Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 10 de maio de 2021 Páx. 23302

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 26 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen de empresas en crise, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR820E).

No ano 2019, a Xunta de Galicia e os interlocutores sociais acordaron iniciar un proceso tripartito de concertación social orientado á consecución de acordos nos eidos de mellora da calidade do emprego e das relacións laborais, o progreso económico e a cohesión social, sendo un destes acordos o relativo a un programa que palíe as consecuencias que teñen os expedientes de regulación de emprego derivados de empresas en crise sobre o mercado laboral e as persoas traballadoras.

Dado o impacto que teñen os despedimentos derivados de empresas en crise, e nun colectivo tan necesitado de apoio e protección como o das persoas traballadoras con 55 ou máis anos de idade, as cales perderon o seu emprego como consecuencia dun procedemento concursal ou dunha empresa declarada insolvente, acórdase, no seo do diálogo social, e como unha das liñas de axuda do programa citado, habilitar axudas que posibiliten tanto unha compensación económica da diminución do importe da súa indemnización como o financiamento do convenio especial coa Seguridade Social.

Cara a ordenar a regulación das axudas que materializan este acordo resulta necesario ditar unha única orde de bases reguladoras que recolla esta liña de forma independente.

Á Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, con base no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, que establece a súa estrutura orgánica, correspóndelle a execución das competencias en materia de política laboral e relacións laborais.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación das bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras dunha liña de axudas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, destinada ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen dunha empresa en crise, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente orde de bases entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. As presentes bases teñen como obxecto regular a convocatoria de axudas para paliar a situación económica de persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen dunha empresa en crise, cumprindo os termos e as condicións que se determinan nas presentes bases, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (TR820E), a través dos seguintes programas:

Programa I. Axudas destinadas a financiar as cotas que se van ingresar polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social.

Programa II. Axudas de pagamento único dirixidas a compensar as persoas traballadoras da diminución do importe da indemnización recoñecida como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor daquelas, a causa dos referidos despedimentos ou extincións de contratos, cando esta é aboada polo Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), xa que nestes supostos a indemnización está sometida aos límites establecidos no artigo 33.2 e 33.3 do Estatuto dos traballadores.

2. Así mesmo, xunto con esta orde procédese á convocatoria das citadas axudas para o ano 2021.

Artigo 2. Normativa reguladora

Estas axudas axustaranse, ademais do disposto na presente orde, ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e ao disposto nesta orde de bases.

Capítulo II

Réxime específico para cada programa

Programa I. Axudas destinadas a financiar as cotas que se ingresarán polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social.

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras que cumpran, no momento da presentación da solicitude da axuda regulada na presente orde, os seguintes requisitos:

1. Que a persoa traballadora estea incluída nalgún dos supostos seguintes:

a) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada insolvente. A declaración de insolvencia da empresa deberá afectar os créditos laborais da persoa traballadora, recoñecidos como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación ou resolución administrativa a favor dos solicitantes. Para os efectos destas axudas tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais da persoa traballadora se incorporasen ao procedemento concursal.

b) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme aos artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada en concurso. Neste suposto a extinción do contrato deberá producirse dentro do período entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión do mesmo por algunha das causas que recolle o artigo 465 do Real decreto lexislativo 1/2020, de 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal.

c) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por algunha das causas do artigo 49.1.g) do Estatuto dos traballadores, este aspecto debe estar expresamente recollido na carta de despedimento ou na sentenza declarativa.

d) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo como consecuencia do peche da empresa fundado nalgunha das causas contidas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores, sempre que ambos os aspectos, o peche da empresa e a causa de extinción do contrato, se recollan expresamente na sentenza declarativa do despedimento ou na carta de despedimento, esta última deberá vir xunto, en todo caso, coa autorización da persoa representante da empresa para consultar os datos do seu peche ante a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. Que a persoa traballadora cumpra un dos seguintes requisitos:

a) Que no momento da presentación da solicitude o derradeiro contrato de traballo sexa algún dos sinalados no número 1 deste artigo.

b) Que no momento da presentación da solicitude non transcorresen máis de 4 anos desde que se producise a extinción do contrato de traballo dos sinalados no número 1 do presente artigo, aínda que con posterioridade teña algún contrato de traballo. Nestes casos, a finalización do derradeiro contrato non debe producirse por dimisión da persoa traballadora prevista no artigo 49.1.a) e d) do Estatuto dos traballadores.

3. Que o centro de traballo da empresa a que se fai referencia no número 1 do presente artigo estea situado en Galicia.

4. Que a antigüidade na empresa a que se fai referencia no número 1 do presente artigo sexa dun mínimo de tres anos.

5. Que conte con 55 ou máis anos de idade.

6. Ter esgotada a prestación contributiva por desemprego.

7. Que a base de cotización media por continxencias comúns dos últimos seis meses de ocupación cotizada na empresa a que se fai referencia no número 1 deste artigo non supere o importe de 2.600 €.

Nos supostos do punto 2.b) deste artigo, para o cálculo da cotización media por continxencias comúns, ademais do anterior, tomaranse tamén as bases de cotización por tal continxencia correspondentes á ocupación cotizada do derradeiro contrato de traballo.

8. Ter subscrito ou comprometerse a subscribir no período subvencionable, un convenio especial coa Seguridade Social, conforme o disposto na Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, polo que se regula o convenio especial co sistema da Seguridade Social, nos termos establecidos no artigo 4.2 da presente orde.

9. Non poderá ser persoa beneficiaria desta axuda se a empresa tivese a obriga legal de subscribir convenio especial coa Seguridade Social.

10. Non ser persoa beneficiaria ao abeiro doutra orde ou convocatoria de axudas para a mesma finalidade.

11. Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas traballadoras que conten con contratos de alta dirección recollidos no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, nin tampouco aquelas en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Obrigas da persoa beneficiaria

1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A persoa beneficiaria da axuda deberá ter subscrito ou subscribir no período subvencionable un convenio especial coa Seguridade Social, nos seguintes termos:

2.1. Se o convenio especial se subscribir con anterioridade ao momento da presentación da solicitude de axuda, deberá acreditarse de maneira fidedigna coa solicitude, tal e como se estableza na correspondente convocatoria.

2.2. Se o convenio especial non se tiver subscrito con anterioridade ao momento da presentación da solicitude de axuda, a persoa beneficiaria deberá achegar ao órgano xestor copia do convenio especial no prazo de quince días naturais desde o día seguinte ao da notificación de concesión da axuda, se este se subscribir antes da devandita notificación.

2.3. Cando no momento da notificación de concesión da axuda, aínda non se subscribir o convenio especial, a persoa beneficiaria deberá acreditar a presentación da solicitude de subscrición do convenio especial, no prazo de quince días naturais desde o día seguinte ao da notificación da concesión da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá enviar, posteriormente, ao órgano xestor copia do convenio especial subscrito, no prazo de quince días naturais contados desde o día seguinte ao da súa subscrición.

Todo isto sen prexuízo das competencias da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, para os efectos de que efectivamente proceda a subscrición do dito convenio.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

4. A persoa beneficiaria será responsable da calquera repercusión tributaria que puidera derivarse da percepción da axuda.

5. Comunicarlle ao órgano xestor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou ingresos que se percibisen para a mesma finalidade.

Artigo 5. Contía e duración da axuda

1. A contía mensual será o importe da cota que cómpre aboar por convenio especial á Tesourería Xeral da Seguridade Social co límite de 500 €/mes, sendo o límite total da axuda 6.000 euros.

2. A duración da axuda será como máximo 12 mensualidades consecutivas, dentro do período subvencionable que se estableza na convocatoria correspondente.

3. O cómputo do período de 12 mensualidades comenzará a contar coa primeira mensualidade que sexa obxecto de axuda e en ningún caso poderá interromperse. .

A primeira cota imputable á axuda regulada na presente convocatoria será a correspondente ao mes de outubro de 2020, agás que o convenio especial obxecto de axuda tivera como primeira cota mensual unha posterior a esa data.

A derradeira cota imputable á axuda regulada na presente convocatoria será a correspondente ao mes de setembro de 2021, agás que o convenio especial tivera como cota mensual unha anterior a esa data.

Artigo 6. Xustificación e pagamento

1. Xustificación: a xustificación farase mediante a achega dos documentos acreditativos do ingreso das cotas correspondentes ao convenio especial coa Seguridade Social. Para iso deberán presentarse os documentos bancarios das transferencias mensuais realizadas para o pagamento das correspondentes cotas, nos prazos que se sinalan no apartado seguinte.

2. Pagamento: o pagamento terá carácter trimestral, para estes efectos, considerarase como trimestres, os naturais do ano.

Para que se efectúe cada un dos pagamentos trimestrais das sucesivas cotas do convenio especial, a persoa beneficiaria deberá presentar no prazo de quince días naturais seguintes a aquel en que se teña efectuado o último pagamento da cota mensual correspondente ao trimestre a aboar, a documentación xustificativa do pagamento efectuado á Seguridade Social.

Non obstante, a persoa beneficiaria poderá presentar na primeira xustificación todos os aboamentos das cotas realizadas imputables á axuda ata ese momento a efectos de proceder ao primeiro pago.

Cando transcorra o prazo establecido para a xustificación sen que a documentación se presentara en tempo e forma, requiriráselle a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de quince días hábiles presente a dita xustificación ou ben comunique a suspensión ou extinción do convenio especial que se teña producido nos supostos previstos na Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, polo que se regula o convenio especial co sistema da Seguridade Social.

Non se aboará a axuda polas mensualidades correspondentes a cotas impagadas, cotas non pagadas en prazo ou pagamentos non xustificados nos prazos sinalados no parágrafo anterior, computándose en todo caso ditas mensualidades para a duración máxima das 12 mensualidades ás que se refire o artigo 5 desta orde.

3. A suspensión ou extinción do convenio especial durante o período ao que se estende a axuda concedida ao abeiro da convocatoria correspondente dará lugar á suspensión da axuda, pero non interromperá o cómputo da duración máxima das 12 mensualidades nos termos recollidos no artigo 5.2 desta orde. Nestes casos a persoa beneficiaria conservará o seu dereito ao aboamento das cotas satisfeitas por todas as mensualidades ata o momento da suspensión ou extinción do convenio.

4. Restablecida a efectividade do convenio suspendido ou subscrito novo convenio especial, reiniciarase a axuda polas mensualidades pendentes ata cumprir a duración máxima prevista no artigo 5.2 desta orde.

Para o restablecemento da axuda, a persoa beneficiaria deberá achegar a documentación acreditativa do ingreso das cotas do convenio especial do trimestre que corresponda, nos prazos sinalados no apartado 2 do presente artigo, acompañando, de ser o caso, copia do novo convenio especial subscrito.

5. Non suspenderá a axuda, nin interrompera o seu aboamento, os cambios na modalidade de convenio especial previstos nos capítulos I e II da Orde TAS/2865/2003, de 13 de outubro, durante o período subvencionable sempre que non interrompan o pagamento das cotas correspondentes.

Nestes casos a persoa beneficiaria deberá achegar, xunto coa documentación acreditativa do ingreso das cotas do convenio especial do trimestre que corresponda, a documentación que acredite ditos cambios de modalidade.

En ningún caso estes cambios de modalidade afectarán nin a duración máxima nin ao límite total da axuda recollidos no artigo 5.2 desta orde.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do Programa I

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación:

a) Copia da documentación fidedigna que acredite a representación, no suposto de actuar mediante representante.

b) Acreditación de proceder dunha empresa en crise presentando algunha da seguinte documentación:

I. No caso de despedimento ou extinción que se produzan en procedemento concursal: copia de resolución xudicial pola que se declare o concurso, testemuña da resolución xudicial coa dilixencia de firmeza pola que se acredite a extinción do contrato de traballo en procedemento concursal ou certificado do administrador concursal no que conste que a extinción do contrato tivo lugar dentro do período comprendido entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión deste por algunhas das causas que recolle o artigo 465 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal.

II. No caso de despedimento ou extinción que se produza en empresas declaradas insolventes: resolución xudicial pola que se declarou a insolvencia da empresa ou, no caso de que, con posterioridade, se declarara en concurso, certificado de débeda expedido polos administradores do concurso no que conste a presencia da persoa solicitante da axuda dentro da relación de acredores.

III. Nos supostos de extinción do seu contrato por algunha das causas do artigo 49.1.g) do Estatuto dos traballadores: carta de despedimento ou sentenza declarativa do citado despedimento no que se recolla expresamente este extremo.

IV. Nos supostos de extinción como consecuencia do peche da empresa fundada en algunha das causas contidas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores: sentenza declarativa do despedimento ou carta de despedimento na que expresamente se recolla o peche da empresa e a extinción do contrato por algunha das causas contidas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores. No caso de achegar carta de despedimento, esta deberá vir acompañada da autorización do representante da empresa para consultar os datos do peche desta ante a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

c) Acreditación das bases de continxencias comúns:

I. Nos supostos de que no momento da presentación da solicitude o derradeiro contrato de traballo sexa o extinguido nas empresas en crise: nóminas dos últimos seis meses de ocupación cotizada ou ben certificado ou informe de bases de cotización do citado período.

II. Nos supostos de que no momento da presentación da solicitude non transcorreran máis de 4 anos desde que se produciu a extinción do contrato na empresa en crise non sendo o dito contrato o derradeiro da persoa traballadora: nóminas dos últimos seis meses de ocupación cotizada ou ben certificado ou informe de bases de cotización na empresa en crise e as nóminas ou certificado das bases de cotización dos meses cotizados na última empresa na que traballou.

d) Anexo II: declaración dos datos do convenio especial subscrito ou compromiso de subscrición de convenio especial coa Seguridade Social coa acreditación da súa solicitude de subscrición e da súa formalización tras a notificación da concesión da axuda:

I. Achega do convenio especial subscrito coa Seguridade Social, se o tiver.

II. Compromiso de subscrición de convenio especial coa Seguridade Social e compromiso de achegar ao órgano xestor, no caso de ser beneficiario, copia do dito convenio especial no prazo de quince días naturais desde o día seguinte á notificación da concesión da axuda, si este se subscribira con anterioridade á dita notificación.

III. Se no momento da notificación da concesión da axuda aínda non se subscribira o convenio especial, compromiso de acreditar, no prazo dos quince días naturais desde o día seguinte á notificación de concesión da axuda, de ter presentado a solicitude de subscrición de convenio especial a que se refire o artigo 3.1 da Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, pola que se regula o convenio especial no sistema da Seguridade Social. Neste caso, igualmente, compromiso do envío ao órgano xestor da copia do citado convenio especial no prazo de quince días naturais desde o día seguinte á subscrición do citado convenio especial.

Programa II. Axudas de pagamento único dirixidas a compensar ás persoas traballadoras da diminución do importe da indemnización recoñecida como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor daquelas, a causa dos referidos despedimentos ou extincións de contratos, cando esta é aboada polo Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), xa que nestes supostos, a indemnización está sometida aos límites establecidos nos artigos 33.2 e 33.3 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 8. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias todas aquelas persoas traballadoras que cumpran cos seguintes requisitos, no momento de presentar a solicitude:

a) Que durante o período ao que se estende a axuda que figurará na convocatoria, se teña extinguido o seu contrato de traballo por despido ou conforme aos artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa en crise, ao ter sido declarada insolvente ou en concurso.

Para os efectos destas axudas tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producira tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivera lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais procedentes da indemnización pendente de cobro da persoa traballadora se tiveran incorporado ao procedemento concursal.

Cando se trate de empresas en procedemento concursal a extinción do contrato deberá producirse dentro do período comprendido entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión do mesmo por algunhas das causas que recolle o artigo 465 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal.

b) Que o importe de indemnización aboada polo Fogasa sexa inferior ao recoñecido en sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor da persoa solicitante.

c) Que o centro de traballo da empresa onde prestaba servizos a persoa traballadora estea situado en Galicia.

d) Ter cumpridos 55 anos ou máis.

e) Que a antigüidade na empresa da que proceden sexa dun mínimo de tres anos.

2. Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas traballadoras que conten con contratos de alta dirección recollidos no Real decreto 1382/1985, de 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección nin tampouco aquelas nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións ou algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

3. A persoa beneficiaria será responsable da calquera repercusión tributaria que puidera derivarse da percepción da axuda.

4. Comunicarlle ao órgano xestor calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou ingresos que se percibisen para a mesma finalidade.

Artigo 10. Contía e duración da axuda

1. A contía da axuda, que consistirá nunha cantidade a tanto alzado, e que en ningún caso poderá superar a cantidade deixada de percibir en concepto de indemnización, poderá chegar a ser a seguinte:

a) Persoas traballadoras cunha antigüidade na empresa de entre 3 e 10 anos e cuxa base de cotización media por continxencias comúns dos últimos seis meses de ocupación cotizada, sexa igual ou inferior a 1.900 euros: a axuda será de 1.350 euros.

Se a súa base de cotización media é superior a 1.900 euros, a axuda será de 1.085 euros.

b) Persoas traballadoras cunha antigüidade na empresa superior a 10 anos e cuxa base de cotización media por continxencias comúns, durante os últimos seis meses de ocupación cotizada, sexa igual ou inferior a 1.900 euros: a axuda será de 1.950 euros.

Se a súa base de cotización fose superior a 1.900 euros, a axuda será de 1.565 euros.

2. As bases de cotización a que se refiren os tramos anteriores entenderanse reducidas proporcionalmente para aquelas persoas traballadoras con contratos de traballo a tempo parcial, dando lugar á redución proporcional da contía da axuda.

Artigo 11. Xustificación e pagament

1. A xustificación da axuda entenderase efectuada coa presentación da documentación necesaria para a súa concesión dentro do prazo de presentación de solicitudes.

2. Pagamento. Unha vez ditada a Resolución da concesión da axuda, procederase ao aboamento do cen por cen da mesma, mediante transferencia bancaria á conta designada pola persoa solicitante na súa solicitude, previa xustificación dos requisitos exixidos.

Artigo 12. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do programa II

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación:

a) Copia da documentación fidedigna que acredite a representación, no suposto de actuar mediante representante.

b) Informe de vida laboral actualizado.

c) Nóminas dos últimos seis meses de ocupación cotizada ou ben certificado ou informe de bases de cotización do mesmo período.

d) Para os supostos de despido ou extinción que se produzan en procedemento concursal: copia da resolución xudicial pola que se declare o concurso, testemuña da resolución xudicial con dilixencia de firmeza pola que se acredite a extinción do contrato de traballo en procedemento concursal ou certificado do administrador concursal no que conste que a extinción do contrato tivo lugar dentro do período comprendido entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión do mesmo por algunhas das causas que recolle o artigo 465 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal.

e) Para os supostos de despido ou extinción que se produzan en empresas declaradas insolventes: resolución xudicial polo que se declarou a insolvencia da empresa ou, para o caso de que con posterioridade fora declarada en concurso, certificado de débeda expedido polos administradores do concurso no que conste a presencia da persoa solicitante da axuda dentro da relación de acredores.

f) Resolución xudicial, administrativa, ou no seu caso certificado expedido polos administradores concursais, onde se constate o recoñecemento do dereito da persoa traballadora a percibir a indemnización que lle corresponda, así como a súa contía.

g) Resolución do Fogasa pola que se recoñece á persoa traballadora o dereito a percibir a indemnización nos límites do artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

O órgano instrutor do procedemento, poderá solicitar calquera outra documentación que considere de interese para a mellor resolución das axudas solicitadas.

Capítulo III

Procedemento de concesión

Artigo 13. Procedemento de concesión

1. Dado o carácter permanente das presentes bases reguladoras, e salvo que se producira modificación nalgún dos seus artigos que dará lugar á aprobación dunhas novas bases, a Dirección Xeral de Relacións Laborais publicará para cada exercicio no Diario Oficial de Galicia, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para cada ano, unha Resolución para convocar as axudas establecidas nestas bases reguladoras. Para o ano 2021 inclúese a convocatoria coa publicación das bases reguladoras.

2. As solicitudes tramitaranse e resolveranse en concorrencia non competitiva, atendendo a súa orde de presentación en función de que a documentación estea completa, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas.

3. En todo caso, a resolución de concesión das axudas estará supeditada á existencia de dispoñibilidade orzamentaria que se habilite na correspondente convocatoria anual.

4. Se unha vez atendidas as solicitudes presentadas nos programas I e II quedase remanente nalgún deles poderase incrementar o crédito do respectivo programa co crédito sobrante do outro.

5. O crédito que se estableza inicialmente para cada ano poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se logo da correspondente ampliación o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. No caso de coincidencia na data de presentación entre dous ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora exacta da súa presentación.

Artigo 14. Compatibilidade

1. As axudas recibidas ao abeiro desta orde serán incompatibles con outras axudas públicas que se percibisen para a mesma finalidade e período subvencionable.

2. Igualmente serán incompatibles entre si as axudas dos dous programas recollidos nesta orde.

Artigo 15. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Artigo 16. Período subvencionable

Será o que se estableza na resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais para cada convocatoria anual.

Artigo 17. Solicitudes

1. As persoas interesadas que reúnan os requisitos exixidos presentarán unha única solicitude preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 18. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria para cada exercicio e, permanecerá aberto con carácter permanente, ata o 31 de outubro de cada exercicio.

Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Forma de presentación da documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou tales documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa traballadora solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante.

c) Certificados de estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 21. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

4. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

5. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os devanditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución que se lles notificará ás persoas interesadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Contra as resolucións que se diten, que poñen fin á vía administrativa, ou contra as desestimacións por silencio administrativo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e recurso potestativo de reposición, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 24. Forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. A xustificación da subvención entenderase efectuada tal como se regula para cada programa no capítulo II das presentes bases reguladoras.

3. O pagamento efectuarase a favor das persoas beneficiarias, tal como se regula para cada programa no capítulo II das presentes bases reguladoras mediante transferencia bancaria á conta especificada na solicitude.

Artigo 25. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Emprego e Igualdade iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo do requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 28. Publicación na BDNS

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Capítulo IV

Convocatoria para o ano 2021

Artigo 29. Obxecto

Convocar para o ano 2021 as axudas para paliar a situación económica de persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen dunha empresa en crise, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 30. Normativa reguladora

Esta convocatoria rexerase polas bases reguladoras establecidas nos capítulos I, II e III na orde de bases.

Artigo 31. Crédito orzamentario

O orzamento total desta orde de axudas ascende a 300.000 euros, de acordo coa seguinte distribución:

Programa I: axudas destinadas a financiar as cotas que se van ingresar polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social.

A concesión das axudas ás persoas traballadoras beneficiarias realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.324A.480.0, código de proxecto 2020 00009, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, por un importe total de 150.000 euros.

Programa II: axudas de pagamento único dirixidas a compensar as persoas traballadoras da diminución do importe da indemnización recoñecida como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor daquelas, a causa dos referidos despedimentos ou extincións de contratos, cando esta é aboada polo Fondo de Garantía Salarial (Fogasa).

A concesión das axudas ás persoas traballadoras beneficiarias realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.324A.480.0, código de proxecto 2020 00009, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, por un importe total de 150.000 euros.

O crédito asignado a esta convocatoria poderá ser modificado, se as circunstancias o requiren, logo da correspondente tramitación.

Artigo 32. Período subvencionable

O período subvencionable da presente convocatoria para os dous programas esténdese desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021, ambos incluídos.

Artigo 33. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde e permanecerá aberto con carácter permanente, ata o 31 de outubro de 2021.

Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira única. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file