Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 21 de maio de 2021 Páx. 25157

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2021 pola que se convoca un curso básico selectivo para o acceso á categoría de policía, escala básica dos corpos de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2021, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento dun curso selectivo para a categoría de Policía dos corpos de policía local, segundo o previsto no artigo 35.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e no artigo 16 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de policía local, facilitándolles a competencia e a capacidade necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios/as.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron os procesos selectivos para o acceso á categoría de policía, escala básica dos corpos da policía local dos diferentes concellos de Galicia e para para realizalo son nomeados funcionarios/as en prácticas deses concellos.

Solicitudes.

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública solicitando as correspondentes prazas de reserva, con indicación das persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de policía.

Estarán exentos desta comunicación aqueles concellos adheridos á convocatoria unificada.

Contido e duración do curso.

O curso desenvolverase en réxime de internado, na sede Academia Galega de Seguridade Pública, en sesións de mañá e tarde, de luns a sábado, e nel trataranse entre outros os seguintes módulos:

– Xurídico.

– Policía de tráfico.

– Operativo.

– Asistencial.

– Técnico.

– Policía administrativa.

– Social-humanístico.

– Policía xudicial e de investigación.

– Formación física.

O curso terá unha duración de 1.400 horas lectivas, 900 horas de formación na AGASP en réxime de internado e 500 horas de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Desenvolvemento do curso.

O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o período de permanencia nela, rexerase polo regulamento de réxime interior desta, publicado por Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG do 12 de febreiro, núm. 30.

De acordo co establecido no artigo 59 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e o artigo 25.e) do Regulamento de réxime interior da Academia, por orde da xefatura de ensino, podaranse levar a cabo as probas necesarias, sen aviso, de xeito aleatorio ou específico entre o alumnado para verificar esas situacións.

Datas:

– Este curso desenvolverase entre o 31 de maio de 2021 e 31 de xaneiro de 2022, na forma que a seguir se indica:

– Na Academia, en dous períodos:

1. Do 31 de maio ao 9 de xullo de 2021.

2. Do 6 de setembro ao 22 de decembro de 2021.

– Nos concellos de procedencia realizando o período de prácticas:

1. Do 10 de xullo ao 5 de setembro de 2021.

2. Do 23 de decembro de 2021 ao 31 de xaneiro de 2022.

Certificado.

De acordo co previsto no artigo 19 de Decreto 243/2008, do 16 de outubro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso e o período de prácticas, a AGASP emitirá un informe certificando a dita superación, de xeito que o concello de pertenza poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión na categoría de policía.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 14 de maio de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública