Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 18 de maio de 2021 Páx. 24254

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 10 de maio de 2021 pola que se modifica a Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2021.

Os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, establecidos pola Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017, teñen como finalidade recoñecer a excelencia do proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria.

Este recoñecemento realízase mediante a distinción a explotacións en tres categorías en función do seu tamaño, pequenas, medianas e grandes, e, pola súa vez, estas categorías subdividiranse cada unha delas en tres grupos en función do sistema de produción, entendido este como a posibilidade de aproveitamento de recursos propios da explotación. Recoñécense tamén especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

A experiencia das edicións anteriores mostra que transcorre inevitablemente un período de tempo entre a extracción das gandarías cumpridoras dos requisitos establecidos, a avaliación in situ do seu manexo e hixiene, a selección de finalistas e, finalmente, a entrega de premios; neste período poderían darse circunstancias adversas tanto entre os produtores, que poderían levalos a decidir non aceptar os premios, como nas propias gandarías, que poden ver alterada a calidade do seu leite. Isto en todo caso non invalidaría o bo facer dos produtores durante o período de tempo considerado para a adxudicación dos premios; por esta razón cómpre, por unha banda, limitar a avaliación da calidade do leite exclusivamente ao período de tempo establecido na orde da correspondente convocatoria anual dos premios e, por outra, establecer un sistema áxil de convocatoria de novos produtores en caso de non aceptación dalgún precedente.

Nos actos de entrega dos premios vénse denominando Exceleite de ouro o primeiro premio e Exceleite de prata o segundo. Estas denominacións adquiriron significación propia polo que é conveniente recoller isto na norma.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e na Lei 1/1983, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto modificar a Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e convocalos para o ano 2021.

2. A presente orde publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

CAPÍTULO I

Modificación das bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia

Artigo 2. Modificación da Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017

Un. Engádese unha letra c) ao número 1 do artigo 4.

«c) Cumprir durante todos os meses do período de selección os requisitos do artigo 2 do Decreto 57/2010, do 8 de abril, polo que se crea o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (DOG núm. 71, do 16 de abril)».

Dous. O número 3 do artigo 6 queda redactado como segue:

«3. A estas explotacións comunicaráselles o feito de teren resultado finalistas nestes premios e a Consellería do Medio Rural solicitará aos seleccionados a súa aceptación expresa de participación na correspondente edición.

Se algunha destas explotacións non acepta participar na correspondente edición dos premios, a Consellería do Medio Rural poderá invitar as seguintes explotacións de acordo coa puntuación lineal obtida para completar o número de 5 finalistas en cada categoría».

Tres. O número 1 do artigo 7 queda redactado como segue:

«1. Premiaranse aquelas dúas explotacións, cos premios Exceleite de ouro e Exceleite de prata respectivamente, para cada un dos nove estratos definidos anteriormente sen incidencias na visita do comité de avaliación, aplicando rigorosamente a súa posición na puntuación lineal obtida. A mesma metodoloxía empregarase coas dúas primeiras explotacións ecolóxicas da puntuación lineal».

Catro. Suprímese o número 2 do artigo 7

CAPÍTULO II

Convocatoria para o ano 2021

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estes premios todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) de tal xeito que consten na base de datos deste laboratorio os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia.

Artigo 4. Xurado responsable da concesión dos premios

O xurado responsable da concesión dos premios estará constituído, en representación da Consellería do Medio Rural, polas persoas titulares da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Subdirección Xeral de Gandaría; e, en representación do Ligal, polas persoas directora xerente e presidente da xunta directiva.

Disposición adicional única. Réxime supletorio

No non previsto nesta orde será de aplicación o disposto nas bases que regulan a concesión dos premios de excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca e se convocan para o ano 2017, establecidas na Orde do 22 de agosto de 2017.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural