Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 19 de maio de 2021 Páx. 24449

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas de emerxencia social para o ano 2021 (código de procedemento PR935A).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do dito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que lles garante ás persoas residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece, no seu artigo 5, a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e das comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daquelas persoas residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

Porén, ao longo destes anos a Secretaría Xeral da Emigración detectou a existencia de situacións de grave necesidade, sobrevidas a persoas sen recursos económicos, orixinadas por desastres naturais ou de carácter sanitario, social ou asistencial, que non poden ser atendidas a través de ningún outro recurso, polo que deben ser obxecto dunha convocatoria específica de axudas que se adapte ás súas peculiaridades, co fin de evitar ou paliar situacións de exclusión social.

As peticións prodúcense ao longo de todo o ano, sen concentrarse en datas concretas, e as causas destas (motivos asistenciais, de precariedade económica, humanitarios, etc.) están dentro do ámbito de actuación que, por atribucións competenciais, corresponden á Secretaría Xeral da Emigración.

As circunstancias de temporalidade e a especificidade dos supostos concretos que se formulan, así como a diferente situación persoal e familiar das persoas solicitantes e dos países en que viven, impiden a comparanza e prelación entre as solicitudes presentadas para a súa resolución nun único procedemento e, é aplicable a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no seu artigo 31.4. Así mesmo, ao teren estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente á súa concesión, tal situación, cómpre aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

No ano 2020, o virus COVID-19 converteuse nunha pandemia global e as súas consecuencias sociais e económicas redundan no agravamento de situacións persoais que provocaron o paso de vivir unha vida digna a unha vida ao límite da exclusión social. Estas situacións provocadas pola pandemia agrávanse especialmente nalgúns países de América, en que se veñen sumar as difíciles situacións económicas e sociais polas cales xa estaban a pasar.

No DOG núm. 58, do 26 de marzo de 2021, publicáronse as bases reguladoras que rexen as axudas convocadas mediante esta resolución.

Na súa consecuencia, convén realizar unha convocatoria de axudas para atender estas situacións, que se tramitará na modalidade de concorrencia non competitiva, prevista no dito artigo 19.2, de modo que as solicitudes de subvención serán atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos e criterios básicos en que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que garantan a súa obxectividade e non se creen expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, das situacións a que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos a ela destinados.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar axudas de emerxencia social para o ano 2021 (código de procedemento PR935A) cuxas bases reguladoras foron publicadas no DOG núm. 58, do 26 de marzo de 2021.

Artigo 2. Réxime destas axudas

1. Estas axudas teñen carácter persoal, intransferible e non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias.

2. As axudas convocadas por esta resolución serán reguladas polas bases contidas na Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social (dódigo de procedemento administrativo PR935A), polo que, en todo o non previsto nesta convocatoria, será de aplicación a dita resolución.

3. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras desta convocatoria.

Artigo 4. Requisitos

1. Os requisitos que deberán cumprir as persoas solicitantes son os establecidos no artigo 4 das bases reguladoras desta convocatoria.

Artigo 5. Financiamento, contía das axudas e gastos subvencionables

1. Financiamento.

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 500.000 €, correspondente á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 (proxecto 2021 00005, Fondos COVID-19 - modalidade 1013) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Este importe poderá ser ampliado en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación á vista do número de solicitudes presentadas.

2. As contías das axudas e os gastos subvencionables son os establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal. Neste caso, deberase acreditar a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de novembro de 2021, ambos incluídos.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación:

1.1. Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade española:

a) Documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español, ben outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, no cal conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular. Esta inscrición deberá ser anterior á presentación da solicitude, agás en casos de imposibilidade de obtención debidamente acreditada.

1.2. Documentación acreditativa da orixe galega.

A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

a) Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

b) Ser descendente ata o primeiro grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.

As persoas descendentes ata o primeiro grao de consanguinidade dunha das persoas descritas na alínea a) deberán ter vinculación con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

A vinculación cun concello galego no Padrón españois residentes no estranxeiro (PERE) non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que esta incapacidade lle impida a inscrición neste censo.

1.3. Documentación acreditativa da situación económica da persoa solicitante da axuda, así como da súa unidade económica familiar.

a) Copia da última declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar presentada.

No caso de que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar ou non estivesen obrigados a realizala, unha xustificación desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que se perciba.

b) Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan estas persoas.

De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición deste certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable na cal conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles de que dispoñan.

No caso de solicitar axuda de viaxe, orzamento do importe ou copia da reserva do billete de avión e, de ser o caso, documentación acreditativa da situación económica da persoa acompañante e a da súa unidade económica familiar, así como a da familia de acollida en Galicia, se a houber.

1.4. Documento acreditativo do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda, que inclúa un orzamento detallado dos gastos necesarios para paliar a situación, emitido por un organismo oficial ou por un organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no eido sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.

1.5. Para realizalas prestacións sanitarias no territorio do Estado español:

a) Acreditación da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde tal prestación se vaia realizar.

b) Para o caso de acollida familiar ou asistencial en Galicia, débese presentar a acreditación por parte da familia de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda. Neste caso, o/a representante que actúa no nome da familia de acollida tamén deberá cubrir o modelo do anexo II e presentar a documentación que se especifica nos puntos 1.1.a) e 1.3.a) e b).

1.6. Para o caso de necesitar da asistencia dunha persoa acompañante, deberá presentar:

a) Certificados expedidos por organismos oficiais que acrediten a necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe.

b) Neste caso, a persoa acompañante tamén deberá cubrir o modelo do anexo II e presentar a documentación acreditativa da súa identidade e nacionalidade, así como da súa situación económica e da súa unidade económica familiar.

1.7. Documento acreditativo da representación legal, actualizado para o ano da convocatoria, de ser o caso.

1.8. Outra documentación xustificativa ou informes do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda, que completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) No caso da persoa solicitante:

– DNI da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Documentación oficial acreditativa de encontrarse vinculado/a cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

b) No caso da persoa acompañante ou representante da familia de acollida:

– DNI da persoa acompañante.

– DNI/NIE da persoa representante da familia de acollida.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Natureza e compatibilidade das axudas

1. As axudas teñen carácter persoal e intransferible. As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio correspondente, previstas para esta finalidade.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión das axudas, a persoa beneficiaria faleza, terán dereito á súa percepción as persoas que acrediten, de acordo coa normativa do país de residencia, a súa condición de herdeiras, antes do 31 de decembro do ano desta convocatoria.

2. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. Cada persoa solicitante só poderá pedir unha axuda por un único suposto. De se presentar máis dunha solicitude, entenderase válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

Artigo 12. Procedemento de instrución e concesión

1. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de programas sociais.

Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación. Este órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

Se a comisión de avaliación así o estimar poderá encargar informes socioambientais, que serán realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará por desistida da súa petición, de conformidade co que se dispón no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución, nas bases reguladoras, na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Resolución e pagamento

1. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, quen, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada.

O prazo máximo para resolver e notificar será de dous meses contado desde o día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderanse entender desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, as actividades obxecto destas axudas deberanse realizar con anterioridade ao 15 de decembro de 2021.

2. A contía das axudas concedidas aboaráselles ás persoas beneficiarias nun pagamento único, unha vez notificada a resolución de concesión. Realizarase, salvo casos que así o aconsellen, mediante transferencia bancaria. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes. Os beneficiarios das axudas reguladas nas alíneas b), d) e e) do artigo 5.2 das bases reguladoras desta orde de convocatoria quedarán exentos da constitución de garantías.

No suposto de viaxes de persoas ou grupos familiares, o importe será o acreditado mediante orzamento ou billete reservado pola persoa interesada. Poderán, así mesmo, ser incluídos como subvencionables pola Secretaría Xeral da Emigración os trámites e pagamentos para a expedición dos billetes e/ou taxas necesarias para a realización de tales viaxes, sen que se poidan exceder no seu financiamento os límites previstos no artigo 5.2 das bases reguladoras desta orde de convocatoria.

Estas axudas teñen carácter persoal, intransferible e non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias salvo nos supostos b), d) e e) do artigo 5.2 das bases reguladoras desta orde de convocatoria, supostos en que, unha vez ditada a resolución de concesión da axuda, a persoa beneficiaria faleza, poderá aboarse a axuda ás persoas que, de acordo coa normativa do país de residencia, acrediten a súa condición de herdeiras dentro do prazo de tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión, sempre que o obxecto da axuda así o aconselle.

As subvencións concedidas ao abeiro das alíneas b), d) e e) do artigo 5.2 das bases reguladoras desta orde de convocatoria teñen un período de execución ata o 15 de decembro de 2021, e a súa xustificación farase mediante unha conta xustificativa simplificada que constará dunha memoria xustificativa das actividades realizadas e dunha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, e un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con detalle do seu importe e procedencia, conforme o establecido no artigo 51 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo de entrega da documentación será de tres meses desde a finalización das actividades desenvolvidas conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coa data límite do 15 de decembro de 2021.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación electrónica ou en papel no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarse a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da citada lei.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, logo do aboamento da axuda correspondente, as establecidas no artigo 16 das bases reguladoras.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións para as cales se solicitou a axuda, e a Secretaría poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento, nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención ou o da realización dos gastos subvencionables dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outra inobservancia considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda para a realización dos gastos subvencionables e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Publicación

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou, no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderase interpoñer desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file