Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 14 de maio de 2021 Páx. 23896

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2021 de modificación da composición do Comité de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

A presidenta do Comité de Ética da Investigación de Santiago-Lugo enviou, o día 19 de abril de 2021, un escrito á Xerencia do Servizo Galego de Saúde en que comunica a renuncia de dúas persoas como membros do Comité de Ética da Investigación de Santiago-Lugo e, asemade, propón o nomeamento doutras dúas persoas como novos membros do citado órgano.

Antecedentes.

Mediante a Resolución do 6 de febreiro de 2018, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 14 de febreiro, concedeuse a renovación da acreditación do Comité de Ética da Investigación de Santiago-Lugo, estableceuse a súa sede e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Na composición actual do Comité figuraban Jaime Gulín Davila e Guillermo José Prada Ramallal, que renuncian agora á súa condición de membros do Comité.

O Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, dispón no artigo 5.7 que se adscribe á Xerencia do Servizo Galego de Saúde o Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia ou órgano que o substitúa.

Consideracións legais e técnicas.

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 9.5 sinala que as persoas membros deste comité «serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres».

O número 6 do artigo 9 dispón que «o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do Comité, aínda que poderá ser revogado, ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o Comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, ao criterio do Comité e logo de audiencia do/a interesado/a».

Respecto da composición numérica, en concreto, o número 1 do mesmo artigo sinala que «estará formado por un mínimo de nove e un máximo de quince membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, o Comité axústase na súa composición aos citados topes numéricos, e coa vontade de mantela así propúxose o nomeamento de Beatriz Bernárdez Ferrán e de Cristina Blanco Freire como novos membros do Comité.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou o xerente do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

O cesamento, por causa de renuncia, de Jaime Gulín Davila e de Guillermo José Prada Ramallal como membros do Comité de Ética da Investigación de Santiago-Lugo.

Así mesmo, o nomeamento de Beatriz Bernárdez Ferrán e de Cristina Blanco Freire como novos membros do citado comité.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade