Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 5 de maio de 2021 Páx. 22746

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 22 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN848D). Programa InnovaPeme.

BDNS (Identif.): 561156.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda.

2. Non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:

a) As microempresas, pequenas e medianas empresas que xa resultasen beneficiarias do Programa InnovaPeme nas resolucións de concesión do ano 2017 (Resolución do 11 de novembro de 2017; DOG núm. 232), do ano 2019 (Resolución do 29 de xullo de 2019; DOG núm. 153) e do ano 2020 (Resolución do 15 de setembro de 2020; DOG núm. 196).

b) As microempresas, pequenas e medianas empresas, que no momento da publicación desta resolución, inclúan como rúbricas exclusivas da Clasificación nacional de actividades económicas-CNAE-2009 algunha das seguintes:

• Sección J: información e comunicacións: quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: Telecomunicacións; 62: Programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática; e 63: Servizos de información.

c) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

d) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración na que se integren.

e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

f) As microempresas, pequenas e medianas empresas en crise conforme a definición contida no artigo 2. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que na data do 31 de decembro de 2019, non incorren en ningunha das circustancias enumeradas no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar a unha empresa en crise.

g) As microempresas, pequenas e medianas empresas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente, tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

h) As microempresas, pequenas e medianas empresas nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas, destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de innovación que lles permitan o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos procesos de innovación da empresa, e estean aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2021 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN848D), axustándose ás axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 2.800.000,00 euros, 1.050.000,00 € con cargo ao ano 2021 e 1.750.000,00 € con cargo ao ano 2022.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación