Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 19 de maio de 2021 Páx. 24501

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado nas ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño para o curso 2021/22.

A Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se regula o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, modificada pola Orde do 15 de marzo de 2013 (DOG do 25 de marzo), establece o proceso de admisión para quen non reúna os requisitos académicos establecidos con carácter xeral e para aquelas persoas que, reunindo os requisitos académicos, deben superar a proba específica definida na mesma orde, e autoriza a secretaría xeral competente en materia de ensinanzas de réxime especial, na súa disposición derradeira primeira, para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento do previsto nesa orde.

Por todo o exposto, esta secretaría xeral, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño para o curso 2021/22, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeira. Modalidades de acceso

1. Acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao medio.

1.1. Terán acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao medio as persoas aspirantes que cumpran calquera dos seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para os efectos académicos e superar unha proba específica.

As persoas aspirantes que non estean en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente para os efectos académicos deberán ter feitos os dezasete anos e superar a proba substitutiva de titulación de graduado en ESO que se establece no anexo I, punto 1, desta resolución, ademais da correspondente proba específica.

b) A titulación de graduado en ESO poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:

– Proba de acceso a ciclos formativos de grao medio ou de grao superior de formación profesional.

– Proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou de grao superior de ensinanzas deportivas.

– Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores ou para as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao superior.

– Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao medio superada en convocatorias anteriores.

1.2. As persoas aspirantes que teñan pendente algunha materia da ESO poderán presentarse á proba específica de acceso, pero, no momento de formalizaren a matrícula, deberán acreditar que están en posesión da titulación requirida, e poderán optar á praza solicitada se hai vacantes.

2. Acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao superior.

2.1. Terán acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao superior os/as aspirantes que cumpran calquera dos seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título de bacharelato, ou equivalente para os efectos académicos, e superar a correspondente proba específica.

b) As persoas en posesión dun título de técnico ou técnica de Formación Profesional ou dun título de técnico ou técnica de Artes Plásticas e Deseño, e superar a correspondente proba específica.

2.2. As persoas aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato, de técnico ou técnica en Formación Profesional ou de técnico ou técnica en Artes Plásticas e Deseño deberán superar a proba substitutiva de titulación de bacharelato establecida no anexo I, punto 2, desta resolución.

Esta proba poderá ser substituída pola superación dalgunha das seguintes:

– Parte común da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional.

– Proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao superior de ensinanzas deportivas.

– Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

– Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño de grao superior superada en convocatorias anteriores.

2.3. As persoas aspirantes que teñan pendente algunha materia de bacharelato poderán presentarse á proba específica de acceso, ben que, no momento de formalizar a matrícula no prazo extraordinario, no mes de setembro, deberán acreditar que están en posesión da titulación requirida, e poderán optar á praza solicitada se hai vacantes.

3. Acceso directo.

3.1. Estará exento de realizar a proba específica de acceso ao grao medio das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño:

a) Quen estea en posesión dun título de técnico ou técnica superior de Artes Plásticas e Deseño dunha familia profesional relacionada co ciclo formativo a que se pretende acceder ou título declarado equivalente.

b) Quen teña superados os cursos comúns de artes aplicadas e oficios artísticos dos plans de estudos establecidos polo Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, ou os establecidos con carácter experimental ao abeiro do Real decreto 799/1984, do 28 de marzo, sobre regulación de experiencias en centros de ensinanzas artísticas, así como polo Real decreto 942/1986, do 9 de maio, polo que se establecen normas xerais para a realización de experimentacións educativas en centros docentes.

3.2. Estará exento de realizar a proba específica de acceso ao grao superior de ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño quen estea en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño dunha familia profesional relacionada co ciclo a que se pretende acceder ou título declarado equivalente.

3.3. Estará exento de realizar a proba específica de acceso aos graos medio e superior das ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

a) Título de bacharelato, modalidade de Artes, ou de bacharelato experimental.

b) Título superior de Artes Plásticas ou título superior de Deseño, nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

c) Título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas súas diferentes especialidades.

d) Licenciatura ou grao en Belas Artes.

e) Arquitectura ou grao en Arquitectura.

f) Enxeñaría técnica en Deseño Industrial ou grao en calquera especialidade de Deseño Industrial.

3.4. Estarán exentos de realizar a proba específica de acceso aos graos medio e superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño aqueles/as que, estando en posesión dos requisitos académicos de acceso conforme o establecido nos artigos 52.1 e 52.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, acrediten ter experiencia laboral de, polo menos, un ano relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao medio e superior a que se queira acceder, achegando a seguinte documentación:

Certificación da empresa onde adquiriron a experiencia laboral, na cal conste especificamente a duración do contrato, a actividade desenvolvida e o período de tempo en que se realizou a dita actividade. No caso de traballadores por conta propia, certificación de alta no censo de obrigados tributarios.

Segunda. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. Ás persoas aspirantes que presenten discapacidade de, polo menos, o 33 % reservaráselles un mínimo do 5 % do total das prazas dispoñibles en cada ciclo formativo, de tal xeito que, cando o número total de prazas ofertadas sexa menor ou igual a 20, se reservará unha praza, e, cando o número total de prazas ofertadas sexa de 21 a 30, se reservarán dúas prazas.

2. Este alumnado poderá requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás ditas ensinanzas. Para tal efecto, deberá presentar, xunto co formulario de inscrición, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba co obxecto de permitir que os/as aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de aspirantes.

Terceira. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

Conforme o establecido na Orde do 15 de marzo de 2013, aos aspirantes ao acceso aos ciclos de grao medio e de grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño mediante a superación da proba específica de acceso coa condición de deportista de alto nivel e/ou rendemento reservaráselles un mínimo do 5 % do total das prazas dispoñibles en cada ciclo formativo, de tal xeito que, cando o número total de prazas ofertadas sexa menor ou igual a 20, se reservará unha praza, e, cando o número total de prazas ofertadas sexa de 21 a 30, se reservarán dúas prazas.

Cuarta. Inscrición para o acceso e a admisión

1. A inscrición para o acceso e a admisión farase na Secretaría da Escola de Arte e Superior de Deseño pública elixida en primeiro lugar, na cal se impartan as correspondentes ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, ou ben telematicamente mediante a ligazón habilitada á aplicación CodexPro na páxina web da escola.

2. O prazo para a inscrición comprende desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 23 de xuño para os ciclos de grao superior e ata o día 1 de setembro para os ciclos de grao medio. Para tal fin, as escolas de arte e superiores de deseño deberán expor nos seus taboleiros de anuncios e nas súas páxinas web a seguinte información:

a) Normativa reguladora de admisión do alumnado.

b) Prazas que oferten nos diferentes ciclos que teñan autorizados.

c) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións.

d) Calendario e normas para formalizar a matrícula.

3. Para a formalización das solicitudes de admisión, as escolas de arte e superiores de deseño onde se impartan estas ensinanzas facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto ou o acceso á aplicación informática CodexPro en que facer a inscrición. Unha vez cuberto, entregarase unha única solicitude na Secretaría da escola, ou no correo electrónico desta, á cal se queira acceder como primeira ou única opción, xunto coas copias cotexadas da documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Título de ESO ou bacharelato, ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou libro de cualificacións de ESO ou de bacharelato, ou ben o certificado de estudos en que figuren as cualificacións das diferentes materias cursadas e ter realizado o depósito do correspondente título.

c) Certificado de superación da proba de acceso a ciclos formativos de grao medio ou grao superior ou de ensinanzas artísticas superiores, se é o caso.

d) Certificado de superación da proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou grao superior de ensinanzas deportivas.

e) Copia cotexada do título correspondente á quenda de acceso.

f) Acreditación de ter experiencia laboral de, polo menos, un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo a que se queira acceder.

g) Certificado de superación da proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, en que conste a opción efectuada e a puntuación obtida.

4. As persoas aspirantes que deban realizar a proba substitutiva de titulación de graduado en ESO ou do título de bacharelato farano constar na epígrafe correspondente da inscrición. No caso de non superar en esta proba, non serán admitidos na proba específica.

5. As persoas aspirantes que estean pendentes da avaliación do proxecto final ou da avaliación final do ciclo formativo, para a obtención dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2020/21 e, en consecuencia, non dispoñan do título de técnico superior antes da fin do prazo de inscrición, poderán igualmente formalizar a súa inscrición para o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, e deberán presentar a certificación de ter solicitado o dito título para a formalización da matrícula no prazo ordinario establecido.

6. As escolas de arte e superiores de deseño onde se realice a inscrición remitirán, o día 25 de xuño para grao superior e o día 2 de setembro para o grao medio, á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, a través de correo electrónico xsereap@edu.xunta.gal, a relación provisional de persoas inscritas para o acceso e a admisión aos ciclos formativos, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, así como as probas que deban superar e ciclos formativos da mesma familia profesional que se oferten na Comunidade Autónoma de Galicia aos cales opten, ordenados segundo a preferencia da persoa aspirante, se é o caso, e escolas de arte e superiores de deseño de Galicia nas cales desexan cursar os seus estudos, e exporán a dita relación provisional nos seus taboleiros de anuncios e nas súas páxinas web ese mesmo día.

7. As persoas aspirantes que detecten erros ou exclusións nas listaxes provisionais de admitidos ao acceso e admisión a ciclos formativos poderán presentar por escrito a correspondente reclamación na escola onde se inscribisen, durante os días 28 e 29 de xuño no caso de grao superior, e os días 3 e 6 de setembro para o grao medio.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, as escolas publicarán nos seus taboleiros de anuncios e nas súas páxinas web a relación definitiva de persoas inscritas para o acceso e admisión a ciclos formativos de grao superior e remitirán por correo electrónico xsereap@edu.xunta.gal a dita relación á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, o día 29 de xuño no caso de ensinanzas artísticas profesionais de grao superior e o día 6 de setembro para as de grao medio.

8. A relación definitiva de persoas inscritas exporase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, http://www.edu.xunta.gal, o día 30 de xuño no caso de grao superior e o día 7 de setembro para o grao medio.

Quinta. Desenvolvemento das probas

a) Probas de acceso ao grao medio.

1. As probas de acceso ás ensinanzas de grao medio realizaranse nas escolas de arte e superiores de deseño en que se inscribisen as persoas aspirantes nos días e horas que se indican a seguir:

1.1. Proba substitutiva do título de graduado en ESO: día 8 de setembro.

– Primeira parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

Versará sobre as seguintes materias: Lingua Galega, Lingua Castelá, Área Científico-Tecnolóxica e Área Sociocultural. O alumnado seleccionará tres destas materias e desenvolverá por escrito as cuestións que se propoñan para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para responder as cuestións de cada materia será de sesenta minutos.

– Segunda parte: das 16.30 ás 18.30 horas.

Versará sobre contidos relacionados coa Educación Plástica e Visual.

1.2. Proba específica: día 15 de setembro.

A proba específica realizarase de acordo co establecido no anexo II, punto 1, desta resolución e terá lugar en cada unha das escolas de arte e superiores de deseño, nas horas que se indican a seguir:

Primeiro exercicio: das 10.00 ás 11.00 horas.

Segundo exercicio: das 12.00 ás 14.00 horas.

Terceiro exercicio: das 17.00 ás 19.00 horas.

b) Probas de acceso aos ciclos de grao superior.

1. As probas de acceso ás ensinanzas de grao superior realizaranse nas escolas de arte e superiores de deseño en que se inscribisen as persoas aspirantes, nos días e horas que se indican a seguir:

1.1. Proba substitutiva de titulación de bacharelato: día 2 de xullo.

A proba realizarase de acordo co establecido no anexo I, punto 2 desta resolución e ás horas que se indican a seguir:

– Primeira parte: das 10.00 ás 13.00 horas.

Versará sobre as seguintes materias: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés), Historia de España, Filosofía.

As persoas aspirantes seleccionarán tres destas materias e desenvolverán por escrito as cuestións que se propoñan para cada unha das tres elixidas.

– Segunda parte: das 17.00 ás 18.00 horas.

Versará sobre contidos relacionados coa Historia da Arte. O tempo máximo para a realización desta proba será dunha hora.

1.2. Proba específica para todas as familias profesionais: día 9 de xullo.

A proba específica realizarase segundo figura no anexo II, punto 2, desta resolución e ás horas que se indican a seguir:

Primeiro exercicio: das 10.00 ás 11.00 horas.

Segundo exercicio: das 12.00 ás 14.00 horas.

Terceiro exercicio: das 17.00 ás 19.00 horas.

c) Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

Sexta. Tribunais das probas

O tribunal avaliador de cada escola de arte e superior de deseño é o órgano competente para resolver sobre a admisión do alumnado. Nos centros públicos, a Dirección será a responsable do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado e correspóndelle á Xunta de Escola garantir o seu cumprimento. Nos centros autorizados de Arte, as persoas titulares serán as responsables do estrito cumprimento das normas xerais sobre a admisión do alumnado e correspóndelle ao Consello Escolar garantir o seu cumprimento.

Os tribunais tomarán como criterios de avaliación os que se indican nos anexos I e II desta resolución.

a) Grao medio:

1. Para a administración das probas de grao medio constituirase un tribunal avaliador en cada unha das escolas de arte e superiores de deseño en que se imparta algún ciclo formativo de grao medio, coa composición que figura no anexo III desta resolución.

2. Unha vez concluídas as probas substitutivas de titulación de graduado en ESO, o día 9 de setembro os tribunais avaliadores publicarán na páxina web e no taboleiro de anuncios da escola onde se realizou a proba a listaxe de aspirantes, con expresión da cualificación obtida, das persoas presentadas e non presentadas, ordenadas por puntuación e en orde decrecente. As persoas aspirantes poderán formular reclamacións contra as cualificacións obtidas ou solicitar emendas dos erros observados, mediante escrito razoado presentado na Secretaría da escola onde se realizou a proba, durante os días 10 e 13 de setembro. Os tribunais avaliadores resolverán o que proceda o día 14 de setembro e publicarán, no mesmo día, as listaxes definitivas nos taboleiros de anuncios e na páxina web da escola onde se realizou a proba; así mesmo, remitirán por correo electrónico (xsereap@edu.xunta.gal) estas mesmas listaxes á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Unha vez concluído o proceso de cualificación das probas específicas, os tribunais avaliadores publicarán o día 16 de setembro a listaxe de aspirantes con expresión da cualificación final obtida en cada ciclo formativo, e remitirán o mesmo día, por correo electrónico (xsereap@edu.xunta.gal), esta mesma listaxe á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade http://www.edu.xunta.gal

As persoas aspirantes poderán presentar, durante os días 17 e 20 de setembro, na Secretaría da escola onde se realizou a proba, unha reclamación por escrito contra as cualificacións obtidas, ou poderán solicitar emenda dos erros observados.

3. Os tribunais avaliadores resolverán, o día 21 de setembro, o que proceda en relación coas reclamacións presentadas, exporán o mesmo día as listaxes definitivas no taboleiro de anuncios e na páxina web da escola onde se realizou a proba, e remitirán por correo electrónico (xsereap@edu.xunta.gal) as mesmas listaxes á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade http://www.edu.xunta.gal

b) Grao superior.

1. Para a administración das probas de grao superior constituiranse tribunais avaliadores en cada unha das escolas de arte e superiores de deseño en que se imparta algún ciclo formativo de grao superior, coa composición que figura no anexo III desta resolución.

2. Concluídas as probas substitutivas de titulación de bacharelato, os tribunais avaliadores publicarán, o día 5 de xullo, na páxina web e no taboleiro de anuncios da escola onde se realizou a proba, a listaxe de aspirantes, con expresión da cualificación obtida, das persoas presentadas e non presentadas, ordenadas por puntuación e en orde decrecente. As persoas aspirantes poderán formular reclamacións contra as cualificacións obtidas ou solicitar emendas dos erros observados, mediante escrito razoado presentado na Secretaría da escola onde se realizou a proba, durante os días 6 e 7 de xullo. Os tribunais avaliadores resolverán o que proceda o día 8 de xullo e publicarán, no mesmo día, as listaxes definitivas nos taboleiros de anuncios e na páxina web da escola onde se realizou a proba; así mesmo, remitirán por correo electrónico (xsereap@edu.xunta.gal) estas mesmas listaxes á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade http://www.edu.xunta.gal

Unha vez concluído o proceso de cualificación das probas específicas, os tribunais avaliadores publicarán a listaxe de aspirantes con expresión da cualificación final obtida en cada ciclo formativo, antes do día 13 de xullo, e remitirán o mesmo día esta mesma listaxe á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade http://www.edu.xunta.gal

As persoas aspirantes poderán presentar na Secretaría da escola onde se realizou a proba unha reclamación por escrito contra as cualificacións obtidas ou solicitar emenda dos erros observados, durante os días 14 e 15 de xullo.

3. Os tribunais avaliadores resolverán o que proceda, en relación coas reclamacións presentadas, o día 16 de xullo, exporán o mesmo día as listaxes definitivas no taboleiro de anuncios e na páxina web da escola onde se realizou a proba, e remitirán por correo electrónico (xsereap@edu.xunta.gal) as mesmas listaxes á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade http://www.edu.xunta.gal

O/a presidente/a de cada tribunal avaliador expedirá a certificación da cualificación obtida por cada aspirante segundo o modelo do anexo IV e as ditas certificacións quedarán depositadas e custodiadas pola escola en que se realizaron as probas. As persoas aspirantes poderán retirar as ditas certificacións e quedará na escola en que se realizou a proba unha copia na cal conste a data e a sinatura do/da aspirante que a retira.

Unha vez rematado definitivamente o proceso de matrícula, as escolas deberán solicitar as ditas certificacións á escola en que se realizaron as probas e integralas no expediente académico do seu alumnado.

Sétima. Distribución da oferta e criterios para a asignación de prazas

Para a distribución da oferta de prazas en cada ciclo formativo e a prelación na asignación das prazas ofertadas, observarase o disposto na Orde do 15 de marzo de 2013 pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

1. No caso de aspirantes que aleguen para o acceso a posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño, a cualificación media do seu expediente académico calcularase segundo se dispón no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004 pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas de artes plásticas e deseño de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de setembro). No resto dos casos, a cualificación media do expediente calcularase como a media aritmética das cualificacións acadadas nas diferentes materias dos estudos alegados para o acceso ao ciclo formativo, expresada con dous decimais.

2. Para os efectos do cálculo da cualificación media do expediente académico das persoas que soliciten acceder aos ciclos formativos, aplicaranse as seguintes equivalencias, agás que no seu expediente consten explicitamente as cualificacións numéricas das materias, caso en que serán as que se teñan en conta:

Suficiente/aprobado: 5,5.

Ben: 6,5.

Notable: 7,5.

Sobresaliente/matrícula de honra: 9,0.

O resultado de aplicar a táboa de equivalencias indicada expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudo con dúas cifras decimais. Para determinar a cualificación media do expediente académico non se considerarán as materias ou áreas que o alumnado teña validadas ou das cales estea exento.

3. Na determinación da cualificación final da proba de acceso non se terá en conta a parte da cal a persoa aspirante estea exenta.

4. Unha vez aplicados os criterios establecidos para a adxudicación das prazas ofertadas, de haber empate entre dúas ou máis persoas aspirantes, a asignación da praza farase mediante sorteo público.

5. En cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada módulo solto da oferta modular das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño. As condicións, os criterios e as probas de acceso serán os mesmos que os regulados para os ciclos formativos das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, segundo o establecido nesta resolución. No caso de que queden prazas vacantes unha vez resolto o proceso de admisión, as ditas vacantes poderán ser ofertadas ao alumnado que non curse ensinanzas regradas. Neste caso, as prazas cubriranse por estrita orde de chegada da súa inscrición. Este alumnado poderá obter unha certificación das capacidades acadadas.

Oitava. Reclamacións e recursos

1. Os acordos e as decisións sobre a admisión do alumnado, realizados polos tribunais avaliadores, poderán ser obxecto de reclamación, ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo de dous días hábiles. Estes órganos deberán resolver as reclamacións no prazo dun día hábil.

2. Contra as resolucións das reclamacións emitidas polos tribunais avaliadores a persoa interesada poderá interpor recurso de alzada nos termos que figuran no artigo 16 da Orde do 25 de xuño de 2007.

Novena. Matrícula e constitución de grupos de ciclos formativos

1. As persoas aspirantes que obteñan praza asignada por resolución dos tribunais avaliadores deberán formalizar a súa matrícula entre os seguintes días:

– Grao medio: días 23 e 28 de setembro, ambos os dous incluídos.

– Grao superior: do día 19 ao 22 de xullo, ambos os dous incluídos.

Unha vez rematado este prazo ordinario de matrícula, as escolas remitiranlle por correo electrónico (xsereap@edu.xunta.gal) a relación de persoas aspirantes matriculadas á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

A relación de prazas asignadas, de prazas vacantes e a listaxe de espera publicarase o día 29 de setembro para os ciclos de grao medio e o día 23 de xullo para os ciclos de grao superior, no portal educativo da Consellería de Cultura Educación e Universidade http://www.edu.xunta.gal.

2. Para a formalización das solicitudes de matrícula, as escolas facilitaranlles ás persoas aspirantes o modelo correspondente ou a ligazón á aplicación informática onde realizarán a solicitude de matrícula. Unha vez cuberto, entregarase unha única solicitude na Secretaría da escola, que se xuntará á documentación xa presentada. A non formalización de matrícula no prazo estipulado, agás causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 2021/22.

3. Establécese un prazo extraordinario de matrícula para as ensinanzas artísticas de grao superior os días 16 e 17 de setembro, co obxecto de que as persoas aspirantes que tivesen pendente de superar algunha das materias de bacharelato poidan acreditar a súa superación, no momento de formalizar a matrícula, e para a formalización da matrícula daqueles aspirantes en listaxe de espera aos cales se lles asigne praza.

4. Os tribunais avaliadores terán en conta os criterios de admisión establecidos na Orde do 25 de xuño de 2007, modificada pola Orde do 15 de marzo de 2013, para a correcta asignación das prazas.

5. Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnado por escola. O número de alumnos e alumnas de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas, das posibilidades das instalacións e dos medios de cada ciclo e escola en particular, e non deberá ser superior a 30 en ningún caso; non se cuantificará, para estes efectos, o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requirirá autorización previa e expresa da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

6. A posta en marcha de cada ciclo formativo estará condicionada á existencia dun número mínimo de 10 alumnos e alumnas; non se cuantificará, para estes efectos, o alumnado repetidor. Calquera modificación deste límite requirirá a autorización previa e expresa da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional

ANEXO I

Estrutura, contidos e cualificación da proba substitutiva de titulación
de ESO e de bacharelato

1. Proba substitutiva de titulación de graduado en ESO para os ciclos formativos de grao medio das familias profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

A proba de acceso substitutiva do título de graduado en ESO constará de dúas partes:

Primeira parte:

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua galega a partir dun texto escrito.

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre lingua castelá a partir dun texto escrito.

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos socioculturais.

– Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos científico-tecnolóxicos.

Nestes exercicios valoraranse a madureza e o nivel de coñecementos sobre estas áreas propias do currículo da educación secundaria obrigatoria. Cumprirá seleccionar tres das ditas materias e desenvolver por escrito as cuestións que se propoñan para cada unha das tres elixidas.

Segunda parte:

– Educación Plástica e Visual: realización, durante un tempo máximo de dúas horas, dun exercicio de composición de libre interpretación e técnica baseado nun modelo proposto.

2. Proba substitutiva do título de bacharelato para os ciclos formativos de grao superior das familias profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

A proba de acceso substitutiva do título de bacharelato constará de dúas partes:

Primeira parte:

Versará sobre as materias comúns propias do currículo do bacharelato:

– Lingua Galega e Literatura.

– Lingua Castelá e Literatura.

– Lingua Estranxeira (Inglés ou Francés).

– Historia de España.

– Filosofía.

Cumprirá seleccionar tres das ditas materias e desenvolver por escrito as cuestións que se propoñan para cada unha das tres elixidas. O tempo máximo para a súa realización será de tres horas. Nestes exercicios valoraranse a madureza e o nivel de coñecementos sobre estas áreas, propias do currículo de bacharelato, o grao de madureza da persoa aspirante en canto á correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e de síntese.

Segunda parte:

Versará sobre Historia da Arte.

ANEXO II

Estrutura, contidos e cualificación da proba específica de acceso ao
ciclo formativo de grao medio e de grao superior

1. Proba específica para o acceso a ciclos formativos de grao medio das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

a) Primeiro exercicio: proba escrita.

Desenvolvemento, nun tempo máximo dunha hora, dun tema proposto nun texto sobre artes plásticas e coñecementos histórico-artísticos. Neste exercicio valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización.

Realización, nun tempo máximo de dúas horas, de debuxos e bosquexos sobre un tema proposto para a súa aplicación posterior. Neste exercicio valoraranse as destrezas específicas e as capacidades de observación, percepción e aptitude para os estudos concretos das distintas familias profesionais.

c) Terceiro exercicio: execución.

Execución, durante un tempo máximo de dúas horas, cos bosquexos e debuxos realizados no exercicio segundo. Valoraranse a capacidade artística e a creatividade do/da aspirante, o sentido do espazo, a composición e a predisposición para os estudos concretos das distintas familias profesionais.

2. Proba específica para acceso a ciclos formativos de grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

a) Primeiro exercicio: proba escrita.

Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, de temas propostos nun texto ou por medio de documentación gráfica relacionados coas artes plásticas.

Valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización.

Realización, durante un tempo máximo de dúas horas, de bosquexos e debuxos sobre un tema proposto, que servirán de base para a posterior realización. Valoraranse as destrezas, as habilidades, as capacidades de percepción, de observación e de aptitude, así como a predisposición para os estudos concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

c) Terceiro exercicio: execución.

Execución, durante un tempo máximo de dúas horas, da forma que determine o tribunal, cos bosquexos realizados no exercicio anterior, dun traballo relacionado co ciclo ao cal a persoa aspirante pretende acceder. Valoraranse a capacidade artística e a creatividade do/da aspirante, o sentido do espazo e a capacidade compositiva, así como a predisposición para os estudos concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

ANEXO III

Composición dos tribunais avaliadores para o acceso a ciclos
das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño

Tribunais da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo

I. Tribunal avaliador das probas de acceso ao ciclo formativo de grao medio en Serigrafía Artística:

Titulares:

Suplentes:

Presidente

Alejandro Carro Rodríguez

Presidenta

María Vázquez López

Vogal 1ª

Faina Manchón González

Vogal 1º

Alfredo Yáñez López

Vogal 2ª

Elena Sánchez Pendás

Vogal 2ª

Ángela Morales Polo

Vogal 3ª

Noelia Pardo Fernández

Vogal 3ª

Mª Carmen Fernández Rodríguez

Vogal 4º

Francisco Fernández Ares

Vogal 4º

José Luis García-Boente Carro

II. Tribunal avaliador das probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior:

Titulares:

Suplentes:

Presidenta

Natalia Crecente García

Presidente

Francisco Fernández Ares

Vogal 1ª

Faina Manchón González

Vogal 1ª

Ángela Morales Polo

Vogal 2ª

Elena Sánchez Pendás

Vogal 2ª

Noelia Pardo Fernández

Vogal 3ª

Mª Carmen Fernández Rodríguez

Vogal 3º

José Antonio Cruz Lago

Vogal 4º

Pablo Ferreiro Mazón

Vogal 4º

Cristóbal Novoa González

Tribunal da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense

Tribunal avaliador das probas de acceso a ciclos formativos da familia profesional de Comunicación Gráfica e Audiovisual e familia profesional de Escultura:

Titulares:

Suplentes:

Presidenta

Montserrat Gómez Bravo

Presidente

José Manuel Taboada Beato

Vogal 1º

Javier Fernández Alonso

Vogal 1ª

Ofelia Cardo Cañizares

Vogal 2ª

Mirian Seguín Pérez

Vogal 2º

Armando García Ferreiro

Vogal 3ª

Catalina Alonso Rodríguez

Vogal 3º

Álvaro Blanco Vázquez

Vogal 4º

Fernando Vaquero Farto

Vogal 4º

José Luis Carreira Varela

Tribunais da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo
de Santiago de Compostela

Tribunal avaliador das probas de acceso ao ciclo formativo de grao medio en Procedementos de Xoiaría Artística. Ciclo formativo de grao superior en Fotografía; Gráfica Publicitaria; Proxectos e Dirección de Obras de Decoración; Técnicas Escultóricas; Dourado, Prateado e Policromía; Estilismo da Indumentaria; Xoiaría Artística:

Titulares:

Suplentes:

Presidente

Andrés Etxeita Costales

Presidenta

Irene Gago Pesado

Vogal 1ª

Ana Seara Ferreiro

Vogal 1º

Antonio Míguez Losada

Vogal 2º

Juan Luis Luaces Fandiño

Vogal 2ª

Raquel Anta Barragán

Vogal 3º

Antonio López Fernández

Vogal 3º

Manuel Delgado Gambino Rodríguez

Vogal 4ª

Mª Teresa Picallo Rodríguez

Vogal 4ª

Carmen Olga Toribio Rguez.-Redondo

Tribunais da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña

Tribunal avaliador das probas de acceso ás ensinanzas artísticas profesionais de grao superior na familia profesional artística de Comunicación Gráfica e Audiovisual; Escultura; Cerámica Artística.

Titulares:

Suplentes:

Presidenta

Marta María Fernández Núñez

Presidente

Gonzalo Porral Mato

Vogal 1ª

Milagros Sánchez Landeira

Vogal 1ª

Marta Rafael Balsa

Vogal 2º

Santiago Castro Gil

Vogal 2ª

Sonia Montserrat Vaz Veiga

Vogal 3º

Francisco Gómez Sánchez

Vogal 3º

Ángel Cao Quelle

Vogal 4º

Gonzalo Varla Díaz

Vogal 4º

Juan Martínez Lage

missing image file