Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 21 de maio de 2021 Páx. 25240

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2021, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019 pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 4 de maio e o 6 de maio de 2021, o tribunal nomeado por Resolución do 14 de setembro de 2020 (DOG núm. 188, do 16 de setembro), para cualificar o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado por Orde do 22 de novembro de 2019 (DOG núm. 225, do 26 de novembro),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas número 126, 137 e 145 do primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 27 de marzo de 2021. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas número 154 e número 158 e 159. Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas nas preguntas núm. 31, sendo correcta a alternativa b) e a número 49, sendo correcta a alternativa a). Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións realizadas ao dito exercicio.

Segundo. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas número 36 e 132 do primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 22 de abril de 2021. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas número 154 e número 158. Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas nas preguntas número 62, sendo correcta a alternativa b). Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións realizadas ao dito exercicio.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveran unha puntuación mínima de quince puntos (15 puntos). Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, por Resolución deste tribunal, do 10 de marzo de 2021, pola que se da publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, estableceuse que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de cento noventa e dous (192), sempre e cando respondesen como mínimo correctamente seis (6) preguntas da parte xeral-bloque I e vinte e catro (24) da parte xeral-bloque II, unha vez feitos os descontos correspondentes. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte consideraranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o numero de aspirantes antes indicado (192).

Asignarase a valoración de 15 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda as persoas aspirantes declaradas non aptas.

Feita a corrección en sesión do 6 de maio de 2021, acadaron a puntuación mínima de 15 puntos un total de 193 aspirantes no conxunto de todas as quendas, fixándose en 109,75 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1.1 da convocatoria.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2 e as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas que superaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1. da convocatoria pero non superaron o exercicio e aos que se lles asignou unha puntuación de 0 a 15 puntos, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal. Así mesmo, publicar a relación das persoas aspirantes presentadas que non acadaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De acordo co disposto na base II.1.1.3. da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles a contar dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Sétimo. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

Paula Oliete Trillo
Presidente do tribunal