento das ICC en todos os recursos dispoñibles na nosa comunidade: patrimonio, cultura, gastronomía, natureza, etc., respondendo así a unha demanda cada vez máis exixente e especializada.

– Fomentaranse iniciativas que desde o ámbito da tecnoloxía e da creatividade permitan xerar novos produtos turísticos e novas actividades económicas de dimensión internacional, xogando as administracións un papel de facilitador e provedor de contornos adecuados para este desenvolvemento por parte das empresas.

– Aumentar as canles de comercialización e a competencia apostando pola venda directa sen intermediarios turísticos e eliminando trabas á libre competencia.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego no sector turístico galego.

Reto 2. O modelo industrial da Galicia do futuro.

Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e das tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Prioridades asociadas:

2.1. Diversificación en sectores tractores galegos e os seus sectores auxiliares a través dun uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras (TFE), orientado ao fornecemento de novos procesos e produtos de alto valor engadido que permitan explorar novos mercados baseados na hibridación, no coñecemento e na tecnoloxía (diversificación dos sectores tractores).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor de catro grandes áreas de actuación:

– Desenvolvemento de estratexias baseadas na diferenciación mediante o deseño e a innovación de produto incorporando o uso de materiais intelixentes aplicados á industria do transporte ou ao sector téxtil.

– Diversificación de industrias tradicionais vinculadas tradicionalmente a sectores tractores, como é o caso do sector do metal galego moi ligado ao naval e á automoción, cara a actividades de alta tecnoloxía, por exemplo, como provedores do sector aeronáutico e aeroespacial.

– Desenvolvemento de dinámicas de innovación colaborativas empresa-investigación-Administración, potenciando a capacidade de proxección tecnolóxica e comercialización a nivel internacional, por exemplo, nos eidos vinculados coas necesidades chave da Administración pública.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de incrementar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores tractores galegos.

2.2. Potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos baixo o concepto de «Fábrica do futuro» e a través da eco-innovación para a mellora da eficiencia e do comportamento medioambiental na industria (competitividade do sector industrial).

Para iso, defínense como obxectivos específicos:

– Tecnoloxías de proceso: a fábrica do futuro. Potenciar a innovación en tecnoloxías relacionadas coa simulación nos procesos produtivos dos sectores industriais galegos para facelos máis eficientes e mellorar a súa produtividade como garante de competitividade a nivel internacional.

– Tecnoloxías limpas: eco-innovación. É indubidable a importancia que os procesos industriais produtivos teñen na nosa sociedade e as implicacións de carácter ambiental que estes entrañan, por isto un dos obxectivos desta prioridade é apoiar a transformación dos modelos produtivos cara a unha produción máis eco-innovadora e eficiente orientada á optimización de procesos e á xeración de produtos baseados en coñecemento respectuosos co ambiente.

– E, en xeral, calquera outra medida susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores industriais galegos.

2.3. Impulso das TIC como sector tractor da economía do coñecemento en Galicia, o mesmo que outras tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE) (Economía do coñecemento: [TIC e TFE]).

Nesta prioridade deberán implicarse todos os axentes do ecosistema de innovación rexionais para a consolidación eficiente dun sector tecnolóxico auxiliar cunha dobre perspectiva:

– Impulso dun sector competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento.

– Fortalecemento dun sector tecnolóxico integrador que actúe non só como provedor auxiliar aos sectores estratéxicos de Galicia, senón tamén como elemento tractor debido a súa compoñente transversal.

Reto 3. Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.

Situar a Galicia, para o ano 2021, como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento, relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e nutrición funcional.

Prioridades asociadas:

3.1. Galicia como rexión líder no sur de Europa na aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e a vida saudable e na promoción da autonomía persoal (envellecemento activo).

As actividades principais vinculadas a esta prioridade centraranse en:

– Reforzar as áreas de xeración de coñecemento relacionadas con esta prioridade nas cales Galicia acredita unha capacidade competitiva internacional.

– Propiciar un ambiente adecuado para o florecemento de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica capaces de valorizar o coñecemento xerado en Galicia atendendo ás demandas tecnolóxicas do ecosistema sociosanitario.

– Consolidar o desenvolvemento e a comercialización de novos produtos ou servizos no ámbito das TIC vinculados ao envellecemento activo e á vida saudable.

– Apoiar o desenvolvemento e a introdución nos mercados de novos produtos ou servizos biotecnolóxicos de alto valor engadido dirixidos, sobre todo, á industria farmacéutica e biotecnolóxica.

– Apoiar o desenvolvemento e a comercialización de novos produtos intensivos en coñecemento baseados na valorización do potencial do termalismo e das actividades deportivas para usos terapéuticos e promoción da autonomía persoal.

– Potenciar calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade, asociado ás actividades económicas comprendidas nesta prioridade, a través dun uso intensivo do coñecemento e a tecnoloxía.

3.2. Diversificación do sector alimentario galego para situalo como referente internacional arredor da innovación en nutrición, como elemento chave para unha vida saudable (Alimentación e nutrición).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor das seguintes grandes áreas de actuación:

– Apoio á xeración de valor engadido a través da consolidación dunha estrutura produtiva e de investigación artellada arredor da nutrición, dos alimentos funcionais, nutracéuticos, da alimentación adaptada para etapas e condicións da vida como a terceira idade ou a obesidade, alimentación saudable para patoloxías específicas como a diabetes, a hipertensión e en xeral dos hábitos de vida saudable vinculados á alimentación.

– Apoio tamén á mellora de procesos de produción, apoiado no uso das TIC que permitan o seguimento integral da cadea produtiva-extractiva (rastrexabilidade), para garantir a seguridade e calidade dos produtos e a confianza do consumidor.

– Apoio ao desenvolvemento de proxectos de colaboración público-privada en Galicia, fomentado o cambio nun sector tradicional con potencial innovador non explotado e aproveitando a sólida base académica e institucional.

– Potenciarase calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade neste sector tan relevante na nosa comunidade.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file