Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 6 de maio de 2021 Páx. 22894

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2021 pola que se convocan cursos para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma e da Administración local de Galicia no eido social.

De acordo co convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Federación de Empregados e Empregadas dos Servizos Públicos de Galicia (en adiante, FeSP-UGT Galicia) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar os cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma e da Administración local de Galicia que se encontre en situación de servizo activo (incluído o permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 14 de maio de 2021.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>, desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc), de acordo cos criterios de selección, poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 63 35, en horario de atención ao publico (das 9.00 ás 14.00 horas), e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección das actividades formativas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, o tipo de persoal e a antigüidade na Administración.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

Quinta. Criterios de selección

Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2021, segundo a Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 29 de xaneiro (DOG núm. 24, do 5 de febreiro), comezarase pola letra Y.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. O seguimento das actividades formativas

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades formativas:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación é necesario cumprir os seguintes requisitos na súa totalidade:

– A realización adecuada de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar na proba de avaliación final.

– A superación dunha proba de avaliación que se realizará ao final da actividade.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas en que estas terán lugar. Nestas actividades, as probas de avaliación finais serán en liña. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e FeSP-UGT Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e FeSP-UGT Galicia reservan para si o dereito a suspender ou cancelar as actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e FeSP-UGT Galicia garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV21027.

Área de coñecemento: Consellería de Política Social.

Nome do curso: Intervención sociolaboral con colectivos en risco de exclusión social.

1. Obxectivos.

– Analizar o desemprego e as súas consecuencias para as persoas e os grupos máis desfavorecidos.

– Identificar os factores que limitan o acceso ao emprego: baixa cualificación, pertenza ao xénero feminino, a determinados grupos de idade, a minorías étnicas, etc.

– Coñecer as bases que fundamentan unha intervención orientadora profesional.

– Desenvolver estratexias de intervención para a procura e o mantemento do emprego e o desenvolvemento profesional.

2. Destinatarios/as.

Persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma e da Administración local de Galicia.

Terán preferencia os/as axentes de emprego ou desenvolvemento local, orientadores/as laborais, traballadores/as sociais e mediadores/as e o persoal dos equipos de inclusión sociolaboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 horas.

Edicións: unha.

Datas: do 8 de outubro a 12 de novembro de 2021.

Proba final en liña: 17 de novembro de 2021.

4. Contido.

Módulo 1. O proceso de exclusión/inclusión social (5 horas).

Módulo 2. A inserción sociolaboral: Marco regulador e recursos identificados (7 horas).

Módulo 3. Diversidade e exclusión social e laboral. Papel da orientación profesional. Factores e grupos máis vulnerables (7 horas).

Módulo 4. Orientación profesional e formación (6 horas).

Módulo 5. Bases da intervención orientadora. Fases e accións que configuran un itinerario de inserción sociolaboral (5 horas).

Código: CV21028.

Área de coñecemento: Consellería de Política Social.

Nome do curso: Permisos de corresponsabilidade nos coidados familiares para a igualdade.

1. Obxectivos.

Visibilizar a necesidade dunha repartición equilibrada dos coidados e tarefas no ámbito da vida persoal, familiar e laboral, e fomentar a corresponsabilidade nas traballadoras e traballadores da Administración pública de Galicia.

Con este curso preténdese que o alumnado se conciencie de que a sociedade debe camiñar cara a un equilibrio na repartición das tarefas, decisións e responsabilidades, así como cara á unha distribución igualitaria de recursos, tempos, oportunidades e dereitos, para acadar unha mellor conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Con esta acción preténdese ademais sensibilizar as persoas da necesidade de colaborar na eliminación de roles e estereotipos tradicionais que envolven a sociedade en tarefas e funcións diferentes que provocan desigualdades.

2. Destinatarios/as.

Persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais da Administración institucional, das entidades locais de Galicia e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 horas.

Edicións: duas.

Datas:

– 1ª edición: do 26 de maio ao 18 de xuño de 2021. Proba final en liña: 23 de xuño de 2021.

– 2ª edición: do 9 ao 30 de xuño de 2021. Proba final en liña: 6 de xullo de 2021.

4. Contido.

Introdución.

Módulo 1. Conceptos de sexo e xénero (6 horas).

Módulo 2. Responsabilidade compartida (7 horas).

Módulo 3. Dereitos para facer compatible a vida laboral, familiar e persoal (7 horas).

Código: CV21029.

Área de coñecemento: Consellería de Política Social.

Nome do curso: Riscos laborais no sector sociosanitario: os principais riscos psicosociais e a influencia negativa da COVID-19.

1. Obxectivos.

Dar a coñecer, dentro dos riscos laborais do sector sociosanitario, os principais riscos psicosociais e a influencia negativa que ten a COVID-19.

2. Destinatarios/as.

Persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma e da Administración local de Galicia.

Terá preferencia o persoal do sector sociosanitario dos centros residenciais e centros de día pertencentes á Xunta de Galicia e ás entidades locais de Galicia.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 horas.

Edicións: unha.

Datas: do 7 ao 28 de setembro de 2021.

Proba final en liña: 1 de outubro de 2021.

4. Contido.

Introdución.

Módulo 1. Principais riscos psicosociais.

1.1. Exceso de exixencias psicolóxicas.

1.2. Falta de influencia e posibilidades de desenvolvemento.

1.3. Falta de apoio social e calidade de liderado.

1.4. Escaseza de compensacións.

1.5. Dobre presenza.

Módulo 2. Factores de risco psicosocial.

2.1. O estrés laboral.

2.2. A fatiga dos traballadores derivada da ordenación do tempo de traballo.

Módulo 3. Consecuencias que poden ocasionar os riscos psicosociais.

Código: CV21030.

Área de coñecemento: Consellería de Política Social.

Nome do curso: Riscos psicosociais e xestión emocional para o persoal dos centros de educación infantil.

1. Obxectivos.

– Analizar as causas e efectos dos riscos psicosociais no ámbito da educación infantil, así como a efectividade da xestión emocional e outras ferramentas como estratexias para a prevención.

– Identificar os principais conceptos e tipos de riscos laborais, e os seus indicadores de detección e avaliación.

– Recoñecer os riscos psicosociais máis comúns dentro do ámbito laboral, e os efectos que estes provocan.

– Describir as funcións e competencias de intelixencia emocional necesarias para a prevención dos riscos psicosociais.

– Avaliar diferentes ferramentas e estratexias para a prevención de riscos psicosociais dentro do ámbito laboral.

2. Destinatarios/as.

Persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma e da Administración local de Galicia.

Terá preferencia o persoal das escolas infantís da Xunta de Galicia (Rede Galiñas Azuis) e das escolas infantís dependentes dos concellos.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 20 horas.

Edicións: unha.

Datas: do 9 a 30 de novembro de 2021.

Proba final en liña: 3 de decembro de 2021.

4. Contido.

Módulo 1. Principais riscos psicosociais no ámbito da educación infantil. O novo risco psicosocial: a COVID-19 (8 horas).

Módulo 2. Intelixencia emocional para a prevención de riscos psicosociais (7 horas).

Módulo 3. Ferramentas para a prevención de riscos psicosociais. O afrontamento da COVID-19 (5 horas).