Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 20 de maio de 2021 Páx. 24728

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 6 de maio de 2021 pola que se establecen os prezos privados que percibirá a Axencia Galega de Innovación polos servizos prestados polo Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño e a Axencia Galega da Industria Forestal polos servizos prestados polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia.

O Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño, adscrito á Axencia Galega de Innovación, presta servizos tecnolóxicos ás empresas e colabora como socio estratéxico en proxectos de I+D+i financiados en convocatorias do Estado e da Comisión Europea. Servizos e colaboracións principalmente orientados á realización de actividades tecnolóxicas, de innovación, de investigación, de formación ou no ámbito do deseño para a industria e a empresa galega e que estas poidan aproveitarse no beneficio de toda a sociedade galega.

O Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia, adscrito á Axencia Galega da Industria Forestal, ofrece, xunto co desenvolvemento de proxectos de I+D+i, servizos tecnolóxicos avanzados tanto a profesionais coma ás empresas do sector. Estes servizos están orientados basicamente cara ao control de calidade de materiais e produtos, á reenxeñaría de procesos e ao asesoramento sobre construción en madeira, centrados nas súas áreas de actividade: proxectos de investigación básica e aplicada, transferencia de tecnoloxía, promoción e difusión do coñecemento sobre o uso da madeira nas súas diversas aplicacións, formación nas áreas relacionadas coa tecnoloxía da madeira e servizos técnicos.

A través do ámbito de especialización de cada un dos centros, as axencias a que están adscritos ofrécenlles ás empresas galegas, con especial foco nas pemes, servizos avanzados para o desenvolvemento de produtos e procesos innovadores.

En cumprimento do disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, procede establecer os prezos da ocupación temporal de instalacións e dos servizos prestados polo Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño, pertencente á Axencia Galega de Innovación e polos servizos prestados polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia, pertencente á Axencia Galega da Industria Forestal, ata agora fixados pola Orde do 10 de xuño de 2014 (DOG núm. 123, do 1 de xullo).

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que son prezos privados as contraprestacións que obteñan os órganos pertencentes á Administración pública da Xunta de Galicia pola prestación de servizos ou pola realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestando tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados.

A Lei 6/2003 dispón no seu artigo 51 que a súa contía se acordará mediante orde da consellería correspondente, logo do informe favorable da Consellería de Facenda.

En consecuencia, en uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Un. Os prezos privados exixibles pola Axencia Galega de Innovación referentes aos servizos prestados ou á realización de actividades polo Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño e os prezos privados exixibles pola Axencia Galega da Industria Forestal polos servizos prestados ou á realización de actividades polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia, ambas no ámbito do asesoramento tecnolóxico, da innovación, da investigación e da formación, son os que figuran no anexo I desta orde.

Dous. Os prezos privados exixibles pola Axencia Galega de Innovación polo uso temporal de instalacións do Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño son os que figuran no anexo II desta orde.

Tres. Os referidos prezos entenderanse, se é o caso, engadindo o correspondente IVE.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Derróganse a Orde do 10 de xuño de 2014 pola que se establecen os prezos privados que percibirán a Axencia Galega de Innovación polos servizos prestados polo Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño e o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia e a Resolución do 6 de febreiro de 2015, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, pola que se actualizan os prezos privados que percibirá a Axencia Galega de Innovación polos servizos prestados polo Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño e polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía,
Empresa e Innovación

ANEXO I

Tarifas da Axencia Galega de Innovación e da Axencia Galega da Industria Forestal polos servizos no ámbito do asesoramento tecnolóxico, da innovación, da investigación e da formación

Os prezos privados aplicables por hora de traballo do persoal, por hora de uso das súas instalacións e do espazo exterior serán os seguintes:

– Prezo/hora do persoal técnico:

Prezo/hora do persoal técnico superior: 48,00 €/hora.

Prezo/hora do persoal técnico medio: 40,00 €/hora.

Prezo/hora do persoal auxiliar técnico: 23,00 €/hora.

Outros custos que repercutirán a Axencia Galega de Innovación e a Axencia Galega da Industria Forestal no solicitante:

1. Os custos pola realización de viaxes, gastos de transporte, axudas de custos, manutención e aloxamento do persoal de ambas as axencias desprazado para a prestación do servizo, que lle serán facturados ao solicitante a razón das cantidades e conceptos seguintes:

– Custo por quilometraxe: 0,19 €/km.

– Custo da manutención completa: 28,21 €/día.

– Aloxamento: 48,92 €/día.

2. Os materiais, produtos consumibles e equipamentos específicos necesarios para a prestación do servizo, cando sexa a axencia encargada quen os proporcione, así como as asistencias externas, facturaranse polo seu prezo e polos gastos que orixinen.

ANEXO II

Tarifas da Axencia Galega de Innovación polo uso temporal de instalacións do Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño

– Salón de actos: 290,00 €/xornada completa e 190,00 €/media xornada.

– Aulas de formación: 50,00 €/xornada completa e 35,00 €/media xornada.

– Aula didáctica: 50,00 €/xornada completa e 35,00 €/media xornada.

– Espazos usos múltiples: 75,00 €/xornada completa e 50,00 €/media xornada.

– Showroom RV e CAVE RV: 60,00 €/xornada completa e 40,00 €/media xornada.

– Taller: 60,00 €/xornada completa e 40,00 €/media xornada.

– Taller grande: 180,00 €/xornada completa e 90,00 €/media xornada.

– Hall/cafetería: 75,00 €/xornada completa e 50,00 €/media xornada.

–Prezo da Axencia Galega de Innovación para o uso temporal de espazo exterior para outras infraestruturas tecnolóxicas: 37,39 € mes/m².