Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 25 de maio de 2021 Páx. 25798

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 11 de maio de 2021 pola que se amplía o crédito da Orde do 4 de xaneiro de 2021 pola que se fixa o crédito para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2021 (código de procedemento PE155A).

Mediante a Orde do 21 de decembro de 2018 (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro de 2019) establecéronse as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020.

A Orde do 4 de xaneiro de 2021 (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro), tramitada como anticipada de gasto, fixou o importe do crédito dispoñible da convocatoria de 2021 para a concesión de axudas.

No artigo 16.5 da arriba citada orde de bases do 21 de decembro de 2018 establécese que os importes consignados en cada convocatoria poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que isto dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Dado que unha vez cerrado o exercicio 2020 e aprobados os orzamentos xerais da CA de Galicia para 2021 existen dispoñibilidades de crédito derivadas da incorporación de remanentes no proxecto orzamentario 2016 00294 Desenvolvemento sostible das zonas de pesca, destinado a financiar as presentes axudas, considérase conveniente ampliar o importe do crédito inicial para os denominados proxectos non produtivos e acadar así un uso máis eficiente dos fondos públicos mediante un maior grao de execución orzamentaria.

Por todo isto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora das normas da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

1. Amplíase o crédito máximo destinado a financiar as subvencións que se concedan a proxectos non produtivos, con cargo á aplicación 15.03.723C.780.0, na anualidade corrente da convocatoria do ano 2021 das axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, nun importe de 700.000 €.

2. Amplíase o crédito máximo destinado a financiar as subvencións que se concedan a proxectos non produtivos, con cargo á aplicación 15.03.723C.780.0, na anualidade futura da convocatoria do ano 2022 das axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, nun importe de 12.000 €.

3. O novo importe total máximo, sumando o importe inicial xa publicado e a presente ampliación, é o fixado no cadro seguinte:

Partida orzamentaria

2021

2022

Total

15.03.723C.770.0

6.000.000

6.000.000

12.000.000

15.03.723C.780.0

2.200.000

1.812.000

4.012.000

Total

8.200.000

7.812.000

16.012.000

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar